Amosando publicacións coa etiqueta muller e ciencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta muller e ciencia. Amosar todas as publicacións

2023/11/04

As mulleres que nos levaron á Lúa

    Hai algún tempo pasou por diante dos meus ollos a exposición da que remato de retrovar as fotos. coido que é aproveitable. Aquí queda:














2021/06/16

Entrevista a Sonia Villapol no marco da feira da ciencia ribadense

Sonia Villapol, en imaxe collida de https://botons.eu/2020/11/16/conferencia-so-a-ciencia-nos-salvara-da-pandemia/ (lic CC BY NC SA)
 

   Na XXVI edición da Feira da Ciencia e Cultura no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, tivo lugar unha charla de Sonia Villapol, e grabóuselle unha entrevista que quedou como podcast (en ivoox) no blog do IES. É esta:

   Adxunto parte do contido do estado actual do artigo adicado a Sonia Villapol na Galipedia:

_

Sonia Villapol Salgado, nada en Bretoña (A Pastoriza) o 8 de maio de 1977, é unha neurocientífica galega. Traballa no Texas Medical Center de Houston, onde é investigadora principal e profesora no Center for Neuroregeneration no Methodist Hospital Research, en Estados Unidos.[1]

Estudou na Universidade de Santiago de Compostela, acadando a licenciatura en Bioloxía con especialidade en Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía en 2003. Posteriormente se trasladou a Barcelona onde realizou un máster en Neurociencia e comezou os estudos de doutoramento no departamento de Biología Cellular, Fisiología i Inmulogía da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB). No ano 2007, defendeu a súa tese que trataba sobre os mecanismos da morte celular que ocorren no cerebro, obtendo unha cualificación de sobresaínte cum laude[2].

Tras esta experiencia estableceuse en Francia entre os anos 2007 e 2010, onde traballou como investigadora post-doc no Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) na Universidade Pierre et Marie Curie e no INSERM en París. Tras esta etapa continuou a súa carreira nos Estados Unidos colaborando co Instituto Nacional da Saúde (NIH) e co Centro de Neurociencias e Medicina Rexenerativa[3].

En 2014 comezou a traballar na Universidade de Georgetown coma profesora asistente no departamento de Neurociencia.

Sonia Villapol forma parte do Equipo de Investigación Internacional de covid-19, coordinando un equipo internacional de neurocientíficos que analiza como afecta o coronavirus ao cerebro e ao sistema nervioso. [4]

_

2021/06/14

XXVI Feira da Ciencia e da Cultura. Resume

   Rematou. Unha nova edición da Feira da Ciencia de Ribadeo, a 26, deixou de novo tras de si un bo sabor de boca, aínda que cunha estrutura diferente obrigada por ter que enfrontármonos á pandemia.

   A directora do centro, Mª Jesús Besteiro, fixo varios resumes no blog do IES, en Crónica3 ou na Comarca, en particular sobre as científicas que impartiron charlas na feira, crónicas que máis ou menos acubillo agora aquí. Neste momento só está colgada a charla de María Vieites, que queda tamén aquí, e iranse incorporando aquí mesmo as outras:

 XXVI FEIRA da CIENCIA e da CULTURA 2021 

No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo estamos celebrando durante esta semana a XXVI edición da Feira da Ciencia e da Cultura. O curso pasado foi cancelada debido ao confinamento e este curso 2020/2021 é unha Feira especial por dous motivos: en primeiro lugar, porque deixa de ser só Feira da Ciencia abrindo a participación a todos os departamentos que o desexen, pero tamén porque a pandemia condiciona as actividades e non estará o alumnado presentando as súas experiencias coma sempre senón que participarán co seu grupo de referencia en visitas virtuais a museos científcos, conferencias de temática variada, visitarán as exposicións de gravados de Amando Suárez Couto, Xela Arias e de traballos feitos polo alumnado en bioloxía, tecnoloxía, música e portugués, farán percorridos guiados polo xardín para descubrir as nosas árbores e tamén participarán na proxección da película Nación ou visitarán o Museo IES Ribadeo que trata de poñer en valor o noso patrimonio histórico educativo. 

Desexamos que o noso alumnado disfrute coas actividades e que sexan proveitosas.

 Sonia Villapol, Neurocientífica, dende Houston co IES Ribadeo Dionisio Gamallo



Sonia Villapol impartiu para nós a conferencia inaugural da XXVI Feira da Ciencia e da Cultura. Sonia, natural de Bretoña (Lugo), licenciouse en Bioloxía Molecular pola USC, doutorouse en Neurociencias pola Universidade Autónoma de Barcelona, foi investigadora postdoctoral na Universidade Pierre e Marie Curie de París e dende2010 traballa en EEUU onde pasou polo Instituto Nacional de Saúde (NIH), foi profesora de neurociencias na Universidade de Georgetown e actualmente é investigadora principal e profesora no Texas Medical Center de Houston. Ademáis, dende fai un ano, coordina o Equipo de Investigación Internacional daCOVID-19 no que participan neurocientíficos que analizan cómo lle afecta ocoronavirus ó cerebro e ó sistema nervioso.

Non só nos falou sobre a covid e os danos neurolóxicos a longo prazo senón que ilustrounos no tema das probas, das vacinas e contounos que no seu día a día ademáis de coordinar o seu propio equipo de invcestigación pensa novos proxectos e sobre todo, busca financiación para poder facelos realidade.

Reflexionou sobre a importancia da cooperación internacional a nivel científico, que seguramente a pandemia sirva de punto de inflexión para que os países dediquen maiores presupostos á investigación e insistiulle ó noso alumnado en que o esforzo e a motivación son a clave para chegar lonxe e que deben decidir persoalmente o seu futuro apoiados eso si, polas súas familias. Encantounos a conferencia, que poderá verse en breve a través da web e agradecémoslle a Sonia que nos dedicara parte do seu tempo e mandámoslle un cariñoso saúdo dende Ribadeo.

 

 María Vieites, Física, dende o CERN co IES Ribadeo Dionisio Gamallo


María Vieites, impartiu para o alumnado de ciencias de 4º ESO e 1º Bach unha conferencia titulada “O Cern: acelerando e detectando partículas”.

Para nós é un orgullo poder contar con ela por varios motivos: foi alumna nosa no Porta da Auga antes da fusión dos centros, é filla de Teresa Díaz, a nosa compañeira de Física e Química e ademais conseguiu un brillante currículo nun tempo meteórico. María cursou o grao de Física na USC con estancias de summerstudent en Hamburgo e Lausane, Suiza, no Centro Acelerador de Partículas. A continuación fixo o mestrado e despois comezou coa tese marchando un ano ó CERN. Doutorouse en Física Nuclear e agora traballa alí como Investigadora post doutoral no Grupo de Física de Altas Enerxías. 

Toda esta traxectoria, valeulle para ser premiada no 2020 como mellor científica galega menor de 30 anos. 

Explicounos como funciona o Centro Acelerador de Partículas, que é a máquina máis grande construída polo ser humano, deunos datos tan curiosos como que o túnel do acelerador está situado a 100 metros de profundidade e que traballan coas temperaturas máis frías de toda a galaxia, a -271,3 ºC pero ademáis, tratou de que entenderamos a necesidade da antimateria nun mundo dominado pola materia.

María, que se dedica a facer investigación fundamental e non aplicada, contounos que o seu traballo permítelle estar en contacto diario con científcos e científicas colaboradores do CERN repartidos por máis de 80 países e que a información é compartida entre todos, o que supón unha grande vantaxe á hora de investigar.

Finalmente, María, que foi gran colaboradora como alumna en moitas Feiras da Ciencia, confesounos que ademais de investigar tamén lle gusta divulgar para achegar a ciencia ó público e alentou ó noso alumnado a estudar o que lles guste e a non ter medo a enfrentarse a novos retos. No seguinte enlace, podedes vela (https://youtu.be/c1jlYEiWpdg) e dende o IES de Ribadeo, queremos darlle a noraboa e mandámoslle un saúdo cariñoso.


  (01/06/2021): OS APELIDOS GALEGOS. 


Ana Isabel Boullón Agrelo pronunciou unha charla titulada “Os apelidos galegos”. A actividade enmárcase dentro do programa “A Ponte”, que pretende achegar a USC ós centros de ensino. 

O acto estaba previsto para o alumnado de 2º de BAC, pero debido ás circunstancias relacionadas coa COVID houbo que pospoñelo e reorientalo ó alumnado de 1º de BAC. 

