Unha vella publicación para o IX Congreso de Enciga, de 1996 (boletín das ciencias nº 28):
_ Atención, está algo desformatado _
A ACTITUDE DOS ALUMNOS ANTE A CIENCIA
Grupo de alumnos de 1º Bach. Tecn. 94/95
Antonio Gregorio Montes
IES Ribadeo
0. Introducción.
Ante a reforma do ensino, a importancia "legal" de habilidades e actitudes foi recoñecida na estructura da aprendizaxe.
Nembargantes, o profesorado non partíamos dunha situación previa de coñecemento destes temas, senon dun profundo descoñecemento, sendo guiados pola intuición e a avaliación subxectiva de pequenos detalles sobre o tema.
Por ese motivo, e fronte á novidade que supón a metodoloxía pretendida pola reforma, considerei necesario o facer unha avaliación inicial para sentar as bases de referencia nas actitudes do alumnado e como guía das actitudes do profesorado.
Esta avaliación, por ser básica, de referencia para todo o alumnado, penso que debe facerse dun xeito amplio, no sentido de pouco concreto, a modo de caixón de xastre que nos pinte unha paisaxe xeral a usar de partida para as avaliacións particulares.
1. Obxectivos.
* Construir unha referencia para poder avaliar a actitude dos alumnos fronte á ciencia.
* Identificar as influencias que a propia sociedade trata de imbuir nos alumnos ó tempo que seguen o estudio da ciencia no ensino secundario.
* Atopar unha formulación relativamente precisa para resaltar ditas actitudes en estudios posteriores.
* Atopar indicios de medios de actuación para variar as propias actitudes ou influencias (en alumnos, pero tamén como guía de profesores).
* Promover a propia valoración da ciencia e o coñecemento da valoración social da mesma nos alumnos.
2. Método.
2.1. Programación.
Os obxectivos anteriores non poden comprenderse se non se ve a enquisa como un conxunto de dúas actividades coincidentes en boa parte. A primeira sería o logro do mapa de base de actitudes nos alumnos en relación coa ciencia. A segunda sería o lograr relacionar esa base co entorno que inflúe nos propios alumnos e que habería que variar.
Estaba previsto facer un sistema de tres enquisas diferentes:
Unha primeira no entorno do grupo de 1º B.T..
Outra segunda, coas correccións logradas sobre a primeira, no conxunto do IFP de Ribadeo.
A terceira a nivel da poboación ribadense en xeral.
A primeira proposta estaba servida polo profesor, que pasaría unha pequena enquisa-modelo a un grupo de referencia (1º B.T.).
A redacción da segunda xa estaría influenciada polo resultado da primeira, e serían os propios alumnos dese grupo os encargados de pasala ó resto do centro, tras facer a súa redacción.
Cos resultados, configuraríase entre profesor e alumnos unha terceira que dirixir a toda a poboación.
2.2. Desviación.
A evolución do curso (94/95) non permiteu sobrepasar a segunda fase. O propio desenvolvemento acadado na mesma veu marcado por unha influencia do profesor maior da desexable, o que truncou a parte de experiencia dos alumnos na valoración da ciencia, contemplado primariamente como obxectivo. Esta falta de desenvolvemento propio dos alumnos decideu ó profesor a interrumpir a experiencia, entre outras cousas por considerar tamén no seu momento unha carga de traballo excesiva sobre o normal do curso.
Como resultado desa fase 2 lográronse 65 enquisas no total do centro, realizadas todas entre alumnos que tiñan, ben a asignatura de Ciencias Naturais, Física, Química ou ben Ciencias da Natureza. Por un fallo na recollida, atópanse estas enquisas mezcladas.
Aínda coas consideracións anteriores, pretendíase continuar no curso seguinte, pero circunstancias diversas impedíronno, o que aconsella retomar dende o principio o proceso, unha vez detectados erros, mellorado o sistema e posta xa unha base mínima. Nembargantes, unha vez vistos os resultados obtidos ese curso, e a modo de comparación, pasouse novamente pola miña parte a mesma enquisa, se ben, aínda que novamente de xeito voluntario, pensando en obter unha porcentaxe de respostas abondante, polo que se instou a facela nas aulas, a cargo de outros profesores.
