2016/12/27

Destrozando a unidade de expresión e comprensión

En poucos minutos chego á nova da morte de Vera Rubin, despois de pasar por unha nota de prensa do concello. E penso: de novo, debo deixar referido isto.
'Isto'? 'Isto' refírese a un par de cousas que non é a primeira vez que reflicto no blog (nin a última, seguramente).
A nova da morte de Vera Rubin aparece nun pequeno recadro de La Voz de Galicia:
Aínda que despois emprega 'astrónoma', no titular está ben claro: 'astróloga'. E non é raro ese mesmo desliz. Precisamente porque é común igualar ciencia e sperchería, maxia ou supersitición, estou remarcando o erro.
O segundo é unha nota de prensa do concello de Ribadeo, que noutra parte republicaría coas correccións pertinentes, limitándome aquí a enumeralas a modo de recordatorio para corrixir despois na aula:
6.500 € escríbese como 6500 € ou 6 500 €
56.000 €, como 56 000 €
11'57%, como 11,57 %
6.514'05 €, como 6514,05 €
É dicir, axeitémonos a poñer 7400, 07 ou 7,57 %, pois non por ser materia de ciencia queda fóra das normas de escritura... por moito que ás veces se vexa escrito doutro xeito.

2016/12/11

Hai 50 anos, premio Nobel de Física a Feynman

Teño que dicir que R. Feynman é un dos físicos que máis me ten chamado a atención. Pode que polo seu 'Está vd. de broma, sr. Feynman?' máis que polo conxunto da súa obra -enorme- en Física. Agora, entérome por un artigo de J. Mira que o comité Nobel remata de liberar información sobre o seu nomeamento. E, a consecuencia diso, chego ata algo que xa estaba dispoñible, pero ó que non chegara: o discurso de aceptación do Premio Nobel.
Que o desfrutes!

2016/11/30

Trebellando con datos: arquivo meteorolóxico

Esta tempada estou a descubrir máis recursos dos que son capaz de incorporar ó meu quefacer. Todos interesantes, moi interesantes, o descubrilos xenera unha serie de ideas de aplicación, que, xa digo, ultimamente sobrepasan a miña capacidade de uso xa exclusivamente pola capacidade temporal. Mais non por iso hai que desbotalos: outras persoas poden chegar a eles a través da información que deixo sementada, e ese é o papel, por exemplo, esta entrada, sementar difusión para que outra xente poda aproveitar se quere e está en condicións de facelo.
Chámase Arcimís, e é a nivel español un repositorio de datos meteorolóxicos, 'arquivo climatolóxico e meteorolóxico a nivel nacional'.
Segundo a introdución da propia web, Arcimís é o depósito institucional destinado a reunir, conservar e difundir a traverso do acceso aberto os documentos resultantes da actividade científica, institucional e docente da Axencia Estatal de Meteoroloxía. Tamén se inclúe o patrimonio bibliográfico dixitalizado pola Biblioteca de AEMET. Augusto Arcimís Wehrle, foi o primeiro meteorólogo profesional en España e ol primeiro director do Instituto Central Meteorolóxico, a actual Axencia Estatal de Meteoroloxía (1888-1910).

2016/11/24

Vin isto, gustoume...

 Coido que deixo claro de onde ven, e a imaxe tamén deixa claro onde vai... + unha nota: algunha das relacións entendo que debera ter un título diferente.

2016/11/22

Unha imaxe, tres notacións

Unha imaxe, tres notacións, un problema. A confusión entre sistemas de notación dase en todas as actividades; este é só un exemplo nunha actividade, a comercial, que os produce a moreas.
Antes de seguir, lembrar que no estado español e a ata o momento coido a máis extendida no mundo, a notación para separar enteiros e decimais é usar unha coma. Mais o inicio das calculadoras en norteamérica ten feito estragos, e pódese comprobar a sinxeleza do artigo na wikipedia en francés ou en alemán, coa mistura e desinformación na wikipedia en español. En galego a wikipedia coido que explica abondo ben o problema, citando ademais unha fonte incontestable: http://www.bipm.org/en/CGPM/db/22/10/
Na imaxe atopamos o nomativo uso da coma 2,5 - que recalco en negriña para distinguir a opción boa-, pero tamén a notación usada en norteamérica (3.0) e a notación de comiña (45'20) para diferentes cousas. O punto está normalizado como identificador da serie de innovación no caso das usb, mais é alleo tanto como o ', máis aínda cando neste caso úsanse tipos de diferente tamaño para diferentes ordes, 45'20, de tal xeito que mesmo o formato normalizado do blog non me permite poñelo, tendo que ir ás especificacións html para poder amosalo no texto.
Queda claro? Quede ou non, a sensación que teño é que a confusión vai en aumento...

2016/11/20

Astronomía, nacemento, rendemento

Rematou a XI edición de Galiciencia, en Tecnópole (Ourense) con representación ribadense de Lucía Barcia García e Lucía Conde Fariñas co traballo 'Astronomía, nacemento, rendemento', que daba pé a un estudo sobre a influencia dos astros (Lúa e Sol) no número de nacementos e nas notas obtidas polos estudantes do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. O resultado, claro: non hay influencia sobre os nacementos, nacendo máis ou menos a mesma cantidade de xente en cada momento do ciclo luar ou solar, e parece que tampouco sobre o rendemento académico, con nota media indistinguible dun momento a outro de nacemento, se ben neste caso, a dispersión que indica que existen outros factores que si inflúen enmascararían o resultado, facéndoo non fiable.
As conclusións, tal como foron enviadas a Tecnópole:

Presentación proxectos galiciencia 2016 ies Ribadeo Dionisio Gamallo subido por Antonio Gregorio Montes
Algunha foto de 'astronomía, nacemento, rendemento':
 Instalando.
 Preparadas
 Atendendo á xente.
Despois de recibir os diplomas.

E algunha foto doutros proxectos (para ver máis, iranse poñendo en feiras de ciencias na Galiza)




 

2016/10/02

un instrumento web en astronomía: http://sci.esa.int/star_mapper/

Unha nova estrela no ceo das web de astronomía: o mapa estelar da ESA non é un planetario, e ten puntos demasiado grosos adicados ás estrelas. Mais a potencia da súa base de dados, a versatilidade e manexo doado fai del unha ferramenta a ter en cotna para iniciarse ou saber máis, sobre as estrelas e a súa configuración.
Pantalla de inicio http://sci.esa.int/star_mapper/:
Pantalla de explicación http://sci.esa.int/hipparcos/58154-star-mapper/:

2016/09/26

Temperatura, vento, nubes... tecnoloxía

Coido que máis ca unha web de información meteorolóxica é unha ferramenta de traballo para desenvolver o estudo e a comprensión da temperie. Ventusky é un sitio web con mapas dinámicos de vento, temperatura, nubes, presión, choiva... podendo cambiar dun a outro só premendo un botón, ou variar o momento do día movendo un circuliño nunha escala. O mapa pode ampliarse ou reducirse, insertarse nunha páxina web (como intento facelo embaixo, non é seguro que soporte todos os navegadores, mais premendo sobre o espazo reservado vaise tamén á páxina) ou ligarse ou insertarse como captura de pantalla (aínda máis abaixo)...

Previsión del tiempo en el mapaTemperatura, 43°N 6°W, 26/09/2016 20:00 (UTC+02:00), © VentuSky.com

 Só dicir que non será a última vez que apareza esta páxina referida no blog!

2016/09/23

Amosando o equinoccio de outono

O chan do patio. Un ángulo dunha porta da verxa. Unha 'tiza' feita cun anaco de ladrillo. Marcas no chan para indicar a sombra da punta do ángulo en diferentes momentos. Eses foron os 'materiais' para sinalar onte o equinoccio de outono en Ribadeo. e, como se ve na foto, a pesares de non ser o chan totalmente horizontal, a liña de unión das marcas da sombra sae unha recta, como corresponde á sombra dun punto ó longo do día equinoccial. Despois veñen as medidas de altura do ángulo e distancia mínima da sombra do pé da porta: o cociente danos a inclinación do Sol ó mediodía, a latitude. E a transmisión desa información , con distancias a outros puntos, que nos da o raio da Terra. E así se construiu a ciencia... mellorando pouco a pouco as medidas, o xeito de facelas, e propoñendo novas medicións...

2016/09/17

De aumento de temperaturas

A NASA leva un rexistro de temperaturas a nivel mundial que se remonta ó século XIX. Se ben por razóns obvias de falta de puntos de medición duns anos respecto ós outros ou diferentes aparellos ó longo da historia a serie non se pode cosiderar 'perfecta', é abondo precisa para amosar con boa aproximación o estado da temperatura do planeta. Agora publicou os datos en forma gráfica como se ve a continuación (en http://earthobservatory.nasa.gov/blogs/earthmatters/files/2016/09/tempanoms_gis_august2016.gif) A gráfica vai construíndo a liña de temperaturas medias mes a mes dende o ano 1880 ata agosto deste ano 2016. E aínda que está sendo publicitada co título de 'o agosto máis cálido da historia', se nos fixamos veremos que non só resulta ser o mes máis cálido que presenta a gráfica, senón que tódolos meses deste 2016 son os máis cálidos en relación coa lista de temperaturas correspondentes a ese mes dende 1880. Do mesmo xeito, vese claramente que as liñas tendentes a subir cada vez están máis separadas das anteriores, non só por riba da media. E Xaneiro ou febreiro están moito máis por enriba da media correspondiente do que o está agosto.
Un futuro ó que non estamos a prestar moita consideración. Claro que, nun momento de campaña electoral, parece que tampouco estamos a prestar moita consieración ó presente.

2016/09/02

Curiosidades de exames

Despois dunha corrección que resultou especialmente chamativa, rescato algunha resposta, indicando que todas teñen a súa lóxica, por máis que no contexto da pregunta correspondente poidan ser calificadas con cero e resultar mesmo hilarantes. Así pois, propoño procurarlles a lóxica (nalgún caso, doado, noutros, non tanto):
*Que efectos se poden producir cando se da calor a un corpo?
Pos sudor, mareos, fiebre...
Que sudemos e se e excesivo podemos marearnos ou incluso danos un golpe de calor.
*Que diferenza unha onda lonxitudinal e outra transversal?
Que a lonxitudinal captan a lonxitude e a transversal
Que a lonxitudinal vai recto e a transversal acia arriva
*Diferenza Tropismo e Nastia:
El tropismo es de altas temperaturas junto con muy buen tiempo, y, nastia es de temperaturas del noroeste junto con muchos chuvascos.
Nastia = E unha arteria.
O tropismo e cando os movementos se fan sen darse de conta e a nastia e cando os fan a propósito.
*Os individuos dunha especie poden reproducirse cos individuos doutra especie? Razoa o por que:
Non. Porque algunhas especies levanse mal e tamén cada unha ten o seu territorio.
Depende do individuo
*As arterias saen do corazón. Levan sangue osixenada ou non? Si, xa que o corazón ademais de bombear a sangre, o que fai é osixenala.

2016/08/17

Ciencia, difusión, política, promoción

O pasado día 11 organizouse en Ribadeo unha observación astronómica. Velaeiquí a nota de prensa do concello para a súa convocatoria:
"

Novas

Foto observacion 3
SERÁ A PARTIRES DAS 22:30 HORAS

Observación astronómica

11/08/2016
Esta noite haberá unha observación astronómica no Cantón ribadense. É realizada polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller e conta coa colaboración do Concello de Ribadeo, segundo deu a coñecer o concelleiro de Cultura, Farruco Graña.
O edil nacionalista contou que "hoxe, 11 de agosto, vai haber unha observación astronómica á beira do Cantón dos Moreno, a partir das 22:30 horas. Realizaraa persoal do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do programa de divulgación científica TODOCOSMOS, da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) e financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade. Este programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade".
Farruco Graña engadiu que "parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto A Astronomía ao alcance de todos: Colaboración Universidade-Concellos-Organismos Públicos e Empresas, que co acrónimo TODOCOSMOS conta co apoio da FECYT para o ano 2016 e, e nel participan así mesmo moitos concellos. Se queren poder ver con claridade os astros non dubiden en achegarse ata o Cantón dos Moreno e botar un ollo polo telescopio e escoitar as explicacións do persoal do Observatorio Ramón María Aller. Será hoxe, xoves 11 de agosto, a partir das 22:30 horas".
"
Unha vez máis, non puiden ir, o que non impide que poda facer algunhas reflexións ó respecto.
A nota de prensa foi feita o mesmo día da observación, o que nos leva á valoración do impacto da nova nos medios. A actividade estaba prevista dende moito tempo antes, co que se podía ter difundido doutro xeito.
Na imaxe, de outras observacións semellantes anteriores, vese o lugar da observación e as condicións da mesma. É evidente que non é o lugar máis adecuado para unha observación. Si o é para que a xente o vexa e poda sentir curiosidade. Que tal se se achegara un pouco máis unha e outra postura diminuíndo as luces (e polo tanto, a contaminación lumínica) para a observación?
Segundo a nota, o programa ten como fin 'levar a ciencia astronómica a toda a sociedade'. Iso chámase difusión. Na nota aparecen o concello e o programa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, mais nin unha mención a cousas que se poderían ver, aínda en pleno punto álxido das lágrimas de S. Lourenzo, ou á organización sobre o terreo. E iso non é difusión. É máis ben promoción ou política. Algo que non está mal se vai 'na xusta medida' e non só.
En Ribadeo hai un observatorio astronómico nun estado lamentable (hai anos que a cúpula xa tren quedado aberta sen poder cerrar, ou viceversa) nunha casa da ría que nos seus mellores momentos estivo infrautilizada. Houbo xente que se adicaba á promover a astronomía... e a cousa virou. Pero iso é outra historia. E agora estamos a falar de ciencia e a súa difusión (en xeral), e política e a súa promoción (en particular).

