Atópome hoxe no meu agregador RSS a referencia https://xkcd.com/2585, que deixo abaixo aproveitando a súa licenza CC. Apúntoa aquí porque dá a importancia do tratamento de datos e a exactitude nun mundo no que os datos son collidos de calquera lugar en calquera xeito e tratados daquela maneira.
'Podo levar a miña bicicleta a 72 km/h, di o ciclista. E axusta: se arredondas. Resulta que a velocidade á que pode ir é de 27 km/h, pero polo arredondamento e conversión de unidades convinte, esa cifra pode chegar á outra, que é o triplo, ou a calquera outra que se queira.
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial 2.5 License.
Collendo as '17 Mph', cun conversor na rede (por exemplo: https://convertlive.com/es/u/convertir/nudos/a/millas-por-hora )daranos que é equivalente a 7,59968 m/s, ou sexa, con arredondamento, seguindo as normas que se usan, 8 m/s. O mesmo conversor nos dirá que 8 m/s son 15,5508 nós, ou sexa, de novo, limando decimais, 16 nós. Non vou seguir toda a ringleira de conversión. Chega con ver agora que se convertimos eses 16 nós de novo a millas por hora, o resultado é xa 17,8955 Mph, ou sexa, que 'podemos dicir' 18 Mph, e ganamos xa unha milla por cada hora. Sen violar as normas de arredondamento de datos. Pero, está ben? Evidentemente, non.
Nun caso como o anterior, é doado ver e decarse da 'trampa', do 'truco de maxia' que se usa. Con datos reais misturados diversos, nos xornais, na televisión ou en outro medio, as cousas poden variar abondo e pasar desapercibidos deturpamentos importantes. Os exemplos podes atopalos hoxe no xornal (o que sexa que mires, e non sei en que día estás a miralo) a pouco que te fixes. E tampouco fai falta que sexan datos numéricos.
Rematou. Unha nova edición da Feira da Ciencia de Ribadeo, a 26, deixou de novo tras de si un bo sabor de boca, aínda que cunha estrutura diferente obrigada por ter que enfrontármonos á pandemia.
A directora do centro, Mª Jesús Besteiro, fixo varios resumes no blog do IES, en Crónica3 ou na Comarca, en particular sobre as científicas que impartiron charlas na feira, crónicas que máis ou menos acubillo agora aquí. Neste momento só está colgada a charla de María Vieites, que queda tamén aquí, e iranse incorporando aquí mesmo as outras:
No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo estamos celebrando durante esta semana a XXVI edición da Feira da Ciencia e da Cultura. O curso pasado foi cancelada debido ao confinamento e este curso 2020/2021 é unha Feira especial por dous motivos: en primeiro lugar, porque deixa de ser só Feira da Ciencia abrindo a participación a todos os departamentos que o desexen, pero tamén porque a pandemia condiciona as actividades e non estará o alumnado presentando as súas experiencias coma sempre senón que participarán co seu grupo de referencia en visitas virtuais a museos científcos, conferencias de temática variada, visitarán as exposicións de gravados de Amando Suárez Couto, Xela Arias e de traballos feitos polo alumnado en bioloxía, tecnoloxía, música e portugués, farán percorridos guiados polo xardín para descubrir as nosas árbores e tamén participarán na proxección da película Nación ou visitarán o Museo IES Ribadeo que trata de poñer en valor o noso patrimonio histórico educativo.
Desexamos que o noso alumnado disfrute coas actividades e que sexan proveitosas.
Sonia Villapol, Neurocientífica, dende Houston co IES Ribadeo Dionisio Gamallo
Sonia Villapol impartiu para nós a conferencia inaugural da XXVI Feira da Ciencia e da Cultura. Sonia, natural de Bretoña (Lugo), licenciouse en Bioloxía Molecular pola USC, doutorouse en Neurociencias pola Universidade Autónoma de Barcelona, foi investigadora postdoctoral na Universidade Pierre e Marie Curie de París e dende2010 traballa en EEUU onde pasou polo Instituto Nacional de Saúde (NIH), foi profesora de neurociencias na Universidade de Georgetown e actualmente é investigadora principal e profesora no Texas Medical Center de Houston. Ademáis, dende fai un ano, coordina o Equipo de Investigación Internacional daCOVID-19 no que participan neurocientíficos que analizan cómo lle afecta ocoronavirus ó cerebro e ó sistema nervioso.