Ana Boullón é Doutora en filoloxía galega e profesora titular do departamento de galego da USC. O seu ámbito de investigación céntrase sobre todo na onomástica, na edición de textos e na lexicografía. Forma parte de varios colectivos e institucións: Instituto da Lingua Galega (ILG), Asociación Galega de Onomástica (AGON), etc. Recentemente foi nomeada membro de número da Real Academia Galega (RAG), da que xa é correspondente Na súa intervención, despois de referirse ós estudos da USC relacionados co seu ámbito, explicou a historia da creación dos apelidos e centrouse nalgúns propios da zona de Ribadeo. Como autoridade destacada tamén no ámbito da toponimia, rematou aludindo á polémica sobre a denominación da ría, defendendo, de xeito moi documentado, por que a Ría de Ribadeo debe seguir mantendo a súa denominación actual. A actividade organizárona, en colaboración, o Departamento de Orientación, o Departamento de Galego e o Equipo de Dinamización Lingüística.

 LAURA CALAZA, “unha matemática falando dedialectoloxía galega



A cuarta muller investigadora coa que contamos na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura foi Laura Calaza. Estudou o bacharelato en Vilalba e despois marchou a Santiago, onde se licenciou en Matemáticas na USC coa especialidade en Estatística e Investigación Operativa. Completou a súa formación tamén na USC cun Máster en Técnicas Estatísticas e é membro activo da Real Sociedade Matemática Española pero dende 2015, esta muller matemática tamén forma parte do Instituto da Lingua Galega e participa nos proxectos que se desenvolven dentro da Rede de Investigación de Tecnoloxías e Análise de Datos Lingüísticos (TecAnDaLi).

Agora traballa no Centro de Formación do Profesorado de Lugo, na extensiónde Burela motivo polo cal é a nosa Asesora TIC e axúdanos e oriéntanos cos Plans de Formación que facemos cada curso. Impartiu para nós dúas charlas, a primeira titulada “O debate do X” para alumnado de 3º ESO e a segunda “Dime como falas e direiche de onde eres”. 

En principio pode sorprender unha matemática falando de dialectoloxía, pero é que realmente esa fronteria que ás veces pensamos que existe entre as ciencias e as letras, non é tal. Están moito máis ligadas do que podemos imaxinar e Laura demostróunolo sobradamente. 

Rematou ambas sesións permitíndolle ó alumnado empregar o teléfono para facer un “Mentimeter”. Debían describir cunha palabra a XXVI Feira da Ciencia e da Cultura. Para boa parte do alumnado resultou interesante, divertida e sorprendente. Alegrámonos de que tódalas actividades foran proveitosas eagradecémoslle a Laura o tempo que nos dedicou e o agasallo de papiroflexia feito por ella. Xa o collemos como idea para o vindieiro curso.

 Visitas Virtuais aos Museos Científicos Coruñeses.

Na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura, boa parte do alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo tivo a oportunidade de visitar os museos científicos coruñeses.

O Departamento de Bioloxía, que foi o encargado da actividade, seleccionou para o alumnado de 1º ESO a visita á Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae. Trátase da sala máis espectacular do acuario, unha gran piscina de 4,4 millóns de litros de auga onde nada os maiores peixes do Atlántico. Puideron ver meros, douradas, os grandes bancos de xardas e de xurelos e, por suposto, as quenllas, entre as que destaca Gastón, un Tiburón Toro macho de 2,5 metros de longo e 120 kg de peso.

O alumnado de 2º ESO visitou a exposición "Puro Swing" na Casa das Ciencias centrado na explicación dos experimentos pendulares de Galielo e Foucault que cambiaron a historia da ciencia, no segredo do botafumeiro mirar como a gravidade fai debuxos xeométricos e aprender a maxia con péndulos acoplados. 

Finalmente, na Domus, eliximos para 3º ESO a "Disección en directo do ollo" e para 1º de Bacharelato, a "Disección en directo dunha flor", ambas acompañadas de xogos interactivos coa aula.

Todas resultaron de interese e o alumnado mostrouse participativo. Nun curso condicionado pola pandemia e o protocolo anticovid, que fixo imposible a realización de prácticas de laboratorio, dende o IES de Ribadeo queremos agradecerlle aos Museos Científicos Coruñeses a súa colaboración.

