2026/05/28

O IES de Ribadeo celebra o seu III Bioblitz para a Gran Semana da Ciencia Cidadá pola Biodiversidade

 

Para celebrar a Gran Semana da Ciencia Ciudadana pola Biodiversidade, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo contou coa colaboración de Belén Pérez Teijo, membro da Xunta da Asociación Fotografía y Biodiversidad e representante do OCB de Ribadeo, e de Nelly Bouso Gasalla, que xunto con Belén forma parte de SOCEME, a Sociedade para a Conservación e Estudo das Mariposas en España. 

Xunto co alumnado de 1º de Bacharelato e coas profesoras Beatriz González e Susi Besteiro, levaron a cabo o III Bioblitz “Explorando o noso xardín”, no que durante un par de horas se rexistraron de maneira intensiva todas as especies presentes no entorno do centro. A actividade desenvolveuse empregando a aplicación móbil ObsIdentify, que permite identificar especies a partir de fotografías xeorreferenciadas e subir automaticamente os datos á plataforma de ciencia cidadá Observation.org.

Nunha sesión posterior ao Bioblitz, Belén Pérez e Nelly Bouso analizaron os rexistros obtidos. Unha vez que os validadores da plataforma revisen as observacións, o alumnado preparará un traballo para presentar os resultados na Feira da Ciencia, que terá lugar os días 10 e 11 de xuño. A experiencia resultou especialmente enriquecedora, pois combina aprendizaxe activa, diversión e sensibilización ambiental. Ademais, contribúe á recollida de datos en lugares e momentos que doutro xeito serían inaccesibles, o que lle dá un gran valor científico. Esta é precisamente a finalidade de Observation.org, plataforma de ciencia cidadá da que Fotografía y Biodiversidad é socia desde hai tres anos e á que xa achegou máis dun millón de rexistros grazas á participación de persoas non especializadas desde 2010, converténdose así en entidade pioneira en España neste ámbito.

Pola súa parte, SOCEME, fundada en 2014, céntrase no estudo e seguimento das bolboretas en España. Tanto Belén Pérez como Nelly Bouso teñen asignados varios transectos dos que envían datos mensualmente desde hai anos, contribuíndo ao coñecemento e conservación destes insectos.

O IES de Ribadeo agradece a Belén Pérez e a Nelly Bouso a súa colaboración e felicita ao alumnado pola súa implicación. Tal e como se destacou na charla final, “só protexemos aquilo que amamos e só amamos aquilo que coñecemos”. Por iso, dedicar parte das clases de ciencias ao traballo de campo segue sendo unha aposta segura para formar cidadanía crítica e comprometida coa natureza.

 

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.