- Para ser publicado en papel, na revista Xerfa, do ES Porta da Auga, nº correspondente a 2011 -
A xente que formamos o IES Porta da Auga estamos máis ou menos 'a piques' (sexa o que sexa que signifique iso) de ocupar un novo edificio xunto coa xente do IES Dionisio Gamallo Fierros para constituír o futuro 'IES de Ribadeo'. Quen máis, quen menos, coñece o noso centro e ten botado unha ollada ó veciño, pasou por un centro de básica español e é posible que teña ido algunha vez a algún outro centro educativo próximo. Sabemos que non todos son iguais, pero temos unha idea xenérica. E, respecto ó futuro edificio, sabemos que haberá cambios en relación ó que é a actualidade. Para preparar o novo futuro, coido que sería convinte tomar nota dalgúns detalles que se poden observar polo mundo adiante... por exemplo:
Alemaña, 2002 ou 2003
Un instituto (Gymnasium) con cousa de 600 estudantes nunha vila relativamente pequena preto de Nuremberg, Hersbruck. Os alumnos e alumnas van entrando nun día que fai bo tempo, pero a temperatura non é demasiado alta pola mañá. Hai alumnas (tamén algún algún alumno, pero menos) que van descalzas. Pobres ata non poder mercar zapatos? Non. Opción propia.
Éntrase no centro. Na entrada principal chama a atención un panel sinxelo pero amplo e ben coidadiño. Que información da? Unha lista das empresas que contribúen dalgún xeito ó centro, que é público e gratuíto pero que mantén relación non só con entidades privadas, senón con outras públicas e deixa ver que non son esporádicas, senón fluídas.
O edificio principal, onde se agrupa a maioría das aulas, ten tres niveis: baixa e dous andares. A construcción ten nese momento uns 30 anos, pero está en bo estado; non só os materiais parecen de calidade, senón que o mantemento semella apropiado. O salón de entrada ó edificio principal é amplo, e os corredores, tamén. Non se oe un ruído unha vez que as clases están en marcha: o illamento acústico inclúe as paredes, pero tamén as portas.
Á entrada e saída poden observarse máis bicicletas que lugares para mantelas. Non conto; con seguridade sobrepasan as cen.
Italia, en calquer momento entre 1997 e 2004
Un centro de formación profesional (ITI, Instituto técnico industrial) de case 2000 estudantes en Nápoles ten uns corridores máis amplos que calquera das aulas do actual IES Porta da Auga. Hai espazo e espazo. Mesmo hai un polideportivo integrado no edificio, que ten abondos metros de corredores, incluíndo o que bordea por completo (e en costa) ó pavillón.
Aquí o que chama a atención é ben outra cousa: hai reixas por tódolos lugares, en cada bifurcación do corridor. As paredes están pintadas. Entendámonos, non é que esteñan recén pintadas, senón cheas de pintadas. As portas das aulas onde se imparten as materias xerais, medio destrozadas. Hai un bedel por corridor de aulas xerais. Todo o anterior non evitou que no medio dese período o centro fora privado polo scacos de absolutamente todo o material informático que tiña. E podo dar fé que era abondo, a parte do que pode indicar que o centro se encargara de formar precisamente informáticos, mesmo para o extranxeiro.
Os profesores, afables. Os alumnos, tamén. Diríase que a formación que se imparte alí é boa técnicamente, pero o aspecto do edificio bota para atrás doutras consideracións: saio del despois de abandoar a sá de profesores cunha porta de metal, deixar atrás o corridor tras abrirme a reixa o bedel, e pasar por unha vexa corrediza para abandoar o edificio. Aínda me espera unha barreira e unha porta de reixas antes de abandoar o recinto. Ano de construcción? Na década dos 90. Cara á saída, coches e motos aparcados de calquera xeito, nin unha soa bici. En descargo, o edificio cadra na beira dunha montaña ...