Non só nos falou sobre a covid e os danos neurolóxicos a longo prazo senón que ilustrounos no tema das probas, das vacinas e contounos que no seu día a día ademáis de coordinar o seu propio equipo de invcestigación pensa novos proxectos e sobre todo, busca financiación para poder facelos realidade.
Reflexionou sobre a importancia da cooperación internacional a nivel científico, que seguramente a pandemia sirva de punto de inflexión para que os países dediquen maiores presupostos á investigación e insistiulle ó noso alumnado en que o esforzo e a motivación son a clave para chegar lonxe e que deben decidir persoalmente o seu futuro apoiados eso si, polas súas familias. Encantounos a conferencia, que poderá verse en breve a través da web e agradecémoslle a Sonia que nos dedicara parte do seu tempo e mandámoslle un cariñoso saúdo dende Ribadeo.
María Vieites, Física, dende o CERN co IES Ribadeo Dionisio Gamallo
María Vieites, impartiu para o alumnado de ciencias de 4º ESO e 1º Bach unha conferencia titulada “O Cern: acelerando e detectando partículas”.
Para nós é un orgullo poder contar con ela por varios motivos: foi alumna nosa no Porta da Auga antes da fusión dos centros, é filla de Teresa Díaz, a nosa compañeira de Física e Química e ademais conseguiu un brillante currículo nun tempo meteórico. María cursou o grao de Física na USC con estancias de summerstudent en Hamburgo e Lausane, Suiza, no Centro Acelerador de Partículas. A continuación fixo o mestrado e despois comezou coa tese marchando un ano ó CERN. Doutorouse en Física Nuclear e agora traballa alí como Investigadora post doutoral no Grupo de Física de Altas Enerxías.
Toda esta traxectoria, valeulle para ser premiada no 2020 como mellor científica galega menor de 30 anos.
Explicounos como funciona o Centro Acelerador de Partículas, que é a máquina máis grande construída polo ser humano, deunos datos tan curiosos como que o túnel do acelerador está situado a 100 metros de profundidade e que traballan coas temperaturas máis frías de toda a galaxia, a -271,3 ºC pero ademáis, tratou de que entenderamos a necesidade da antimateria nun mundo dominado pola materia.
María, que se dedica a facer investigación fundamental e non aplicada, contounos que o seu traballo permítelle estar en contacto diario con científcos e científicas colaboradores do CERN repartidos por máis de 80 países e que a información é compartida entre todos, o que supón unha grande vantaxe á hora de investigar.
Finalmente, María, que foi gran colaboradora como alumna en moitas Feiras da Ciencia, confesounos que ademais de investigar tamén lle gusta divulgar para achegar a ciencia ó público e alentou ó noso alumnado a estudar o que lles guste e a non ter medo a enfrentarse a novos retos. No seguinte enlace, podedes vela (https://youtu.be/c1jlYEiWpdg) e dende o IES de Ribadeo, queremos darlle a noraboa e mandámoslle un saúdo cariñoso.
(01/06/2021): OS APELIDOS GALEGOS.
Ana Isabel Boullón Agrelo pronunciou unha charla titulada “Os apelidos galegos”. A actividade enmárcase dentro do programa “A Ponte”, que pretende achegar a USC ós centros de ensino.
O acto estaba previsto para o alumnado de 2º de BAC, pero debido ás circunstancias relacionadas coa COVID houbo que pospoñelo e reorientalo ó alumnado de 1º de BAC.
Ana Boullón é Doutora en filoloxía galega e profesora titular do departamento de galego da USC. O seu ámbito de investigación céntrase sobre todo na onomástica, na edición de textos e na lexicografía. Forma parte de varios colectivos e institucións: Instituto da Lingua Galega (ILG), Asociación Galega de Onomástica (AGON), etc. Recentemente foi nomeada membro de número da Real Academia Galega (RAG), da que xa é correspondente
Na súa intervención, despois de referirse ós estudos da USC relacionados co seu ámbito, explicou a historia da creación dos apelidos e centrouse nalgúns propios da zona de Ribadeo. Como autoridade destacada tamén no ámbito da toponimia, rematou aludindo á polémica sobre a denominación da ría, defendendo, de xeito moi documentado, por que a Ría de Ribadeo debe seguir mantendo a súa denominación actual.
A actividade organizárona, en colaboración, o Departamento de Orientación, o Departamento de Galego e o Equipo de Dinamización Lingüística.
LAURA CALAZA, “unha matemática falando dedialectoloxía galega”
A cuarta muller investigadora coa que contamos na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura foi Laura Calaza. Estudou o bacharelato en Vilalba e despois marchou a Santiago, onde se licenciou en Matemáticas na USC coa especialidade en Estatística e Investigación Operativa. Completou a súa formación tamén na USC cun Máster en Técnicas Estatísticas e é membro activo da Real Sociedade Matemática Española pero dende 2015, esta muller matemática tamén forma parte do Instituto da Lingua Galega e participa nos proxectos que se desenvolven dentro da Rede de Investigación de Tecnoloxías e Análise de Datos Lingüísticos (TecAnDaLi).
Agora traballa no Centro de Formación do Profesorado de Lugo, na extensiónde Burela motivo polo cal é a nosa Asesora TIC e axúdanos e oriéntanos cos Plans de Formación que facemos cada curso. Impartiu para nós dúas charlas, a primeira titulada “O debate do X” para alumnado de 3º ESO e a segunda “Dime como falas e direiche de onde eres”.
En principio pode sorprender unha matemática falando de dialectoloxía, pero é que realmente esa fronteria que ás veces pensamos que existe entre as ciencias e as letras, non é tal. Están moito máis ligadas do que podemos imaxinar e Laura demostróunolo sobradamente.
Rematou ambas sesións permitíndolle ó alumnado empregar o teléfono para facer un “Mentimeter”. Debían describir cunha palabra a XXVI Feira da Ciencia e da Cultura. Para boa parte do alumnado resultou interesante, divertida e sorprendente. Alegrámonos de que tódalas actividades foran proveitosas eagradecémoslle a Laura o tempo que nos dedicou e o agasallo de papiroflexia feito por ella. Xa o collemos como idea para o vindieiro curso.
Na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura, boa parte do alumnado do IES de
Ribadeo Dionisio Gamallo tivo a oportunidade de visitar os museos
científicos coruñeses.
O Departamento de Bioloxía, que foi o
encargado da actividade, seleccionou para o alumnado de 1º ESO a visita á
Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae. Trátase da sala máis
espectacular do acuario, unha gran piscina de 4,4 millóns de litros de
auga onde nada os maiores peixes do Atlántico. Puideron ver meros,
douradas, os grandes bancos de xardas e de xurelos e, por suposto, as
quenllas, entre as que destaca Gastón, un Tiburón Toro macho de 2,5
metros de longo e 120 kg de peso.
O alumnado de 2º ESO visitou a
exposición "Puro Swing" na Casa das Ciencias centrado na explicación dos
experimentos pendulares de Galielo e Foucault que cambiaron a historia
da ciencia, no segredo do botafumeiro mirar como a gravidade fai debuxos
xeométricos e aprender a maxia con péndulos acoplados.
Finalmente, na Domus, eliximos para 3º
ESO a "Disección en directo do ollo" e para 1º de Bacharelato, a
"Disección en directo dunha flor", ambas acompañadas de xogos
interactivos coa aula.
Todas resultaron de interese e o
alumnado mostrouse participativo. Nun curso condicionado pola pandemia e
o protocolo anticovid, que fixo imposible a realización de prácticas de
laboratorio, dende o IES de Ribadeo queremos agradecerlle aos Museos
Científicos Coruñeses a súa colaboración.
Ribadeo, 8 de xuño, 2021. Case para rematar a XXVI Feira da Ciencia e
da Cultura ribadense, o alumnado de 4º ESO tivo a oportunidade de facer
unha visita virtual ós Xacementos de Atapuerca en Burgos. Baixo o
título “La trinchera del ferrocarril, en busca de nuestro origen” fomos
recorrendo unha zona calcaria que inclúe xacementos tan importantes como
A sima do elefante, A galería ou a gran Dolina. Explicáronnos que se
trata da maior concentración de restos humanos da península e que alí se
atoparon restos do antepasado máis antigo de Europa, o Homo antecessor,
un homínido que chegou dende Africa e que é a última especie común
entre os Homo neanderthalensis e os Homo sapiens. Non cabe dúbida de que
foi unha actividade moi interesante e unha boa lección de evolución
humana. Puidemos observar dende restos de mamíferos ata ferramentas de
sílex pasando por restos humanos tan famosos coma o cránio número 5,
coñecido popularmente como Miguelón que é o cranio de Homo
heidelbergensis mellor conservado do mundo e recibe ese nome en honor a
Miguel Indurain pois foi descuberto cando Miguel acababa de gañar o
segundo Tour de Francia.
