2020/05/10

A ciencia en Galiza. Unha lembranza (2008)

Cara a finais do 2008, na Galipedia, existía unha páxina, A Ciencia en Galiza, creada por min e que foi borrada con posterioridade por non aterse a contido enciclopédico. Pasaron os anos, e hoxe por hoxe considéroa unha ‘peza de museo’ entre recompilación e opinión propia que non voltará a ver a luz a non ser que a restitúa nalgures. Por exemplo, aquí. Así pois, déxoa a continuación con lixeiros cambios para mellor adaptala.
‘A Ciencia en Galiza non ten boa fama: non ten persoas coñecidas e senlleiras que son faróns marcando un camiño a imitar’. Moita xente asinaría a anterior afirmación. Pero se ben unha parte é certa, outra non: pode que non teñamos moitas figuras punteiras e coñecidas, pero si unha morea de xente que se ten dedicado á ciencia e que contribuíu, de xeito modesto ou non tanto, a poñer as bases da ciencia modema e continúa a facelo. Acumúlanse aquí [na Galipedia] bocexos de biografías ou contribucións de persoas senlleiras nas súas ramas do saber facer ciencia, de xeito que, sen realizar un grande labor de procura de datos para obter material, houbo que deixar a moitos fora [Nota: estamos a falar de 2008, cunha Galipedia de dimensións en número de artigos equivalente a unha cuarta parte da actual, e menos desenvoltos, referencias limitadas, con menos colaboradores...].
Non houbo ata o momento moitos estudos sobre a nosa ciencia. O anterior fai que case tódolos personaxes que se citan sexan moi recentes no tempo, pasando parte ou toda a súa vida durante o século XX. Isto implica que aínda os contemplamos sen a debida perspectiva histórica, ó tempo que imbuídos por prexuízos políticos e sociais dunha época que foi dura polos convulsos anos anteriores ó franquismo e os transcorridos na súa vixencia.
Asemade, hai tamén algunhas cousas comúns ou que agrupan a unha porcentaxe significativa de persoas incluídas na mostra. Así, o apoio da ILE, a Institución Libre de Enseñanza, movemento de revitalización do ensino e investigación en España entre o último tercio do século XIX e a guerra civil, permitiu a estudosos de diverso xénero saír ó extranxeiro e atoparse coa puxante ciencia europea de aquela época. Noutros casos, foi o pecunio familiar o que permitiu saír adiante algunhas investigacións, ou ben os propios anceios foron os que guiaron os primeiros pasos e relacións no mundo da ciencia.
O anterior lévanos a unha importante consideración: na ciencia tamén é necesaria a existencia dunha masa crítica de persoas, coas relacións humanas asociadas, para seguir adiante e obter resultados e a súa difusión no mundo. Na nosa terra non houbo en xeral un conxunto de xente traballando en ningún campo da ciencia que se puidese beneficiar dun conxunto tal ata tempos máis recentes dos que se pretende abranguer: facer ciencia a principios do século XX era moito máis doado en Alemaña que en Madrid. E alí que en Galiza. Os tempos están a cambiar, tanto pola cantidade de xente preparada como polo catalizador dalgunha industria e a acumulación de xente na mesma universidade canto pola introdución de relacións de novo cruño como internet, poñendo á man da xente novas posibilidades de obtención de datos ou comunicacións instantáneas con todo o mundo.
Unha consideración final: se se repasan as biografías presentadas, pode chamar a atención a ausencia de mulleres. Ténse presentado de xeito recente un estudo sobre as mulleres e a ciencia. “A ciencia ten nome de muller" no que se entra un pouco máis na baixa proporción de mulleres na ciencia a nivel mundial. Galiza participou nesa tendencia asumindo a sociedade galega ata a actualidade que o posto da muller non é a ciencia. [Nota: hoxe, as biografías correspondentes eguen na Galipedia, pero o artigo aglutinante, non. Pode verse en conxunto na exposición, http://fqribadeo.ribadeando.com/2019/02/a-ciencia-ten-nome-de-muller.html]

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.