Rematou. Unha nova edición da Feira da Ciencia de Ribadeo, a 26, deixou de novo tras de si un bo sabor de boca, aínda que cunha estrutura diferente obrigada por ter que enfrontármonos á pandemia.
A directora do centro, Mª Jesús Besteiro, fixo varios resumes no blog do IES, en Crónica3 ou na Comarca, en particular sobre as científicas que impartiron charlas na feira, crónicas que máis ou menos acubillo agora aquí. Neste momento só está colgada a charla de María Vieites, que queda tamén aquí, e iranse incorporando aquí mesmo as outras:
XXVI FEIRA da CIENCIA e da CULTURA 2021
No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo estamos celebrando durante esta semana a XXVI edición da Feira da Ciencia e da Cultura. O curso pasado foi cancelada debido ao confinamento e este curso 2020/2021 é unha Feira especial por dous motivos: en primeiro lugar, porque deixa de ser só Feira da Ciencia abrindo a participación a todos os departamentos que o desexen, pero tamén porque a pandemia condiciona as actividades e non estará o alumnado presentando as súas experiencias coma sempre senón que participarán co seu grupo de referencia en visitas virtuais a museos científcos, conferencias de temática variada, visitarán as exposicións de gravados de Amando Suárez Couto, Xela Arias e de traballos feitos polo alumnado en bioloxía, tecnoloxía, música e portugués, farán percorridos guiados polo xardín para descubrir as nosas árbores e tamén participarán na proxección da película Nación ou visitarán o Museo IES Ribadeo que trata de poñer en valor o noso patrimonio histórico educativo.
Desexamos que o noso alumnado disfrute coas actividades e que sexan proveitosas.
Sonia Villapol, Neurocientífica, dende Houston co IES Ribadeo Dionisio Gamallo
Sonia Villapol impartiu para nós a conferencia inaugural da XXVI Feira da Ciencia e da Cultura. Sonia, natural de Bretoña (Lugo), licenciouse en Bioloxía Molecular pola USC, doutorouse en Neurociencias pola Universidade Autónoma de Barcelona, foi investigadora postdoctoral na Universidade Pierre e Marie Curie de París e dende2010 traballa en EEUU onde pasou polo Instituto Nacional de Saúde (NIH), foi profesora de neurociencias na Universidade de Georgetown e actualmente é investigadora principal e profesora no Texas Medical Center de Houston. Ademáis, dende fai un ano, coordina o Equipo de Investigación Internacional daCOVID-19 no que participan neurocientíficos que analizan cómo lle afecta ocoronavirus ó cerebro e ó sistema nervioso.
Non só nos falou sobre a covid e os danos neurolóxicos a longo prazo senón que ilustrounos no tema das probas, das vacinas e contounos que no seu día a día ademáis de coordinar o seu propio equipo de invcestigación pensa novos proxectos e sobre todo, busca financiación para poder facelos realidade.
Reflexionou sobre a importancia da cooperación internacional a nivel científico, que seguramente a pandemia sirva de punto de inflexión para que os países dediquen maiores presupostos á investigación e insistiulle ó noso alumnado en que o esforzo e a motivación son a clave para chegar lonxe e que deben decidir persoalmente o seu futuro apoiados eso si, polas súas familias. Encantounos a conferencia, que poderá verse en breve a través da web e agradecémoslle a Sonia que nos dedicara parte do seu tempo e mandámoslle un cariñoso saúdo dende Ribadeo.
María Vieites, Física, dende o CERN co IES Ribadeo Dionisio Gamallo
María Vieites, impartiu para o alumnado de ciencias de 4º ESO e 1º Bach unha conferencia titulada “O Cern: acelerando e detectando partículas”.
