Perda de posibilidade de elección.
Fai uns anos, no IES Porta da Auga quedámonos sen poder ofertar estudios da formación profesional sanitaria cando acodían mesmo xentes de Asturias ou de lugares abondo lonxe en Galicia. E agora, o mesmo centro que sufríu ese recorte, vai sufrir outro. Falo dun futuro que, a estas alturas, xa case é pasado.
Polo momento, a actual dirección do IES Porta da Auga non vai poder cumprir a súa palabra (dada a partir da promesa previa da administración) de que os alunos que están actualmente en primeiro do bacharelato tecnolóxico poderían optar á dobre vía, é dicir, presentarse ás probas de acceso á universidade para estudios da área de ciencias ou de tecnoloxía. Esto implica, cara ó proximo curso, un cambio de centro para ditos alunos, aproximadamente a metade dos que están matriculados no primeiro de bacharelato tecnolóxico, que terán que facer un ano noutro IES xusto antes das probas de acceso á universidade. Tamén terá como consecuencia que o centro reciba menos incorporacións nese nivel de 1ºB.T., pois matriculándose por outra opción noutro centro poden acceder á doble vía, é dicir, non só ás carreiras de ciencias senón ás de tipo tecnolóxico.
¿Implicacións no futuro? Cara a anos máis lonxe, só dous ou tres, a perda excesiva de alumnos nos niveis do citado bacharelato (estimo que a metade para o próximo curso) e a unión dos dous bacharelatos de Ciencias e Tecnolóxico nun só, é usable como xustificación para eliminar a posibilidade de cursar ese futuro bacharelato científico-tecnolóxico no IES, reducindo de xeito definitivo as posibilidades de elección de centro por parte dos alumnos da zona educativa de Ribadeo á metade, un só centro.
Xa se está a mobilizar xente implicada nesta primeira fase. ¿Lograrase parar? Polo momento, de pouco serviu que o Porta da Auga tivera un 100% de aprobados nas PAAU, organice as feiras de ciencia que o levaron a liderar un proxecto europeo, leve participado en proxectos internacionais de diversos tipos dende fai seis anos en colaboración con entidades de outros nove estados, reciba este mesmo curso alumnos e profesores de sete nacionalidades diferentes, envíe os seus a varios países con diversos programas formativos, esté levando a cabo a implantación dun plan de calidade, ... Tampouco importa que esa posibilidade que se quere negar exista actualmente e que non sexa necesario persoal para seguir cubríndoa, ou que o laboratorio pertinente xa exista no centro. Por suposto, tampouco parece importar o que pensen os alumnos, os pais e os profesores; pode que sexa debido a eso o que a xente dos centros afectados que se manifestou o día 14 en Lugo non fora recibida en Delegación.
¿Cal é a explicación, o por que da negativa e da falta de palabra? Non sei se a sabe alguén ou mesmo se existe unha explicación obxectiva. Por non haber, non hai ninguén que a de.
Non son o único en pensar que o que se está a facer deste xeito cabería calificalo sinxelamente de "idiotez", e que todo quedaría aí se non fora pola xente perxudicada: a zona educativa de Ribadeo.