2023/03/17

Se aplanáramos a Terra...

Representación do Mundo Anel, collida de https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Ringworld.jpg, lic. CC BY SA por Hill~commonswiki

 

Se aplanáramos a Terra...

    Hai pouco, nun blog de humor de ciencia, atopei o 'aplastamento dos planetar e lembrei unha novela de ciencia ficción de hai tempo, 'Mundo anillo', de Larry Niven. Nela, a acción transcorre nun mundo artificial construído arredor dunha estrela formando un anel de milleiros de km dunha a outra beira. Ó lembrar o feito, non puiden menos que aplicarme ós cálculos e saber, no caso da Terra, que grosor tería un anel semellante trazado sobre a súa órbita, dunha distancia entre beiras igual á que hai entre os polos terrestres, e construído coa mesma cantidade de material que a Terra.

    Lembro só un par de datos: podemos considerar que a Terra é unha esfera cun radio duns 6340 km que dá voltas arredor do Sol nunha órbita case circular de 150 millóns de km de radio. Non fan falta máis. Co primeiro, r, o radio da Terra, obtemos que a Terra ten un volume de (4/3)··r³, isto é, arredondando, 10²¹ m³. Co segundo, R, radio da órbita da Terra, e o radio terrestre r, temos a superficie cara ó Sol do anel, 2··R·(2r), ou sexa, 1,2·10¹⁹ m². Dividindo ambas cantidades, danos 90 m, que sería o grosor do anel do tamaño da órbita terrestre e largura a distancia entre polos terrestres que poderiamos construír usando só o material que nos proporciona a Terra.

    Unha curiosidade...

2023/03/04

Venus e Xúpiter

    Estes días, vistos dende a Terra, Venus e Xúpiter están próximos entre si no ceo. vense ó anoitecer movéndose ambos co movemento da Terra cara ó SO, Venus, moi brilante, sobre a posición de Xúpiter, tamén brilante e visible antes de que aparezan moitas estrelas. No campo, sen nubes, identifícanse moi ben. Nas vilas, a luz ambiente nouturna e os edificios fan máis difícil a súa visualización. Deixo unha foto tomada ás oito da noite de hoxe en Covelas, Ribadeo, onde se ve sobre todo unha farola como luz de contraste sobre as menos intensas 'estrelas errantes' Venus e Xúpiter, no centro da imaxe, sen distinguirse outras estrelas e podendo ver a separación entre terra e ceo.



2023/02/26

Xogando cos asteroides impactando a Terra

    Esta tempada pasada deuse a nova de que un pequeno asteroide impactou contra a Terra, 'morrendo' no intento. As consecuencias dunha cousa así, un 'impacto astronómico', dependendo do tamaño do asteroide, a súa composición, a súa velocidade relativa ou mesmo o lugar de impacto, poden variar moitísimo.

    Para ollar algunhas posibilidades, hai algún tempo descubrín unha páxina web onde se pode facer unha simulación, variando diversos parámetros (entre eles, o lugar de impacto!) e obter resultados de como pode ser o cráter, a destrución causada, etc.

    Mellor que falar sobre el, é probalo. Velaeiquí a ligazón: https://neal.fun/asteroid-launcher/

    E unha captura de pantalla para un pequeno asteroide de só 20 m de diámetro impactando cun ángulo de 45 º a unha velocidade de 19 km/s sobre Ribadeo:




 

2023/01/28

Subindo. O nivel do mar

    As mareas? Si, claro. pero non me refiro a iso, senón ó nivel medio.

    En cada costa hai movementos locais que poden facer que o nivel do mar, relativo á terra nese punto, sufra altibaixos. Pero a nivel mundial, o cambio climático, tanto pola dilatación da auga mariña co aumento de temperatura, como polo aumento de auga no mar polo derretemento do xeo continental, fai que o nive medio suba. A gráfica a continuación é unha representación dese feito. Realizada na Universidade de Colorado, amosa tanto oincremento destes últimos 30 anos como a aceleracióndesa suba, sendo outro factor a indicar que os efectos do cambio climático están a acelerarse.

    Nestes últimos trinta anos, o nivel subiu uns dez centímetros. Na Veiga xa o están a notar nas mareas altas...

2023/01/26

15 veces as dimensións do concello de Ribadeo

    Máis de 15 veces a extensión de todo o concello de Ribadeo. Equivalente á superficie de toda a Mariña. Esa é a extensión que ten o novo iceberg desprendido da Antártida. Un grosor de 150 m, máis ca altura de Santa Cruz. Máis de 0,2 billóns de metros cúbicos de xeo, algo máis de 0,2 billóns de toneladas. Elixe o que prefiras para describilo. Pero ten en conta que co consumo actual de auga do concello de Ribadeo, tardariamos algo así como 40 millóns de días, máis de cen mil anos, en consumir a auga que leva dentro...

