2024/05/19

Un raio de luz na noite


      Mentres esta noite en Ribadeo chovía a cántaros con cantantes baixo a choiva da fin de semana, 'aquí á beira' caía un bólido desprendido dun cometa. Deixo dous mostras de vídeos que collín na rede, tomados un en Portugal (Braga), máis impactante, e outro en Sevilla, máis informativo. Hora: 0:45 desta madrugada.


 

     Hai pola rede outros moitos vídeos do fenómeno...

2024/05/09

O Ies de Ribadeo Dionisio Gamallo, no día da Ciencia na Rúa de A Coruña

Adxunto a nota de prensa con imaxes cedidas e algún comentario:
 

O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo participou un ano máis no Día da Ciencia na Rúa celebrado o pasado sábado [4 de maio] na Coruña.

O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, como xa é tradición, participou un ano máis no Día da Ciencia na Rúa celebrado o sábado 4 de maio na Coruña. Unha boa parte do alumnado do Club de Ciencia e de Proxecto Competencial viaxou ata a cidade herculina acompañado polos profesores Andrés Rodríguez, Beatriz González e Susi Besteiro.

Foi unha xornada na que as alumnas e alumnos ribadenses tiveron a oportunidade de amosar os traballos realizados ao longo do curso ó numeroso público asistente. Os máis pequenos, deleitaron coas mesas flotantes e o elevador hidráulico construídos con paus de xeado, unhas gafas de realidade virtual caseiras e tres experimentos de magnetismo que arrancaron numerosas sonrisas: as moedas bailarinas, os alfinetes levitantes e o tren magnético elaborado cunha pila, imáns e fío de cobre.

Pola súa banda, o alumnado de 2º ESO presentou un orixinal despertador lumínico e unha maqueta coa que explicaban os tipos de poleas: fixas, factoriais e exponenciais. Finalmente, alumnas de 3º ESO, amosaron un bastón para invidentes e tres maquetas relacionadas coa fisioloxía humana: o ril e a nefrona, os grupos sanguíneos e a circulación sanguínea.

Foi un día dedicado á divulgación científica pero tamén a aprender cos traballos elaborados polo resto de centros participantes e disfrutar no Planetario, na Casa das Ciencias ou explicando os experimentos a algúns “Grandes da Ciencia”, cabezudos con rasgos de Marie Curie, Jacques Cousteau, Charles Darwin e Isaac Newton entre outros.[Ver imaxe en baixo]

O alumnado recibiu numerosos parabéns e o IES de Ribadeo foi merecedor do Premio Javier Novelle 2024 pola “magnífica selección de traballos presentados” [ver imaxe en baixo]. O profesorado acompañante considera que é unha honra recibir un premio no que se rinde homenaxe a Javier Novelle, impulsor durante vintecatro anos do Día da Ciencia na Rúa [artigo na Galipedia] e fiel visitante da Feira da Ciencia ribadense que este ano chega á súa XXIX edición e celebrarase os días 13 e 14 de xuño con interesantes proxectos.

 



El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.