2020/12/04

A choiva igualitaria (en Ribadeo)

   Case medio millón de dados. Os da estación de Pedro Murias que indican cada dez minutos a chuvia caída. Entre o ano 2010 e 2019, ambos incluídos. Esa foi a base para o cálculo.

   A idea xurdiume cando quixen demostrar algo que se me pasou polo cabeza: que debera chover máis ó atardecer que ó amencer. O caso é que despois de descargados no ordenador e tratados, a hipótese de que chove máis cara ó atardecer que ó amencer non resultou convalidada, senón máis ben todo o contrario, presentando os datos unha testarudez no igualitarismo: dentro das flutuacións estatísticas en Ribadeo chove de forma semellante, por termo medio, a calquera hora do día.

   Para imaxinar un pouco como foi o proceso seguido, deixo unha captura de pantalla da folla de cálculo cos datos correspondentes á parte da noite de comezo de ano de 2010, tal como foron recollidos da web de Meteogalicia (zona esquerda) e á mesma parte de noite das primeiras dúas semanas de xaneiro dese ano (zona dereita da captura de pantalla), xa ordeadas para comezar o seu tratamento.

   E paso á gráfica de resumo dos dez anos, dez a dez minutos ó longo do día. Como é lóxico, presenta numerosos dentes de serra estatísticos, e pode alentar esperanzas de que haxa unha desviación horaria na cantidade de chuvia caída, con desviacións entre 0,013 L/m2 de media interanual nunha sección dezminutal antes das dúas da mañá e 0,023 L/m2 en varias outras, de día e de noite.
   Mais, se collemos a chuvia acumulada ó longo do día, sae prácticamente unha recta, como se amosa en baixo:
   Esa 'liña practicamente recta' pode comprobarse que o é ó poñerlle unha liña de tendencia ó conxunto dos dados. En baixo aparece a mesma liña representativa dos dados e a recta de axuste de tendencia, que case non se aprecia como diferente. De feito, inclúese na gráfica o factor R2 que nos da a bondade do axuste, o que se parecen a liña dos dados e a de axuste, e neste caso son prácticamente iguais: o 1 significaría a correlación completa, a igualdade, e o 0 que non teñen correlación ambas liñas. E o valor é practicamente 1, R2 = 0,9999... é dicir, ao menos no que corresponde a Ribadeo, non hai dunha desviación estatística significativa entre o que chove nun momento do día e noutro momento.

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.