Hai tres décadas e media, contruín unha lista de libros relacionados coa astronomía con algúns comentarios pensando en orientar ós meus alumnos, pero non só a eles. No século seguinte ó que foi escrita, esta lista queda como mera curiosidade, aínda que algúns dos títulos poden ser homologables hoxe en día, e mesmo estén rulando a traverso de internet en pdf, epub ou outros formatos.
Deixo abaixo as tres imaxes do ficheiro impreso en papel contínuo que é o que chegou a día de hoxe nas miñas mans, e, antes, o trasvase ó galego (o orixinal está escrito en castelán por mor de ser a lingua oficial no ensino no que impartía docencia, e sen acentos nin ñ pormor do tratamento de textos usado naquel momento) dos textos introdutorio e final que tamén recollen ditas imaxes:
--
Bibliografía de apoio en Astronomía
En astronomía, como en calquera outro tema, é interesante practicar, pero tamén o é ter coñecementos teóricos. A transmisión destes coñecementos pode facerse de diversos xeitos, en particular por medio da escritura e máis concretamente por medio dos libros. Esta non é máis ca unha recompilación de materiais a partir de varias fontes, dende a miña propia biblioteca a un addendum (1979/82) do 'Astronomy educational material' da IAU (International Astronomical Union) na súa 'Part C', adicada a textos en castelán.
Farei unha clasificación para que a relación sexa máis comprensible e asequible, seguindo un sistema parello ó empregado no citado informe da IAU, baseado nas seguintes categorías:
PG, para materiais asequibles ó público en xeral, ben de temas particulares ou xerais.
GT, para instrucións técnicas para o público en xeral, como para facer observacións, construción de telescopios, etc.
GU, cursos introdutorios e outros temas de Astronomía Xeral para nivel xeral universitario.
A, libros d enivel universitario especializados en astronomía.
H, historia da Astronomía.
Especificarei sucesivamente para cada libro dentro de cada categoría, título, autor, editor, ano de publicación e lugar, adxuntando para algún deles un sucinto comentario.
-
Esta relación non pretende ser, nin moito menos exhaustiva, tendo en conta que hai novos libros no mercado tódolos días (reedicións aparte) e que só inclúe os libros en castelán. Esperemos que pronto se poda atopar unha bibliografía sobre o tema en galego, como xa existe en catalán.
Habería que considerar tamén, sobre todo pola actualidade dos temas tratados, as revistas, tanto as propias de Astronomía, como Nadir, como outras que soen tocala con asiduidade.
De calquera xeito, para dispor dunha auténtica bibliografía é necesario o idioma inglés, onde pode dicirse que está todo, e claro, a bibliografía existente nel non cabe nunha relación deste tipo.
Outro tema a considerar, en plan previo á afición astronómica e como 'descanso do guerreiro' astrónomo serían as obras de ciencia ficción realista, que nos fan abandonar o tema da astronomía a meirande parte das veces soñando coa mesma astronomía, ó igual que o facemos aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario