2017/01/08

O comezo de ano máis frío do século en Ribadeo

O quencemento global é un feito. Aínda hai poucos días que un pequeno estudo neste blog aportaba dados que testemuñan que ano tras ano, Ribadeo tende a ter un clima máis quente.
Mais a media de temperaturas é algo estatístico, e poden darse episodios aleatorios que vaian en dirección contraria á media. Así está pasando este comezo de ano en Ribadeo, no que, cos dados da estación mateorolóxica automática da Pedro Murias, podemos afirmar que está sendo o máis frío do que levamos de século.
Se collemos o número de días nos que se acadaron temperaturas por baixo dos 3 ºC, na primeira semana do ano, este comezo suñera amplamente ó resto (hai dous anos, 2001, do que non hai dados, e 2002, do que faltan dados aínda que os que hai apuntan a que non quegou ó número de días por baixo dos tres graos centígrados que levamos). E hoxe todo indica que será outro día a sumar á lista, aumentando a diferenza con outros anos.
Por certo, este ano xa levamos máis días con temperatura nalgún momento por baixo de 3 ºC que o ano pasado ou que 2014. E ó rematr o día de hoxe, igualaremos ó total de 2015...
Deixo embaixo unha táboa e unha gráfica ilustrativas:



2017/01/04

Un ano de temperie en Ribadeo 2016. III.-Vento

*A serie 'un ano de temperie en Ribadeo 2016' consta de de parte I.-Temperaturas, parte II.-Chuvia e parte III.-Vento*
'Só nos lembramos do vento cando ventea'. É entón cando rememoramos dalgún día especial con vento veloz que causou destrozos. E maldicimos cando saímos á rúa e o vento non nos deixa usar paraugas, facilitando que nos mollemos despois de ter dobrado e inutilizado o que estabamos a usar.
Hai máis características da temperie que son medidas puntualmente nas estacións meteorolóxicas como compoñentes climáticas, mesmo como causantes dos fenómenos máis sentidos (como sucede coa presión atmosférica). mais con esta terceira parte dou por rematada a análise correspondente ó ano pasado.
A rpimeira gráfica presenta o vento acumulado cada ano dende comezos de século, medido en km recorridos. Pódese observar que o ano pasado tivo vento abondo no inverno, primeira parte do ano, mais logo ralentizou, rematando cunha media máis ben baixa. Como curiosidade, os 84 228 km recorridos polo vento en Ribadeo no 2016  (case un 20% menos que en 2008, con máis de 101 000 km recorridos, e o que recorre a Terra en 3/4 de hora) representan 230 km diarios, case 10 km á hora de media (2,7 m·s-1).
A táboa indica os resultados finais (acumulados) do vento ó longo de cada ano, e a media diaria ó longo do século:
As dúas gráficas seguintes expresan os mesmo datos en diferentes unidades, m/s e km/h, a velocidade media do vento en cada ano. A tendencia é a aumentar lixeiramente, correspondente co aumento de temperaturas, que indica unha maior enerxía na atmosfera (aínda que como xa dixen, este ano non tivera unha velocidade media grande).


O vento diario por meses, acumulado no século, indica que os meses nos que é máis veloz son os do inverno, e nos que e menos veloz, os de verán, volvendo a repetirse unha certa simetría como no caso das temperaturas, se ben nesta ocasión, máis imprefecta.
Agráfica a continuación presenta os mesmo datos que a anterior en formato diferente para visualizalos mellor:
A última gráfica presenta o vento por semanas, con altibaixos que lembran á gráfica semanal de chuvia, se ben con menores variacións.
Como resume das tres partes, , algo obvio: Ribadeo disfruta dun clima temperado, chuvioso, sen grandes variacións. Vivimos nun sitio de clima agradable.

2017/01/03

Un ano de temperie en Ribadeo 2016. II.- Chuvia

*A serie 'un ano de temperie en Ribadeo 2016' consta de de parte I.-Temperaturas, parte II.-Chuvia e parte III.-Vento*

As dúas variables meteorolóxicas que máis se cre lembrar son as temperaturas, en primeiro lugar e das que xa falei, e a chuvia. E iso pasa porque nesta terra son os factores determinantes da temperie.
Un dito apunta a que nesta terra 'a fame ven en barca', e polo momento o cambio climático non invalida o dito, seguindo na liña de choiva e verdor ó noso arredor.

A táboa anterior indica que o ano pasado foi máis ben chuvioso, case duplicando ó ano no que menos chuvia caeu do século, o 2004, situándose as precipitacións case un 20% por enriba da media anual.
O gráfico a continuación amosa a evolución ó logo dos anos, presentándose o 2016 en liña máis remarcada, na que se poden observar as notables precipitacións de comezos de ano, e en xeral ata o mes de abril, que rematou sendo o primeiro cuarto de ano máis chuvioso do século. Mais despois o verán foi seco e o outono só un pouco máis chuvioso que a media.