Enquisa de actitude ante a ciencia
Grupo:Data:
Pretendemos coñecer algunha actitude que se presenta entre os alumnos do IES ante a ciencia, para mellorar o nivel científico, o agrado e a aplicación da ciencia. Gracias pola túa resposta.
(Tacha no [ ] correspondente á resposta válida. Hai preguntas nas que podes tachar varias respostas)
¿Leíches algún libro de tema científico?1.-Si[ ]Non[ ]
¿Resolves problemas da vida cotiá con coñecementos adquiridos nas clases de ciencias? 2.-Si[ ] Non[ ] 2b.-pon algún exemplo:
¿Dáslle algún interés ás noticias que se producen hoxe en día en relación á ciencia?3.-Si[ ] Non[ ]
¿A cais?3b.-Avances tecnolóxicos[ ] / Problemas ecolóxicos[ ] / Outros[ ]
¿Por que?3c.-Por ser importantes ó desenvolvemento da vida e afectarnos a todos[ ]
Porque nos ensinan cousas novas, o futuro [ ]
Outros[ ]
3d.-Espefica:
¿Crees que é bó tanto avance da ciencia? ¿Por que?4.-si[ ]Non[ ]As dúas[ ]
4b.-Por:
5.-Interésache a ciencia como algo que tes que aprobar[ ]algo importante para a vida[ ]
6.-Estudias ciencia por obriga[ ] / por necesidade[ ] / querrías igual[ ]
7.-Define "ciencia" coas túas palabras:
8.-¿Crees que a ciencia crea avances tecnolóxicos[ ] ou viceversa[ ]?
8b.-¿por que o crees?
9.-Cántas revistas coñeces que traten temas de ciencia?(pon o nº)[__]
9b.-¿Cais?:
10.-Incluirías na tv maior número de programas relacionados coa ciencia, suprimindo programas nos que non se aprende nada?Si[ ]non[ ]
10b.-¿Estarías disposto a velos?Si[ ]Non[ ]
11.-¿Crees que o avance científico pode acabar co mundo?Si[ ]Non[ ]
11b.-¿Por que?
12.-¿Crees que poderías vivir sen a ciencia?Si[ ]Non[ ]
12b.-¿Crees que aciencia lévanos realmente cara a unha vida mellor?Si[ ]Non[ ]
12c.-¿Por que?
** Se queres poñer algunha anotación...
3. Presentación de resultados.
As conclusións están sacadas prácticamente "en bruto", sen intervención de teorías sobre a evolución do alumnado, nin de tipo psicolóxico nin menos aínda didáctico. Preguntas postas case por duplicado axudan a identificar mellor a elección como verdadeira por parte do alumno, eliminando algún risco inherente a toda consulta dentro do propio centro.
Para as preguntas sobre lectura, hai que ter conta que as revistas ás que está suscrito o centro e relacionadas coa materia son Muy Interesante (dende fai bastantes anos) e Natura. Estas preguntas sobre as revistas e lectura en xeral encádranse dentro dun debate sobre o uso dos recursos no centro. Unha pregunta derivada, fora de enquisa, sería: ¿pode habituar a suscripción á lectura xeral e en particular á lectura en relación á ciencia?
Está feita dende unha perspectiva de ensino publico, e pode que por eso, menos dirixido e máis xeral. Nembargantes, neste sentido o principal e que se viu claramente as limitacións inherentes ó uso dun universo pequeno, optando por deduccións máis cualitativas, que por outra parte considero máis adecuadas para o tratamento actual de actitudes. Poderíamos decir, de xeito ilustrativo, ¿quen sabe medir a actitude, fora do teatro, no que o que se mide é a forma?
Hai que ter conta de que a variación temporal entre 1ª serie (notada 95/95) e 2ª é de 2 anos, nembargantes, comparáronse de igual a igual salvo pola mezcla de grupos na primeira.