2016/04/30

A divulgación da ciencia en Galicia

O pasado día 20 de maio, en Santiago, tivo lugar o que foi o momento punteiro en todo o ano para avaliar o estado das relacións entre ciencia, técnica e sociedade en Galicia. O Consello da Cultura Galega presentou un informe que hai cousa de ano e medio puxo en mans dun conxunto de dez especialistas para determinar o estado da divulgación da ciencia en Galicia. Ó longo das súas 385 páxinas vai desgranando a diversidade de ecosistemas polos que transcorre a divulgación científica na nosa terra. Descargable en pdf ou lido apartado por apartado, presenta -dun xeito rigoroso mais áxil- ata o máis pequeno dos camiños polo que se pode producir esa difusión, e tamén explora o impacto de cada un deses camiños na sociedade galega, poñéndoo en relación coas outras posibilidades e co que se pode vislumbrar fóra da nosa terra. Como se di no texto, é algo necesario para potenciar a toma de contacto da sociedade e a ciencia, e polo tanto para o desenvolvemento da propia ciencia en Galicia.
Nun informe de tanta extensión, hai moitas partes que gustaría destacar. Collerei só dúas: o impacto da publicación do informe nos medios e o apartado de feiras de ciencia.
Portada do informe
A primeira manifesta algo que circunvala ó informe e que só está en parte dentro. Os medios de difusión teñen apartado propio no informe. Mais o informe non parece ter un apartado propio nos medios. O Consello da Cultura Galega emitiu no seu momento varias notas de prensa e publicou na súa web vídeos da xornada de presentación, pois o acto en si foi acompañado de diversas charlas pola mañá e pola tarde, pequena pezas de difusión científica e dunha táboa redonda na que poidemos participar os asistentes. Sen entrar en máis detalles, coido que o Consello 'fixo o seu traballo', máis a difusión nos medios quedou abondo escasa; no mellor dos casos, difundindo algún detalle da xornada e dicindo que o motivo da mesma fora a difusión do informe. É dicir, quen esteña interesado, que o lea. Chega con facer unha procura do informe en internet e ver os resultados para comprender que a importancia do tema nos medios tradicionais foi furtada por outras novas doutro tipo.
O segundo cólloo por estar tanto eu como Ribadeo involucrados directamente nel. O apartado de feiras de ciencia. Nel, refírese en boa parte ós datos recollidos na wiki As Feiras de Ciencia na Galiza, publicación irmá tantas veces relacionada neste blog, e da unha importancia grande á feira de ciencia máis lonxeva da nosa terra, a Feira da Ciencia de Ribadeo, na que Mª Jesús Besteiro, dende o comezo, Teresa Díaz, en case todas as ocasións, e outra moita xente, participamos xunto con moreas de alumnos nas 22 edicións mantidas dende maio de 1995, primeiro no IES Porta da Auga e agora no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. A Feira da ciencia ten xa un longo recorrido neste blog, mais non deixa de ser moi ilustrativa a comparación con outras feiras de ciencia, de centros de ensino ou institucionais, que Silvia López Ben fai nese apartado do informe, e as conclusións que tira da súa exposición. Non furtarei a súa lectura no propio informe...
 Díptico da xornada de presentación

