Amosando publicacións coa etiqueta Medio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Medio. Amosar todas as publicacións

2026/01/31

NASA Worldview

== (o) == 

Apunta: https://worldview.earthdata.nasa.gov

O anterior é unha ligazón á pantalla de inicio dunha páxina da NASA que permite o seguemento de diversas variables, de lumes a inundacións, pasando por variacións co tempo do campo visible dunha determinada zona da Terra. Para ferregachar, ir na procura de algo moi concreto ou sinxelamente, para pasar o tempo marabillándonos co monitoreo que se pode/poden exercer sobre as actividades na Terra/sobre as nosas actividades, sobre nós.

Unha nota sobre os blog que manteño: Levo un tempo xa longo -máis de dous anos- en cambio moi lento, pero contínuo, migrando a lugares máis libres e tentando ser menos dependente -neste caso, de Google-, polo que, se queres seguirme, toma nota que https://ribadeando.blogspot.com está a ser substituído por https://blogs.amarinha.gal/ribadeando, e o seu url https://ribadeando.com por https://ribadeando.gal. Polo momento, https://fqribadeo.blogspot.com e https://tentandoeducar.wordpress.com e algún outro que non edito dende hai moito máis tempo, seguen sen cambios, pero iso pode cambiar. En caso de ser así, deixarei unha nota como última entrada visible no blog correspondente. Mentres, desaparecín de Facebook, Instagram ou X; a cambio, podédesme seguir en Mastodon en https://amarinha.gal/@Ribadeando e https://mastodon.gal/@agremon e por suposto (de pronto), nos correos electrónicos de sempre e mensaxería en Whatsapp e Telegram

2024/01/10

500 boliñas cada metro de costa

O buque do sinistro, un de tantos. Collido da Wikipedia, foto tomada por Bahnfrend, lic. CC BY SA 4.0

    Onte, a conta dos 'pellets' que invaden a costa, un grupo de amigos tivemos na rede unha pequena discusión. Pola miña parte, fixen unhas contas rápidas que presento aquí e dan lugar ó título.

    Non discuto a posibilidade do seguinte desastre (haberao si ou si, visto o corredor de paso por Finisterre ou a vixiancia efectiva) ou toxicidade dos grans (que parece cambiar cas horas nun sostido fogo mediático político) señon que espoño sinxelamente que pola súa cantidade, son un impacto no medio a considerar. Aínda que non sexan velenosos ou non se descompoñan pouco a pouco dando lugar a microplásticosm ambas cousascon posibilidades. Non fai falta que sexa un Prestige para que sexa un desastre, igual que non fai falta para observar que a administración pode ter a visión e a xestión centrada noutros puntos ben diferentes da xente ou o ambiente.

    Os datos: máis de 25 toneladas de pellets(1) flotando no mar(2) e chegando ás costas(3), polo de agora principalmente ás galegas(4) en forma de grans duns 0,3 - 0,4 cm de diámetro(5) (non son exactamente esféricos nin iguais).

    Collamos os datos máis favorables, os que menos impacten, e fagamos contas.

    25 toneladas de auga son 25 m3. De boliñas, serán máis, pero collamos os 25 m3

    Se as boliñas son de 0,4 cm de diámetro, temos que cada unha ten un volume V = (4/3)·π·0,23 cm3, ou sexa, 0,032 cm 3.

    Dividindo o volume total entre o de cada boliña, (25 000 000 cm3/ 0,032 cm3) , da case oitocentos millóns de boliñas. Repito, sempre tirando polo baixo.

    Dividindo eses 800 millóns entre 1600 km de costa, da medio millón de boliñas por cada km, isto é, 500 por cada metro, sexa praia ou rochedo. 500 como mínimo, que psr iso collimos os datos máis favorables. Iso sí tomando que todas veñan a parar a Galicia, o  que non é certo, e que todas xa viñeran a parar a terra, cousa que tampouco o é, así como que a distribución sexa equivalente por toda a costa, que tampouco o é (agarraranse máis ó terreo na praia, o fondo dunha ría non se verá igual de afectado que a boca...)

