2019/06/06
Los dibujos animados en la experiencia física del alumnado (1988)
En Issuu:
2019/05/26
Para lembranza de un premio de investigación
O proxecto ía sobre microplásticos: Contaminantes emergentes. Estudio comparativo de microplásticos en las playas del litoral atlántico y mediterráneo.
No proxecto determinaron, co mesmo protocolo os tres centros, 29,17 unidades/cm3 na praia de Sta. Cristina en A Coruña, 22,6 u/cm3 na ría de Vigo e 10,8 u/cm3 en Alxeciras.
O proxecto conta con novos centros interesados en aumentar a investigación a outros lugares, segundo apunta o coordinador do IES David Buján, José Viñas.
Imaxe de http://www.divercienciaalgeciras.com/cuaderno-diverciencia-2019/ |
2019/05/02
A antiga wiki de feiras de ciencia, descargable en internet archive
A antiga wiki de feiras de ciencia está descargable en internet archive, https://archive.org/download/wiki-feirasdeciencia.wikispaces.com/feirasdeciencia.wikispaces.com.zip
Internet archive ten unha páxina adicada, https://archive.org/details/wiki-feirasdeciencia.wikispaces.com que lembra a versión en wikispaces da actual wiki de feiras de ciencia, https://feirasdeciencia.mywikis.net, que segue a reconstituirse e aumentar contido dende aquela.
--
Actualización 2021:
Novo enderezo: https://feirasdeciencia.mywikis.net/wiki/Portada
2019/04/10
Explosión de ciencia en Ribadeo
Chegan estas datas, e un evento esperado ano tras ano polos estudantes de medias de Ribadeo volve facerse realidade. Que unha das cousas que se preguntan a comezos de curso sexa 'cando é a feira?' indica que os estudantes contan da feira, como di o refrán, segundo lles vai nela: ben.
Este ano, a 25 Feira da Ciencia de Ribadeo ten lugar entre mércores 10, e venres 12 de abril, polas mañás, no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. E alí se atopan os alumnos, libres para aprender e para ensinar. Para participar e facer partícipes á demais xente de anaquiños de ciencia misturada coa súa propia vida, que manifestan a cada explicación que dan. Explicacións que son recibidas ás veces -poucas- con indiferencia, pero tamén ás veces -moitas- con auténtico asombro. Como un exemplo deste ano, ver reconstruído un esquelete dunha musaraña (entre outros) a partir de egagrópilas (que non sabes o que é unha egagrópila? vai por alí e apréndeo, moito mellor que en Google!) deixa asombrada a toda canta persoa pasa por diante e ve. Podo certificalo porque aínda adiquei un cachiño a ver a expresión da xente mentres os alumnos de Susi Besteiro explicaban o proceso. Xente á que moitas veces lle costa crer que outra xente, de 4º ESO, sexa capaz de facer unha reconstrución así.
De calquera xeito, moitas veces o primeiro que se pulsa (e antes que ninguén, os alumnos) é a ilusión do equipo de profesores que liderados por Susi participan na edición. Este ano, a María del Monte, Bea ou Mario nótaselles á primeira ollada. Tamén o perciben e comentan moitos outros compañeiros, mesmo de paso casual polas aulas do IES, que quedan coas ganas de participar para outro ano que volten coincidir. Xente que queda estimulada ó observar unha labor que deixa pegada.
E os alumnos? Que se é un alicerce que deixen a aula unhas horas para expoñer algo do que se sinten en xeral orgullosos de que saíra de si? Pois claro! As clases normais non poden competir en atractivo, aínda que de feito, as horas adicadas a 'facer' os traballos sexan máis que as adicadas a explicalos, é dicir, aínda que traballen máis con este sistema (algúns, moito máis). Aprendizaxe en acción, facendo e explicando, integrando as cousas, relacionándose cos demais e pensando en como facer que entendan, coas súas propias verbas. Esa aprendizaxe inclúe, ás veces, erros que non son corrixidos no momento, pero que máis tarde pasan á memoria de como se foi aprendendo.
E o ambiente? Ir para ver.
Pódense dar explicacións do que sucede con teorías didácticas, mais coido que a máis sinxela é a máis axeitada: ós alumnos pode gustarlles facer ciencia. Facela así.
2019/04/04
25 Feira da Ciencia de Ribadeo no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
2019/03/20
Este ano, ás 22:58. E o próximo?
Hoxe, 21 de marzo de 2019, o tempo de luz solar e o tempo de noite terán a mesma duración en toda a Terra: esa é unha definición do equinoccio, incluída no seu mesmo nome. En realidade, como o momento do equinoccio darase ás 22:58 horas desta noite, hoxe haberá aínda un pouco máis de noite que de día, pero é un tempo mínimo.
Ben,m e como podemos facer predicións para anos próximos? Pois só coñecendo a duración do ano. Collemos 365 ou 366 días? Ben, ambas cantidades manifestan un apaño legal para tentar domar o ano, ou, mellor, os anos. Mellor os anos porque non existe unha única definición de ano, e non coinciden exactamente, aínda que as súas diferencias se midan en milésimas porcentuais. O que nos interesa para este caso é o ano trópico, de duración 365 d 5 h 48 m 45,22 s.
