2017/05/24

Como un neno cun xoguete novo: Photonics explorer

Hoxe fun a recibir un equipo para o centro. As miñas expectativas eran baixas: un equipo máis de prácticas cando non hai tempo para facer prácticas cos equipos que hai -si, xa obsoletos e ós que se lles nota o paso do tempo nos seus aparellos-. O certo é que recibín unha agradable sorpresa que non estrearei mañá cos meus alumnos porque é convinte -que non necesario- encaixar a práctica coa teoría correspondente...
O equipo parece de xoguete. É un equipo... En realidade é sinxelo, versátil, duro, potente, exacto e pensado e realizado con esmero, destinado ó ensino medio pero que o sobrepasa tanto por idades máis baixas como por idades máis altas. 10 conxuntos de pezas que dan para un grupo enteiro de aula. Pouco que ver cun xogo de ciencia tradicional para o agasallo de reis, mais tamén abondo afastado dos equipos que os centros educativos teñen para a realización de prácticas (e que moitas veces durmen o soño dos xustos nas estanterías ou armarios, por diversas causas)
E é que non é un equipo de prácticas, senón un 'kit educativo'. Quizáis o de kit en troques de equipo haxa que perdoalo por ser concebido por un grupo internacional con traballo orixinal en inglés... que agora se pode atopar tamén en galego, entre un feixe doutras linguas. E o que propón non son 'prácticas', senón módulos educativos, que poderíamos traducir por conxuntos de actividades -8, nun senso amplo- orientadas a ampliar as capacidades científicas dos seus usuarios.
Hoxe só xoguei con dúas, con outros compañeiros. Abondo para desexar que chegue o día de usalas na clase. Antes, claro, xogarei eu un pouco co equipo.
Mais vexo que só deixei traslocer o que estimo que son propiedades do equipo e sentementos meus, sen máis descrición doutro tipo. Non vai ser a única vez que o equipo saia no blog, e a descrición irá saíndo, pero non podo escamotear que podes atopar máis información en diversos lugares, como en http://www.usc.es/xuvenciencia/aula/gl/PhotonicsExplorer.htm, http://photonics-explorer.eu/ ou en facebook.


2017/05/08

Ribadeo no Día da Ciencia na Rúa de A Coruña

O sábado 6 de maio de 2017, un grupo de máis de 50 persoas do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo participou no Día da Ciencia na Rúa de A Coruña, como ven facendo máis de dous decenios.
Os Amigos da Casa das Ciencias, organizadores do evendo, invitaron un ano máis ó centro a levar á Coruña actividades que foron presentadas na Feira das Ciencias de Ribadeo. Alí, a atención á xente que se achegou á carpa foi constante, pois constante foir tamén o paso de xente, á que se uniron estranxeiros (houbo varias explicacións que foron dadas en inglés) ou personalidades, como o alcalde de A Coruña, que se interesou polos proxectos presentados, como amosan as fotos adxuntas.

Claro que 'non todo foi alcalde' (da Coruña), como se poden ver nas outra fotos:



E houbo tempo tamén para visitar de pasada outras carpas e actividades:



Máis información, pouco a pouco en As Feiras de Ciencia na Galiza.

2017/05/03

xeoFÍSICA

A xeografía está aí dende toda a historia humana. A conciencia da xente sobre o concepto foi pouco a pouco tomando corpo, pero a experiencia nace con cada persoa ó longo da historia. A xeo-grafía, descrición da terra na que vivimos, deu lugar no seu desenvolvemento a outras xeo-ciencias, como a xeoloxía, e o seu entronque, a ciencias que en principio poidéranse considerar mixtas, como a xeofísica. Mais nesta última, a xeofísica, a terra e a Terra van quedando como lugar de aplicación da física, que toma o protagonismo, por moito que no seu desenvolvemento tentar separar ciencias sexa algo que debera quedar separado no desenvolvemento da ciencia. E isto ocorre por dous feitos: 1.-o desenvolvemento mantido pola física, que segue a ser acelerado. 2.-a maior interacción da humanidade co terreo, non só a nivel superficial, senón tamén cada vez a máis profundidade, a raíz das maiores posibilidades tecnolóxicas: a Terra está deixando de ser libre para ser sobmetida á humanidade, por moito que aínda só sexa unha capa de sometemento.
Recollo hoxe a nota do informe sobre a produción de terremotos polo almacenamento de gas Castor, no Mediterráneo, que parece que vai levar ó estado inicial da zona despois da produción de diversos terremotos (e do gasto de cartos de todos de xeito ganso). O 'resume executivo' é do 24 de abril, pero o que di, a súa aplicación, pódese considerar intemporal.

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.