    Con toda a crítica que se poda facer ó cálculo anterior, estimo que non deixa de ser unha boa primeira aproximación que dá idea de a que nos estamos a enfrontar. A poboación e o medio, non os políticos. Animo a ver algo máis do tema na Galipedia, aquí ou aquí.

--

1 26,2, toneladas, din algunhas fontes atribuíndo o dato a quen os transportaba.↩

2 Logo con densidade menor ca 1 kg/L↩

3 Aínda queda, suponse, moito por chegar.↩

4 De dimensións algo variables segundo consideracións, pero sempre case dobre que Asturias, Cantabria e o País Vasco xuntos: preto duns 1600 km segundo o IGN, aínda que a Xunta reduce a súa lonxitude. Asemade, por desastres anteriores, é previsible que a maioría sigan chegando ás costas galegas.↩

5 Non son exactamente esféricos nin iguais, habendo tamaños aínda máis pequenos, o que aumentaría o seu númeto total.↩

2023/12/01

Terremoto de intensidade 3,3 en Oroso (Santiago)

    Os datos resumidos recollidos polo IGN do terremoto de hoxe preto de Santiago son:

Captura de pantalla de http://www.ign.es/web/ign/portal/ultimos-terremotos/-/ultimos-terremotos/getDetails?evid=es2023xlxvp&zona=1#

    Outros datos complementarios están dispoñibles na web do Instituto Xeográfico Nacional (IGN)

Un iceberg como media provincia de Lugo

ESA 2023, lic. CC BY-SA 3.0 IGO

2023/06/30

O futuro no mar

   Foto da ESA, tomada de https://www.esa.int/ESA_Multimedia/Images/2023/06/Earth_from_Space_Southwest_Netherlands (CC BY SA 4.0)

    Pode ser unha afirmación. É unha pregunta. A imaxe de arriba, a zona sur oeste dos Países Baixos e o Mar do Norte que enfronta, abrangue uns 150 km no sentido horizontal. Nela pódense advertir dende os peiraos de Rotterdam, os maiores de Europa, cara arriba e á dereita, ós barcos no mar. Mais tamén, se nos fixamos, unha formacion estrana de puntos no mar, ordeadiños na parte inferior esquerda da imaxe. Que é? un 'campo' de xeradores eólicos abondo maior que a extensión do concello de Ribadeo, un concello de tipo mediano de Galicia. Coa actual polémica pola prantación abusiva de eólicos no noso mar ou na nosa terra, algo a ter en conta e a estudar.

2023/02/26

Xogando cos asteroides impactando a Terra

    Esta tempada pasada deuse a nova de que un pequeno asteroide impactou contra a Terra, 'morrendo' no intento. As consecuencias dunha cousa así, un 'impacto astronómico', dependendo do tamaño do asteroide, a súa composición, a súa velocidade relativa ou mesmo o lugar de impacto, poden variar moitísimo.

    Para ollar algunhas posibilidades, hai algún tempo descubrín unha páxina web onde se pode facer unha simulación, variando diversos parámetros (entre eles, o lugar de impacto!) e obter resultados de como pode ser o cráter, a destrución causada, etc.

    Mellor que falar sobre el, é probalo. Velaeiquí a ligazón: https://neal.fun/asteroid-launcher/

    E unha captura de pantalla para un pequeno asteroide de só 20 m de diámetro impactando cun ángulo de 45 º a unha velocidade de 19 km/s sobre Ribadeo:




 

2022/04/05

Conxunto sobre o clima

Unha das 28 páxinas de portada

    Hai algún tempo, a ESA produciu o 'climate kit', un pdf cun certo nivel de interacción para procurar máis información en cada parte. Unha vez repasado, coido que é cousa de darlle difusión pola cantidade de información  (sobre todo, con soporte gráfico) que é capaz de subministrar.

    Se tes interese, boa lectura!

    Unha nota: está en inglés, pero os datos básicos son comprensibles cun nivel baixo.

