2021/03/25

Que a Terra non sempre rota coa mesma velocidade?

   Unha nova do correo da ESA lembroume unha cousa que en xeral se pasa por alto e non se lle dá importancia: a rotación da Terra varía mi pouco no tempo, pero varía. Non é constante.

   A principal variación a longo prazo está asociada ás mareas: a Lúa (tamén o Sol, pero moito menos) ó producir ás mareas leva a un movemento da auga e a un rozamento desta coa superficie sólida, ralentizando o xiro ó ser o xiro da Lúa arredor da Terra moito máis lento (velocidade angular da Lúa na súa órbita) que o da Terra arredor do seu propio eixe (velocidade angular da rotación terrestre).

   Pero non é o único efecto a considerar, nin todos os efectos son para diminuír a velocidade angular e alongar o día: o derretemento do xeo das montañas actúa acortando a duración diaria, ó diminuír o radio medio de xiro da materia terrestre (diminúe o momento de inercia, e por conservación do momento angular, a velocidade angular aumenta). Tamén, a un prazo moito máis curto que a idade da Terra, actúan os cambios debidos a que a órbita da Lúa non é circular arredor da Terra, co que en consecuencia (conservación do momento angular) a velocidade angular da Lúa non é constante, nin a súa distancia á Terra, coa súa influencia na velocidade da auga e a cantidade de auga, e polo tanto, na velocidade de xiro do conxunto terrestre.

   Pero é que aínda hai máis. Están, por exemplo, os movementos debidos ós terremotos, desprazando masas de terra e variando o xiro en consecuencia, ou o derretemento de xeo e neve sobre a terra, que como foi dito máis arriba, vai parar ó mar e distribúese en toda a superficie, non só a unha distancia do eixe da terra equivalente á que estaba antes de derreterse, e fai variar o momento de inercia, ou a dilatación da auga, que tamén fai que o líquido se redistribúa pola superficie...

Desprazamento do terreo no terremoto citado.
Obtida do artigo referido.


   Efectos todos eles moi pequenos, pero que na actualidade poden observarse e estudarse. Incluíndo correntes oceánicas, ventos atmosféricos ou actividades humanas. Fenómenos que por certo tamén poden contribuír a variar lixeiramente o eixe terrestre.

  Custa pensar que cando a Terra se solidificou, o que chamamos hoxe 'un día' tiña entre seis e oito horas de duración, e un 'ano' consistiría en máis de 1000 amenceres e atardeceres. Hai dez anos, un terremoto de magnitude 9,0 en Xapón, de seis minutos de duración (e que causou mortes e destrucción), tamén acurtou a duración do día en 1,8 microsegundos (millonésimas de segundo) e cambiou a posición do eixe do corpo da Terra -a liña imaxinaria arredor da cal se equilibra a masa do mundo- uns 17 cm. (Nota: o eixe do corpo é o eixe de equilibrio de masa da Terra, mentres que o eixo de rotación oscila arredor del.)

   E unha cousa práctica: por que se ocupa a ESA diso? Pois, a máis de pola súa interese científica, por intereses prácticos como a boa sincronización e optimización do funcionamento dos satélites, precisando máis a súa posición en relación ás nosas cabezas e ás estacións de seguimento, e mellorando polo tanto a comnicación.

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.