--
Referencia na wiki Feiras de Ciencia

2016/04/14

A ciencia, en perspectiva

Dende hai moito tempo téñense feito estudos da ciencia, o seu medrar, transcorrer, facer as cousas... dende diferentes perspectivas. Unha das máis acaídas é a perspectiva de xénero, aínda que tamén se ten feito en base á raza, e debera facerse (non coñezo ningún estudo, aínda que seguro que os hai) en relación á relixión.
En relación ó xénero, as aproximacións actuais miran porcentaxes e desigualdades actuais, e inxusticias pasadas, incluídas o impedimento de acceso a unha educación 'superior' ou a ocultación do traballo feminino detrás do nome dun home, que sacaba réditos del.
Publicado en Mulleres con ciencia, a figura de Ellen Richards é destacada a modo de sinxela biografía cun titulo que vai máis aló: Ellen Richards: la economía doméstica como cultura científica.
Imaxe do artigo citado
Non se tratou no seu momento doutra cousa máis que de potenciar a economía doméstica nunha vertente das que se integran nela: a química na casa. Idea sinxela, idea revolucionaria que permitiu a algunhas mulleres adentrarse nos miolos da química sen perder de vista unha realide cotiá e sorteando unha realidade social. Pouca cousa? Nada que ver, por exemplo, con que a física teórica estivera dominada no terceiro cuarto do século XX por homes relacionados co branco e/ou xudeo, onde axudou a meter unha cruña Abdus Salam que permitu abrir o campo de relacións sobre o tema, e polo tanto, o futuro, ó que poderiamos chamar 'outras relixións'. Ou si?

2016/04/03

XXII Feira da Ciencia de Ribadeo

Os motores xa están en marcha. Mércores abrirase a nova edición 2016 da Feira da Ciencia de Ribadeo.
Este ano, o cartel, está tomado a partir dunha idea esbozada por Daniela Valledor Villagarcía completando a folla dun exame:
O horario? De mañá, mércores, xoves e venres, de 9:20 a 11 e 11:30 a 13:10 (excepto venres), estaremos esperando a vosa visita: a feira será visitada por alumnos do centros, pero tamén doutros centros educativos, pais, amigos... e persoas que lles gusta a ciencia ou sinxelamente ver cousas curiosas explicadas.

2016/02/17

Pedir por favor é físico?

Síntoo se é moi repetido, ou unha nimiedade. Remato de recibir unha nova que leva de subtítulo "A lexislatura de Rajoy conclúe cun débito das administracións públicas de 1.069 billóns de euros", si, billóns.
A calquera dos meus alumnos lles caería unha boa regañina: a cantidade está indicada  dun xeito desaconsellado, en troques de usar 1069, e segundo o titular, correspondería a cada españoliño unha débeda de máis de 20 millóns de euros. Que Rajoy puido facelo abondo mellor é sabido, pero aínda ten marxe ata chegar a esa débeda 'astronómica'.
Por favor...

2016/01/22

Pescudando nas orixes da materia: o bosón de Higgs no CERN

15 de xaneiro de 2016
Cibrán Santamarina Ríos, investigador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (tamén participante no Grupo de innovación docente en Física FISTERRA) estivo de visita no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo impartindo a charla “Pescudando nas orixes da materia. O bosón de Higgs no CERN”, unha introdución á física de partículas que tamén cubriu o descubrimento do bosón de Higgs.
Unha presentación diferente dunha parte da física, dende aspectos que se estudan no ensino medio como as ligazóns entre átomos a outras que só se citan no curso máis avanzado, como os quarks, ou aínda outras que non soen nin citarse, como os bosón W ou os gluóns.
A charla, a segunda que o programa A Ponte puxo a disposición do IES este curso, supuxo un repaso da historia da física do moi pequeno dende o século XIX ata os nosos días. Unha conferencia que agradou a moitos dos que asistiron (non puidemos comprobar se a todos) e que esperamos poida ter secuela, tanto noutras charlas vindeiras como nos estudos dalgunhas das persoas que atenderon e na visión do mundo de todas elas.
Algunhas publicacións de Cibrán.
Cousas do grupo Fisterra.

