Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta terremoto. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta terremoto. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

2021/10/30

Terremotos? Si, claro

    Como xa saberás, na noite de xoves a venres houbo un terremoto con epicentro pŕoximo a Galicia de intensidade 4,4 mbLg, que se deixou sentir en toda a zona norte, e por suposto, dentro dela, na Mariña. Eu sentino, entre soños díxenme 'isto é un terremoto suave', din media volta (na cama) e seguín ó meu, que naquel momento era durmir.

   A Terra está 'viva', e maniféstao de diversos xeitos, sexa na procura de novos equilibrios ecolóxicos que tenten reequilibrar os desequilibrios que se van producindo, sexa polo cambio climático ó cambiar a constitución atmosférica, ou sexa polo movemento de placas tectónicas impulsado pola transferencia de calor calor interno que aínda conserva a Terra dende a súa constitución como planeta, entre outros casos que manifestan esa vitalidade do planeta. Atención, vitalidade non significa que, no que en relación ó mantemento da nosa vida, non estea a esmorecer e podamos empregar a imaxe de que 'a Terra morre': somos nós os que, polos cambios na Terra, temos peores condicións vitais (nosas).

   Volvendo ós terremotos. Prodúcense por movementos desas placas que lle dan armazón á superficie terrestre, a modo de exoesquelete. Cando dúas placas se moven de xeito relativo (ou dúas partes máis pequenas delas, subplacas, o fan, ou mesmo a liberación de tensións internas dentro dunha subplaca), pode ser para xuntarse, golpeando unha contra outra e onde unha tenderá a ir por riba da outra, para separarse, creando un espazo entre elas polo que pode saír material do interior terrestre, ou de xeito lateral unha esvarando en relación a outra. En calquera dos tres casos poden producirse terremotos, ó non ser os movementos suaves, senón producirse a saltos, cando vencen a resistencia (o 'rozamento') que ofrece o propio terreo. Ademais, poden producirse por outras causas, como os volcáns, como está a suceder na illa da Palma.

   O caso da chamada 'falla de Triacastela', que se chega dende a montaña do sur de Lugo ata o Cantábrico despois de pasar pola zona de Viveiro corresponde a unha raxa menor no interior da cortiza terrestre, que de cando en vez deixa terremotos, máis ben cara ó seus extremos, na zona de Triacastela ou no mar a uns 50 km da costa, como neste caso, onde se produce a discontinuidade da placa continental paralela á costa Cantábrica.(1)

   Cabe dicir que os movementos terrestres están á orde do día. Na páxina web do Instituto Xeográfico Nacional rexístranse uns cantos terremotos tódolos días, e iso, porque teñen que poñer un límite de intensidade mínima para cortar a lista nalgures, pois noutro caso, a lista sería interminable. Ademais, cando se produce un axuste relativamente grande na cortiza terrestre, non queda 'exacto', tendo a continuación xeralmente movementos de reaxuste máis pequenos nas proximidades do 'grande'. É dicir, sismos de menor intensidade, ós que se lles chama 'réplicas'. Así, neste caso houbo unha réplica ó pouco tempo, menos de 25 minutos despois. 

   Deixo dous anacos da lista do IXN para comparar. Na primeira columna, a magnitude: a maior magnitude, máis intensidade. Na segunda columna, data e hora, en UTC, é dicir, para a hora legal peninsular, a piques dun novo cambio horario, hai que sumarlle 2: o que aparece como as 4:32 UTC nos nosos reloxos terían codificados, leríamos '6:32', (hora legal en España peninsular). Nos lugares, sobresaen a cantidade detectada na illa da Palma (ILP), sexa no concello de Fuencaliente ou en Villa de Mazo. Nesa mesma columna, para os terremotos de maior magnitude, tamén aparece a intensidade máxima, unha especie de 'tradución' da magnitude a outra escala para equiparar os efectos de destrozos dos diversos terremotos. A última columna que aparece é a profundidade do epicentro, é dicir, do lugar onde se orixina o terremoto:


