O pasado día 20 de maio, en Santiago, tivo lugar o que foi o momento punteiro en todo o ano para avaliar o estado das relacións entre ciencia, técnica e sociedade en Galicia. O Consello da Cultura Galega presentou un informe que hai cousa de ano e medio puxo en mans dun conxunto de dez especialistas para determinar o estado da
divulgación da ciencia en Galicia. Ó longo das súas 385 páxinas vai desgranando a diversidade de ecosistemas polos que transcorre a divulgación científica na nosa terra. Descargable en
pdf ou lido
apartado por apartado, presenta -dun xeito rigoroso mais áxil- ata o máis pequeno dos camiños polo que se pode producir esa difusión, e tamén explora o impacto de cada un deses camiños na sociedade galega, poñéndoo en relación coas outras posibilidades e co que se pode vislumbrar fóra da nosa terra. Como se di no texto, é algo necesario para potenciar a toma de contacto da sociedade e a ciencia, e polo tanto para o desenvolvemento da propia ciencia en Galicia.
Nun informe de tanta extensión, hai moitas partes que gustaría destacar. Collerei só dúas: o impacto da publicación do informe nos medios e o apartado de feiras de ciencia.
|
Portada do informe |
A primeira manifesta algo que circunvala ó informe e que só está en parte dentro. Os medios de difusión teñen apartado propio no informe. Mais o informe non parece ter un apartado propio nos medios. O Consello da Cultura Galega emitiu no seu momento varias notas de prensa e
publicou na súa web vídeos da xornada de presentación, pois o acto en si foi acompañado de diversas charlas pola mañá e pola tarde,
pequena pezas de difusión científica e dunha táboa redonda na que poidemos participar os asistentes. Sen entrar en máis detalles, coido que o Consello 'fixo o seu traballo', máis a difusión nos medios quedou abondo escasa; no mellor dos casos, difundindo algún detalle da xornada e dicindo que o motivo da mesma fora a difusión do informe. É dicir, quen esteña interesado, que o lea. Chega con facer unha procura do informe en internet e ver os
resultados para comprender que a importancia do tema nos medios tradicionais foi furtada por outras novas doutro tipo.
O segundo cólloo por estar tanto eu como Ribadeo involucrados directamente nel. O
apartado de feiras de ciencia. Nel, refírese en boa parte ós datos recollidos na wiki
As Feiras de Ciencia na Galiza, publicación irmá tantas veces relacionada neste blog, e da unha importancia grande á feira de ciencia máis lonxeva da nosa terra, a
Feira da Ciencia de Ribadeo, na que Mª Jesús Besteiro, dende o comezo, Teresa Díaz, en case todas as ocasións, e outra moita xente, participamos xunto con moreas de alumnos nas 22 edicións mantidas dende maio de 1995, primeiro no IES Porta da Auga e agora no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. A
Feira da ciencia ten xa un longo recorrido neste blog, mais non deixa de ser moi ilustrativa a comparación con outras feiras de ciencia, de centros de ensino ou institucionais, que Silvia López Ben fai nese apartado do informe, e as conclusións que tira da súa exposición. Non furtarei a súa lectura no propio informe...
Díptico da xornada de presentación
--
Referencia na wiki Feiras de Ciencia
Ningún comentario:
Publicar un comentario