Chegou a décimosexta edición da feira da ciencia de Ribadeo, a versión 2010. Comezou o martes 13 ás 6 da tarde, coa inauguración. O salón de actos do IES Porta da Auga estaba a rebosar. Ós alumnos e profesores do centro agregáronselle representantes doutras comunidades educativas de Ribadeo, antigos profesores, cadros directivos da Consellería de Educación en Lugo, e representantes políticos, encabezados polo alcalde.
Bo, comezar, comezar, comezou ó rematar a edición anterior, como reza no vídeo feito co motivo da primeira feira. Pero ese foi o traballo calado, e agora chegaba o momento de poñerse de gala e ensinar o xa feito.
E ese foi o esprito das charlas na inauguración. Abriu o alcalde, dicindo que deixaba para o final as súas verbas pois consideraba que quenes máis tiñan que dicir eran os educadores. Continuou Alfonso, o Director, que glosou coas súas palabras o traballo dos alumnos ... e tamén dos profesores. É difícil facer un resume, entre didáctica, agradecementos ou visión xeral, pero quedariame coa referencia usada para cristalizar o traballo no propio centro e polo alumnado: só 5 apartados dos máis de 70 non teñen que ver direitamente con esa labor calada de educación e formación no IES. Despois xa foi máis doado: as verbas da Inspectora Xefe colleron o fío deixado e continuárono, e algo parello pasou coas do alcalde, cada un deles na súa versión, técnica ou política, e tendo en conta que antes de ocupar os seus actuais cargos, ambos tiveron relación co centro: a traverso da inspección a primeira, e como alumno e visitante asiduo en anteriores anos, o segundo.
Despois foi a primeira visita a feira, que durou máis do usual noutras edicións, pois as autoridades fixeron o recorrido completo. E aquí non se pode seguir sen facer referencia ó díptico completo, no que como é tamén tradicional, aparecían case todas as cousas a ver, pero non todas, como as figuras de Lissajous ou a Teoría de Cordas, e algunha de máis que se caeu do panel no último momento, como o Acender unha lámpada co corpo (como interruptor). Despois chegaron os pinchos.
E, como a feira comezou, pero aínda non rematou, cabe seguir cun 'continuará'.
... Por certo 10000 en base 2 é o 16 en base 10, ó igual que o binario 10001 corresponde ó 17 decimal ... outro número de feira seguinte.