2016/08/17

Ciencia, difusión, política, promoción

O pasado día 11 organizouse en Ribadeo unha observación astronómica. Velaeiquí a nota de prensa do concello para a súa convocatoria:
"

Novas

Foto observacion 3
SERÁ A PARTIRES DAS 22:30 HORAS

Observación astronómica

11/08/2016
Esta noite haberá unha observación astronómica no Cantón ribadense. É realizada polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller e conta coa colaboración do Concello de Ribadeo, segundo deu a coñecer o concelleiro de Cultura, Farruco Graña.
O edil nacionalista contou que "hoxe, 11 de agosto, vai haber unha observación astronómica á beira do Cantón dos Moreno, a partir das 22:30 horas. Realizaraa persoal do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do programa de divulgación científica TODOCOSMOS, da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) e financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade. Este programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade".
Farruco Graña engadiu que "parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto A Astronomía ao alcance de todos: Colaboración Universidade-Concellos-Organismos Públicos e Empresas, que co acrónimo TODOCOSMOS conta co apoio da FECYT para o ano 2016 e, e nel participan así mesmo moitos concellos. Se queren poder ver con claridade os astros non dubiden en achegarse ata o Cantón dos Moreno e botar un ollo polo telescopio e escoitar as explicacións do persoal do Observatorio Ramón María Aller. Será hoxe, xoves 11 de agosto, a partir das 22:30 horas".
"
Unha vez máis, non puiden ir, o que non impide que poda facer algunhas reflexións ó respecto.
A nota de prensa foi feita o mesmo día da observación, o que nos leva á valoración do impacto da nova nos medios. A actividade estaba prevista dende moito tempo antes, co que se podía ter difundido doutro xeito.
Na imaxe, de outras observacións semellantes anteriores, vese o lugar da observación e as condicións da mesma. É evidente que non é o lugar máis adecuado para unha observación. Si o é para que a xente o vexa e poda sentir curiosidade. Que tal se se achegara un pouco máis unha e outra postura diminuíndo as luces (e polo tanto, a contaminación lumínica) para a observación?
Segundo a nota, o programa ten como fin 'levar a ciencia astronómica a toda a sociedade'. Iso chámase difusión. Na nota aparecen o concello e o programa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, mais nin unha mención a cousas que se poderían ver, aínda en pleno punto álxido das lágrimas de S. Lourenzo, ou á organización sobre o terreo. E iso non é difusión. É máis ben promoción ou política. Algo que non está mal se vai 'na xusta medida' e non só.
En Ribadeo hai un observatorio astronómico nun estado lamentable (hai anos que a cúpula xa tren quedado aberta sen poder cerrar, ou viceversa) nunha casa da ría que nos seus mellores momentos estivo infrautilizada. Houbo xente que se adicaba á promover a astronomía... e a cousa virou. Pero iso é outra historia. E agora estamos a falar de ciencia e a súa difusión (en xeral), e política e a súa promoción (en particular).

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.