    Queda aquí unha imaxe comparativa entre varios iceberg, Malta, o golfo de Túnez e Sicilia, que indica que, con todo, non é nin moito menos o máis grande desprendido nestes últimos anos. A información está sacada da ESA.



2023/01/25

Meteoroxía en Ribadeo en 1919/1920

 Meteoroxía en Ribadeo en 1919/1920

    A raíz da publicación da biografía de Enrique Suárez Couto en Ribadeando, estiven na procura de algunha imaxe para ilustrar o traballo de Lourenzo Fernández Prieto, atopando algo que descoñecía.

    Polos cadernos mensuais que se gardan na biblioteca da Pedro Murias e os (poucos) rexistros derivados deles que se gardan na AEMET, todo parecía indicar que o establecemento da estación mereorolóxica que se montou como aliada da investigación e transmisión de coñecementos que alí se facía, databa do último terzo dos anos vinte do século pasado. Mais, nas 'Riberas del Eo', nos poucos exemplares que se conservan na Biblioteca Pública Municipal de Ribadeo do tempo no que foi director Enrique Suárez Couto, aparecen insercións semanais de datos meteorolóxicos recollidos nas instalacións. Insercións que, en épocas posteriores ó seu pasamento, desaparecen do semanario e da escea de documentos a disposición ata o primeiro caderno mensual de toma de datos que se conserva na Pedro Murias, correspondente a novembro de 1927. Hai que lembrar que Suárez Couto foi o primeiro director, ata o seu pasamento, sendo explicable a toma de datos meteorolóxicos polo seu interese no progreso gandeiro e agrícola da nosa terra.

    Aquí quedan as imaxes dos datos que atopei nas 'Riberas'. Os primeiros, nun exemplar solto do sábado 9 de agosto de 1919, con datos tomados de sábado a venres anterior (o mesmo que nos outros casos):


 





    As táboas de ventos, correspondentes a anemómetro e veleta, que aparecen nas primeiras táboas, desaparecen nas últimas, indicando unha vontade de incluílos que desapareceu máis adiante por motivo descoñecido.

    Deixo a continuación unha comparativa dos datos anteriores de temperaturas máximas e mínimas, coa temperatura media dos períodos correspondentes dentro do ano, do século XXI. Non debe estrañar que en case tódolos días, a temperatura media correspondente ó século XXI sexa inferior á mínima observada no período 1919/20: A máis de estar comparando só uns poucos datos puntuais, dunha beira, cunha media doutro período totalmente diferente, da outra, a precisión dos instrumentos, o método de recollida, etc, fan que non sexan comparables de xeito científico sen un estudo previo que non teño posibilidade de facer:

    A ter en conta que as semanas con datos son unha en agosto do 1919, a de cambio de ano, unha en maio do 1920, outra en agosto do 1920 e dúas en novembro do 1920. En todas se ve, no caso de 1919/20 que a T Máx e maior que a T min, como corresponde, e cando consideramos tamén a media do s. XXI, en todos os casos, exceptuando 5 días dos 42 con datos, a T media correspondente a este e menor que a T mínima do 1919/1920 (o que non cadraría co aumento de temperaturas, de non ter en conta o xa dito no parágrafo anterior)

2023/01/04

Meteoroloxía en Ribadeo no 2022: 1.1.Temperaturas máximas e mínimas

Meteoroloxía en Ribadeo no 2022: 1.1.Temperaturas máximas e mínimas

      As temperaturas medias ás veces non son as mellores representacións da temperatura pola acomodación que representan ás crenzas asentadas de tipo subxectivo, ou ben, ao contrario, por axustar a 'unha media demasiado media' enmascarando outras características. De aí o uso das temperaturas máximas e mínimas, entre outras posibilidades.

    Comezando polos días con altas temperaturas, vemos que os datos confirman ano tras ano a tendencia a que as temperatuas sexan cada vez máis altas: cada ano hai, por termo medio, máis días que sobrepasan unha determinada temperatura. Dende hai máis dunha década elixín como referenza 25 ºC, por ser -daquela- 11 ºC máis alta que a media (arredor dos 14 ºC), e estar máis do 90 % dos días sen superar eses 11 ºC máis ca media nin baixar de 11 ºC por baixo dela. A gráfica a continuación amosa a tendencia: cada ano máis días o termómetro chega a superar os 25 ºC, e aínda aqueles que se quedan por baixo dos anteriores non soen baixar moito da media de número de días. Tanto é así que se fixo evidente pouco a pouco que a variación de 11 ºC por riba e por baixo dos 14 ºC estaba quedando descompensada. Así, collín para a representación tamén temperaturas superiores que permitiran ver que pasaba con outra perspectiva. No caso de temperaturas máximas, escollín para este segundo suposto 30 ºC, alzando as espectativas a temperaturas máis altas, se ben polo momento os días que se sobrepasa esa temperatura son escasos, non tendo unha consistencia estatística.