2022/03/02

A ciencia segue a subir o nivel de alarma climática

    Hoxe por hoxe, o desafío / cambio climático mantense entre os principais a solventar nos próximos anos. Evidentemente, non é o único, aí está a guerra para que non o esquezamos, ou os avisos de falta de litio para as baterías, por non citar máis que dous feitos alarmantes cara ó futuro, e que se sumarían nunha rede de problemas máis difícil de sulucionar en conxunto que por separado, e que afecta ó noso medio vital.

    Volvendo ó clima, o pasado 28 de febreiro foi liberado un novo informe sobre o cambio climático. Recollo abaixo un resume traducido do mesmo, realizado a partir do feito pola ESA no interior do artigo https://www.esa.int/Applications/Observing_the_Earth/Space_for_our_climate/Satellites_support_latest_IPCC_climate_report: 


'O informe usa evidencia de máis de 34000 fontes científicas e amosa como tormentas extremas, secas, inundacións, vagas de calor e incendios están causando disrución na produción de alimentos, interferindo con pesca e acuicultura, causando dano ás cidades, infrastrutura e caúde humana.

Chaves rápidas:

* O cambio climático xa ten causado “danos substanciais e incrementado perdas irreversibles, en ecosistemas terrestres, de augas doces e costeiras e marinos abertos”.

* Os crecentes eventos extremos de temperie e clima “teñen exposto a millóns de persoas a unha inseguridade alimentaria aguda e reducido a seguridade da auga”, podéndose ver os impactos máis significativos en partes de África, Asia, América Central e do Sur e o Ártico.

* Do 50 ó 75% da poboación mundial pode estar exposta a periódos de “condicións climáticas perigosas para a vida” debido á extrema calor e humidade para 2100.

* O cambio climático “incrementará a presión sobre a comida e a súa produción e acceso, especialmente en rexións vulnerables, minando a seguridade alimentaria e a nutrición”.

O informe fai un chamamento para unha acción ambiciosa e acelerada para adaptarnos ó cambio climático e facer recortes rápidos e profunedos nas emisións de gases de efecto invernadoiro.

2022/02/08

Día Mundial dos Humedais na Ría de Ribadeo

     Corto e pego unha nova que apareceu en https://www.edu.xunta.gal/centros/iesribadeo/?q=node/945 e posteriormente en La Comarca del Eo de 12 de febreiro.


 

 Día Mundial dos Humedais na Ría de Ribadeo

    Para conmemorar o Día Mundial dos Humedais, que se celebra cada 2 de febreiro e que este ano ten por lema “Actuar polos humedais é actuar pola humanidade”, o alumnado de 4º ESO de Bioloxía saíron á ría acompañados pola profesora Susi Besteiro para estudar a ría como ecosistema e tomar conciencia do importante que é a súa conservación.

    Nas distintas paradas observamos un bó número de aves invernantes axudados polos prismáticos e telescopio. Como a marea estaba baixando, nas zonas da enseada da Lieira xa descubertas, as limícolas como correlimos (Calidris alpina) e zarapitos (Numenius arquata) non perdían o tempo para alimentarse peteirando no fango. Nas zonas onde aínda había auga, as nadadoras como os patos asubións (Anas penelope), rabudos (Anas acuta) e alavancos reais (Anas platyrhynchos), buscaban algo para comer filtrando a auga e as zancudas como garzas (Ardea cinerea), garcetas (Egretta garzetta) e cullereiros (Platalea leucorodia), camiñaban polas láminas de auga cada unha co seu estilo propio. As espátulas mergullando o seu peteiro alongado vadeaban polas pozas, as garcetas peteiraban para extraer invertebrados acuáticos ou algún verme e as garzas reais con movementos sumamente lentos, tirábanse con forza sobre os peixes para ensartalos co seu peteiro que semella un arpón. Había gran actividade na ría, facía bo día e non era tempo de descanso excepto para os madrugadores cormoráns (Phalacrocorax carbo) que xa fartos de peixe, repousaban coas ás abertas para secar a plumaxe en zonas como o tesón, ou en illotes. Tamén pola beira galega, estaba en acción unha das águias pescadoras (Pandion haliaetus) e observamos o pousadeiro que teñen no medio da ría así como o “señuelo” que lle puxeran na beira asturiana o primeiro ano que invernou aquí unha delas, Panchita, para que pensara que tiña compañía.