   Vemos que o terremoto 'do Cantábrico' produciuse ás 04:32:11 UTC, cunha intensidade de 4,4, a 92 km de Ribadeo (65 km de Burela, 58 km de Viveiro ou 42 km de Estaca de Bares), e unha réplica ás 04:56:00 UTC con intensidade 2,3. Os datos totais brindados na web indican claramente a posición, aínda que neste caso non dan a profundidade do epicentro do sismo máis intenso (aínda que si do menos intenso, 4 km):



   Pódese observar que a réplica foi un terremoto abondo superficial, e, no mapa, asemade xa na beira da placa continental. Ademais, as caracteríticas de ambos terremotos non os facían produtores de maremotos. Por sorte, pois ó estar tan próximos á costa, o tempo de chegada, e polo tanto, o tempo de evacuación aínda para os lugares máis apartados da Mariña tería sido menor de unha hora.
   Un resume de terremotos recollidos polo IGN na mesma zona nestes tres días é:
   Nunha escala máis ampla, o mapa de terremotos recollidos nas proximidades de territorio español, resume destes tres últimos días sería:
   Onde vemos que se destaca o terremoto do Cantábrico, por ser dos importantes na zona nese período, pero sobre todo, a estrela na illa da Palma, pola acumulación de sismos, algún significativamente máis intenso que o do Cantábrico.
-
Agunhas entradas sobre terremotos próximos, no blog:
-

Cŕedito das imaxes: IGN, permiso de reuso da información do sector público, capturadas o sábado 30 de outubro de 2021.

--

1 O coñecemento da zona está progresando día a día. O último artigo científico publicado sobre o fenómeno dos terremotos na zona, en particular en relación coa falla Cantábrica foi hai poucos días, aquí (e non inclúe ningunha 'falla de Triacastela', aínda que si a de Viveiro ou a de Valdoviño, que rematan, en particular a primeira, próximas a Triacastela, e a primeira aemáis segue o camiño cara ó mar que corresponde co que teño visto da 'falla de Triacastela').

 

2020/07/23

Sobre o terremoto en Oaxaca

Hoxe houbo un terremoto en Oaxaca. Oaxaca ten varias horas de diferencia connosco, e o terremoto foi hoxe. Pois xa hai varias horas que teño o aviso por correo electrónico cun mapa de desprazamentos de terra en base ós satélites da ESA, Axencia Europea do Espazo, na que participa España.
O terremoto foi forte, 7,4 na escala de Richter, e o mapa de desprazamentos, que collo da ESA, indicando a afección relativa, é un instrumento de primeiro orde proporcionado pola ciencia para paliar no que se poda o desastre.

2023/12/01

Terremoto de intensidade 3,3 en Oroso (Santiago)

    Os datos resumidos recollidos polo IGN do terremoto de hoxe preto de Santiago son:

Captura de pantalla de http://www.ign.es/web/ign/portal/ultimos-terremotos/-/ultimos-terremotos/getDetails?evid=es2023xlxvp&zona=1#

    Outros datos complementarios están dispoñibles na web do Instituto Xeográfico Nacional (IGN)

2021/03/25

Que a Terra non sempre rota coa mesma velocidade?

   Unha nova do correo da ESA lembroume unha cousa que en xeral se pasa por alto e non se lle dá importancia: a rotación da Terra varía mi pouco no tempo, pero varía. Non é constante.

   A principal variación a longo prazo está asociada ás mareas: a Lúa (tamén o Sol, pero moito menos) ó producir ás mareas leva a un movemento da auga e a un rozamento desta coa superficie sólida, ralentizando o xiro ó ser o xiro da Lúa arredor da Terra moito máis lento (velocidade angular da Lúa na súa órbita) que o da Terra arredor do seu propio eixe (velocidade angular da rotación terrestre).

   Pero non é o único efecto a considerar, nin todos os efectos son para diminuír a velocidade angular e alongar o día: o derretemento do xeo das montañas actúa acortando a duración diaria, ó diminuír o radio medio de xiro da materia terrestre (diminúe o momento de inercia, e por conservación do momento angular, a velocidade angular aumenta). Tamén, a un prazo moito máis curto que a idade da Terra, actúan os cambios debidos a que a órbita da Lúa non é circular arredor da Terra, co que en consecuencia (conservación do momento angular) a velocidade angular da Lúa non é constante, nin a súa distancia á Terra, coa súa influencia na velocidade da auga e a cantidade de auga, e polo tanto, na velocidade de xiro do conxunto terrestre.

   Pero é que aínda hai máis. Están, por exemplo, os movementos debidos ós terremotos, desprazando masas de terra e variando o xiro en consecuencia, ou o derretemento de xeo e neve sobre a terra, que como foi dito máis arriba, vai parar ó mar e distribúese en toda a superficie, non só a unha distancia do eixe da terra equivalente á que estaba antes de derreterse, e fai variar o momento de inercia, ou a dilatación da auga, que tamén fai que o líquido se redistribúa pola superficie...

Desprazamento do terreo no terremoto citado.
Obtida do artigo referido.


   Efectos todos eles moi pequenos, pero que na actualidade poden observarse e estudarse. Incluíndo correntes oceánicas, ventos atmosféricos ou actividades humanas. Fenómenos que por certo tamén poden contribuír a variar lixeiramente o eixe terrestre.

  Custa pensar que cando a Terra se solidificou, o que chamamos hoxe 'un día' tiña entre seis e oito horas de duración, e un 'ano' consistiría en máis de 1000 amenceres e atardeceres. Hai dez anos, un terremoto de magnitude 9,0 en Xapón, de seis minutos de duración (e que causou mortes e destrucción), tamén acurtou a duración do día en 1,8 microsegundos (millonésimas de segundo) e cambiou a posición do eixe do corpo da Terra -a liña imaxinaria arredor da cal se equilibra a masa do mundo- uns 17 cm. (Nota: o eixe do corpo é o eixe de equilibrio de masa da Terra, mentres que o eixo de rotación oscila arredor del.)

   E unha cousa práctica: por que se ocupa a ESA diso? Pois, a máis de pola súa interese científica, por intereses prácticos como a boa sincronización e optimización do funcionamento dos satélites, precisando máis a súa posición en relación ás nosas cabezas e ás estacións de seguimento, e mellorando polo tanto a comnicación.

2011/01/20

O ano previo ... a algo (segundo a física)

En contacto co "antroido da física" (xaneiro 2011) e o seu blogue anfitrión este mes, 'curiosidades de la microbiología', segundo as normas do antroido da física.

Contas as crónicas que este será o penúltimo ano... Dende as sibilas (que hai que interpretar despois de ser elas mesmas interpretadoras), pasando polo calendario maia (que ó non facerlles falta máis, tiñan un contador numérico limitado) ou programas de simulación informática (con datos escollidos ad hoc) a Nostradamus (outro intérprete do futuro que é necesario reinterpretar), os modernos gurús do futuro interesado teñen previsto que 2012 sexa un ano de desastres para a humanidade (algúns ata os focalizan no 21 de decembro dese ano, facéndoo coincider cunha desas datas especiais na Terra, o solsticio de inverno), que poderían chegar á súa extinción ... dende un mero pasar un mal ano (algo que, en plena crise, non será difícl que se cumpra).
E, no fondo, o interese. Dende a venda dun cantos libros 'escatolóxicos' á promoción dunha película con numerosos efectos especiais, '2012', marcando o rumbo.
Hai que lembrar o rebumbio que se armou na 'cristiandade' cando se aproximou o ano 1 000, do que tamén se dicía que ía ser o fin do mundo (por iso de ser un número redondo nun calendario concreto, o seguido pola cristiandade), que quedou moi debilitado para o ano 2 000 (só co efecto y2k nos ordenadores), para ter unha imaxe do que pode significar un tal 'efecto'.
Hai poucos días tiven que ver de xeito obrigado un par de vídeos curtos sobre o tema, e logo puiden falar algo do que me parecía a min, comezando a falar de cousas que é físicamente posible, mesmo cunha probabilidade superior á media dos últimos alnos, que sucedan. E é que, con bases físicas, hai quen poidera estar tentado a subirse o carro da película. Ó fin, parece que as catástrofes máis achegadas a nós no tempo son peores e hai máis (Jorge Manrique, 'cualquiera tiempo pasado / fue mejor'), pois así son as nosas lembranzas, e ademáis temos os efectos do cambio climático, que naturalmente tenden a incrementarse, e polo tanto, as últimas tempadas de ciclóns foron das peores que se lembran, e sempre está presente a posibilidade de destrucción atómica, e grazas á técnica, cada vez hai máis posibilidades de atopar algún corpo celeste que graciosamente se achegue á Terra algo máis que outros, e as probabilidades dun destrutor terremoto, o 'big one', seguen aumentando en California. Ademáis, este ciclo solar parece especialmente virulento, e aínda que non remata de remontar, aí está a predicción de que o cambio climático podería parar o motor da corrente do Golfo, variando por completo o clima arredor do atlántico norte, e ... poderiamos seguir. E, si, é moi probable que algún día fenezamos, ademáis de que é aínda máis probable que cada un de nós fenecerá... eu dría que cunha probabilidade do 100% se entendemos a morte como na actualidade. E con explicación física!

2010/01/03

A difusión da física

Vexamos... teño un semanario na man. Miro o espazo ocupado por temas de ciencia ... 0%. Collo a edición electrónica dun xornal provincial e miro ... o máis parello, unha nova sobre a inspección de eficiencia enerxética e outra sobre un pequeno terremoto. Pícame a curiosidade. Paso a un xornal de edición nacional... un apartado enteiro adicado a tecnoloxía! ... o meu gozo nun pozo: dende 'atopa algo orixinal' ata a venda de libros-e pasando pola censura en internet. Non me desanimo, e sigo mirando noutras seccións. En sociedade atopo unha nova sobre un furado na Lúa, e a partir de aí, pode un enterarse que existe unha 'sección de ciencia', que non aparece no frontal do xornal, e que non se alimenta a diario, polas novas que trae. Busco noutro, e ... si, aquí hai sección de ciencas referida en portada. Vou a ela e as novas inclúen "¡Estou no altar con @TracyPage!", outra sobre a moda do chute ocular na ruta do bakalao ... e tamén sobre o quinto ano máis cálido.
Poderiamos seguir investigando. Non é a primeira vez que o fago, e o resultado é semellante, sexa o segundo día do ano ou o 156º. Certo, non cuantifico moito a estatística, pero as novas sobre un dos fundamentos do mundo moderno destacan unha e outra vez pola súa falta e o tratamento que se lles da. A ciencia hoxe non interesa. E iso que poderiamos dicir que é a época máis científica da historia da humanidade. Mesmo hai unha nova materia, Ciencias para o mundo contemporáneo, na que se da un verniz descritivo (acientífico) do que se podería chamar novas científicas, aínda que moitos profesores tentan que sexa o máis parecido posible á ciencia...
Estes días estou a rematar 'The meaning of it all', do polifacético Feynman, e pode que por iso esteña máis sensible. Ó fin, o seu terceiro capítulo, 'This unscientific age' trata precisamente diso, da imbricación social da ciencia nas persoas (corresponde a algo dito nos '60). E de amosar que a nosa época, a pesares do dominio sobre a materia, non é, non pode considerarse, científica. Se tentamos facer unha demostración 'científica', mirando antes o que aporta Feynman teremos un bo paso dado. Se non nos fai falta a demostración científica, chega con asomarse á prensa diaria e ver o irracional de moitas medidas, ben pola lóxica usada, ben polas bases consideradas para tomalas, ben polo seu desenvolvemento, ...
En canto á difusión da ciencia (e máis aínda, da física), de seguir o segundo camiño, mello proverse antes dunha lupa ou artefacto semellante...
Por certo, esta entrada está reseñada para o 'antroido da física' (ou aquí), un intento de difusión de cousas relacionadas coa física e a ciencia en xeral.

2020/04/11

Outro terror do milenio (4 de abril de 1998)

Publicado Na Mariña/el Progreso o 19980404. Despois foi recollido en http://personal.redestb.es/agremon/ribadeo.htm.
Outro terror do milenio
Foi de repente. Un científico anunciou que un corpo celeste ía chocar contra a terra dentro duns anos. Logo, nun par de días, houbo un desmentido.
O de menos, os datos concretos. O importante, o feito. E os comentarios arredor del.
O feito foi que un científico realizou cálculos sobre a traxectoria dun corpo que se move no espacio cunhas dimensións do orden de quilómetros. os datos estaban tomados de posicións sucesivas del, eran escasos. Por outra banda, se un corpo dese tamaño cae a terra, podería facer un cráter no lugar onde caera, producir un xeitoso terremoto e facer opaca a atmósfera con todo o material sacado do seu sitio despois dun tremendo estalido liberador de enerxía. Os cálculos foron que a súa traxectoria cruzaríase coa da terra dentro duns anos, e o seu significado estaba claro: estabamos a punto para un cataclismo parello ó que parece que extingueu ós dinosaurios. A terra estaría asolada en menos dunha década, e en troques dos saurios, agora tocaríanos a nós.
Un anuncio de tal calibre moveu á comunidade científica dos astrónomos a ocuparse do tema. Obtivéronse máis datos, revisáronse outros recollidos de antigo, e fixéronse novos cálculos. O resultado é que o corpo que se auguraba ía destrui-la nosa civilización, tras mellorar os datos e realizar os cálculos, prevese que pasará a unha distancia de nós comparable á que mantén dende que se lembra a nosa compañeira a lúa. Todo o mundo respira máis tranquilo.
Agora, a repercusión da noticia. Nada máis darse, representantes do governo dos E.U.A. dixeron que se estaba a preparar un plan de intervención. Consistiría dito plan en lanzar varios cohetes cargados con bombas nucleares contra o obxecto, coa finalidade de desviar lixeiramente a súa traxectoria ou desfacelo en trozos máis pequenos. Dos dous xeitos, evitaríase que un só proxectil chegara a causar un dano abondo como para destrui-la "civilización". Era a primeira vez que a humanidade estaba intentando poñer as armas de destrucción masiva dun país a favor da salvación do mundo. Sería cousa se ver se era abonda a potencia ou non.
Tra-la rectificación dos científicos (na realidade non foi rectificación, senon declaracións diferentes por parte doutra xente diferente), pasouse a unha segunda fase. Foi cando se "redescubriu" que estatísticamente a probabilidade de morrer pola caída a terra dun asteroide ou meteorito é moito menor que a de morrer por accidente de automóbil ou atropellado. De xeito indirecto estábase a dicir que todo fora un bulo e que o que agora estaba a falar xa o sabía antes do desmentido. Tamén se comenta que hai un montón de corpos vagando po lo espacio que poden ser unha ameza para o noso planeta. E que a maioría deles son aínda uns completos descoñecidos.
Unha aclaración: o científico que deu á luz pública os seus cálculos non se pode dicir que estivera equivocado no xeito de face-las cousas; só que dispoñía de datos con moito erro, e dentro do erro estaba o motivo da falsa alarma. É algo que sucede con certa frecuencia. Pero... calquera día pode haber un aviso do mesmo xeito, e xa que a terra cobre unha distancia duns dous millóns e medio de quilómetros en vintecatro horas, non dar tempo a que nos enteren de que vai ocorrer unha catástrofe. Trátase de confiar, en todo caso pregar, e seguir a vivir como tódolos días. Ó fin e ó cabo, din que unha vez lle preguntaron a un santo que se estaba a divertir, que que faría se lle informaran que ía morrer ó pouco tempo. O santo, que se supón que cumpría con aquelo de que cadía ten o seu afán, parece ser que respondeu: seguir a divertirme. A boa conciencia da tranquilidade.
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.