    A liña de tendencia é clara. No que respecta ás máximas, o número de días nos que se esperaba acadar 25 ºC ou máis pasou de 9 no 2001 a máis de 14 neste 2022, é dicir, aumentou máis dun 50 %, e foi superado pola realidade dos 19 días datados. E, se miramos o número de días nos que se esperaba acadar 30 ºC ou máis, pasou na práctica de 0 a máis de un, se ben neste caso os días que devolven os datos de 2022 foron de novo 0.

    En relación ás temperaturas mínimas, a cousa transcorres máis ou menos parella: unha ollada á gráfica deixa ás claras que a tendencia é a que desaparezan en Ribadeo os días nos que nalgún momento se baixa de 3 ºC, se ben a tendencia da curva era máis pronunciada hai uns anos ca hoxe, cun axuste de R2 que vai mellorando en xeral pero non este ano, que co aumento de días sáese da tendencia e fai que se rebaixe o R2de 0,46 do 2021 a 0,41 no 2022.
    Poño a continuación unha gráfica rara, que encaixa na tendencia pero con anomalías. Tendo en conta que tanto en 2001 como en 2002 unha certa porcentaxe de días de inverno non houbo medicións válidas, tanto a gráfica que representa o número de días con temperaturas menores de 3 ºC como a de 6 ºC deberan ter máis inclinación da que aparece. Mais o curioso é que nos anos 2015-2019 case tódolos días que a temperatura baixou de 6 ºC tamén o fixo baixando de 3 ºC, a diferencia do resto da serie, onde os números pultiplícanse no caso de temperaturas menores de 6 ºC.
    Unha gráfica nova para este ano: a que especifica as medias das temperaturas media, máxima e mínima diarias, do día 1 ó 365 (366 en anos bisiestos). A pesar dos dentes de serra que presenten, sinal de que aínda é aconsellable esperar abondos anos para unha regularidade adecuada, pódese intuír que as diferenzas de temperatura intradía son maiores a finais do verán e d inverno, e as temperaturas máis regulares na primavera, e menos no final de outono e no inverno.

 

2023/01/03

Meteoroloxía en Ribadeo no 2022: 1.Temperatura

Meteoroloxía en Ribadeo no 2022: 1.Temperatura

     Segundo a estación meteorolóxica da Granxa Escola Pedro Murias, o ano 2022 en Ribadeo comezou batindo marcas de calor de comezos de ano, estando o termómetro nas primeiras horas por riba dos 21 ºC. Polo demais, non foi especialmente caloroso en ningún momento, se ben rematou coa temperatura media anual máis elevada das que se ten rexistro, 14,97 ºC, elevando a media secular ata os 14,19 ºC, despois de ter temperaturas medias a comezos de século de 14º. É dicir, falando coloquialmente, rexistráronse temperaturas un grado superiores ás de comezo de século, o que, proxectado, daría un aumento de temperaturas a finais de século duns 4 ºC.

    Algunha gráfica ilustrativa:

1.-Representación das temperaturas medias anuais. Pode verse que o ano pasado foi algo máis caloroso que o 2020, e abondo máis que 2021. Na representación de 20 anos apúntase a recta de tendencia cunha pendente de case 4 ºC en 100 anos. Probando un axuste maior, cunha curva, a tendencia é a aumentar a pendente. A lembrar que nos cúmios do clima tentábase que o aumento de temperatura mundial son sobrepasara os 1,5 ºC. A gráfica ten un axuste abondo mellor que o que se lograba en anos pasados, pasando o coeficiente R2 de 0,23 o ano anterior a 0,32 nesta edición.

    2.-A variación da temperatura media ó longo do século, considerando as temperaturas anuais, segue o mesmo patrón. Naturalmente, cara á dereita, ó haber contabilizados cada vez maior número de datos, as variacións vólvense relativamente menores, alisando unha curva que se ve con clara tendencia a subir:
    3.-A temperatura media mensual, Pola mesma razón de ter cada vez máis datos, tamén contabilizando dende comezo de século, non sofre grandes cambios. A lembrar que inclúe todos os momentos do día, mesmo pola noite.
    4.-A gráfica anterior pódese representar de diversaos xeitos. O que deixo a continuación visibiliza ben os cambios ó longo do ano, de xeito cíclico.
    5.-A última gráfica é mais complicada de entender. Representa a evolución da temperatura ó longo do século, pero tendo en conta non as medias anuais senón a variación diaria, co que tende a subir nos veráns e a baixar nos invernos. De novo as flutuacións van sendo menores a medida que se acumulan os datos, sendo cada vez máis patente por iso a inclinación da curva.

