2026/05/28

O IES de Ribadeo celebra o seu III Bioblitz para a Gran Semana da Ciencia Cidadá pola Biodiversidade

 

Para celebrar a Gran Semana da Ciencia Ciudadana pola Biodiversidade, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo contou coa colaboración de Belén Pérez Teijo, membro da Xunta da Asociación Fotografía y Biodiversidad e representante do OCB de Ribadeo, e de Nelly Bouso Gasalla, que xunto con Belén forma parte de SOCEME, a Sociedade para a Conservación e Estudo das Mariposas en España. 

Xunto co alumnado de 1º de Bacharelato e coas profesoras Beatriz González e Susi Besteiro, levaron a cabo o III Bioblitz “Explorando o noso xardín”, no que durante un par de horas se rexistraron de maneira intensiva todas as especies presentes no entorno do centro. A actividade desenvolveuse empregando a aplicación móbil ObsIdentify, que permite identificar especies a partir de fotografías xeorreferenciadas e subir automaticamente os datos á plataforma de ciencia cidadá Observation.org.

Nunha sesión posterior ao Bioblitz, Belén Pérez e Nelly Bouso analizaron os rexistros obtidos. Unha vez que os validadores da plataforma revisen as observacións, o alumnado preparará un traballo para presentar os resultados na Feira da Ciencia, que terá lugar os días 10 e 11 de xuño. A experiencia resultou especialmente enriquecedora, pois combina aprendizaxe activa, diversión e sensibilización ambiental. Ademais, contribúe á recollida de datos en lugares e momentos que doutro xeito serían inaccesibles, o que lle dá un gran valor científico. Esta é precisamente a finalidade de Observation.org, plataforma de ciencia cidadá da que Fotografía y Biodiversidad é socia desde hai tres anos e á que xa achegou máis dun millón de rexistros grazas á participación de persoas non especializadas desde 2010, converténdose así en entidade pioneira en España neste ámbito.

Pola súa parte, SOCEME, fundada en 2014, céntrase no estudo e seguimento das bolboretas en España. Tanto Belén Pérez como Nelly Bouso teñen asignados varios transectos dos que envían datos mensualmente desde hai anos, contribuíndo ao coñecemento e conservación destes insectos.

O IES de Ribadeo agradece a Belén Pérez e a Nelly Bouso a súa colaboración e felicita ao alumnado pola súa implicación. Tal e como se destacou na charla final, “só protexemos aquilo que amamos e só amamos aquilo que coñecemos”. Por iso, dedicar parte das clases de ciencias ao traballo de campo segue sendo unha aposta segura para formar cidadanía crítica e comprometida coa natureza.

 

2026/01/31

NASA Worldview

== (o) == 

Apunta: https://worldview.earthdata.nasa.gov

O anterior é unha ligazón á pantalla de inicio dunha páxina da NASA que permite o seguemento de diversas variables, de lumes a inundacións, pasando por variacións co tempo do campo visible dunha determinada zona da Terra. Para ferregachar, ir na procura de algo moi concreto ou sinxelamente, para pasar o tempo marabillándonos co monitoreo que se pode/poden exercer sobre as actividades na Terra/sobre as nosas actividades, sobre nós.

Unha nota sobre os blog que manteño: Levo un tempo xa longo -máis de dous anos- en cambio moi lento, pero contínuo, migrando a lugares máis libres e tentando ser menos dependente -neste caso, de Google-, polo que, se queres seguirme, toma nota que https://ribadeando.blogspot.com está a ser substituído por https://blogs.amarinha.gal/ribadeando, e o seu url https://ribadeando.com por https://ribadeando.gal. Polo momento, https://fqribadeo.blogspot.com e https://tentandoeducar.wordpress.com e algún outro que non edito dende hai moito máis tempo, seguen sen cambios, pero iso pode cambiar. En caso de ser así, deixarei unha nota como última entrada visible no blog correspondente. Mentres, desaparecín de Facebook, Instagram ou X; a cambio, podédesme seguir en Mastodon en https://amarinha.gal/@Ribadeando e https://mastodon.gal/@agremon e por suposto (de pronto), nos correos electrónicos de sempre e mensaxería en Whatsapp e Telegram

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.