Agora si, se sumamos, isto levaríanos ó 22 de marzo do próximo ano, ás 4 h 47 minutos, redondeando. Non?
Pois non. Porque precisamente o próximo ano, 2020, é bisesto, o que significa que legalmente computa con 366 días, é dicir, un máis en febreiro que os anos 'normais'. Pero como febreiro está entrre os dous marzos, o deste e o do prximo ano, de 21 de marzo a 21 de marzo de ambos anos hai 366 días, non 365, polo que o momento do próximo equinoccio, redondeando, serán as 4 h 47 m do 21 de marzo de 2020...
2019/03/02
Profesores ribadenses, destacados cos seus alumnos na principal feira científica a nivel estatal
E tamén, noutro dos premios, o do público, outro profesor que pasou por Ribadeo, Roberto Manín, ó frente dos seus alumnos de Matemáticas do IES Galileo Galilei de Navia, saía á palestra.
Felicidades a todos eles!
2019/02/20
2019/02/15
Repensando o modelo de publicación e acceso á información científica
* A publicación de traballos científicos está a sufrir cambios importantes e enfróntase a tres problemas moi relacionados: o custo real das publicacións, o modelo de acceso a estas publicacións e a avaliación científica dos investigadores que as producen
* Propoñemos aquí ao Goberno de España e ás institucións públicas que tomen medidas concretas para reducir os custos de publicación e mellorar o acceso xeral ás revistas científicas.
* Estas medidas inclúen a revisión da millonaria licenza nacional para Scopus e Web of Science, negociar unha redución substancial no custo de publicación e suscrición ás publicacións científicas e adherirse a movementos internacionais que avanzan nesa dirección, como cOAlition S e a declaración de San Francisco (DORA)
Ignasi Bartomeus, Francisco Rodríguez-Sánchez, Pedro Jordano, Fernando Maestre, Isidro F. Aguillo, Oscar Godoy, Joaquin Hortal, Adrian Escudero, Fernando Valladares
A publicación de traballos científicos está dominada por un pequeno grupo de editoriais que operan con marxes de beneficio exorbitantes de ata un 40%. A pesar do orzamento limitado que ten o sistema científico español dende hai anos, o conxunto de universidades e institucións de investigación públicas do noso país mantén un enorme gasto (decenas de millóns de euros ao ano) para poder acceder ás bases de datos e publicacións editadas polas grandes editoriais. Por exemplo, a firma de base de datos Scopus (propiedade da Elsevier) cústanos máis de 2 millóns de euros ao ano, e a subscrición de "Web of Science" (propiedade da Clarivate) estímase que custa máis de 3 millóns de euros ao ano. Aínda que moitas veces véndese o acceso a estas bases de datos como indispensable para os científicos, hoxe existen alternativas gratuítas viables e con prestacións semellantes (varias) (por exemplo, Google Scholar, MS Academic, Dimensions, 1findr, ... ).
Os custos de subscrición para poder acceder ao contido das revistas científicas son aínda máis impresionantes e con constantes aumentos de prezos anuais. Por exemplo, estímase que España paga uns 25 millóns de euros ao ano só para poder ler os contidos publicados en Elsevier. Para se ter unha idea da magnitude desta cifra, este importe é equiparable ó gasto anual en todo o programa de post-doutoramento Juan de la Cierva. O beneficio económico destes grandes editores contrasta co feito de que a gran maioría dos editores, autores e revisores realizan o seu traballo de asesoramento e revisión de xeito gratuíto. Un primeiro paso esencial é coñecer o gasto real dunha forma fiable, esixindo máis transparencia sobre os custos de licenza tanto de bases de datos como de revistas.
Nin a tendencia xeral de aumento da publicación en acceso aberto (Open Access - OA), que permite que calquera persoa poda ler os artigos tan pronto son publicados e que certamente vai aumentar na Unión Europea unha vez o Plan S entre en vigor en 2020, ten provocado un cambio de actitude nas negociacións coas editoriais. De feito, a tendencia a publicación en OA non foi compensada por un acceso máis barato ás publicacións científicas, de xeito que a cuestión dos altos custos de acceso e de subscrición é un dos principais obstáculos á xeneralización da publicación en OA.
Ante a insustentabilidade da situación, moitos países (como Alemaña e Suecia) e institucións (como o Instituto Max Planck, en Alemaña ou a Universidade de California, nos Estados Unidos) están mobilizandose para reducir custos de subscrición a bases de datos e publicacións, nalgúns casos acadando a cancelación total da suscripción. En España, con todo, foi relativamente pouco o progreso nas negociacións coas principais empresas implicadas, o que significa asumir custos crecentes e cada vez máis insoportable para un sistema que aínda mantén baixos niveis de financiamento que limitan significativamente a súa capacidade de xerar coñecemento e servir á sociedade.
Ante esta situación, os asinantes deste artigo animan ao goberno español e ás institucións científicas implicadas a tomar as medidas necesarias para reducir drasticamente os custos de acceso a bases de datos e publicacións científicas.
