2010/01/11

Case sempre é falso

Lido no libro 'The meaning of it all', de R. Feynman:
"In fact, that's a general principle in physics theories: no matter what a guy thinks of, it's almost always false".
É dicir, 'de feito, hai un principio xeral nas teorías físicas: non importa o que pense alguén sobre algo, case sempre é falso'... certo, e para pensar e non deprimirse.

2010/01/03

A difusión da física

Vexamos... teño un semanario na man. Miro o espazo ocupado por temas de ciencia ... 0%. Collo a edición electrónica dun xornal provincial e miro ... o máis parello, unha nova sobre a inspección de eficiencia enerxética e outra sobre un pequeno terremoto. Pícame a curiosidade. Paso a un xornal de edición nacional... un apartado enteiro adicado a tecnoloxía! ... o meu gozo nun pozo: dende 'atopa algo orixinal' ata a venda de libros-e pasando pola censura en internet. Non me desanimo, e sigo mirando noutras seccións. En sociedade atopo unha nova sobre un furado na Lúa, e a partir de aí, pode un enterarse que existe unha 'sección de ciencia', que non aparece no frontal do xornal, e que non se alimenta a diario, polas novas que trae. Busco noutro, e ... si, aquí hai sección de ciencas referida en portada. Vou a ela e as novas inclúen "¡Estou no altar con @TracyPage!", outra sobre a moda do chute ocular na ruta do bakalao ... e tamén sobre o quinto ano máis cálido.
Poderiamos seguir investigando. Non é a primeira vez que o fago, e o resultado é semellante, sexa o segundo día do ano ou o 156º. Certo, non cuantifico moito a estatística, pero as novas sobre un dos fundamentos do mundo moderno destacan unha e outra vez pola súa falta e o tratamento que se lles da. A ciencia hoxe non interesa. E iso que poderiamos dicir que é a época máis científica da historia da humanidade. Mesmo hai unha nova materia, Ciencias para o mundo contemporáneo, na que se da un verniz descritivo (acientífico) do que se podería chamar novas científicas, aínda que moitos profesores tentan que sexa o máis parecido posible á ciencia...
Estes días estou a rematar 'The meaning of it all', do polifacético Feynman, e pode que por iso esteña máis sensible. Ó fin, o seu terceiro capítulo, 'This unscientific age' trata precisamente diso, da imbricación social da ciencia nas persoas (corresponde a algo dito nos '60). E de amosar que a nosa época, a pesares do dominio sobre a materia, non é, non pode considerarse, científica. Se tentamos facer unha demostración 'científica', mirando antes o que aporta Feynman teremos un bo paso dado. Se non nos fai falta a demostración científica, chega con asomarse á prensa diaria e ver o irracional de moitas medidas, ben pola lóxica usada, ben polas bases consideradas para tomalas, ben polo seu desenvolvemento, ...
En canto á difusión da ciencia (e máis aínda, da física), de seguir o segundo camiño, mello proverse antes dunha lupa ou artefacto semellante...
Por certo, esta entrada está reseñada para o 'antroido da física' (ou aquí), un intento de difusión de cousas relacionadas coa física e a ciencia en xeral.
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.