    Foi unha mañá moi agradable na que aínda que nos centramos na observación de aves invernantes, tamén aproveitamos para distinguir os grandes grupos de vexetación segundo a salinidade que soportan. As máis halófilas son as pradeiras mergulladas de Zostera que quedan ó descuberto en baixamar na Lieira e son das de maior extensión do Cantábrico. Despois, a partir da enseada de Vilavedelle, comezan a aparecer os xuncais e nunha posición máis retrasada, dende Porto ata Abres, os carrizais ou canaveirais que prefiren augas menos salgadas.

    En definitiva, unha clase distinta para dar a coñecer o noso patrimonio natural e concienciar sobre a importancia da súa conservación. Feliz día dos Humedais!

Susi Besteiro Cabanas

Dpto de Bioloxía do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

2021/10/30

Terremotos? Si, claro

    Como xa saberás, na noite de xoves a venres houbo un terremoto con epicentro pŕoximo a Galicia de intensidade 4,4 mbLg, que se deixou sentir en toda a zona norte, e por suposto, dentro dela, na Mariña. Eu sentino, entre soños díxenme 'isto é un terremoto suave', din media volta (na cama) e seguín ó meu, que naquel momento era durmir.

   A Terra está 'viva', e maniféstao de diversos xeitos, sexa na procura de novos equilibrios ecolóxicos que tenten reequilibrar os desequilibrios que se van producindo, sexa polo cambio climático ó cambiar a constitución atmosférica, ou sexa polo movemento de placas tectónicas impulsado pola transferencia de calor calor interno que aínda conserva a Terra dende a súa constitución como planeta, entre outros casos que manifestan esa vitalidade do planeta. Atención, vitalidade non significa que, no que en relación ó mantemento da nosa vida, non estea a esmorecer e podamos empregar a imaxe de que 'a Terra morre': somos nós os que, polos cambios na Terra, temos peores condicións vitais (nosas).

   Volvendo ós terremotos. Prodúcense por movementos desas placas que lle dan armazón á superficie terrestre, a modo de exoesquelete. Cando dúas placas se moven de xeito relativo (ou dúas partes máis pequenas delas, subplacas, o fan, ou mesmo a liberación de tensións internas dentro dunha subplaca), pode ser para xuntarse, golpeando unha contra outra e onde unha tenderá a ir por riba da outra, para separarse, creando un espazo entre elas polo que pode saír material do interior terrestre, ou de xeito lateral unha esvarando en relación a outra. En calquera dos tres casos poden producirse terremotos, ó non ser os movementos suaves, senón producirse a saltos, cando vencen a resistencia (o 'rozamento') que ofrece o propio terreo. Ademais, poden producirse por outras causas, como os volcáns, como está a suceder na illa da Palma.

   O caso da chamada 'falla de Triacastela', que se chega dende a montaña do sur de Lugo ata o Cantábrico despois de pasar pola zona de Viveiro corresponde a unha raxa menor no interior da cortiza terrestre, que de cando en vez deixa terremotos, máis ben cara ó seus extremos, na zona de Triacastela ou no mar a uns 50 km da costa, como neste caso, onde se produce a discontinuidade da placa continental paralela á costa Cantábrica.(1)

   Cabe dicir que os movementos terrestres están á orde do día. Na páxina web do Instituto Xeográfico Nacional rexístranse uns cantos terremotos tódolos días, e iso, porque teñen que poñer un límite de intensidade mínima para cortar a lista nalgures, pois noutro caso, a lista sería interminable. Ademais, cando se produce un axuste relativamente grande na cortiza terrestre, non queda 'exacto', tendo a continuación xeralmente movementos de reaxuste máis pequenos nas proximidades do 'grande'. É dicir, sismos de menor intensidade, ós que se lles chama 'réplicas'. Así, neste caso houbo unha réplica ó pouco tempo, menos de 25 minutos despois. 

   Deixo dous anacos da lista do IXN para comparar. Na primeira columna, a magnitude: a maior magnitude, máis intensidade. Na segunda columna, data e hora, en UTC, é dicir, para a hora legal peninsular, a piques dun novo cambio horario, hai que sumarlle 2: o que aparece como as 4:32 UTC nos nosos reloxos terían codificados, leríamos '6:32', (hora legal en España peninsular). Nos lugares, sobresaen a cantidade detectada na illa da Palma (ILP), sexa no concello de Fuencaliente ou en Villa de Mazo. Nesa mesma columna, para os terremotos de maior magnitude, tamén aparece a intensidade máxima, unha especie de 'tradución' da magnitude a outra escala para equiparar os efectos de destrozos dos diversos terremotos. A última columna que aparece é a profundidade do epicentro, é dicir, do lugar onde se orixina o terremoto:


   Vemos que o terremoto 'do Cantábrico' produciuse ás 04:32:11 UTC, cunha intensidade de 4,4, a 92 km de Ribadeo (65 km de Burela, 58 km de Viveiro ou 42 km de Estaca de Bares), e unha réplica ás 04:56:00 UTC con intensidade 2,3. Os datos totais brindados na web indican claramente a posición, aínda que neste caso non dan a profundidade do epicentro do sismo máis intenso (aínda que si do menos intenso, 4 km):



   Pódese observar que a réplica foi un terremoto abondo superficial, e, no mapa, asemade xa na beira da placa continental. Ademais, as caracteríticas de ambos terremotos non os facían produtores de maremotos. Por sorte, pois ó estar tan próximos á costa, o tempo de chegada, e polo tanto, o tempo de evacuación aínda para os lugares máis apartados da Mariña tería sido menor de unha hora.
   Un resume de terremotos recollidos polo IGN na mesma zona nestes tres días é:
   Nunha escala máis ampla, o mapa de terremotos recollidos nas proximidades de territorio español, resume destes tres últimos días sería:
   Onde vemos que se destaca o terremoto do Cantábrico, por ser dos importantes na zona nese período, pero sobre todo, a estrela na illa da Palma, pola acumulación de sismos, algún significativamente máis intenso que o do Cantábrico.
-
Agunhas entradas sobre terremotos próximos, no blog:
-

Cŕedito das imaxes: IGN, permiso de reuso da información do sector público, capturadas o sábado 30 de outubro de 2021.

--

1 O coñecemento da zona está progresando día a día. O último artigo científico publicado sobre o fenómeno dos terremotos na zona, en particular en relación coa falla Cantábrica foi hai poucos días, aquí (e non inclúe ningunha 'falla de Triacastela', aínda que si a de Viveiro ou a de Valdoviño, que rematan, en particular a primeira, próximas a Triacastela, e a primeira aemáis segue o camiño cara ó mar que corresponde co que teño visto da 'falla de Triacastela').↩

 

2021/03/21

Reflexionando nun día de cambio de tempada: ciencia e lingua

   21 de marzo. Equinoccio, saída do inverno e comezo da primavera. Día de cambio, onde o a luz do día xa predomina sobre a noite no hemisferio norte, razón quizais pola que foi proclamado día da árbore... Un día de cambio, de novos equilibrios.

   Caeu na miña man un artigo sobre 'como o inglés deviu a lingua da física', que me fixo pensar sobre esta lingua nosa na que estou a escribir, o galego.

