2024/05/31

Bioblitz no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

Bioblitz no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo 

Saitis barbipes. Lic. CC0 por Kaldari en https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Saitis_barbipes_Barcelona_05.jpg

    Deixo a continuación a nota de prensa sobre o I Biblioblitz que se fai en Ribadeo, unha aposta polo coñecemento da biodiversidade no noso entorno. As fotos a continuación tamén son da mesma fonte:

    Ribadeo, 23 de maio, 2024. Recentemente, Belén Pérez Teijo, socia colaboradora da Plataforma “Fotografía y Biodiversidad” impartiu no instituto ribadense unha charla sobre “Ciencia Ciudadana”. Como resultado, un grupo de alumnos a alumnas de 1º Bacharelato, acompañados polas profesoras Beatriz González e Susi Besteiro, decidiron participar na “Gran Semana da Ciencia Cidadá pola Biodiversidade” que se está celebrando estes días. Para iso, baixo a tutela de Belén, elaboraron o I Bioblitz do IES de Ribadeo que leva por título “Explorando o noso xardín”.


    Un Bioblitz é un período intenso de exploración biolóxica para tratar de rexistrar tódalas especies vivas dentro dunha área determinada. Participar é moi fácil e non require ser expertos biólogos. Aproveitando as novas tecnoloxías, o rexistro faise dende a aplicación de teléfono ObsIdentify que permite identificar especies coas fotografías xeoreferenciadas e subir os datos á rede Observation.org. Despois os validadores revisan as aportacións e nos seguintes días extraense conclusións estatísticas.

Belén Pérez Teijo

    A actividade resultou de gran interese xa que permite aprender de forma divertida e concienciar ao alumnado da importancia da biodiversidade. Os datos finais expoñeranse na XXIX Feira da Ciencia que se celebrará os días 13 e 14 de xuño. Rexistráronse numerosas especies de seres vivos pero ademáis unha delas ten un interese especial. Trátase da araña Saitis barbipes, considerada polos expertos “rareza extrema” e que lle supón unha Mención de Honra á alumna que a atopou, Nerea Fernández Prado.


    O IES de Ribadeo felicita aos participantes pola súa implicación e agradécelle a Belén Pérez a súa axuda. Non cabe dúbida de que sempre resulta proveitoso adicar algunha clase de ciencias ó traballo de campo porque coñecer o patrimonio natural é condición indispensable para loitar pola súa conservación.

 

Saitis barbipes

 

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.