2021/10/30

Terremotos? Si, claro

    Como xa saberás, na noite de xoves a venres houbo un terremoto con epicentro pŕoximo a Galicia de intensidade 4,4 mbLg, que se deixou sentir en toda a zona norte, e por suposto, dentro dela, na Mariña. Eu sentino, entre soños díxenme 'isto é un terremoto suave', din media volta (na cama) e seguín ó meu, que naquel momento era durmir.

   A Terra está 'viva', e maniféstao de diversos xeitos, sexa na procura de novos equilibrios ecolóxicos que tenten reequilibrar os desequilibrios que se van producindo, sexa polo cambio climático ó cambiar a constitución atmosférica, ou sexa polo movemento de placas tectónicas impulsado pola transferencia de calor calor interno que aínda conserva a Terra dende a súa constitución como planeta, entre outros casos que manifestan esa vitalidade do planeta. Atención, vitalidade non significa que, no que en relación ó mantemento da nosa vida, non estea a esmorecer e podamos empregar a imaxe de que 'a Terra morre': somos nós os que, polos cambios na Terra, temos peores condicións vitais (nosas).

   Volvendo ós terremotos. Prodúcense por movementos desas placas que lle dan armazón á superficie terrestre, a modo de exoesquelete. Cando dúas placas se moven de xeito relativo (ou dúas partes máis pequenas delas, subplacas, o fan, ou mesmo a liberación de tensións internas dentro dunha subplaca), pode ser para xuntarse, golpeando unha contra outra e onde unha tenderá a ir por riba da outra, para separarse, creando un espazo entre elas polo que pode saír material do interior terrestre, ou de xeito lateral unha esvarando en relación a outra. En calquera dos tres casos poden producirse terremotos, ó non ser os movementos suaves, senón producirse a saltos, cando vencen a resistencia (o 'rozamento') que ofrece o propio terreo. Ademais, poden producirse por outras causas, como os volcáns, como está a suceder na illa da Palma.

   O caso da chamada 'falla de Triacastela', que se chega dende a montaña do sur de Lugo ata o Cantábrico despois de pasar pola zona de Viveiro corresponde a unha raxa menor no interior da cortiza terrestre, que de cando en vez deixa terremotos, máis ben cara ó seus extremos, na zona de Triacastela ou no mar a uns 50 km da costa, como neste caso, onde se produce a discontinuidade da placa continental paralela á costa Cantábrica.(1)

   Cabe dicir que os movementos terrestres están á orde do día. Na páxina web do Instituto Xeográfico Nacional rexístranse uns cantos terremotos tódolos días, e iso, porque teñen que poñer un límite de intensidade mínima para cortar a lista nalgures, pois noutro caso, a lista sería interminable. Ademais, cando se produce un axuste relativamente grande na cortiza terrestre, non queda 'exacto', tendo a continuación xeralmente movementos de reaxuste máis pequenos nas proximidades do 'grande'. É dicir, sismos de menor intensidade, ós que se lles chama 'réplicas'. Así, neste caso houbo unha réplica ó pouco tempo, menos de 25 minutos despois. 

   Deixo dous anacos da lista do IXN para comparar. Na primeira columna, a magnitude: a maior magnitude, máis intensidade. Na segunda columna, data e hora, en UTC, é dicir, para a hora legal peninsular, a piques dun novo cambio horario, hai que sumarlle 2: o que aparece como as 4:32 UTC nos nosos reloxos terían codificados, leríamos '6:32', (hora legal en España peninsular). Nos lugares, sobresaen a cantidade detectada na illa da Palma (ILP), sexa no concello de Fuencaliente ou en Villa de Mazo. Nesa mesma columna, para os terremotos de maior magnitude, tamén aparece a intensidade máxima, unha especie de 'tradución' da magnitude a outra escala para equiparar os efectos de destrozos dos diversos terremotos. A última columna que aparece é a profundidade do epicentro, é dicir, do lugar onde se orixina o terremoto:


   Vemos que o terremoto 'do Cantábrico' produciuse ás 04:32:11 UTC, cunha intensidade de 4,4, a 92 km de Ribadeo (65 km de Burela, 58 km de Viveiro ou 42 km de Estaca de Bares), e unha réplica ás 04:56:00 UTC con intensidade 2,3. Os datos totais brindados na web indican claramente a posición, aínda que neste caso non dan a profundidade do epicentro do sismo máis intenso (aínda que si do menos intenso, 4 km):



   Pódese observar que a réplica foi un terremoto abondo superficial, e, no mapa, asemade xa na beira da placa continental. Ademais, as caracteríticas de ambos terremotos non os facían produtores de maremotos. Por sorte, pois ó estar tan próximos á costa, o tempo de chegada, e polo tanto, o tempo de evacuación aínda para os lugares máis apartados da Mariña tería sido menor de unha hora.
   Un resume de terremotos recollidos polo IGN na mesma zona nestes tres días é:
   Nunha escala máis ampla, o mapa de terremotos recollidos nas proximidades de territorio español, resume destes tres últimos días sería:
   Onde vemos que se destaca o terremoto do Cantábrico, por ser dos importantes na zona nese período, pero sobre todo, a estrela na illa da Palma, pola acumulación de sismos, algún significativamente máis intenso que o do Cantábrico.
-
Agunhas entradas sobre terremotos próximos, no blog:
-

Cŕedito das imaxes: IGN, permiso de reuso da información do sector público, capturadas o sábado 30 de outubro de 2021.

--

1 O coñecemento da zona está progresando día a día. O último artigo científico publicado sobre o fenómeno dos terremotos na zona, en particular en relación coa falla Cantábrica foi hai poucos días, aquí (e non inclúe ningunha 'falla de Triacastela', aínda que si a de Viveiro ou a de Valdoviño, que rematan, en particular a primeira, próximas a Triacastela, e a primeira aemáis segue o camiño cara ó mar que corresponde co que teño visto da 'falla de Triacastela').

 

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.