2023/05/13

O IES de Ribadeo e a Ciencia na Rúa. Susi Besteiro



    Un ano máis, e xa van 27, o IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou no Día da Ciencia na Rúa celebrado o pasado sábado 6 de maio na Coruña. Aló fomos pasar o día un total de 31 alumnas e alumnos de 1º, 2º e 4º ESO acompañados por Andrés Rodríguez, Beatriz González e Susi Besteiro para presentar traballos realizados no Club de Ciencia e na materia de Proxecto Competencial.  
    Nesta edición o noso alumnado explicou moitos e variados proxectos que chamaron a atención do numeroso público. Os máis pequenos levaban réplicas caseiras dunha fonte infinita,  “A fonte de Herón”, e da “Copa de Arquímedes” coa que o científico trataba de  ensinarlles aos alumnos a importancia da mesura. Tamén amosaban  o proceso de extración do fío de seda no traballo “Da eiruga ao fío”, o comportamento dun “Globo non newtoniano” e unha mostra dos rodolitos procedentes da “Praia das Palomitas” de Fuerteventura, que aínda que parezan comestibles son estruturas calcáreas formadas por algas.
    Os medianos cautivaron aos visitantes co “Proxector Holográfico”, unha estrutura feita con metacrilato que permite transformar vídeos dun smartphone ou tablet en hologramas 3D e co “Hotel de insectos” con aposentos de madeiras, pedriñas e pallas. Asimismo, ensináronlles a moitos nenos e nenas a construir “A Ponte da Vinci”, unha ponte autoportante que se suxeita co seu propio peso.
    Por último, os grandes foron os encargados de explicar a importancia do centro de gravidade co “Paradoxo mecánico”, un artiluxio que parece desafiar as leis da gravidade xa que sobre el, aínda que pareza mentira,  un simple bicono fabricado con dous funís de plástico  “sobe baixando” ou “cae cara arriba”. Tamén explicaban a importancia do pH e para medir o grao de acidez e levaban feita unha “Escala caseira de pH” co líquido resultante de cocer col lombarda e amosaron a  viraxe de cor que experimentaba o papel indicador tamén elaborado por eles, ao engadirlle produtos de uso común, como vinagre, bicarbonato, leite, deterxente ou lixivia. Finalmente co traballo titulado “A cor das hortensias” relacionaban a cor das flores destas plantas co pH do solo, canto máis ácido, máis azuis e canto máis básico, máis rosas.
    Queremos felicitar ao noso alumnado por dedicar este día á ciencia: divulgando os traballos propios e aprendendo dos que levaban os outros participantes.  Agora só queda expoñelos na propia casa ao remate do curso, na que vai ser o XXVIII Feira da Ciencia e Tecnoloxía do IES Ribadeo Dionisio Gamallo e que se celebrará os vindeiros 16 e 17 de xuño. Estades invitados!

Susi Besteiro

 (Primeiro publicado, sen ligazóns, en https://www.edu.xunta.gal/centros/iesribadeo/?q=node/1143)

2023/05/09

Enxeñeiras e enxeñeiros no Club de Ciencia IES Ribadeo


    O Club de Ciencia do IES Ribadeo seguiu traballando con afán durante o segundo trimestre. Houbo moita asistencia, algunha nova incorporación e saíron adiante moitas e variadas actividades.
    Comezamos o ano facéndolle funcionar a unha calculadora cunhas pilas elaboradas con un limón e moedas de cobre, feito que deixaba a boa parte do alumnado algo incrédulo. Tamén fixemos a extracción do ADN de fresa e das propias células bucais, algunhas erupcións volcánicas xogando coa química e ata unha escala caseira medidora do ph con extracto de col lombarda.
    De todas formas, o maior número de sesións tiveron como finalidade preparar aos nosos alumnos e alumnas para participar na olimpíada da Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Coruña. Para iso, tiveron que aprender a facer seis tipos de probas. A primeira, de enxeñería de construción, consistía en facer un Arco de dovelas con 15 pezas en forma de cuña dispostas radialmente que se manteñen sen ningún cementante. A de enxeñería de estruturas tiña por obxecto facer unha ponte autosustentable con taboleiros. Foi ideada por Leonardo Da Vinci e tal e como indica o seu nome mantense polo propio peso dos seus elementos, sen cravos nin parafusos. Para superar a proba de enxeñería hidráulica, experimentaron en que orde debían poñer a arxila e as pedriñas para facer unha presa e minimizar o paso da auga a través dela. A parte de enxeñería gráfica consistía en facer quebracabezas de gran tamaño con imaxes de obras, para superar a proba de loxística eficiente debían transportar o máximo número de contedores a catro lugares distintos no menor tempo posible e finalmente, na última proba titulada “Xogando a ser enxeñeiro”, o alumnado tiña que superar o máximo número de desafíos cun videoxogo de construción de pontes.
    Aínda que participaron 15 alumnas e alumnos, todo o alumnado do club aprendeu a facer tódalas probas, algunhas a pequena escala, coma o arco de dovelas, a ponte autosustentable ou a presa e sempre tratando de mellorar os tempos.
    A olimpíada realizouse pola mañá e estiveron acompañados por Andrés Rodríguez e Leticia Fernández, profesores de Física e Química e por Javier Rodríguez, profesor de Tecnoloxía. Mentres eles practicaban a enxeñería, o alumnado de 1º Bach de ciencias visitou o museo Muncyt con Ramón Díaz, xefe do departamento de física e química.
    Despois de xantar todos xuntos, aproveitaron para visitar a fábrica de cervexa Estrella de Galicia. Viron a infraestrutura que lles permite envasar 55 000 botellas por hora, tiveron a oportunidade de degustar mosto, de probar cebada, lúpulo e malta e tamén  visitaron o museo no que está exposto o Ferrari  de Fórmula 1 que usou Carlos Sainz no 2019.
    O día non puido estar máis aproveitado. Ademais o noso alumnado de 1º e 2º ESO, deixou a Ribadeo en moi boa posición e sobre todo desfrutou participando e aprendendo polo que lles damos a NORABOA!

    (Esta entrada foi publicada en primeiro lugar, sen ligazóns, polo blog do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo: https://www.edu.xunta.gal/centros/iesribadeo/?q=node/1141)

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.