-->
Facendo e difundindo
investigación - 2012
Érase unha vez …
un arce. Non unha árbore, non, senón un proxecto dunha Agrupación
de Centros Educativos
(*) a nivel estatal …
Nesas andamos, este
curso, tres centros, o Instituto El Cairat, de Esparreguera
(Barcelona, Cataluña),
o IES Pare Vitòria, de Alcoi (Alicante, Valencia)
e nós, o IES Porta da Auga, de Ribadeo,
en Galicia. Este curso, e o pasado, pois é por dous cursos, aínda
que existe a posibilidade de amplialo a tres.
Coido que o título
di abondo do que se pretende. Para logralo, o Ministerio de Educación
outorgou 8 200 € para o bienio a cada un dos centros participantes
para o desenvolvemento de actividades. En compensación, o
profesorado implicado en cada centro poñemos o noso traballo, e o
alumnado, tamén. Uns e unhas, organizando e espoleando ás outras e
outros, e os outros formándose e vivenciando de mellor xeito. Ou así
debera ser e se pretende que sexa.
Polo momento, coa
maior parte do tempo xa transcorrido, todo vai segundo o previsto.
Como indica o título, trátase de que os alumnos teñan un trato de
ti a ti con cousas que non se coñecen (nin eles nin os profesores)
para coñecelas algo mellor a traverso da investigación. E iso, a
mesma xente que a fai e outra que a pode arrodear: de aí o de facer,
pero tamén difundir.
A idea naceu de
contactos anteriores relacionados coa feira da ciencia. En
particular, do paso de diversos proxectos da feira pola Galiciencia
de Ourense, ó longo de varios anos, e o contacto con xente de Vigo e
de Cataluña. O bo facer e o trato continuado permitiron unha
elección inicial de centros que ó final non puido ser total por ter
que participar centros públicos, non privados. Para compensar o
anterior, seguíronse duas liñas diferentes. Unha, non prescindir
totalmente do colexio Alborada de Vigo,
organizando con el os 'Foros Comunitarios' que son parte fundamental
do proxecto, aínda que a súa parte teña que facela cubrindo os
gastos con fondos propios dos alumnos e do centro.
Outra, o reforzar a parte institucional do proxecto dando acubillo a
un centro descoñecido por nós de xeito directo, pero coñecido pola
xente de Cataluña e do que, procurando información, obtivemos moi
boas referencias como gañador de varios premios a nivel nacional, o
IES Pare Vitòria.
Así chegou o
comezos do curso 2010/2011 … sen confirmación do proxecto. O dito
de que as cousas do Pazo van despazo fíxose valer unha volta máis
de xeito que ía ben avanzado o primeiro trimestre cando chegou o
'si' do Ministerio. Daquela xa estaba programada a práctica
totalidade de actividades relacionadas co proxecto que viñeron
despois: a asistencia un ano máis a Ourense á Galiciencia en
novembro, a Feira de Ciencia de Ribadeo e o Foro Intercomunitario coa
visita á Coruña no día da Ciencia na Rúa.
A unha máis, a Exporecerca Xove, non presentamos ningún alumno.
Respecto á Feira de
Ciencia, pódese ver cantidade de información na web do centro,
na de As Feiras de Ciencia na Galiza
ou nos xornais do momento, como evento que foi vivido pola totalidade
da comunidade educativa, participando boa parte dela de xeito
direito. O curso 2010/2011 foi a XVII edición, gozando de boa saúde,
presentando un montón de proxectos e intereses na reproducción,
difusión e investigación de experiencias, montaxes e problemas
diversos presentados por xente dende 1º ESO a 2º bac. E a XVIII
edición, deste 2012, 'aínda está quente' e na memoria de todos
cando se fai este escrito, continuando na mesma liña que as
anteriores edicións.
Na Galiciencia
mantida no outono do 2010, participaron tres proxectos
diferentes de catro alumnos, que logo serían repetidos e mellorados
na Feira de Ciencia. Algo semellante pasou na Galiciencia 2011, na
que participaron cinco alumnos con tamén tres proxectos.
Como en anos anteriores, serviu de xeito de contacto con alumnos
doutros centros, de trabar amizade e tamén saber o que se cocía
neles a nivel de investigación e actividade educativa en xeral. E de
pasalo ben, como pode testemuñar a xente que alí foi. Para todo hai
tempo en tres días (e tres noites) en Ourense. As anécdotas, que as
houbo, que as conten as implicadas ou implicados. Aquí, dicir tan só
que os momentos de exposición, con visita de centros de toda
Galicia, foron complementadas con baños nas termas ou unha visita a
Ourense, e comentados longamente polas noites. Os proxectos pasaron
polo tamiz dos organizadores, o Centro Tecnolóxico de Galicia,
que limitou o número de alumnos participantes de cada centro, a máis
da elección de proxectos no interior do IES.
En canto ó terceiro
e cuarto pés visibles, o Foro intercomunitario e o día da Ciencia
na Rúa, tiveron lugar en maio, en San Vicente (O Grove - Pontevedra)
e na Coruña respectivamente, de xeito consecutivo (os eventos deste
curso 2011/2012 aínda están por chegar cando se escriben estas
liñas). Ó primeiro, con alumnos dos catro centros citados (de
Alcoi, Esparreguera, Vigo e Ribadeo) foron presentados 35 proxectos
de investigación, e expostos secuencialmente durante dous días por
xente de 4º ESO. Ó segundo, onde se uniu máis alumnado do noso
centro, pero non participaron os dos outros centros, foi unha grande
feira na que participaron máis de mil alumnos duns trinta centros
dende o preescolar á universidade, aberta ó público coruñés e
galego. Mostra na que, como xa é común, o noso IES era de abondo
máis lonxe que o seguinte máis lonxano ...
Ó Foro asistiron
con 13 traballos 17 alumnos de 4º ESO do Porta da Auga, que
interactuaron de día e de noite cos outros participantes. De alí, o
sábado, á Coruña, de onde retornou un autobús enteiro, pois na
cidade uniuse a xente voluntaria que quixo, que resultou ser
básicamente de primeiro de bacharelato, tanto de ciencias como de
letras, pois tanto uns como outros presentaron proxectos para a
feira. A xuntanza do grupo que partiu direitamente de Ribadeo co que
asistiu ó Grove realizouse nunha área de servizo próxima á Coruña
e foi unha cousa curiosa.
A modo de exemplo de
como transcorren as actividades do proxecto, no II Foro
Intercomunitario, entre outras cousas, houbo reunións
correspondentes ó profesorado, realizáronse un cartel e un díptico,
adiantouse ó resto dos centros un resume de cada unha das ponencias
participantes para unha primeira orientación dos asistentes, houbo
presentacións recíprocas dos diferentes centros, fíxose unha
visita conxunta, ós asistentes fóilles entregado un diploma de
participación e un detalle para lembranza, está en marcha -a piques
de rematar- a edición dun libro coas fichas de todos os traballos
presentados, realizouse un CD coas fotos do evento, … etc.
Quedan uns meses
máis.
Neste segundo curso, o 2011/2012, básicamente estáse a repetir o xa
feito o curso pasado en relación á estrutura e eventos, cambiando o
Grove por O Carballiño, e non asistindo tampouco, por razóns que
non veñen a conto, ós tres días da exporecerca barcelonesa.
Naturalmente, está a ser totalmente novo en canto ós traballos
presentados. Traballos que na súa case totalidade foron comezados
este mesmo curso, e que levarán ós seus autores e autoras a outros
lugares da xeografía, a compartir outras experiencias e trabar novas
relacións humanas e 'de traballo'.
Antonio Gregorio
Montes
(*) Este artigo refírese ó
PROXECTO ARCE - Convocatoria 2010 Modalidad A “Investigación
haciendo y difundiendo”, aprobado en disposición 18154 [Resolución
de 18 de novembro de 2010, da Secretaría de Estado de Educación e
Formación Profesional, pola que se resolve a concesión de axudas
das Modalidades A e B destinadas a promover Agrupacións de Centros
Educativos para a realización e posta en prática de proxectos
comúns (Programa ARCE) - BOE 25/11/2010].
Os datos están collidos do Informe progresivo 2011 do IES Porta da
Auga (cód. 27010945) e dos documentos previos ó Informe final,
aínda sen realizar.