2009/10/10

Do bicentenario de Darwin ós catrocentos anos de Galileo: Evolución da Feira da Ciencia de Ribadeo

Do bicentenario de Darwin ós catrocentos anos de Galileo: Evolución da Feira da Ciencia de Ribadeo
2009. Bicentenario Darwin, 400 anos da mirada polo telescopio de Galileo ... XV edición da Feira da Ciencia e Tecnoloxía de Ribadeo. Ista última, preto xa de cumprir a maioría de idade, como dixo un reporteiro nunha das gravacións de tv que se fixeron este ano.
A feira ten xa ás súas costas unha evolución. Evolución orgánica, como un ser vivo: nacemento, no 1995. Crecemento, no que se pasou de ocupar a antiga biblioteca, corredor e salón de actos ó pavillón, no que se pasou de aglomerar a tres departamentos a todos os do centro, para desligarse logo os de formación profesional, quedando de novo tres departamentos este ano. E poderiamos dicir madurez, ou aínda senectude, pero isas, se non hai experiencias previas, son cousas que se identifican despois de pasadas, e polo momento pódese admitir unha madurez, pero vital, dentro da idea de que non se sabe cántas edicións máis vai durar, pero xa sabemos que non está no comezo da adolescencia; como moito, pode que esteña nunha adolescencia contínua, de 'adolescere' co significado de lapa viva, resplandecente, queimando, máis que co de algo xa medrado e definitivo, e en ambos casos, co significado de consolidado.
E tamén, mirado doutro xeito, evolución como especie. Diso tratamos logo.
O cartel de Óscar manifesta Unha mirada á astronomía, 400 anos despois de que Galileo dirixira o seu telescopio ó planeta Xúpiter e se atopara cos seus satélites. É certo que na feira propiamente dita só houbo un ítem relacionado coa astronomía, un modelo do Sistema Solar no apartado de CCNN, pero tamén houbo unha charla previa á Feira sobre a historia da Astronomía, impartida por José Ángel Docobo Durántez o venres anterior, e varias sesións de planetario realizadas co programa Stellarium para os visitantes, a parte da participación do centro na medida do raio terrestre efectuada a nivel iberoamericano un mes antes, e da que non se colocou o taboeiro de resultados na feira porque ... a feira xa estaba chea abondo..
Así, temos a feira relacionada cos dous eventos científicos que se conmemoran ó longo do ano, e que permite, baixo o seu paraugas, mirar un pouco máis de preto o que aquí se fai. Que é moito.
Dicía antes que houbo unha reincorporación á feira iste ano cun apartado de Matemáticas, o que marca un ir e vir da feira, do mesmo modo que se pode ver que, dende a perspectiva actual, algúns aspectos evolutivos compréndense como un paso atrás ou como unha volta ás orixes desandando camiño evolutivo. Pero, o mesmo que nos seres vivos, o que marca a evolución é a adaptación ás circunstancias do momento, non ás que foron ou ás que virán. Non se comprende? Unha imaxe mental vale máis que mil palabras: A nosa normalidade como seres vivos vén da contaminación na antiga atmosfera producida polos primeiros seres que habitaron a a Terra, e despois, polas plantas. É dicir, considerando antigos patróns, nós vivimos nunha atmosfera irrespirable ... e váinos moi ben así, porque non poderiamos vivir noutra. As ferias hai que miralas cunha perspectiva parella. É posible que algún dos pasos dados teña que ser retrocedido no futuro, como xa ten pasado: aí está o caso de incorporar á inauguración unha charla, como na XIV edición, que debido ó seu resultado este ano non se fixo. Ou posiblemente, no futuro, retornar a unhas dimensións máis manexables despois de medrar para ocupar todo o pavillón, aínda sen moitos departamentos e familias profesionais, o que redundaría na calidade media pero tamén na visión da feira dentro do centro. Ou ben, lembrar aínda que este ano suprimeuse a serie de explosións dunha experiencia ("Explosión de auga forte") debido á perigosidade de querela facer máis impresionante do que xa é ... e con elo, máis ameazante para quenes estaba arredor; marcará tamén un antes e un despois na seguridade, primando por riba doutros aspectos.