Asemade, hai que ter conta, de que se manda ler algun libro dunha lista no verán, a presentar para o proximo curso, como estímulo para a lectura.
Un resultado xeral que se ve enquisa a enquisa e que está descontado nos comentarios, é que a indiferencia que manifestan algúns alumnos produce actitudes contradictorias nalgunhas respostas, se ben son unha pequena minoría os casos deste tipo.
Por último, a redacción da enquisa hoxe seería cambiada sustancialmente, pero repetiuse este curso coa maior similitude para poder facer unha comparación. Aínda así hai que axustar que a primeira enquisa ten os resultados dispersos entre diversos grupos, mentras que no segundo están nivelados dentro de cada grupo. A primeira, foi realizada sen haberse realizado ningunha Feira da Ciencia no centro, mentras a segunda foi pasada cando xa se levan dúas, e é un proceso que influíu fortemente nalgúns detalles no alumnado.
3.1. Táboa.
Nota 1.- Os resultados non se expresan en porcentaxes para ver a realidade dos números, escasos para dar un resultado concluínte na meirande parte dos casos.
Nota 2.- Non se consignan na táboa as respostas de comentario. Nembargantes, fíxose uso delas para as conclusións.
3.2. Relacións.
As relacións achadas non se consideran relevantes. A análise enquisa a enquisa presenta coincidentes un maior índice de lectura, curso/idade e control da ciencia con sentido crítico e optimismo na súa aplicación.
4. Análise de resultados. Conclusións.
Preséntase reseñadas as preguntas ás que corresponde máis axeitadamente a análise, se ben é unha limitación que pode indicar unha independencia de análise que non é real.
p1.Os alumnos non leeron en xeral libros de tema científico. O resultado abrumador a favor do si no bacharelato é debido á obligatoriedade citada. Os dous non neste nivel corresponden a dous alumnos vidos de fora, e ós que non lles afectou polo tanto a obriga.
p2.Evidentemente, é maioritario o grupo de alumnos que non aplican en absoluto os coñecementos adquiridos, perdendo polo tanto motivación e posibilidades que conleva. Parece que poidera haber algunha esperanza neste sentido para os alumnos cun certo nivel, no que as aplicacións vense mellor. Ademais, as respostas tomadas como exemplo (2b), corespóndense mal co concepto de ciencia nos cursos máis baixos ou son demasiado "de clase"..
p3.Parece que non costa traballo o darlle importancia ás noticias de ciencia. O si é xeralizado. Nembargantes:
Dos dous campos de interese señalados, a ecoloxía (catástrofes ecolóxicas, sensacionalismo), vai lixeiramente por diante (ver táboa, enquisa curso 94-95), coa mínima excepción explicable do grupo de B.T.
Polo nivel de resposta, vemos asemade que o interese da ciencia como noticia é alto. ¿Pode estar relacionado conque, dentro do apartado das noticias, é quizais o grupo de novas que máis relacionado está co estudio que fan?.
Aínda que un pouco descompensado na ESO, elíxese en xeral por unha maioría sinxela a resposta de preferencia por ser importantes ó desenvolvemento da vida e afectarnos a todos, antes da consideración de que as noticias ensinan cousas novas. Nembargantes, neste conxunto de respostas pode que o máis interesante sexa que na ESO hai persoas que deciden non responder a esta pregunta, que xustifica as dúas anteriores. Isto está en consonancia con respostas posteriores en canto a que existe un sentimento pola ciencia difuso totalmente e que sería interesante reconducir.
A partir desta pregunta, nótase que se ben non se lles presentou a menciña como materia de estudio, unha das relacións que máis valoran na ciencia parece ser con ela. Aínda que se podería matizar que máis ben, indúcese polos comentarios, é a Química que se esconde tra-las menciñas. Algo polo estilo pasa coa Bioloxía, se ben neste cso non se cita a ciencia concreta, e pode interpretarse como a manifestación de ciencia máis próxima a eles, pola extracción rural do alumnado.
p4.Se ben podemos atoparnos aquí frente a unha diferente interpretación nos dous pases da enquisa, notamos que a ciencia vése como algo bó, de xeito preferente, nas dúas situacións. Nembargantes, a opción "ambas" ou a "non" no caso do curso 94/95 da idea de que os alumnos achacan moitos males á ciencia. É dicir, ven a ciencia dotada de un certo antropomorfismo, sen facer a consideración de que son as persoas quen a manexan e quen fan un uso ou outro dela, facendo con elo que non sexa neutra.