 

 Visita vitual ós xacementos de Atapuerca na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura ribadense

Ribadeo, 8 de xuño, 2021. Case para rematar a XXVI Feira da Ciencia e da Cultura ribadense, o alumnado de 4º ESO tivo a oportunidade de facer unha visita virtual ós Xacementos de Atapuerca en Burgos. Baixo o título “La trinchera del ferrocarril, en busca de nuestro origen” fomos recorrendo unha zona calcaria que inclúe xacementos tan importantes como A sima do elefante, A galería ou a gran Dolina. Explicáronnos que se trata da maior concentración de restos humanos da península e que alí se atoparon restos do antepasado máis antigo de Europa, o Homo antecessor, un homínido que chegou dende Africa e que é a última especie común entre os Homo neanderthalensis e os Homo sapiens. Non cabe dúbida de que foi unha actividade moi interesante e unha boa lección de evolución humana. Puidemos observar dende restos de mamíferos ata ferramentas de sílex pasando por restos humanos tan famosos coma o cránio número 5, coñecido popularmente como Miguelón que é o cranio de Homo heidelbergensis mellor conservado do mundo e recibe ese nome en honor a Miguel Indurain pois foi descuberto cando Miguel acababa de gañar o segundo Tour de Francia.

Tan só queda para os vindeiros días rematar algúns percorridos botánicos polo xardín que tiveron que ser aprazados pola chuvia e dende o IES de Ribadeo agradecen a colaboración do Museo de Atapuerca.

  

2021/01/23

Ciencia, si. Pero mulleres e homes son quen a fan...

Muller ensinando xeometría, ilustración ó comezo dunha tradución medieval dos 'Elementos' de Euclides, collida de Wikimedia Commons.

  Ás veces tendemos a crer que a ciencia é algo aséptico, determinado, sen volta. Pero non é así. Non o é porque xa hai tempo que se coñece que a 'produción' científica dun país depende dos cartos ou da cultura. E, tamén, a nivel particular, do xénero. Si, de se quen mira a ciencia é muller ou home, xa dende o primeiro momento, ou da decisión de se se pretende ser científico. Ah! xa rematei, mesmo sen querer, científico nun 'o' e non nun 'a'. E é que na miña cabeza, a palabra está asociada ó masculino. Será porque a muller estivo relegada na ciencia ata o de agora? A historia está chea de mulleres que deron a titularidade dos seus traballos científicos ó seus homes, ós seus irmáns... ou doutras que se atoparon con teitos de cristal que impediron que saíran dunha segunda fila de investigación, onde, non obstante, brilaron. Ou doutras que, nais, esposas, foron relegadas a eses papeis pola sociedade, polos seus homes...

   E chegamos á actualidade. Unha actualidade onde cremos na igualdade pero seguimos a practicar a desigualdade por costume, mesmo mental. De aí a importancia de estudos que nos lembren que dita desigualdade existe e hai que poñer medios -mesmo poden ser sinalados polo estudo correspondente- para deixala a unha beira. Polo ben de todos. Das mulleres, por suposto. Da humanidade, tamén. Pero tamén, mesmo dos homes. Estudos como o afrontado por Laila Al-Soufi Novo e Marta Veiga Izaguirre a partir da enquisa 'A ciencia como profesión', difundido a través de Xuvenciencia.

   As conclusións (e algúns comentarios e explicacións) foron publicados no blog de Xuvenciencia. O título das diferentes seccións xa da unha idea non só das diferentes vertentes tratadas senón tamén dos diferentes campos influenciados (e a influenciar de xeito diferente) na carreira científica das mulleres. Aquí as ligazóns ás entradas: 

Homes, mulleres e STEM. Toma I: cuestións preliminares,

Homes, mulleres e STEM. Toma II: a vocación,

Homes, mulleres e STEM. Toma III: as áreas de coñecemento,

Homes, mulleres e STEM. Toma IV: as expectativas,

Homes, mulleres e STEM. Toma V: as aptitudes,

Homes, mulleres e STEM. Toma VI: o estereotipo e o arquetipo,

Homes, mulleres e STEM. Toma VII: as conclusións.

2021/01/12

Experimentando en feminino

   Hai xa moitos anos que teño publicado a exposición 'A ciencia ten nome de muller', 21 paneis sobre mulleres que lograron saír nos papeis como científicas, a pesar de discriminacións diversas. Aquela exposición, que segue viva e a disposición no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, foi unha acción máis a favor da visibilidade e homologación da muller na ciencia. Pode que, na súa categoría, a primeira en Galicia. Pero non a única. Remato de ver exxperimentaenfeminino sobre biografía de 14 mulleres en ciencia, un panel para cada unha, cunha compoñente de mulleres galegas quese engade sobre a capa xeral doutras máis coñecidas. Acompaño os paneis e vídeos da nova exposición coas ligazón ós artigos correspondentes da Galipedia (cando o teñen na actualidade):

Presentación (Vídeo).