2016/01/06

O quecemento global, visto dende Ribadeo

Nun artigo anterior deixei esta gráfica, representando a media de temperaturas, en ºC, ó longo de cada ano do que vai de século en Ribadeo:

Da unha idea de que a temperatura media ten subido en Ribadeo ó longo do século, axustada, algo máis de 0,4 ºC. Dito así, non parece gran cousa. Pero a percepción varía se o miramos doutro xeito. Por exemplo, os días nos que nalgún momento se pasou de 25 ºC en Ribadeo ó longo dun ano. Corresponde á gráfica seguinte:
Nela pódese ver que a media, no que vai de século, pasou de 6 días a 17. É dicir, case un día máis por ano Ribadeo ten temperaturas que nalgún momento sobrepasan os 25 ºC...
E máis visible aínda é a terceira gráfica que deixo, correspondendo cos días de cada ano nos que Ribadeo tivo nalgún momento unha temperatura por baixo de 3 ºC. Neste caso, pasouse dunha media de 23 días por ano a comezos de século a 5 días por ano agora. É dicir, ata o momento, no que vai de século, de media, cada ano Ribadeo tivo un día menos con temperaturas menores de 3 ºC. Naturalmente, este índice deixará de ter validez en breve: non haberá un número negativo de días con temperaturas menores de 3 ºC...
Por que elixín 3 ºC e 25 ºC? Porque a media de temperatura anual estaba cando decicín facer a comparativa case no medio, 14 ºC, e unha folgura de 10 ºC deixaba demasiados días para comparar (as variacións relativas non serían tan grandes) e 12 ºC deixaría un número de días totalmente episódicos, máis difícil de contabilizar estatísticamente...
Evidencias do quencemento global? Non, só testemuñas de que en Ribadeo 'non somos menos' e tamén estamos a desfrutar do que xa escoitei cualificar como 'galicanarias'.
--
Esta entrada participa na LXV Edición do Carnaval de la Física/antroido da Física, que mantén o blog High Ability Dimension.

2016/01/02

A temperie de Ribadeo en 2015: 1.- Temperatura

Temperatura media en Ribadeo, 14,07 ºC
A temperatura media mes a mes pódese representar de diferentes xeitos. Aquí deixo as medias mensuais no que vai de século en Ribadeo notando que o mes máis frío segue a ser febreiro e o máis cálido, agosto (máis abaixo, a táboa cos datos):
Na primeira gráfica apréciase a simetría que se da de temperatura ó longo do ano.
Nesta segunda táboa apréciase a forma da onda case perfecta, despois de 15 anos de datos.
As seguintes dúas gráficas amosan como vai variando a temperatura media dentro do ano dende o día 1 de xaneiro. xusto embaixo, o detalle dos últimos meses de cada ano, onde se aprecia a liña amarela de 2015 que se mantén no outono, con diferenza o máis cálido de todo o século, o que fai situar a media anual de 2015 de temperatura en 14,67 ºC, segunda marca anual e moi próxima á primeira, a do ano pasado (14,70 ºC).

A gráfica equivalente á anterior, pero extendida ó conxunto do ano.
Unha táboa que subministra os datos de parte das gráficas expostas:
Na táboa pódense ver os números correspondentes ó promedio de temperatura de cada ano (1ª liña), promeido de tempertarua mensual no que vai de século (2ª liña) e media acumulada, ano a ano: a temperatura media no século en Ribadeo polo momento é 14,07 ºC, a media máis alta de tódolos finais de ano. É o representado embaixo:

Este último dato, doutro xeito (aumentando os datos día a día, non de xeito anual), preséntase na gráfica seguinte, onde se observa que a media sube nos veráns e baixa nos invernos, pero cada vez axustándose máis, pois a medida que se vai dispoñendo de máis datos unha nova temperatura vai influíndo relativamente menos e menos na media, suavizando a liña.
En desglose anual, a media, posta de dous xeitos diferentes para comparar os anos:

Por último sobre as medias de temperatura, a tendencia das medias anuais no que vai de século, que ven a representar un alza de algo máis de 0,1 ºC cada 3 anos... pu facendo proxección, preto de 4 ºC en 100 anos, en liña con algunhas das predicións de cambio climático manexadas [Nota: as temperaturas nun só lugar durante un número de ano tan escaso pouco poden aportar ás predicións globais para un século]

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.