Algo de ciencia, metido na vida diaria ... -Publicado hai máis dunha década en A Mariña/El Progreso-
Levo observando que a prensa, no verán
e a falta doutras noticias que considera de máis interese, decántase
algunha que outra vez por insertar novas de ciencia. Hai unha delas
(unha das "novas") que se repite tódolos veráns en
tódolos diarios: o efecto dos raios UV (ou UVA, ultravioleta). Esta
reseña, a base de repeticións, parece dar algo de fastidio o poñela
soa, e aprovéitase un congreso, un cursiño, etc, para darlle outro
tratamento informativo, lixeiramente diferente dos anos precedentes.
Ante a soedade dunha noticia así, pode
que para non deixala orfa, pode que pola asociación ou lembranza de
que as noticias de ciencia tamén existen, entón xurden polas mesmas
datas algunhas outras. Este comezo de xullo, por exemplo, tocoulle a
vez á exploración á Marte, en particular polas dificultadees que
tivo a Mars pathfinder para facer sair á sojourner (*) e dar unha
volta pola superficie do planeta. Claro, as dificultades sempre teñen
un pouco de morbo, aínda que sexan máquinas que actúan en boa
parte de xeito robotizado. É comprensible a difusión da noticia, se
para unha aterraxe de Clinton en Torrejón hai unha cobertura
informativa que inclúe un comunicado de que se vai pasar a
comunicación, fala antes un locutor dende a base, devólvese a
conexión, volve ser avisado o tema dende o mesmo programa de tv, ...
Apaguei a tele antes que Mr. President chegara e non sei aínda se se
bicou o chan ó xeito papal ou non: a que viña xa o escoitara antes.
Claro que unha crónica é unha crónica, aínda que sexa feita en
Madrid a partir dunha rolda de prensa en Florida ilustrada con fotos
de Marte. A noticia é noticia, e supoño que cando así se fai é
porque vende (xa sexa o de Clinton ou o da pathfinder).
A ciencia, no verán, pode ser un
recurso. Pero podíaselle sacar máis partido, a parte das noticias
da prensa. Por exemplo, paseando por un porto deportivo pódense
observar as tobeiras de saída de auga dunha moto acuática. Se ben a
tecnoloxía usada nas mesmas é abondo máis básica, o sistema é
semellante ó que ten a derradeira xeración de cazas saídos ó
mercado, o que quere dicir tecnoloxía avanzada, que para a guerra
sempre hai cartos.
Recollendo o fío, o sistema de
dirección da moto pode relacionarse co avance de reacción do
calamar, e se seguimos así chegamos, por exemplo, á relacionalo con
cousas como a resistencia ó avance dos avións e a turbulencia,
tamén en avións ou en sinxelas tuberías (¿a quen non lle molestou
nunca o ruído dunha tubería cun fluxo de auga producindo unha
vibración que entrou en resonancia?).
Pois resulta que ese tipo de problemas
técnicos gardan relación coa pel dos tiburóns e dos delfíns, que
tamén soen ser noticia no verán. Os tiburóns teñen na pel unhas
falsas nervaduras que se están a usar como guía para diminuir a
turbulencia e polo tanto a resistencia ó avance nos avións. Agora
resulta, despois de tantos anos buscando superficies lisas para ter
menos rozamento, que as superficies rugosas poden sacar ventaxa no
campo dos transportes.
Tamén os delfíns levan ós estudiosos
do tema un pouco máis aló no coñecemento. Esta vez a causa é que
a pel do delfín váise movendo dun xeito case microscópico ó tempo
co avance do animal. Para entendérmonos, é algo así como se os
delfíns aproveitaran o xeito de locomoción das orugas, pero en tres
dimensións, e non só no chan, claro. Un sistema semellante pénsase
que pode estar funcionando nos avións a finais da próxima década.
Saltando dun asunto a outro, estou
cáseque perdido. Ó tempo, éntranme ganas de saber máis e contalo:
gustaríame facer un recorrido sobre a ciencia na realidade de cada
día. Eso ten dificultades: non hai espacio, non hai tempo, non sei,
... e dubido que permitiran publicar moitas reseñas dese estilo nun
lugar como este.
Unha vez cortado o artigo, podemos
agora volver ó comezo: o título. Cando comecei quería falar de
ciencia, e non como noticia senon como animación ou como resalte de
algo que pode facer máis achegadas a nós as cousas que nos rodean.
Mirando o colller un tema do verán para aplicala, a auga prestábase
por estar asociada á diversión. E como fluído que é, o seu
movemento é controlado tamén polas ecuacións de Navier e Stokes,
máis descoñecidas, e polo tanto, exóticas que as de Newton, ás
que complementan. Resulta que son esas ecuacións as que rixen
tódolos fenómenos mencionados dende o das motos de auga, aínda que
ó remate non falara delas...
Diversións da época do ano asociadas
a conceptos dos que non se soe falar. ¿Quedarán gans de ler algo
sobre un tema deste tipo?. Chega con tratar de comprender mellor o
mundo que nos rodea, día a día.
----------------------------
(*) Traducido queda mellor: a nave
busca-corredoiras de Marte tivo problemas para que o vehículo
residente poidera saír e desprazarse pola superficie do planeta.