2020/12/19

A temperie ribadense no 2020


 - derradeira versión: 11/1/2021 -

   Un ano máis, deixo o resume comparativo da temperie en Ribadeo  o ano pasado e o clima de Ribadeo no que vai de século, en diversos formatos. A mais, deixando un comentario -non para publicar- co nome, enderezo de correo electrónico e dirección física, envío o pdf.

Temperie ribadense 2020 - by Antonio Gregorio on Scribd

Tamén:

Pode verse directamente en Slideshare

en Scribd,

en Issuu e, doutros anos, no blog:

A temperie ribadense no 2012

A temperie ribadense no 2014

A temperie ribadense no 2017

A temperie ribadense no 2018

2020/12/10

Quen dixo cambio? O dióxido de carbono, a temperatura, o noso futuro...

   Isto vai de cambio climático. E de cambio nas emisión pola pandemia, é dicir, no cambio da intervención humana no clima por mor de estar en plena pandemia.

   Pois resulta que o cambio climático está fortemente relacionado coa presenza de dióxido de carbono na atmosfera. O dióxido de carbono producímolo nós o respirar, pero comezou a acumularse na atmosfera (e no mar) ó medrar o uso de hidrocarburos para queimar, en usos de transporte ou industria, entre outros. Co parón da pandemia do coronavirus, había quen se fixera ilusións de que ía frear o ascenso da contaminación deste gas. Os gráficos a continuación, que resumen datos ata o mes pasado, botan por terra esa esperanza: seguiuse a contaminar máis ou menos ó mesmo ritmo que se viña facendo. Mentres, en consecuencia, este ano será un dos máis cálidos dos que hai rexistros...

Comparativa anual dende os anos 50. A liña vermella é a medida media no mes correspondente. A negra, unha vez desestacionalizados os datos.

Comparativa dos últimos anos.

A anterior gráfica, coa liña entre novembros para ver a evolución neste ano 2020.

Os datos están tomados de https://www.esrl.noaa.gov/gmd/ccgg/trends/

Sobre o dióxido de carbono na atmosfera no blog Ribadeando.

Sobre o dióxido de carbono na atmosfera neste blog.

O artigo anterior desta serie.

2020/12/04

A choiva igualitaria (en Ribadeo)

   Case medio millón de dados. Os da estación de Pedro Murias que indican cada dez minutos a chuvia caída. Entre o ano 2010 e 2019, ambos incluídos. Esa foi a base para o cálculo.

   A idea xurdiume cando quixen demostrar algo que se me pasou polo cabeza: que debera chover máis ó atardecer que ó amencer. O caso é que despois de descargados no ordenador e tratados, a hipótese de que chove máis cara ó atardecer que ó amencer non resultou convalidada, senón máis ben todo o contrario, presentando os datos unha testarudez no igualitarismo: dentro das flutuacións estatísticas en Ribadeo chove de forma semellante, por termo medio, a calquera hora do día.

   Para imaxinar un pouco como foi o proceso seguido, deixo unha captura de pantalla da folla de cálculo cos datos correspondentes á parte da noite de comezo de ano de 2010, tal como foron recollidos da web de Meteogalicia (zona esquerda) e á mesma parte de noite das primeiras dúas semanas de xaneiro dese ano (zona dereita da captura de pantalla), xa ordeadas para comezar o seu tratamento.

   E paso á gráfica de resumo dos dez anos, dez a dez minutos ó longo do día. Como é lóxico, presenta numerosos dentes de serra estatísticos, e pode alentar esperanzas de que haxa unha desviación horaria na cantidade de chuvia caída, con desviacións entre 0,013 L/m2 de media interanual nunha sección dezminutal antes das dúas da mañá e 0,023 L/m2 en varias outras, de día e de noite.
   Mais, se collemos a chuvia acumulada ó longo do día, sae prácticamente unha recta, como se amosa en baixo:
   Esa 'liña practicamente recta' pode comprobarse que o é ó poñerlle unha liña de tendencia ó conxunto dos dados. En baixo aparece a mesma liña representativa dos dados e a recta de axuste de tendencia, que case non se aprecia como diferente. De feito, inclúese na gráfica o factor R2 que nos da a bondade do axuste, o que se parecen a liña dos dados e a de axuste, e neste caso son prácticamente iguais: o 1 significaría a correlación completa, a igualdade, e o 0 que non teñen correlación ambas liñas. E o valor é practicamente 1, R2 = 0,9999... é dicir, ao menos no que corresponde a Ribadeo, non hai dunha desviación estatística significativa entre o que chove nun momento do día e noutro momento.