Para nós é un orgullo poder contar con ela por varios motivos: foi alumna nosa no Porta da Auga antes da fusión dos centros, é filla de Teresa Díaz, a nosa compañeira de Física e Química e ademais conseguiu un brillante currículo nun tempo meteórico. María cursou o grao de Física na USC con estancias de summerstudent en Hamburgo e Lausane, Suiza, no Centro Acelerador de Partículas. A continuación fixo o mestrado e despois comezou coa tese marchando un ano ó CERN. Doutorouse en Física Nuclear e agora traballa alí como Investigadora post doutoral no Grupo de Física de Altas Enerxías.
Toda esta traxectoria, valeulle para ser premiada no 2020 como mellor científica galega menor de 30 anos.
Explicounos como funciona o Centro Acelerador de Partículas, que é a máquina máis grande construída polo ser humano, deunos datos tan curiosos como que o túnel do acelerador está situado a 100 metros de profundidade e que traballan coas temperaturas máis frías de toda a galaxia, a -271,3 ºC pero ademáis, tratou de que entenderamos a necesidade da antimateria nun mundo dominado pola materia.
María, que se dedica a facer investigación fundamental e non aplicada, contounos que o seu traballo permítelle estar en contacto diario con científcos e científicas colaboradores do CERN repartidos por máis de 80 países e que a información é compartida entre todos, o que supón unha grande vantaxe á hora de investigar.
Finalmente, María, que foi gran colaboradora como alumna en moitas Feiras da Ciencia, confesounos que ademais de investigar tamén lle gusta divulgar para achegar a ciencia ó público e alentou ó noso alumnado a estudar o que lles guste e a non ter medo a enfrentarse a novos retos. No seguinte enlace, podedes vela (https://youtu.be/c1jlYEiWpdg) e dende o IES de Ribadeo, queremos darlle a noraboa e mandámoslle un saúdo cariñoso.
(01/06/2021): OS APELIDOS GALEGOS.
Ana Isabel Boullón Agrelo pronunciou unha charla titulada “Os apelidos galegos”. A actividade enmárcase dentro do programa “A Ponte”, que pretende achegar a USC ós centros de ensino.
O acto estaba previsto para o alumnado de 2º de BAC, pero debido ás circunstancias relacionadas coa COVID houbo que pospoñelo e reorientalo ó alumnado de 1º de BAC.
Ana Boullón é Doutora en filoloxía galega e profesora titular do departamento de galego da USC. O seu ámbito de investigación céntrase sobre todo na onomástica, na edición de textos e na lexicografía. Forma parte de varios colectivos e institucións: Instituto da Lingua Galega (ILG), Asociación Galega de Onomástica (AGON), etc. Recentemente foi nomeada membro de número da Real Academia Galega (RAG), da que xa é correspondente Na súa intervención, despois de referirse ós estudos da USC relacionados co seu ámbito, explicou a historia da creación dos apelidos e centrouse nalgúns propios da zona de Ribadeo. Como autoridade destacada tamén no ámbito da toponimia, rematou aludindo á polémica sobre a denominación da ría, defendendo, de xeito moi documentado, por que a Ría de Ribadeo debe seguir mantendo a súa denominación actual. A actividade organizárona, en colaboración, o Departamento de Orientación, o Departamento de Galego e o Equipo de Dinamización Lingüística.
LAURA CALAZA, “unha matemática falando dedialectoloxía galega”
A cuarta muller investigadora coa que contamos na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura foi Laura Calaza. Estudou o bacharelato en Vilalba e despois marchou a Santiago, onde se licenciou en Matemáticas na USC coa especialidade en Estatística e Investigación Operativa. Completou a súa formación tamén na USC cun Máster en Técnicas Estatísticas e é membro activo da Real Sociedade Matemática Española pero dende 2015, esta muller matemática tamén forma parte do Instituto da Lingua Galega e participa nos proxectos que se desenvolven dentro da Rede de Investigación de Tecnoloxías e Análise de Datos Lingüísticos (TecAnDaLi).