Se comparado con outros anos foi un período húmido, tamén a tendencia confirma que estamos a sufrir un aumento leve de chuvia caída cada ano,
que aumentou a media anual nun 10% dende comezos de século.

A distribución da chuvia caída por meses ó longo do século non sofre variacións aprezables, como era de esperar por aumento dun período pequeno en relación ó total. Segue a destacar (cada vez máis) novembro, por riba de xaneiro, e o outono-inverno como tempada de chuvias, mentres o destaque do verán é pola falta de chuvias (tamén, cada vez máis).

Se representamos os mesmos datos en círculo, non aparece a mesma simetría da que facía gala a representación de temperaturas:

De calquera xeito, a chuvia é aleatoria. Algo que pode observarse na distribución semanal  que deixo a continuación, onde é identificable a semana na que se produxo a inundaciòn de xuño de 2010...



2017/01/02

Un ano de temperie en Ribadeo 2016. I.- Temperaturas

*A serie 'un ano de temperie en Ribadeo 2016' consta de de parte I.-Temperaturas, parte II.-Chuvia e parte III.-Vento*

Hoxe por hoxe, abondo antes de rematar o ano xa nos chegan novas sobre canto de quente foi o período anual correspondente, para toda a Terra. así, sabemos que unha vez máis no que vai de século, a media das temperaturas no noso planeta volveu subir no período que abranque o ano 2016. Algo que pode contrastar co que pasa nunha localidade particular, como Ribadeo, que, a ano rematado, tivo unha temperatura media o ano pasado de 14,10 ºC.
De xeito natural. por termo medio, as localidades individuais seguen a tendencia xeral, mais tampouco é raro que non o fagan un ou varios períodos consecutivos: estamos a falar de estatísticas. E este ano, Ribadeo seguiu a tendencia ó quencemento, mais non batiu marcas de temperaturas.
Recollendo os datos da estación meteorolóxica da Pedro Murias no que vai de século, atopámonos con que o número de días nos que se acadou nalgún momento unha temperatura por baixo dos 3 ºC igualou ó mínimo de hai dous anos, con 3 días en todo o período. Iso confirma a tendencia de que, por termo medio en Ribadeo, cada catro anos hai 5 días menos con temperaturas por baixo de 3 ºC.
 Polo contrario, nas temperaturas por enriba dos 25 ºC non se produce tal máximo. Case ó contrario, está en mínimos do século. algo que indica que o que nos atoparemos na media non será un nivel demasiado alto de temperatura.
Para facernos unha idea do que represetna o non acadar máis días de máis de 25 ºC, a gráfica seguinte, correspondente á media das máximas temperaturas acadadas en cada un dos días do ano. E nela vese que a media de temperaturas máximas dos días máis cálidos anda polos 23 º, aínda lonxe dos 25 ºC.
Considerando as temperaturas anuais en conxunto, este ano non foi espectacular en ribadeo, como amosa a gráfica seguinte, na que se ve clara a súa quinta posición nos 14 anos considerados (anos con datos fiables abondo). A tendencia xeral está respaldada: dos cinco máis calurosos, 3 son os últimos (entre eles, os dous máis quentes).
 Así, a liña de tendencia está clara: cada ano a media de temperatura de Ribadeo sube algo máis de 0,03 ºC. Ou sexa, de seguir así, algo máis de 3 ºC no século, apoiando o nacemento da 'Galicia caribeña'.
As dúas gráficas seguintes son máis difíciles de interpretar, aínda que representan versións do mesmo fenómeno. a que aparece a continuación marca a media de temperatura dos 365 días anteriores. Marca unha tendencia ó aumento, mais o máximo está no período verán 2006-verán 2007.
A outra é a temperatura media dende comezos de século. Faise notar a perioricidade verán/inverno, cada vez máis atenuada ó ter maior número de datos e polo tanto, contar menos cada unha das tempadas individuais. E séguese a notar o aumento da temperatura, aínda que neste caso o coeficiente da recta de axuste non estea asociado a nada recñecible.
As dúas últimas gráficas son típicas, indicando a media mensual no que levamos de século en Ribadeo. Como curiosidade, a primeira danos moi boa aproximación a unha simetría arredor do ano, só un pouco xirada arredor do eixo febreiro-agosto, como corresponde ó atraso duns 45 días das temperaturas en relación ó período astronómico correspondente, con mínimas arredor do 5 de febreiro e máximas arredor do 5 de agosto.
 A última é maís recoñecible, indicando unha temperatura media (día con noite) de 19 ºC en agosto,por menos de 10 ºC en febreiro.
O resume:
aquí, o que dicía da temperatura os anos anteriores:
En 2016
En 2015
En 2014
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.