Concepción Llaguno: Tecnóloga dos alimentos. Vídeo. Panel.

Mileva Marić: Física. Vídeo. Panel.

Linda B. Buck: Psicóloga e bióloga. Vídeo. Panel.

Ada Lovelace: Programadora. Vídeo. Panel.

Frances Arnold: Enxeñeira química. Vídeo. Panel.

Elsie Widdowson: Química e nutricionista. Vídeo. Panel.

Isabel Zendal: Enfermeira. Vídeo. Panel.

Margarita Salas: Bioquímica. Vídeo. Panel.

Antonia Ferrín: Astrónoma. Vídeo. Panel.

María José Núñez: Química industrial e farmacéutica. Vídeo. Panel.

Tarsy Carballas: Farmacéutica e química. Vídeo. Panel.

Esther Lederberg: Microbiológa. Vídeo. Panel.

Eva Crane: Física e pioneira na apicultura. Vídeo. Panel.

Teresa Toral: Química e farmacéutica. Vídeo. Panel.

2020/05/22

Aprende ciencia na casa co CSIC

Hoxe recapturei unha ligazón que tiña en espera para mirala: https://www.csic.es/es/agenda-del-csic/aprende-ciencia-en-casa-con-el-csic
Coido que esa entrada do blog de novas do CSIC, Consello superior de Investigacións científicas, ten a capacidade de atraer a atención da xente cun mínimo interese na ciencia e a formación cientifica. Traduzo e adapto:

O CSIC conta cunha morea de recursos online para achegarse á ciencia e disfrutala de moitos xeitos. 
Exposicións e museos virtuais, debuxos animados e outros vídeos, blogs, experimentos, xogos, apps e libros. Algunhas propostas para aprender ciencia na casa de xeito divertido:

1.XOGOS, EXPERIMENTOS E MATERIAIS DIDÁCTICOS


AUDIOVISUAIS


Propostas didácticas

Ciencia para todas as idades

CONFERENCIAS DE DIVULGACIÓN


CONCURSOS E CERTAMES


BLOGS E PROGRAMAS DE RADIO


REVISTAS E ENTREVISTAS DIGITAIS


LIBROS DESCARGABLES


EXPOSICIÓNES DESCARGABLES E MUSEOS VIRTUAIS


2020/05/10

A ciencia en Galiza. Unha lembranza (2008)

Cara a finais do 2008, na Galipedia, existía unha páxina, A Ciencia en Galiza, creada por min e que foi borrada con posterioridade por non aterse a contido enciclopédico. Pasaron os anos, e hoxe por hoxe considéroa unha ‘peza de museo’ entre recompilación e opinión propia que non voltará a ver a luz a non ser que a restitúa nalgures. Por exemplo, aquí. Así pois, déxoa a continuación con lixeiros cambios para mellor adaptala.
‘A Ciencia en Galiza non ten boa fama: non ten persoas coñecidas e senlleiras que son faróns marcando un camiño a imitar’. Moita xente asinaría a anterior afirmación. Pero se ben unha parte é certa, outra non: pode que non teñamos moitas figuras punteiras e coñecidas, pero si unha morea de xente que se ten dedicado á ciencia e que contribuíu, de xeito modesto ou non tanto, a poñer as bases da ciencia modema e continúa a facelo. Acumúlanse aquí [na Galipedia] bocexos de biografías ou contribucións de persoas senlleiras nas súas ramas do saber facer ciencia, de xeito que, sen realizar un grande labor de procura de datos para obter material, houbo que deixar a moitos fora [Nota: estamos a falar de 2008, cunha Galipedia de dimensións en número de artigos equivalente a unha cuarta parte da actual, e menos desenvoltos, referencias limitadas, con menos colaboradores...].
Non houbo ata o momento moitos estudos sobre a nosa ciencia. O anterior fai que case tódolos personaxes que se citan sexan moi recentes no tempo, pasando parte ou toda a súa vida durante o século XX. Isto implica que aínda os contemplamos sen a debida perspectiva histórica, ó tempo que imbuídos por prexuízos políticos e sociais dunha época que foi dura polos convulsos anos anteriores ó franquismo e os transcorridos na súa vixencia.
Asemade, hai tamén algunhas cousas comúns ou que agrupan a unha porcentaxe significativa de persoas incluídas na mostra. Así, o apoio da ILE, a Institución Libre de Enseñanza, movemento de revitalización do ensino e investigación en España entre o último tercio do século XIX e a guerra civil, permitiu a estudosos de diverso xénero saír ó extranxeiro e atoparse coa puxante ciencia europea de aquela época. Noutros casos, foi o pecunio familiar o que permitiu saír adiante algunhas investigacións, ou ben os propios anceios foron os que guiaron os primeiros pasos e relacións no mundo da ciencia.
O anterior lévanos a unha importante consideración: na ciencia tamén é necesaria a existencia dunha masa crítica de persoas, coas relacións humanas asociadas, para seguir adiante e obter resultados e a súa difusión no mundo. Na nosa terra non houbo en xeral un conxunto de xente traballando en ningún campo da ciencia que se puidese beneficiar dun conxunto tal ata tempos máis recentes dos que se pretende abranguer: facer ciencia a principios do século XX era moito máis doado en Alemaña que en Madrid. E alí que en Galiza. Os tempos están a cambiar, tanto pola cantidade de xente preparada como polo catalizador dalgunha industria e a acumulación de xente na mesma universidade canto pola introdución de relacións de novo cruño como internet, poñendo á man da xente novas posibilidades de obtención de datos ou comunicacións instantáneas con todo o mundo.
Unha consideración final: se se repasan as biografías presentadas, pode chamar a atención a ausencia de mulleres. Ténse presentado de xeito recente un estudo sobre as mulleres e a ciencia. “A ciencia ten nome de muller" no que se entra un pouco máis na baixa proporción de mulleres na ciencia a nivel mundial. Galiza participou nesa tendencia asumindo a sociedade galega ata a actualidade que o posto da muller non é a ciencia. [Nota: hoxe, as biografías correspondentes eguen na Galipedia, pero o artigo aglutinante, non. Pode verse en conxunto na exposición, http://fqribadeo.ribadeando.com/2019/02/a-ciencia-ten-nome-de-muller.html]