2020/11/17

Perda dun satélite español

O satélite, en esquema

    Foi onte, no seu lanzamento. Ós oito minutos de despegar da base da ESA, a Axencia Europea do espazo, en Kourou, na Güiana Francesa, observouse unha desviación na traxectoria do cohete. E aló foi a carga, o satélite SEOSAT-Ingenio e un satélite francés.

   Pouca cousa, un satgélite máis perdido. Non sei exactamente o seu custe, pero uns cantos millóns de euros que pagará o seguro, pero retrasará a misión uns anos. Uns anos máis nunha misión que levaba xa oito anos de retraso.

   E que esperaba facer? Tomar imaxes terrestres de alta resolución, 2,5 m sobre a supèrficie terrestre, que tería recorrido por enteiro coa toma de fotos unha vez cada tres días.

2020/11/13

27 anos, 9 cm máis alto: o mar invade a costa.

Non, non é que a Terra afunda, senón que o nivel do mar sube porque o mar cada vez ten máis volume, debido a

a) dilatación por elevación da temperatura

b) máis masa por derretemento dos xeos 'perpetuos' 

A razón de 3,2 mm por ano por termo medio a nivel mundial e nos 27 últimos anos. Pero a tendencia está a medrar, cada vez sube máis rápido, como pode verse nesta gráfica da ESA:




2020/11/11

Un iceberg dúas veces o tamaño da Mariña

Hai máis de tres anos deixaba esta entrada: Un billón de toneladas de xeo. daquela, a nova era que estaba recén desprendido da Plataforma Larsen C da Antártida un xigantesco iceberg de máis de 100 km de longo. Tardou tempo, uns dous anos e medio, en afastarse da Península Antártica, deixando atrás o punmto máis ó norte do continente xeado. Pero este ano, xa no océano aberto, arrastrado pola corrente, está a moverse moito máis rápido, e posiblemente chegue a colisionar contra unha illa colonia británica, Xeorxia do Sur (si, a base máis próxima que usaron os británicos cando atacaron as Malvinas).

O caso é que tan xigantesco anaco de xeo (A-68A por nome) pode tardar dez anos en derreterse substancialmente. E iso aínda despois de partirse en anacos máis pequenos, pois o orixinal chamábase A-68, do que o A-68A é o maior.

E o choque é un problema medioambiental para as illas. Mirando o tamaño relativo na imaxe da ESA que relata o seu movemento  ata a actualidade coido que pode comprenderse de xeito doado:

E é que a distancia actual de separación coa illa, uns 300 km, é só unhas tres veces a súa lonxitude, e o tamaño da illa, 3756 km2, é semellante ó de A-68A. Se pode deixar a costa sur da illa cuberta dunha grosa capa de xeo durante dez anos, o ecosistema dunha zona superior á Mariña resentirase... Cousas do cambio climático? Máis ben, cousas que acelera o cambio climático, pois desprendemento de icebergas xigantes habíaos de antes, pero non na cantidade que hai agora. Así, sen ir máis lonxe hai pouco máis dun ano desprendeuse outro que podería dar de beber a Ribadeo durante... 300 000 anos, o D28.

(Nota: tamén publicado en https://www.ribadeando.com/2020/11/un-iceberg-duas-veces-o-tamano-da-marina.html )

Ti e o tempo - presentación

   Deixo abaixo (e actualizarase, se é o caso) a presentación 'Ti e o tempo', comunicación no XXIII Congreso de EnCiGa, 2020, ed. virtual, xunto con algunha cousa máis:

Pdf:

Ti e O Tempo (Presentación) by Antonio Gregorio on Scribd

jpg:


































Outros da serie Ti e o tempo:

Ti e o tempo (presentación: http://fqribadeo.ribadeando.com/2020/11/ti-e-o-tempo-presentacion.html

O vídeo: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-o-video.html

Horarios: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-horarios.html

Xuvenciencia 2020: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/06/xuvenciencia-2020-6-proxectos-baixo.html

Unha actividade (I): https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-unha-actividade-i.html  

 

2020/11/10

Táboa periódica interactiva


  Hoxe fixen na rede un descubrimento interesante. Trátase dun estudo sobre a táboa periódica feito nun IES de Cantabria que ten feito outras magníficas contribucións, o Valle del Saja. O resultado, unha táboa periódica que leva asociado un vídeo para cada elemento, incluídos os máis recentes. Para desfrutar dela en conxunto hai que ir a esta páxina: https://www.thinglink.com/scene/1374766234444234754. O conxunto dos vídeos está dispoñible en Youtube, na canle do departamento de Física e Química do Valle del Saja.

2020/10/15

O pintor de neutrinos

   Un vídeo de un minuto que amosa algo que parece maxia pode ser a clave para que comprendas "que pasa" cos neutrinos.

   Os neutrinos son partículas dificilmente manifestables que se cre que a) se teñen producidoó comezo do universo. b) en forma de neutrinos e antineutrinos. c) podendo cambiar a forma na que se manifestan (é dicir, cambiando de tipo de neutrino), e d) que se cre que teñen lixeiras diferencias entre neutrino e antineutrino correspondente, de xeito que podería explicar por que hai/vemos máis materia que antimateria, e, polo tanto, por que existimos. O que amosa o vído parece maxia, mais é unha representación da realidade...


Os neutrinos, en FQRibadeo.

2020/10/08

Confirmando o malo... CO2

 

Nos comezos da pandemia foi evidente que o parón vital producido polas medidas tomadas mellorou a calidade do aire, en particular nas zonas máis contaminadas, con todos os beneficios correspondentes. Iso fixo xurdir nalgunha xente a esperanza de reverter a contaminación e os seus efectos de xeito duradeiro a partir da pandemia. Os gráficos anteriores desmínteno, na mesma liña que no blog xa o espuxen aquí: o dióxido de carbono segue a aumentar sen practicamente variación en relación a outros anos... 

É algo lóxico que mentres seguimos facendo as cousas máis ou menos igual, seguimos obtendo resultados máis ou menos semellantes. Algo que, ademáis, pode ter retroalimentación, como está amosado que pasa coa suba de temperaturas, con diversos efectos aceletradores e retardadores, nos que parece que os primeiros son máis importantes.

2020/09/22

Boas novas, malas novas... cambio climático e nós

Hoxe a ESA emitiu un documento de recoñecemento dun feito: os mares están absorbendo máis dióxido de carbono que o se pensaba. É un bo dato, pois sinala que os mares están axudando máis do previsto á regulación climática e medioambiental da Terra.

Mais ese bo dato enmascara unha realidade peor do pensado, pois a pesar da absorción marina, o dióxido de carbono na atmosfera segue a medrar cada vez máis rápido, e o quecemento global, igual: eses datos non varían pola corrección que indica o documento. E máis, se o mar está absorbendo CO2 máis rápido do previsto, significa que se achegará antes ó límite, e polo tanto, que deixará de absorber/ralentizará a absorción antes do previsto, variando ademáis o seu pH de xeito máis rápido, afectando ó coral, ó esquelete dos peixes... e a nós.

Temperatura (liña negra) e dióxido de carbono (liña e sombra azul). A temperatura media medrou 1º C dende mediados do século pasado. O dióxido de carbono na atmosfera aumentou 1/3 no mesmo período.


2020/09/18

Ti e o tempo: unha actividade (I)


Gregorio Montes, A., Cela Rodríquez, C., González Ropero, M., Novo Rodríguez, M., Al-Soufi. W.
Reloxo de Sol en Tapia de Casariego, Asturias.