As medidas específicas que propoñemos son:
1. Revisión e posible cancelación da licenza nacional para Scopus e Web of Science (custo anual estimado de máis de 5 millóns de euros), dada a existencia de alternativas gratuítas comparables, e manter só o número mínimo de subscricións individuais imprescindibles para aqueles investigadores e profesionais que necesitan estas bases de datos para desenvolver o seu traballo (por exemplo, investigadores na área de bibliometría e bibliotecarios).
2. Negociar unha redución substancial tanto do custo de subscrición a publicacións e revistas científicas (deceas de millóns de euros ao ano), como dos custos de publicación por artigo en Acceso Aberto (APCs), por medio dun acordo ousado coas grandes editoriais, e sendo posible coa coordinación internacional con outras axencias e gobernos. Propoñer a cancelación global da subscrición se non se acadan acordos económicos satisfactorios, como xa están facendo outros países.
3. Promover que a avaliación dos investigadores se faga segundo os principios delineados na Declaración de San Francisco (Dora), no canto do "Factor de Impacto" (IF) e quartis (Q1, Q2, ...) das revistas científicas nas que publican, como rexen os criterios de avaliación empregados na actualidade.
4. Considerar a adhesión das axencias españolas á iniciativa cOAlition S aberta o 4 de setembro de 2018 por un grupo de organizacións nacionais de financiación da investigación, co apoio da Comisión Europea e o Consello Europeo de Investigación (ERC). O Plan S pretende facer realidade o acceso aberto ás publicacións de forma completa e inmediata. Aínda así, para que o Plan S funcione ten que ir da man dunha redución dos custos e dun modelo adecuado de financiamento da publicación por artigo (APCs) que asegure a viabilidade das revistas publicadas por sociedades científicas sin ánimo de lucro.
Entendemos que o proceso é complexo, polo que queremos animar ás nosas institucións científicas e académicas (FECYT, AgEInves, CSIC, ANECA, CRUE, ISCIII, universidades, OPIs) a afrontar un fondo debate destas cuestións. Para iso, recabaremos o respaldo (e non só a opinión) da comunidade científica española a este tipo de medidas, así como se está a facer nos países do noso entorno.
Este artigo é o primeiro dunha serie que queremos propor aquí sobre o tema. Esperamos que xenere o necesario debate e que este debate saia do ámbito estritamente académico para que a sociedade que financia cos seus impuestos unha parte substancial da mellor investigación que se fai no país comprenda a natureza dos cambios propostos e sexa escoitada.
Iniciativas mencionadas:
Fontes dos datos económicos:
2019/02/11
A ciencia ten nome de muller
Hoxe é o día no que se clebra a muller e a nena na ciencia. Por iso, rescato unha vella entrada: A Ciencia ten nome de muller
"A Ciencia ten nome de muller"
é unha exposición. Os paneis son accesibles nos enderezos electrónicos
de abaixo, podendo ampliarse a un tamaño lexible con só pinchar sobre a
imaxe que sae neles. Outros detalles, biografías máis actualizadas, máis
biografías, etc, na Galipedia.
Para máis información, ver a páxina anterior ou dirixirse ó
Departamento de Física e Química no IES Porta da Auga, Ribadeo. (Nota:
para voltar de cada imaxe ó post, é necesario retroceder no navegador,
non hai ligazón de retroceso)
Panel01
Panel02
Panel03
Panel04
Panel05
Panel06
Panel07
Panel08
Panel09
Panel10
Panel11
Panel12
Panel13
Panel14
Panel15
Panel16
Panel17
Panel18
Panel19
Panel20
Panel21
Panel22
Panel23
Normas de préstamo
carteis das feiras
Nota: os carteis de "A ciencia ten nome de muller" tamén se poden ver en http://feirasdeciencia.mywikis.net/wiki/A+ciencia+ten+nome+de+muller
(Nova ligazón: https://feirasdeciencia.mywikis.wiki/wiki/A_ciencia_ten_nome_de_muller )
2019/02/05
Libro libre e colaborativo: Física de 2º bac
Hai algún tempo, por iso de que as editoriais non servían libros a tempo ás librerías, e a dificultade de obtelos en galego, a máis do prezo, púxenme a pasar apuntes a un lugar accesible por todo o mundo e no que a xente poidera colaborar. Hoxe por hoxe, queda moito por facer, pero xa é moito o que está feito. O libro, desenvolto por capítulos e cunha introdución ó sistema, pode verse en https://drive.google.com/drive/folders/1Se0Jn6kr33hVW7JGo927A2Vi9gMG-u24
Quen teña interese (alumnado, profesorado ou xente que pase por alí) pode ver na introdución como colaborar, ou sinxelamente, consultar, descargar (mesmo en pdf), usar, ou facer unha bifurcación ('fork') para coller o material e seguir a traballar de xeito independente con el, os diferentes capítulos, tendo en conta que é algo inacabado, concebido para ser así, inacabado, porque sempre se poderán facer reformas.
2019/01/11
A temperie ribadense no 2018
En Scribd
https://www.scribd.com/document/397268207/Temperie-ribadense-2018