Francia, 2000
Un pequeño centro de FP, público, nunha pequena vila capital de departamento no centro de Francia. Como unha casa grande. Poucos profesores, poucos alumnos. O centro é de todos, pero, ó tempo, non é de ninguén: o xerente controla; a didáctica é outra rama diferente. Sendo de FP, ademáis, non sabe como atraer alumnos ás ramas que imparte: principalmente, variedades sobre a construcción e fabricación en madeira. Os profesores, cada un ó seu, non parecen ter moito contacto uns cos outros, aínda que é evidente que se levan ben. E os alumnos? Estaban de vacacións. Así foi programada a visita polos profesores.
Francia 2003
Un centro de ensino xeral, o que aquí sería un centro privado concertado, ata o nivel da ESO, incluída. Todo primorosamente coidado. O edificio nótase con anos, pero en moi bó estado. A biblioteca con espazo mesmo para sentarse no chan, ordenadores, e, por suposto, bibliotecaria. Non, en realidade non é ese o seu nome, pero non me lembro do título 'técnico'. A cousa é que a súa función é o axudar na procura de datos e a promoción da lectura, así como o aproveitamento en xeral do espazo adicado á biblioteca.
Como casa vella, os pasillos son máis ben pequenos para un centro de algo máis de 400 alumnos, pero teñen anexo un pavillón polideportivo para o centro só. Os alumnos bulen, pero todos parecen ter claro o que fan e onde van. Non hai control aparente, pero si real.
Alemaña, 2004 ou 2005
Centro de primaria, público. Nada especial a destacar en relación co centro de medias de Hersbruck. Todo impecable nun centro que esta volta non ten moitos anos. Non me podo fixar moito, estou pouco tempo, pero … teño acceso á táboa de actividades extraescolares prácticamente obrigatorias (non lembro ben o sistema, pero participaba todo o mundo, alumnos dende un certo nivel de idade e profesores). De radio a cociña, co seu horario ben diferenciado e estruturadas.
No exterior, sen muros, hai un parque infantil. Un dragón que se retorce, duns 8 ou 10 metros de longo, decorado con anacos de cerámica é alí o rei, destacando do resto do parque á vista dos adultos. E por adultos foi construído: polos pais dos rapaces e rapazas, integrados nunha ampa... a participación dos pais dáse por descontada.
Chequia, 2004
Vsetín. O centro son barracóns. Algúns de dous pisos, pero barracóns. Amplo, os barracóns están acondicionados de xeito que non se distingue a súa apariencia interior de calquera outra institución educativa. O centro é de básica (incluíndo ata a nosa ESO). O número de alumnos, algo máis de 300.
Tiñan curiosidades propias: chamaba a atención os cuartos donde deixaban as cousas, a modo de taquillas, cuartos, en fronte das aulas, corridor por medio. Un cuarto para cada grupo. E eses si tiñan reixas.
Nas clases, orde clásica, que incluía nalgúns casos as cadeiras en círculo, por exemplo. E unha curiosidade: os alumnos e alumnas están sentados en cadeiras con respaldo parellas ás que se usan nos nosos IES, pero para conservar a columna, a postura e a atención, botan os brazos para atrás e métenos entre os tubos que soportan o respaldo, agarrándoos.
Este centro xa non se debería poder ver. Dependente do concello, para obter cartos, a institución recualificou os terreos e enviou ós alumnos a outros centros máis máis na periferia. Houbo protestas e razoamento de que ía contra a lóxica por varias razóns (entre ellas, didácticas), pero non houbo que facerlle. Nembargantes … o caso é que aínda é visible na foto de satélite de Google maps...
En fin, poderiamos seguir, en particular cos profesores, a organización, ... pero o contraste está servido. Trátase de aproveitalo.
O galego exposto nos cemiterios
-
A Agrupación Francisco Lanza desenvolverá a exposición '*Un percorrido
polos cemiterios de Ribadeo a través do galego*'. Terá lugar na Oficina de
Tu...
Hai unha hora
Ningún comentario:
Publicar un comentario