 
    O presente texto é unha primeira aproximación ó obradoiro en base online ‘ti e o tempo’, relacionado cos reloxos de Sol, da teoría do seu funcionamento á súa construción, implicando de xeito sucinto ás circunstancias e ó desenvolvemento.
    Presentación xeral
    Ti e o tempo foi un obradoiro coordinado por Antonio Gregorio Montes e monitorizado por Carmela Cela Rodríquez e Mariana González Ropero, con acubillo dentro da celebración de Xuvenciencia 2020, xestionada por Mercedes Novo Rodríguez e cos aspectos técnicos a cargo de Wajih Al-Soufi.
    A Xuvenciencia 2020, desenvolta entre o 29 de xuño e o 3 de xullo, marcou unha nova experiencia na súa traxectoria, ó realizarse a edición a través da rede -alguén diría de xeito virtual- por primeira vez. E iso marcou tamén o obradoiro. Marcouno en diversos sentidos: significou unha experiencia para os participantes, tanto alumnos como profesores, o desenvolvemento nun novo medio, un desafío para converter a virtualidade en vivencia e tamén unha necesidade de coordinación tecnolóxica para levar a bo porto a experiencia. Volvendo a vista atrás, o primeiro día, luns da semana, o axuste tecnolóxico propiciou unha experiencia de entrada que se tomou como tal, mellorándoa xa de xeito radical o martes, día a partir do cal a novidade deixou de selo para pasar a formar parte dun xeito máis de facer as cousas, coas súas avantaxes e inconvenientes. 
Esquema para un reloxo de Sol ecuatorial

    Ti e o tempo
    A descrición da actividade na páxina web de Xuvenciencia marcaba xa as liñas a seguir neste obradoiro, un dos ofertados e un dos dous que finalmente se levou a cabo:
    “O tempo é máis co reloxo. Hai xeitos de medir o tempo. Hai necesidade de facelo polo que significan o seu paso e o seu uso. Un reloxo, o Sol, a Terra, ti... e as relacións que se xeran. O tempo é simétrico? E o día, é simétrico? Se tes moitas preguntas, podes atopar algunhas respostas:
   Ti e o tempo.
    Construirás un reloxo de Sol, analizaredes o seu funcionamento e que outros datos pode dar a máis da hora. Discutiremos que significa o reloxo para o discorrer diario e que significou a medición do tempo na historia. E identificaranse variables relacionadas co tempo na organización do día e do ano. A máis, segundo as posibilidades a man, procuraranse datos para entender o por que dos diferentes usos do tempo en diferentes momentos. Por último, a comunicación das investigacións do grupo.

    É dicir, presentaba unha relación de pasos indicando un desenvolvemento temporal, aspectos a realizar de xeito individual e outros colectivos, preguntas a responder e unha proxección de cara ó futuro.
    O desenvolvemento, o enfrontármonos co medio online, sufriu algún cambio de plans sobre a marcha, mais as liñas xerais mantivéronse. A comentar a importancia dada de comezo á socialización dos participantes, fundamentalmente en base ó bo facer das dúas monitoras, que, xunto coas outras actividades da Xuvenciencia online, permitiu crear un entorno de traballo subxectivamente presencial en moitos aspectos. Dito entorno permitiu ganar fiabilidade ó sistema e polo tanto, confianza nel. 
Reloxo de Sol analemático. Cruz de Fierro, Camiño de Santiago.

    A xente
    O factor humano sempre é fundamental. E, polo tanto, hai necesidade de describilo para colaborar á explicación do éxito ou fracaso da experiencia.
    En canto ó estudantado, é moi diferente realizar actividades con 30 ou 40 persoas a facelo con 6 ou oito. Para facer unha proba online, a diferenza pode ser brutal. Este feito, a pouca cantidade de xente que seguía o curso, facilitou dende o primeiro día o achegamento entre participantes, o poder realizar as explicacións de xeito individualizado se era necesario ou o poder facer unha revisión persoa a persoa do que se ía facendo. O anterior súmase a que os e as participantes tiñan a ilusión posta no obradoiro, o que fixo de extra de cara ó bo desenvolvemento do conxunto da actividade. E, aínda que tratándose dunha actividade extra, voluntaria, este feito non é exclusivo desta edición, si se viu potenciado polas circunstancias, que exerceron un cribado especial. 

Gnomon e medidas horarias de sombra. Julia Blanco.