Agora traballa no Centro de Formación do Profesorado de Lugo, na extensiónde Burela motivo polo cal é a nosa Asesora TIC e axúdanos e oriéntanos cos Plans de Formación que facemos cada curso. Impartiu para nós dúas charlas, a primeira titulada “O debate do X” para alumnado de 3º ESO e a segunda “Dime como falas e direiche de onde eres”.
En principio pode sorprender unha matemática falando de dialectoloxía, pero é que realmente esa fronteria que ás veces pensamos que existe entre as ciencias e as letras, non é tal. Están moito máis ligadas do que podemos imaxinar e Laura demostróunolo sobradamente.
Rematou ambas sesións permitíndolle ó alumnado empregar o teléfono para facer un “Mentimeter”. Debían describir cunha palabra a XXVI Feira da Ciencia e da Cultura. Para boa parte do alumnado resultou interesante, divertida e sorprendente. Alegrámonos de que tódalas actividades foran proveitosas eagradecémoslle a Laura o tempo que nos dedicou e o agasallo de papiroflexia feito por ella. Xa o collemos como idea para o vindieiro curso.
Visitas Virtuais aos Museos Científicos Coruñeses.
Na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura, boa parte do alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo tivo a oportunidade de visitar os museos científicos coruñeses.
O Departamento de Bioloxía, que foi o encargado da actividade, seleccionou para o alumnado de 1º ESO a visita á Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae. Trátase da sala máis espectacular do acuario, unha gran piscina de 4,4 millóns de litros de auga onde nada os maiores peixes do Atlántico. Puideron ver meros, douradas, os grandes bancos de xardas e de xurelos e, por suposto, as quenllas, entre as que destaca Gastón, un Tiburón Toro macho de 2,5 metros de longo e 120 kg de peso.
O alumnado de 2º ESO visitou a exposición "Puro Swing" na Casa das Ciencias centrado na explicación dos experimentos pendulares de Galielo e Foucault que cambiaron a historia da ciencia, no segredo do botafumeiro mirar como a gravidade fai debuxos xeométricos e aprender a maxia con péndulos acoplados.
Finalmente, na Domus, eliximos para 3º ESO a "Disección en directo do ollo" e para 1º de Bacharelato, a "Disección en directo dunha flor", ambas acompañadas de xogos interactivos coa aula.
Todas resultaron de interese e o alumnado mostrouse participativo. Nun curso condicionado pola pandemia e o protocolo anticovid, que fixo imposible a realización de prácticas de laboratorio, dende o IES de Ribadeo queremos agradecerlle aos Museos Científicos Coruñeses a súa colaboración.
Visita vitual ós xacementos de Atapuerca na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura ribadense
Ribadeo, 8 de xuño, 2021. Case para rematar a XXVI Feira da Ciencia e da Cultura ribadense, o alumnado de 4º ESO tivo a oportunidade de facer unha visita virtual ós Xacementos de Atapuerca en Burgos. Baixo o título “La trinchera del ferrocarril, en busca de nuestro origen” fomos recorrendo unha zona calcaria que inclúe xacementos tan importantes como A sima do elefante, A galería ou a gran Dolina. Explicáronnos que se trata da maior concentración de restos humanos da península e que alí se atoparon restos do antepasado máis antigo de Europa, o Homo antecessor, un homínido que chegou dende Africa e que é a última especie común entre os Homo neanderthalensis e os Homo sapiens. Non cabe dúbida de que foi unha actividade moi interesante e unha boa lección de evolución humana. Puidemos observar dende restos de mamíferos ata ferramentas de sílex pasando por restos humanos tan famosos coma o cránio número 5, coñecido popularmente como Miguelón que é o cranio de Homo heidelbergensis mellor conservado do mundo e recibe ese nome en honor a Miguel Indurain pois foi descuberto cando Miguel acababa de gañar o segundo Tour de Francia.
Tan só queda para os vindeiros días rematar algúns percorridos botánicos polo xardín que tiveron que ser aprazados pola chuvia e dende o IES de Ribadeo agradecen a colaboración do Museo de Atapuerca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario