Onte, as Xornadas sobre Augas Santas, "Territorio, Patrimonio e sustentabilidade", deron unha idea medioambiental da costa ribadense. Deixo aquí unha serie de notas que tomei sobre a primeira charla da xornada, de
J. Naredo sobre "Construción e destrución do espazo e da paisaxe". Conste que me gustou moito e que non vai ter cor a comparación dunhas breves notas co que alí se dixo (e sobre todo, con como se dixo), e hai que ter conta que está tamizado asemade polas miñas ideas, con inclusión dalgunha idea propia.
A orde económica sen restriccións institucionais actúa como destrutora da orde territorial, por reducionismo das ideas a só aspectos económicos inmediatos, dividindo o espazo en núcleos atractivos e áreas de abastecemento.
Os núcleos esténdense mediante o que se pode chamar unha conurbanización difusa, unha especie de desparramamento de cidade polo entorno, a modo dun líquido no que se desfai unha masa central, salpicando a periferia de xeito tentacular (observable por comparación de mapas ou fotografías aéreas antigas e modernas). Mentras, as áreas de abastecemento do mercado cidadá sofren un deterioro natural pola extracción de recursos. Sería algo así como permitir a existencia de illas de orde artifical (a cidade, ordenada e regulamentada) a base de mantelas cun fluxo contínuo de recursos dende os 'mares de entropía' (as inmensas zonas explotadas sen orde) que a rodean.
Os sistemas biolóxicos na biosfera cerran o ciclo das diversas materias que manexan grazas á enerxía solar. Dese xeito, ciclos como o do carbono manteñen unha sustentabilidade e equilibrio natural de aproveitamento e rendemento contínuo. O sistema industrial, por contra, non cerra
o ciclo correspondente das materias que trata, nin aproveita a enerxía externa (solar, renovable), a causa de que o retorno dos materiais ás condicións iniciais non produce un rendemento económico inmediato, e polo momento resulta máis caro inicialmente (é dicir, con menor rendemento económico inmediato) o aproveitamento da enerxía solar que o das fontes fósiles.
Tan aló se chegou no proceso de industrialización que ata se está a industrializar o campo, sufrindo iste unha reconversión agrícola-industrial, troceando e especializando o territorio ó tempo que diminúe o rendemento enerxético (de 6x na agricultura tradicional a 1,27x na industrializada, se medimos a enerxía de saída, kCal, en relación coa enerxía que se lle da ó sistema). Claro que o uso de enerxía fósil de orixe estractiva aporta moita máis enerxía ó sistema (de orde de máis de vinte veces máis), co que temos o espellismo de que a enerxía total (produción) que sae do agro é superior. E, mentras que o proceso natural de produción alimentaria pasa a non ser mantible polo uso enerxético exhaustivo, contribuíndo a esgotar as fontes de enerxía fósil, prodúcese ó tempo un deterioro da biodiversidade, da fertilidade (que hai que manter cun incremento contínuo de abonos), da contaminación de acuíferos (incapaces de absorber o aumento dos refugallos), etc.
Dese xeito chegamos á relación entre topodiversidade (o uso diverso do territorio) e a súa relación coa biodiversidade e o rendemento dun aproveitamento da natureza. Pódese relacionar o rendemento tanto do campo como da cidade coa lei termodinámica do rendemento (idea que aporto eu), que di que o rendemento é proporcional a (T2-T1)/T2, sendo T2 a temperatura do foco quente e T1 a temperatura do foco frío entre os que traballa un sistema termodinámico. As temperaturas son proporcionais á enerxía intercambiada nelas, de xeito que temos dúas formas de aumentar o rendemento: un, aumentando a temperatura do foco quente (é dicir, incrementando o aporte de enerxía ó sistema), o máis ineficaz, e outro, diminuíndo a temperatura do foco frío, o que produce un maior retorno e que significaría a retirada de menor enerxía e refugallos do sistema. Por desgraza, o sistema básicamente elixido pola industria é o primeiro, aumentar o aporte enerxético, e non o segundo, diminuír as perdas, co que non só o rendemento é menor, senón que temos o problema de desfacernos dos refugallos.
Deste xeito, os sistemas urbanos e de aproveitamento do territorio en xeral, están condicionados, son consecuencia, do xogo económico imperante (non debe estranar que se o sistema económico vai derivando cada vez máis cara ó capitalismo estilo norteamericano, tamén a distribución de espazos tenda a mimetizarse no posible con aquel). Podemos poñer a contraposición entre o modelo de aluguer de vivenda fronte ó de propiedade (algo que coido faría falla explicar máis).
O modelo de urbanismo 'universal' é un modelo construtivo, baseado en enerxía fósil barata e abundante, no que, por pór un exemplo, mentras que na estrutura dunha vivenda tradicional os muros non só illaban, senón que mantiñan a casa, agora os muros constrúense ex profeso para delimitación, de xeito separado da estrutura do edificio correspondente, con necesidade de 'especialistas en climatización' xa que esta función tamén está separada da idea da casa en conxunto.
España é un extremo no estilo construtivo: non só mantivo durante anos máis construcción que Francia e Alemaña xuntas (o que irremisiblemente tiña que levar á destrución do propio modelo inmobiliario ó non poder medrar de xeito exponencial), senón que a porcentaxe de mantención de vivendas anteriores ó 1940 é inferior á de Alemaña, con toda a destrución que sufriu ista durante a II Guerra Mundial.
A conubanización difusa que sufren hoxe as cidades pode compararse cun melanoma: esténdese por doquier no corpo (no territorio), ó tempo que absorbe recursos, en principio necesarios para o mantemento do corpo (da natureza) e estrangula as vías de circulación de nutrintes e relacións en xeral.
Solucións? Pasar do concepto de edificación para inversión ó de edificación como ben de uso. Da obtención de plusvalías ó de rendas. De vivenda libre a vivenda social. De vivenda nova a rehabilitación.
Así, pode establecerse unha estratexia de transición que contemple un protocolo de mínimos, cunha visión integrada de metabolismo económico como proxecto, encauzado por unha normativa e a traverso dun auténtico proceso de participación cidadá, previa construción dun sistema de información que provea as bases de coñecemento.