    En canto ós participantes asociados coa docencia, a experiencia de xestión de anos anteriores facilitou o traslado da actividade á rede, namentres os perfís das monitoras converteu en factible a aproximación subxectiva dos participantes ó equipo que foi o obradoiro en conxunto, máis aló da aproximación obxectiva ós contidos do obradoiro. Neste contexto, a experiencia temática da coordinación non necesitou un esforzo especial de adaptación, máis aló do manexo dos medios técnicos necesarios.
    A técnica
    O soporte hardware foi mixto, pois cadaquén aportou o seu, unha vez centralizada a comunicación nos servidores da USC. En canto ó software, o básico foi o Teams de Microsoft, mais fíxose uso diverso doutras ferramentas, comezando polo Whatsapp, que, por poñer un par de exemplos, serviu de soporte en eventuais caídas de conexión en Teams, ou mantemento de conexión para enviar algúns ficheiros.
    Quizais o principal escollo para tratar con Teams foi o descoñecemento do seu uso con anterioridade pola case totalidade de participantes, afeitos a outros entornos abertos con ferramentas de uso puntual que, solapadas permiten facer o mesmo ou aínda máis pero de xeito tamén máis complexo.
    En canto á rede, exceptuando fallos da rede nos domicilios ou uso do software de xeito experimental o primeiro día, a conexión e en xeral os aspectos técnicos mantivéronse estables e operativos de xeito razoable.
    O desenvolvemento
    A toma de contacto o primeiro día, luns, despois da introdución á Xuvenciencia, levou consigo tres bases. Unha primeira, de recoñecemento entre os participantes e do obradoiro, outra, de subministro dunha base teórica mínima para poder comezar a traballar, e outra de indicacións para realizar ese traballo, a construción do primeiro dos reloxos de Sol. Foi con diferencia o día máis complicado, pois significaba vencer a inercia tanto persoal como técnica para a posta en marcha.

Cálculos realizados por K. Anni Medina.
 
    Como documento base, un pequeno libreto na rede que se iría completando con pequenas adaptacións e asemade, a mostra dos traballos realizados e o comentario indicativo pertinente (ver capturas parciais ó final). 
Reloxo analemático e correccións. Manuel Galán

    Os días sucesivos, o patrón foi semellante no sentido de abondar na relación persoal, o coñecemento e a técnica, quedando os dous últimos días, xoves e venres, o taller relegado a subministro de input para a comunicación final (venres) despois dunha introdución ás ferramentas e conceptos para facilitar a realización desa comunicación. De calquera xeito, o formato online desta edición precipitou que a presentación básica fose montada polas monitoras, nun vídeo plenamente ilustrativo non só do realizado, senón tamén do conseguido. 

Reloxo de Sol ecuatorial feito con Lego. Antón Patiño.

    E, polo medio, a realización de varios modelos e tipos de reloxos de Sol, con materiais diversos, de papel a Lego, e, segundo o día, localización e posibilidades de cadaquén, probados ou non. Hai que especificar que a realización particular de cada un dos reloxos foi iso, particular de cada participante, debido ó illamento que para a realización manual supón a conexión online. 

Diferentes reloxos de Sol sobre a pantalla dun reloxo de Sol de gran tamaño. O Cargadoiro, Ribadeo.

    A experiencia. Resume
    Foi toda unha experiencia coller unha actividade que basea o seu resultado nunha presenza que da lugar a unha interacción humana e co medio, para tentar replicala cun formato a distancia, por medios dixitais. A adaptación deu lugar a unha nova cousa, despois da aprendizaxe non só nos medios usados, senón tamén do comportamento, necesidades e posibilidades do novo. Unha ‘cousa’ da que, a falta de mellores xeitos de medición, estamos entre satisfeitos e moi satisfeitos. Claro que tería sido diferente con outro tipo de xente, xuvencientistas e monitoras...

   Tomas do manual




Outros da serie ti e o tempo:

Ti e o tempo (presentación: http://fqribadeo.ribadeando.com/2020/11/ti-e-o-tempo-presentacion.html

O vídeo: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-o-video.html

Horarios: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-horarios.html

Xuvenciencia 2020: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/06/xuvenciencia-2020-6-proxectos-baixo.html

Unha actividade (I): https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-unha-actividade-i.html 
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.