   Primeiro, un resume: O latín, lingua coñecida pola xente culta do renacemento, a que sabía ler, foi o vehículo ideal para pasar a unha lingua coñecida os escritos gregos descubertos daquela. Aló polos anos 1800, o coñecemento do latín xa non era tan estendido, e en Europa habí tres linguas que competían a nivel científico: inglés, alemán e francés. Os intercambios facíanse combinándoas, podendo haber intercambio epistolar no que unha parte escribira nunha lingua e a outra, noutra. No primeiro terzo do século XX, Alemaña destacaba no campo da física, e era a meca de quen aspiraba a formarse e desenvolver unha carreira científica, comezando a tomar avantaxe. Mais os nazis, coa súa persecución dos xudeus -unha parte considerable dos científicos alemáns por aquel entón- o negacionismo científico nalgúns campos, e a perda da guerra, esnaquizaron esa preeminencia. Na outra beira do atlántico, con máis cartos despois da guerra, os científicos emigrados alí xunto cos locais, fixeron posible que a ciencia nos EEUU se despegara por riba do nivel europeo, atraen máis científicos para a súa formación e desenvolvemento, e facilitando o despegue das revistas científicas en inglés. Aínda así, naqueles tempos en Rusia houbo un despegue científico grande, mais a influencia do ruso quedou truncada pola decisión das autoridades soviéticas de cerrar as revistas científicas rusas con artigos en inglés, mentres nos EEUU se financiou a tradución do ruso ó inglés, incrementando a potencia científica desta lingua mentres Rusia se illaba prexudicando a súa produción científica.

   Que repercusión ten isto nunha lingua minorizada, sen estado que a defenda (e cunha defensa deficiente por outras institucións), nun páramo científico no que son escasos os resaltes? Pois diría, para comezar, que en física iso ven a eliminar a preeminencia do castelán, xa que a publicación é en inglés, non en castelán, que queda a un nivel semellante ó galego...

   Non é para un alba de groria, mais a reflexión amorosa sobre ciencia e lingua pode favorecer a ambas e á xente que a fai e os seus sucesores: non é o mesmo facer ciencia (ou outra cousa) nun idioma aprendido que nunha linga nativa. E a lingua é un dos pés vitais cos que contamos, unha parte viva de nós mesmos que se desenvolve nun equilibrio ecolóxico con outras semellanes que non son nosas do mesmo xeito que nós non somos delas.

2021/01/28

28 de xaneiro: 23 anos do protocolo de Quioto

Mapa de TUBS en Commons. Lic. CC BY SA 3.0

   Kioto, cidade xaponesa, acubillou no 1998 o cume do clima que resultou no protocolo de Quioto, un amago de acordo mundial para enfrontármonos a un reto tamén mundial, o cambio climático, no que cada vez ten un protagonismo maior a humanidade. Algo que xa viña sendo advertido polos científicos dende moitos anos antes: en 1975, o xeofísico Wallace S. Broecker (1931-2019) publicou un artigo en Science, “Cambio climático: ¿Estamos ó borde dun quecemento global pronunciado?”

   E 23 anos despois, neste día 28 de xaneiro adicado ó clima pola ONU, seguimos a peor. O ano pasado, en plena pandemia, batíronse marcas de CO2 na atmosfera e de temperaturas e fenómenos climáticos extremos. E este ano non pinta diferente.

   Claro que se está comezando a tomar medidas, con moito atraso, que miran a neutralizar o avance do dióxido de carbono na composición atmosférica. Dende a produción eléctrica ó uso de transportes eléctricos, pasando pola universalidade das luces led. Pero, dentro dun tipo de comercio capitaneado polo capital, hai que esperar a que a rendibilidade económica prevaleza para seguir adiante. E a natureza non está ó servizo da economía, aínda que así llo pareza a moita xente en moitas circunstancias. Pero a natureza e o equilibrio químico no planeta non entende de capitalismo.

   A máis da páxina sobre cambio climático da ONU, non moitos datos e ligazóns, a modo de lembranza, deixo un vídeo curto sobre o que nos afecta do cambio climático...



2020/12/10

Quen dixo cambio? O dióxido de carbono, a temperatura, o noso futuro...

   Isto vai de cambio climático. E de cambio nas emisión pola pandemia, é dicir, no cambio da intervención humana no clima por mor de estar en plena pandemia.

   Pois resulta que o cambio climático está fortemente relacionado coa presenza de dióxido de carbono na atmosfera. O dióxido de carbono producímolo nós o respirar, pero comezou a acumularse na atmosfera (e no mar) ó medrar o uso de hidrocarburos para queimar, en usos de transporte ou industria, entre outros. Co parón da pandemia do coronavirus, había quen se fixera ilusións de que ía frear o ascenso da contaminación deste gas. Os gráficos a continuación, que resumen datos ata o mes pasado, botan por terra esa esperanza: seguiuse a contaminar máis ou menos ó mesmo ritmo que se viña facendo. Mentres, en consecuencia, este ano será un dos máis cálidos dos que hai rexistros...

Comparativa anual dende os anos 50. A liña vermella é a medida media no mes correspondente. A negra, unha vez desestacionalizados os datos.

Comparativa dos últimos anos.

A anterior gráfica, coa liña entre novembros para ver a evolución neste ano 2020.

Os datos están tomados de https://www.esrl.noaa.gov/gmd/ccgg/trends/

Sobre o dióxido de carbono na atmosfera no blog Ribadeando.

Sobre o dióxido de carbono na atmosfera neste blog.

O artigo anterior desta serie.

2020/11/13

27 anos, 9 cm máis alto: o mar invade a costa.

Non, non é que a Terra afunda, senón que o nivel do mar sube porque o mar cada vez ten máis volume, debido a

a) dilatación por elevación da temperatura

b) máis masa por derretemento dos xeos 'perpetuos' 

A razón de 3,2 mm por ano por termo medio a nivel mundial e nos 27 últimos anos. Pero a tendencia está a medrar, cada vez sube máis rápido, como pode verse nesta gráfica da ESA:




2020/10/08

Confirmando o malo... CO2

 

Nos comezos da pandemia foi evidente que o parón vital producido polas medidas tomadas mellorou a calidade do aire, en particular nas zonas máis contaminadas, con todos os beneficios correspondentes. Iso fixo xurdir nalgunha xente a esperanza de reverter a contaminación e os seus efectos de xeito duradeiro a partir da pandemia. Os gráficos anteriores desmínteno, na mesma liña que no blog xa o espuxen aquí: o dióxido de carbono segue a aumentar sen practicamente variación en relación a outros anos... 

É algo lóxico que mentres seguimos facendo as cousas máis ou menos igual, seguimos obtendo resultados máis ou menos semellantes. Algo que, ademáis, pode ter retroalimentación, como está amosado que pasa coa suba de temperaturas, con diversos efectos aceletradores e retardadores, nos que parece que os primeiros son máis importantes.

2020/09/22

Boas novas, malas novas... cambio climático e nós

Hoxe a ESA emitiu un documento de recoñecemento dun feito: os mares están absorbendo máis dióxido de carbono que o se pensaba. É un bo dato, pois sinala que os mares están axudando máis do previsto á regulación climática e medioambiental da Terra.

Mais ese bo dato enmascara unha realidade peor do pensado, pois a pesar da absorción marina, o dióxido de carbono na atmosfera segue a medrar cada vez máis rápido, e o quecemento global, igual: eses datos non varían pola corrección que indica o documento. E máis, se o mar está absorbendo CO2 máis rápido do previsto, significa que se achegará antes ó límite, e polo tanto, que deixará de absorber/ralentizará a absorción antes do previsto, variando ademáis o seu pH de xeito máis rápido, afectando ó coral, ó esquelete dos peixes... e a nós.

Temperatura (liña negra) e dióxido de carbono (liña e sombra azul). A temperatura media medrou 1º C dende mediados do século pasado. O dióxido de carbono na atmosfera aumentou 1/3 no mesmo período.


