Corto e pego unha nova que apareceu en https://www.edu.xunta.gal/centros/iesribadeo/?q=node/945 e posteriormente en La Comarca del Eo de 12 de febreiro.
Día Mundial dos Humedais na Ría de Ribadeo
Para conmemorar o Día Mundial dos Humedais, que se celebra cada 2 de febreiro e que este ano ten por lema “Actuar polos humedais é actuar pola humanidade”, o alumnado de 4º ESO de Bioloxía saíron á ría acompañados pola profesora Susi Besteiro para estudar a ría como ecosistema e tomar conciencia do importante que é a súa conservación.
Nas distintas paradas observamos un bó número de aves invernantes axudados polos prismáticos e telescopio. Como a marea estaba baixando, nas zonas da enseada da Lieira xa descubertas, as limícolas como correlimos (Calidris alpina) e zarapitos (Numenius arquata) non perdían o tempo para alimentarse peteirando no fango. Nas zonas onde aínda había auga, as nadadoras como os patos asubións (Anas penelope), rabudos (Anas acuta) e alavancos reais (Anas platyrhynchos), buscaban algo para comer filtrando a auga e as zancudas como garzas (Ardea cinerea), garcetas (Egretta garzetta) e cullereiros (Platalea leucorodia), camiñaban polas láminas de auga cada unha co seu estilo propio. As espátulas mergullando o seu peteiro alongado vadeaban polas pozas, as garcetas peteiraban para extraer invertebrados acuáticos ou algún verme e as garzas reais con movementos sumamente lentos, tirábanse con forza sobre os peixes para ensartalos co seu peteiro que semella un arpón. Había gran actividade na ría, facía bo día e non era tempo de descanso excepto para os madrugadores cormoráns (Phalacrocorax carbo) que xa fartos de peixe, repousaban coas ás abertas para secar a plumaxe en zonas como o tesón, ou en illotes. Tamén pola beira galega, estaba en acción unha das águias pescadoras (Pandion haliaetus) e observamos o pousadeiro que teñen no medio da ría así como o “señuelo” que lle puxeran na beira asturiana o primeiro ano que invernou aquí unha delas, Panchita, para que pensara que tiña compañía.
Foi unha mañá moi agradable na que aínda que nos centramos na observación de aves invernantes, tamén aproveitamos para distinguir os grandes grupos de vexetación segundo a salinidade que soportan. As máis halófilas son as pradeiras mergulladas de Zostera que quedan ó descuberto en baixamar na Lieira e son das de maior extensión do Cantábrico. Despois, a partir da enseada de Vilavedelle, comezan a aparecer os xuncais e nunha posición máis retrasada, dende Porto ata Abres, os carrizais ou canaveirais que prefiren augas menos salgadas.
En definitiva, unha clase distinta para dar a coñecer o noso patrimonio natural e concienciar sobre a importancia da súa conservación. Feliz día dos Humedais!
Dpto de Bioloxía do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
Ningún comentario:
Publicar un comentario