2019/02/11

A ciencia ten nome de muller

Hoxe é o día no que se clebra a muller e a nena na ciencia. Por iso, rescato unha vella entrada: A Ciencia ten nome de muller

 "A Ciencia ten nome de muller" é unha exposición. Os paneis son accesibles nos enderezos electrónicos de abaixo, podendo ampliarse a un tamaño lexible con só pinchar sobre a imaxe que sae neles. Outros detalles, biografías máis actualizadas, máis biografías, etc, na Galipedia. Para máis información, ver a páxina anterior ou dirixirse ó Departamento de Física e Química no IES Porta da Auga, Ribadeo. (Nota: para voltar de cada imaxe ó post, é necesario retroceder no navegador, non hai ligazón de retroceso)
Panel01
Panel02
Panel03
Panel04
Panel05
Panel06
Panel07
Panel08
Panel09
Panel10
Panel11
Panel12
Panel13
Panel14
Panel15
Panel16
Panel17
Panel18
Panel19
Panel20
Panel21
Panel22
Panel23
Normas de préstamo
carteis das feiras
Nota: os carteis de "A ciencia ten nome de muller" tamén se poden ver en http://feirasdeciencia.mywikis.net/wiki/A+ciencia+ten+nome+de+muller

(Nova ligazón: https://feirasdeciencia.mywikis.wiki/wiki/A_ciencia_ten_nome_de_muller )

2007/02/14

A ciencia ten nome de muller

"A Ciencia ten nome de muller" é unha exposición. Os paneis son accesibles nos enderezos electrónicos de abaixo, podendo ampliarse a un tamaño lexible con só pinchar sobre a imaxe que sae neles. Outros detalles, biografías máis actualizadas, máis biografías, etc, na Galipedia. Para máis información, ver a páxina anterior ou dirixirse ó Departamento de Física e Química no IES Porta da Auga, Ribadeo. (Nota: para voltar de cada imaxe ó post, é necesario retroceder no navegador, non hai ligazón de retroceso)
Panel01
Panel02
Panel03
Panel04
Panel05
Panel06
Panel07
Panel08
Panel09
Panel10
Panel11
Panel12
Panel13
Panel14
Panel15
Panel16
Panel17
Panel18
Panel19
Panel20
Panel21
Panel22
Panel23
Normas de préstamo
carteis das feiras
Nota: os carteis de "A ciencia ten nome de muller" tamén se poden ver en http://feirasdeciencia.mywikis.net/wiki/A+ciencia+ten+nome+de+muller
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.