Tan só queda para os vindeiros días
rematar algúns percorridos botánicos polo xardín que tiveron que ser
aprazados pola chuvia e dende o IES de Ribadeo agradecen a colaboración
do Museo de Atapuerca.
É posible que algunha vez te propuxeran un desafío como dobrar unha folla de papel sobre si mesma 7 ou 8 veces, mesmo apostando a que non eras capaz. Se o intentanches, verías que non podes. O vídeo adxunto tenta visualizalo e explicalo, engadindo unha variante máis sinxela.
Hoxe vai un vídeo sobre tratamento de erros unha vez obtidas as medidas nas experiencias. Unha explicación sinxela para coller a idea básica do tratamento matemático.
Deixo incrustados na entrada un par de vídeos de Andrea Vilar Álvarez, Ribadense que anda rematando a primeira instrución en Santiago (primeira porque a bo seguro seguirá formándose, que a vida non para, non porque navegue no que se chama educación primaria).
A cousa ten que ver en ambos casos con ciencia: no primeiro, xeodésica, e no segundo, lóxica (matemática e 'da outra')
Viaxe de París a San Francisco
Si, está prevista hoxe de novo unha alerta. A temperie de Ribadeo
incluirá hoxe nivel amarelo, vento forte, chuvia, e uns 7 ºC. É dicir,
primavera astronómica con inverno meteorolóxico parello a iso que
levamos catro meses coñecendo.
Mais o Sol xa se ve por riba do ecuador. Medímolo o pasado día 20 (equinoccio de primavera a media tarde, 16:57 UTC), como deixa patente a seguinte nota de prensa enviada xa hai uns días:
"
Medindo a Terra
Onte,
xoves 20 de marzo, foi o equinoccio de primavera. No IES de Ribadeo
Dionisio Gamallo aproveitouse a soleada mañá para facer medicións. Tres
grupos de alumnos voluntarios empregaron varias horas e os seus
respectivos gnomon
para obter o tamaño da sombra mínima a mediodía dun vástago vertical. A
inclinación con se vio o Sol no momento de mínima sombra o día con
igual duración da parte nouturna e diurna, como onte xoves, corresponde á
nosa latitude.
Así, a media dos resultados dos tres grupos de alumnos de 1º de
bacharel apuntou a 43,28º, unha posición que na realidade está
lixeiramente ó sur de Ribadeo. Na mesma medición tamén se comprobou o
desfase entre a hora legal e a hora solar,
correspondendo onte as 12 hora solar coa unha e media algo pasada en
hora legal, o que levou a lembrar o desfase horario de Galicia co actual
sistema de horario legal a nivel do estado.
O
anterior non deixaría de ser máis ca unha curiosidade para mellorar os
coñecementos dos alumnos se as medicións non foran confrontadas coas
doutros catro centros, do case viciño IES Galileo Galilei de Navia ós de Manilva (Málaga), Villaviciosa de Córdoba e Oliva de la Frontera
(Badaxoz). A confrontación de datos entre os IES permite calcular o
radio da Terra ou a súa circunferencia, o que se está a facer, obtendo
cos datos xa tratados (faltan aínda datos de tratar) unha pequena
desviación en relación á medida aceptada de 6 370 km de radio. O método seguido, usado por primeira vez por Eratóstenes, estúdase na teoría de ciencias, pero raramente se comproba.
A
experiencia, coordinada polo profesor extremeño Jesús M. Carballar,
aglutinou a perto de cen alumnos do conxunto dos centros, e terá
difusión, entre outros lugares, por parte da ‘Fundación Española para la
Ciencia y la Tecnología’ (FECYT).
Estaba
previsto que se continuara coa medición o día 21, corroborando e
mellorando os datos do día anterior, pero a temperie da zona norte
peninsular impediu facer as correspondentes medidas.
"
Embaixo deixo duas fotos das medicións, xunto á fachada sur do novo edificio do IES.
Preséntase unha fotografía dunha chuleta 'multiuso' na cobertura dunha calculadora. Seguindo o dito, non se di 'o pecador', pero si 'o pecado'. (lembrar que se pode ampliar clicando sobre ela)
Estamos flotando nun mar de números. É curioso: hai xente que os usa, xente que os manipula e tamén quen que se afoga neles. Non é de temer unha interpretación demasiado literal. Hai profesións, por non dicir toda a sociedade como está estructurada hoxe, que dependen do seu uso.