2022/12/23

O ceo nas noites cara fin de ano. Real Observatorio de Madrid

    O ceo despois de poñerse o Sol cara a fin deano. Despedida ó grande: os 5 planetas clásicos (Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno) brilan no arco da eclíptica. Neptuno e Urano tamén se ven con telescopio. Conxunción Venus-Mercurio o 29.


 Nota: tada a información está collida de https://twitter.com/RObsMadrid

 

2022/12/10

Clube de Ciencia no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

    Leva dende o comezo do curso 2022/2023 formando e divertindo a unha xeración de estudantes.

Emblema do club de ciencia do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
    No seu blog, hoxe pódense ver un vídeo dunha lámpada de lava, o último en ser cargado, outro vído de actividades no samaín, máis curiosas e divertidas que espeluznantes, e os primeiros pasos do club, que deixo a continuación:

Este curso comezou a súa andadura o Club de Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo. Cada luns, no recreo de mediodía, 28 alumnos e alumnas reúnense para realizar experimentos científicos guiados por Leticia Fernández Joven e Andrés Rodríguez Ramos, profesores do Departamento de Física e Química; Javier Rodríguez González, profesor de Tecnoloxía e Susi Besteiro Cabanas, profesora de Bioloxía.
A iniciativa ten como finalidade estimular o espíritu científico entre o alumnado e impulsar as vocacións STEM, orientadas ao ámbito tecnolóxico. Tamén pretende ser unha forma de potenciar a xa tradicional Feira da Ciencia, que na súa XXVIII edición contará con varios dos experimentos realizados no Club.
Como actividade de benvida, fíxose a práctica “Arte culinario”. Tódolos participantes elaboraron o seu propio cadro e comprobaron como os deterxentes alteran a tensión superficial permitindo mesturar o leite e os colorantes alimentarios.
O Samaín tamén tivo un toque científico, xa que ademais de “Saquiños fantasmas” e “Slime monstruoso”, co experimento “Cabazas tenebrosas”, o alumnado tivo a oportunidade de manipular xeo seco, comprobar a súa reacción coa auga así como facer pompas xigantes e curiosos vermes escumosos que non paraban de medrar.
Ó longo do mes de novembro, o mes da ciencia, tocou facer un experimento moi sinxelo pero que sempre sorprende ao alumnado: “Fluidos non newtonianos”. Para iso, mesturaron maicena e auga  comprobando como a viscosidade pode variar coa tensión aplicada. Tamén experimentaron outra propiedade dos fluidos, como é a densidade, realizando vistosas “Lámpadas de lava” con aceite, auga, colorante e pastillas efervescentes. Finalmente, rematamos o mes fabricando “Visores de hologramas” con metacrilato e aínda que cortar as pezas non resultou doado, o alumnado quedaba abraiado cando ó rematar a estructura podía observar imaxes tridimensionais impresionantes coa axuda do móbil.
En definitiva, un Mes da Ciencia en Galego, celebrado por todo o alto: coa inauguración e posta en marcha do Club de Ciencia do IES Ribadeo. Seguiremos divulgando o noso saber científico...

    Non dá envidia non poder estar no clube?

2022/11/18

Charla de Ángel Carracedo: Xenes, enfermidades e historia de Galicia

    Escoitar a Ángel Carracedo nunha charla é unha delicia. Téñoo experimentado nalgún congreso de Enciga no que interviu, e esta vez volveu repetirse. Chámoo charla pola proximidade do conferenciante co público e a suavidade do transcurso tanto do tempo como das ideas, mais o título  é conferencia, algo que dá idea da contundencia da transmisión do seu coñecemento. Ambas condicións cumpre.

    Gravado e logo preguntado, autorizou que colgaraa gravación en internet. Aí vai, acompañada de algunha foto de diapositivas que amosou cara ó final da exposición.:

    Charla de Ángel Carracedo: Xenes, enfermidades e historia de Galicia no Congreso de Enciga. Ponteceso, 20221117, IES Eduardo Pondal












2022/11/03

Fotos do ceo

    Só unhas verbas para chamar a atención sobre unha morea de fotos do ceo, a máis chamativa unha ca outra. Están tomadas con telescopios no hemisferio sur, en Chile, e repartidas en varias web, como nesta. Un conxunto entre as máis destacadas pódese ver neste artigo. E, como mostra, un botón, a Galaxia do Sombreiro Pequeno:


Os créditos, da NSF.

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.