2021/11/25

A duración do día

    Agora que nos achegamos ós días máis curtos do ano, un amigo díxome algo así como que o día de Santa Lucía era o día máis curto do ano, pois así constaba no refrán 'Pola santa Lucía mengua a noite e medra o día'. Fíxenlle unha aclaración e expliqueille que non, que o motivo do refrán era outro, por máis que estivera relacionado. Con esta entrada pretendo facer esa mesma aclaración engadindo algún gráfico.

    Para evitar o contido máis farragoso, non poño as táboas que dan orixe ós gráficos, senón só estes.

    O caso é que todos nos podemos decatar que no hemisferio norte, poñamos, en Galicia, en Ribadeo, os días con máis horas de luz, os 'días máis longos', agrúpanse en torno á primavera e verán, e os que teñen menos horas de luz, en torno ó outono e inverno. Se indagamos un pouco máis, veremos que os que teñen máis horas de luz andan arredor do 21 de xuño, no solsticio de verán, época na que o ángulo que forma a liña Terra-Sol coa liña centro da Terra-Polo norte terrestre (é dicir, a 'parte de arriba do eixe terrestre') é menor. Iso implica que durante eses días non só o Sol ilumina un punto da parte norte terrestre durante máis parte da súa traxectoria de xiro diario (é dicir, durante máis tempo), senón que ademáis, o Sol chega a unha altura maior no ceo.

    Visto o anterior, o tema está claro: os días con maior duración da luz sobre un punto son os que está arredor do solsticio de verán, no hemisferio norte o 21 de xuño (ou 20, segundo como coincida o calendario e bisiestos), que é o máis duración da luminosidade. O día no que máis dura a noite é o do solsticio de inverno, que no hemisferio norte acae o 21 de decembro (algúns anos, o 22, polo mesmo motivo que pode variar o solsticio de verán). Naturalmente, no hemisferio sur, as datas intercámbianse.

    Mais o refrán sobre a Santa Lucía, festexada o 13 de decembro, non debe interpretarse como que medra o número de horas de sol no ceo, senón que indica que, a partir dese día (de xeito aproximado, o mesmo que ocorre coas datas dos solsticios) os anoiteceres vanse retrasando.

    Entón, como se entende que a partir de Santa Lucía se faga de noite cada vez máis tarde, pero que o día siga minguando? Pois porque os amenceres seguen a ser máis tardíos ata os arredores do 3 de xaneiro. Algo semellante pasa cos días máis longos. Iso ocorre porque 'as 12' do reloxo non indican 'as 12' hora solar, por ir a Terra na súa rotación a unha velocidade diferente en diferentes momentos do ano. Así, as 13:23, 13:27 e 13:34 marcaron o momento do día co sol máis alto no ceo nun mesmo lugar os días 13 de decembro (Sta. Lucía), 21 de decembro, solsticio de inverno, e 3 de xaneiro, o día no que amenceu máis tarde nese inverno 2019/20 nese lugar de Galicia. O desfase da hora legal coa hora solar en Galicia, de cousa de hora e media en inverno e dúas horas e media no verán, é o que explica que haxa unha petición de cambio de hora para facer un axuste entre ambas horas máis acaído.

    Primeiro, un vídeo:


     A 'distancia entre mans' anterior, a duración da luz diaria, ven representada nas seguintes gráficas, sempre considerando a orixe do día na parte inferior da gráfica e o fin na parte superior (na parte esquerda vese a escala en fracción de día transcorrida e na dereita a escala en horas), e, a medida que se despraza a gráfica cara á dereita, representando un día máis avanzado no ano: 

    Xa a ollo nu nótase a maior amplitude entre orto (azul) e ocaso (vermello) do Sol, o amencer e o anoitecer, nos días centrais do ano. Nembargantes, as liñas correspondentes á saída do Sol e a súa posta non son simétricas, senón que teñen un pequeno desprazamento, que corresponde cun retardo ou adianto do Sol, que se manifesta de xeito lóxico tamén no momento no que o Sol acada o punto máis alto no ceo, que varía ó longo do ano (todo elo debido á variación da velocidade de xiro terrestre arredor do Sol ó conservarse o momento angular variando a distancia ó Sol na súa órbita).
    O caso é que se observa que o momento de amencer máis cedo é uns días antes do momento no que anoitece máis tarde, estando o día de maior duración de luz entre ambos momentos. O inverso sucede no inverno, cando o día de Santa Lucía, o día no que a noite comeza antes 'polo reloxo', é anterior ó día no que o Sol sae máis tarde, quedano o solsticio de inverno, que sinala o día con menos duración de horas de luz, entre ambos:
    Os solsticios son sinalados nas gráficas coas liñas longas, mentres as máis curtas representan os amenceres -ou anoiteceres- máis temperás -ou máis tardíos-.
    Unha gráfica complementria aclarando o sentido no que transcorren o día e o ano:
     E outra máis indicando en vermello o tempo de luz, e o tempo de noite en azul ou gris, segundo que sexa antes do amencer ou despois do anoitecer, dentro das vintecatro horas da xornada.

2021/11/15

O clima, aquí e hoxe

   Con motivo do 34 congreso de EnCiGa, o pasado sábado 13 de novembro presentei 'O Clima Aquí e Hoxe' como a miña aportación ó congreso de ensinantes. Por motivos de privacidade, nin preguntei se podía facer a gravación da miña intervención -polo demáis, como o resto das outras do congreso de EnCiGa deste ano 2021, virtual-, pero teño a presentación que usei como base para a intervención. Algo que pode facilitar o coñecer se tes ou non interese, e se o tes, aquí estou para seguir co tema. Aí vai:


 
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.