Poucos alumnos separan a ética de uso da neutralidade da ciencia en sí. Existe unha confianza na ciencia como algo positivo, aínda que aparezan sentimentos contraditorios pola bomba atómica (en xeral, novas armas) e a contaminación. Nesta confusión, identifican o avance da ciencia cos resultados, imbuíndolles a estes novos descubrimentos as facultades de bondade ou maldade tamén aumentadas, e non como función de que a ciencia cada vez é máis potente.
Así, predominan algunhas ideas ideas: A consideración do avance como comodidade ou no sentido médico, e da maldade en canto a contaminación, guerras e falta de traballo pola introducción da técnica na producción. Parece derivarse das respostas en xeral que a se sinten indefensos fronte á ciencia, co medo que se ten ó descoñecido.
O sentimento ético e a preocupación ambiental, aparecen como a punta de lanza dunha preoupación pola convivencia e unha matización no sentido de considerar a bondade da tecnoloxía como aplicación da ciencia máis que a bondade da ciencia en sí. Tamén sobre o que facer futuro do home, en particular enfocado ó traballo, case tanto como á propia vida na terra.
p5.Parece que a medida que os alumnos pasan a cursos superiores, e sempre que sigan a opción de ciencias, están máis dispostos a aprender ciencia por considerala máis interesante para a vida. Quizais sería bó axustar aquí que unha cousa é estar dispostos a aprender, non ver a ciencia como asignatura, senon como algo máis, e outra estar dispostos a estudiar. É dicir, o resultado implica algo máis que a sinxela sinplificación ó pé da letra do concepto ensino-aprendizaxe.
p6.En relación co comentario anterior, parece que os alumnos están algo convencidos de que estudiar ciencia é favorable, xa que a estudiarían igual unha maioría relativa. A opción é máis clara nos cursos nos que a ciencia ten algún tipo de optatividade, como é natural. Nembargantes, aínda nestos, ocurre que a segunda opción, a obriga, segue a pouca distancia nas preferencias. Cabe pensar que a pesar da optatividade, o centro é polo momento un sustituto na reforma da formación profesional, onde se prodigaba o manexo técnico contra os estudio "de comúns".
p7.A definción de ciencia é lóxicamente variada e creativa. Cada quen ten a súa. O que é chamativo é que non se identifica cunha asignatura concreta (Ciencias NN., Física e Química, ...), senon co coñecemento, o saber, o progreso. Alguén a relaciona tamén coa investigación, pero son minoría os que elixen esta relación. Moitos da maioría que logra saír da contradicción de empregar o termo "ciencia" para definirse a si mesmo, nembargantes, prefiren referila a algún campo de estudio concreto, aínda que -insisto- sen referencia a algunha asignatura.
p8.Sobre a fundamentación mutua da ciencia e tecnoloxía, atopamos que unha gran maioría ve a ciencia como base da tecnoloxía, pero unha cantidade respetable ve tamén (ou sobre todo), o apoio que presta a tecnoloxía ó avance da ciencia. Refléxase na táboa a procentaxe de xente que non contestou, que se ben en principio pode interpretarse como indecisos sobre a importancia relativa dun e outro campo, tamén se pode interpretar como manifestación da confusión entre ciencia e tecnoloxía, cousa que se da en moitos alumnos, aínda no B.T..