2020/05/22

Aprende ciencia na casa co CSIC

Hoxe recapturei unha ligazón que tiña en espera para mirala: https://www.csic.es/es/agenda-del-csic/aprende-ciencia-en-casa-con-el-csic
Coido que esa entrada do blog de novas do CSIC, Consello superior de Investigacións científicas, ten a capacidade de atraer a atención da xente cun mínimo interese na ciencia e a formación cientifica. Traduzo e adapto:

O CSIC conta cunha morea de recursos online para achegarse á ciencia e disfrutala de moitos xeitos. 
Exposicións e museos virtuais, debuxos animados e outros vídeos, blogs, experimentos, xogos, apps e libros. Algunhas propostas para aprender ciencia na casa de xeito divertido:

1.XOGOS, EXPERIMENTOS E MATERIAIS DIDÁCTICOS​


AUDIOVISUAIS


Propostas didácticas

Ciencia para todas as idades

CONFERENCIAS DE DIVULGACIÓN


CONCURSOS E CERTAMES


BLOGS E PROGRAMAS DE RADIO


REVISTAS E ENTREVISTAS DIGITAIS


LIBROS DESCARGABLES


EXPOSICIÓNES DESCARGABLES E MUSEOS VIRTUAIS


2019/12/22

Material dunha ruta xeolóxica en Ribadeo: As Catedrais


Coido que é de interese para coñecer ben o noso entorno: o Colexio Oficial de Xeólogos remata de facer público na súa páxina material (trípticos e unidades didácticas) sobre 12 rutas xeolóxicas de Galicia, entre elas, unha nas Catedrais. Non deixa de ter interese para o noso entorno, non só para xente 'en formación', senón para calquera que queir estar 'mellor informado'. As ligazóns son estas:
Díptico 'Augas Santas'
Libro Secundaria 'Augas Santas'

2019/09/18

Unha chamada (máis) de atención

Remato de ver unha gráfica por enésima vez. Por primeira vez decateime dun dato que representa.

A cousa é que se se collen os máximos anuais (os picos da parte de arriba dos dentes de serra), en 1958 representaba unha concentración de 317 ppm, e en 2019, de 414 ppm. É dicir, en 61 anos, un aumento de máis dun 30 % sobre unha situación en inicio que xa estaba viciada pola contaminación (as 280 ppm sobrepasáronse de xeito consistente sobre o ano 1800), e segue a aumentar. Que significa? Pois básicamente, que o efecto invernadoiro causado polo CO2 leva aumentado un tercio dende mediados do século pasado. Tendo en conta que o efecto invernadoiro normal permite que nós vivamos sobre a superficie da Terra ó favorecer un aumento da temperatura media de máis de trinta ºC, e que o planeta ten unha enorme inercia térmica, é para botarse a tremer pensando o que podería aumentar a temperatura aínda sen aumentar os niveis actuais de concentración de CO2 Por sorte, o CO2 non é o único gas de efecto invernadoiro, é dicir, o único gas que contribúe a ese aumento da temperatura (por exemplo, o vapor de auga tamén inflúe), pero tampouco é o único que temos descontrolado.
Collendo un vello refrán, a deus rogando e co mazo dando, encomendémos, crucemos os dedos e traballemos a favor do control que o noso planeta intenta, polo momento, en contra das nosas actuais accións contaminantes.
Máis datos? https://scripps.ucsd.edu/programs/keelingcurve/permissions-and-data-sources/

2018/11/15

As Pontes: 150 kg de CO2 por cada español

Recollendo datos de Eldiario.es (artigo "¿A cuántos coches equivale el CO2 emitido por la central de carbón más grande de España? "), temos que a emisión de CO2 de As Pontes foi de 6 930 000 toneladas en 2016. Entre 47 000 000 persoas que é o censo, a cousa anda preto de 150 kg/persoa. Ou equivalente, en coches, a 2 300 000. Botando contas da enerxía que necesita unha persoa para vivir e o dióxido de carbono que se produce ó queimar azucre, sae unha produción duns 800 g de dióxido de carbono producido por persoa viva ó día, uns 300 kg ó ano, ou máis de 20 000 000 de persoas para producir unha cantidade de CO2 (só CO2) equivalente á das Pontes.
Se te parece raro, podes incorparar, con eses mesmos números, que un coche produce unha cantidade de dióxido de carbono por termo medio anual, equivalente a unhas dez persoas.
... Que teñamos sorte coa transición enerxética...
Fume negra

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.