Criticar pode ser doado, pero facelo con perspectiva e datos observados, no relacionado coa ciencia, parece unha necesidade. A feira este ano albergou dúas exposicións, ambas excelentes, sobre a historia do cálculo e o cambio climático, ambas non dispoñibles en internet e ... ambas desaproveitadas por visitantes e expositores, pois a súa extensión e 'planicidade' facilitaban a súa 'vista ó paso', pero non chamaban a unha revisión en profundidade do que alí se explicaba. Que as malas lenguas (e boas vistas) atoparan mesmo antes da inauguración defectos nelas (por exemplo, o célebre CO2 multirepetido nunha delas) non deixou de ser un alicerce máis, aínda insuficiente, para facer un repaso dos paneis, nin foi motivo para excluír as súas moitas bondades. E que o apartado de Climántica, para facilitar o cal veu unha monitora varios días ó centro, tivera cousas xa repetidas e non significara unha 'producción totalmente propia', non é mais que unha anécdota dentro do conxunto da feira. anécdota que poidera repetirse.
En canto á estrutura da feira, este ano tamén houbo novidades. Hóuboas nos aspectos materiais, sendo o primeiro ano no que non se usan paneis de aglomerado, cubrindo, en base a unha nova inversión, todas as separacións e traseiras con estruturas metálicas soporte de lona. Notouse abondo na montaxe/desmontaxe non só das estruturas, senón tamén direitamente dos murais, que pasaron de estar pegados dalgún xeito a suxeitos con pinzas metálicas, asemade con maior facilidade tanto para a montaxe como para a súa conservación. Unha pequena novidade na uniformidade: as camisetas por primeiro ano non foron en fondo branco. Tamén se notou en aspectos non materiais, de estrutura organizativa, funcionando un ano máis as listas de xente que debera e non debera estar na feira en cada momento, con adaptacións á realidade deste curso. Que non funcionou á perfección? Quen sexa perfecto, que tire a primeira pedra ... e que se poña mans á obra para a próxima edición, a XVI que espérase que vexa a luz seguindo co esprito co que comezou a primeir, facer algo vivo e continuado ó longo do tempo para poder aproveitar mellor os resultados.
Polo demáis, presentar 80 items diferentes nun evento deste tipo sitúa á nosa feira a nivel internacional polo tamaño, despois de telos sido hai xa unhas cantas edicións pola orixe dos participantes. Por número de visitantes, poidemos comprobar que non estamos nin moito menos entre os eventos menos visitados deste tipo. Polo entusiasmo no momento, tampouco quedamos desfasados. Pola calidade? a parte de pola organización, na que xa hai unha notable experiencia e amósase edición tras edición, iso vai proxecto a proxecto, e se ben é certo que algúns necesitaban moito máis traballo ou unha mellor presentación, tamén os houbo competitivos en ambas cousas.
Outros comentarios poden deberse á orientación da feira. Quizáis debérase dicir que é unha feira da ciencia multiorientada, en alomenos dous sentidos. Un, os temas tratados, nos que coincide con outras moitas, e outro, na orientación dos proxectos en relación a que sexan reproducción ou mostra de algo xa feito ou investigación, e en ambos casos, nun amplo rango de posibilidades e dificultades.
Por último a avaliación. Coido que un ano máis, produxo froitos palpables, aínda que mellorables. ero segue a ser algo que non está medido, cuantificado, e polo tanto, con boa parte subxectiva ... máxime cando (aínda) non se pasou unha enquisa para tentar avaliala. E é que, ademáis, a feira, como unha idea en contínua evolución, tamén está en contínua avaliación.
Antonio Gregorio Montes

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.