p9.A metade coñecen Muy Interesante e algo menos, Natura. Outras opcións están abondo por debaixo. Pódese observar que hai unha gran diferencia entre os alumnos do bacharelato, que levan varios anos no centro e teñen un maior nivel, e os alumnos que chegan novos, que prácticamente non coñecen revistas. Tamén se deixa ver a importancia de dispoñer de tales revistas na biblioteca a disposición dos alumnos. Como xa foi avisado, Muy interesante é unha suscripción que o centro mantén dende hai tempo, sendo Natura suscrita máis recentemente.
p10.Destaca aquí a curiosidade de que a maioría (curso 95/95 e unanimidade no bacharelato), esté desposta a incluír maior número de programas de ciencia, diminuíndo a porcentaxe que estaría disposta a velos. Novamente, os cursos superiores xa teñen formada unha actitude máis positiva respecto a estos programas, o que non deixa de ser un aliciente sobre a formación destos alumnos.
p11.A maioría confía na ciencia, destacando novamente o B.T.. Nembargantes, os desastres medioambientais (máis que a tecnoloxía bélica) están presentes nos comentarios dos alumnos. Novamente personalízase na ciencia os efectos industriais e o uso que se fai dela (11b).
p12.A xente cree que a ciencia non é necesaria para a vida, pero axuda moito a mellorala. O aspecto negativo está marcado polo mesmo que na pregunta anterior: a contaminación, e en moito menor grao, a guerra. Ninguén lle discute á ciencia as súas bondades, pero hai alumnos que, tendo eso en conta, creen que preponderan a partes negativas, correlacionándose cos resultados nas preguntas 3 e 4. Ainda así, a confianza na ciencia é grande. En particular, hai algunhas respostas chamativas no apartado 12c, coa idea de fondo de que antes de que os males producidos poo avance ciencia-tecnoloxía cheguen a destruir o mundo, a mesma ciencia-tecnoloxía acabará achando unha solución (como sucede cos persoaxes dos debuxos animados): Confían en que a propia ciencia poda amañar as súas desfeitas.
A pesar de atoparse no ensino medio, o alumnado non asocia a ciencia directamente co seu entorno, tomando unha actitude de lonxanía co tema, a modo de como se estaría a ver e sentir unha película.
Unha derradeira reflexión xeral, non totalmente deducible dos resultados da enquisa, sería que ó vir ás aulas, a vida vése mediatizada por ese ensino, apártase da natureza, e hai unha certa cantidade de alumnos que afirman que non poderían vivir ser apoios. Hai que ver os límites do beneficio do ensino e tratar de minimizalos mediante un achegamento ó natural e un uso das facultades da persoa para a mesma supervivencia. Eso sen negar a evidencia de que o mundo sería totalmente diferente se non se fixera uso dos coñecementos científicos.
O Grupo de alumnos referido cursou no ano académico 1994/95 o 1º do novo Bacharelato Tecnolóxico. Estaba composto por: Juan Antonio Edrosa Sanjulián, Juan José Barcia, Juan José García Pacio, José Ángel López Yanes, Manuel Maseda, Miguel Martínez Díaz, Jorge Peña Reigada, Jaime Pérez Mon, José Alberto López Posada, Pablo Rodríguez Carreira e Miguel Rodríguez Ferrería, participando no grupo de traballo que dirixía o proceso Jorge e ambos Miguel.
Con lixeiras variacións que estimo non inflúen no resultado (ver enquisa)
O que leva a considerar só as ideas previas do profesor, que xa interfiren de por sí en todo proceso.
Os resultados deste sistema merecen unha consideración a parte.
Na que no segundo vemos a gran diferencia de "ambas" respecto da primeira.
Ver máis adiante, nas anotacións p12.
Antes o centro era un IFP, e así se segue a considerar no entorno, a parte de ter xa incorporados novos ciclos.
Outras: Quo, Conocer, Integral, Muy Especial, Ecología, Geo.
OS VIEIROS DE ASOREY. Xosé Carlos Rodríguez Rañón
-
Francisco Asorey no 1914 (imaxe no D.P., collida de Wikimedia Commons)
*“OS VIEIROS DE ASOREY” *
* Xosé Carlos Rodríguez Rañón *
* Así se chama a e...
Hai 21 horas
Ningún comentario:
Publicar un comentario