Por outra parte, xente que se afoga neles tamén a coñecemos todos; pode que sexamos nós mesmos propensos a caer como víctimas e sentirnos impotentes ante a súa presencia, ben por abundancia deles ou pola magnitude que representan: os que teñamos que manexar para facer unha declaración da renda ou a cifra mareante do presuposto dos Estados Unidos, por poñer como exemplo dous temas económicos.
Tamén houbo sempre xente que os manipula, variándoos para os seus propios fins. O resultado de calquera elección, no que tódolos partidos se proclamas victoriosos dalgún xeito é unha boa mostra. Aprovéitase aí A subida en escanos, a subida porcentual no conxunto de votantes, a pouca merma nuns momentos que se supoñían difíciles para o partido, o... calquera asideiro que teña unha mínima base numérica é bo. Aínda así, chama a atención a manipulación inconsciente que se fai deles ás veces, e que provoca un engano na xente que recibe esa información manipulada, que, como tal é tamén inconsciente. Uns cantos casos como mostra.
Fai poucos días, un periódico traía información referente á inflacción. As cifras, Galicia, 0,2%; España, 0,1%. O comentario incluía que a subida de precios en Galicia é dobre que no conxunto do estado. Agora vexamos un contexto posible: o mes anterior (ó que se refería de xeito único dita estatística) a inflacción de Galicia foi algo maior que a española, polo que as cifras, que ben puideran ser respectivamente 0,148 e 0,152, foron aproximadas a 0,1 e 0,2, seguindo as normas aceptadas de xeito común. Polo tanto, a pesar de ser semellantes, apartándose unha da outra en menos do 3%, aparecen como se estiveran na relación de dous a un. Ademais, ós mesmos números serían aproximadas se, por contra, as cifras orixinais foran 0,056 e 0,24, co que a relación real entre as inflaccións sería de un factor superior a catro. ¿Cal era a realidade? Da noticia non se infería máis: A relación entre as inflaccións pode estar entre a similitude ou un factor próximo a cinco.
Por se o anterior fora pouco, aínda que saquemos os números mencionados dos citados contextos, ó ser estatísticas tomadas sobre unha parte da poboación, teñen un erro de realización (que non estaba indicado). Dito erro é maior se a poboación estatística é menor. O resultado: non sería extraño que na realidade dese mes a inflacción en Galicia estivera por baixo da española en xeral, aínda sendo en principio a cifra obtida na enquisa para España, debido ó propio método de realización da recopilación de datos, bastante máis exacta que a referente a Galicia.
O caso anterior non é único; pode que tampouco dos máis representativos. Fai pouco, por televisión podía verse un anuncio no que se vían dous amigos, sentados arredor dunha botella, e un explicaba ó outro que estaba medio chea, ou ben medio vacía ou aínda que ás veces medio chea e outras medio vacía. O resultado claro, a parte de chamar a atención sobre a botella, é que poden dicirse con igual verdade ambas cousas. A interpretación que se da do feito, en cambio, é diferente.
O caso das medias estatísticas ás veces clama ó ceo. Non é o primeiro gráfico no que se chama a atención de que temos unha renda por habitante do orde de 12000 euros. Se divido o que gano entre os membros da miña familia non me saen as contas. Nin a min nin a máis das tres cuartas partes da poboación. ¿Motivo? Unha persoa que gana cen millóns de pesetas ó ano (que segundo parece as hai), vale estatísticamente para a renda como un total de 50 persoas sen un can, que sería por termo medio o número entre o que tocaría repartir eses cen millóns. ¿Sáenche a ti as contas?
Un premio ó esforzo e benfacer
-
… aínda que poda soar a pouco. Paso unha nova que me chegou por correo,
aínda que despois comprobeina nos xornais: A embarcación de catro sen
timonel femin...
A unha semana da Feira da Ciencia de Ribadeo
-
Un ano máis (e van 31 edicións), achégase a Feira da Ciencia de Ribadeo.
Iso, unha feira montada arredor da ciencia. Despois de comezar no século
pasado, f...
Cuarto cumpleaños del Carnaval de la Física
-
¡Bienvenidos otra vez a Gravedad Cero! Es un honor para mí escribir este
post porque hoy celebramos el cuarto cumpleaños del Carnaval de la Física,
una ave...