2020/09/22

Boas novas, malas novas... cambio climático e nós

Hoxe a ESA emitiu un documento de recoñecemento dun feito: os mares están absorbendo máis dióxido de carbono que o se pensaba. É un bo dato, pois sinala que os mares están axudando máis do previsto á regulación climática e medioambiental da Terra.

Mais ese bo dato enmascara unha realidade peor do pensado, pois a pesar da absorción marina, o dióxido de carbono na atmosfera segue a medrar cada vez máis rápido, e o quecemento global, igual: eses datos non varían pola corrección que indica o documento. E máis, se o mar está absorbendo CO2 máis rápido do previsto, significa que se achegará antes ó límite, e polo tanto, que deixará de absorber/ralentizará a absorción antes do previsto, variando ademáis o seu pH de xeito máis rápido, afectando ó coral, ó esquelete dos peixes... e a nós.

Temperatura (liña negra) e dióxido de carbono (liña e sombra azul). A temperatura media medrou 1º C dende mediados do século pasado. O dióxido de carbono na atmosfera aumentou 1/3 no mesmo período.


2020/09/18

Ti e o tempo: unha actividade (I)


Gregorio Montes, A., Cela Rodríquez, C., González Ropero, M., Novo Rodríguez, M., Al-Soufi. W.
Reloxo de Sol en Tapia de Casariego, Asturias.

 
    O presente texto é unha primeira aproximación ó obradoiro en base online ‘ti e o tempo’, relacionado cos reloxos de Sol, da teoría do seu funcionamento á súa construción, implicando de xeito sucinto ás circunstancias e ó desenvolvemento.
    Presentación xeral
    Ti e o tempo foi un obradoiro coordinado por Antonio Gregorio Montes e monitorizado por Carmela Cela Rodríquez e Mariana González Ropero, con acubillo dentro da celebración de Xuvenciencia 2020, xestionada por Mercedes Novo Rodríguez e cos aspectos técnicos a cargo de Wajih Al-Soufi.
    A Xuvenciencia 2020, desenvolta entre o 29 de xuño e o 3 de xullo, marcou unha nova experiencia na súa traxectoria, ó realizarse a edición a través da rede -alguén diría de xeito virtual- por primeira vez. E iso marcou tamén o obradoiro. Marcouno en diversos sentidos: significou unha experiencia para os participantes, tanto alumnos como profesores, o desenvolvemento nun novo medio, un desafío para converter a virtualidade en vivencia e tamén unha necesidade de coordinación tecnolóxica para levar a bo porto a experiencia. Volvendo a vista atrás, o primeiro día, luns da semana, o axuste tecnolóxico propiciou unha experiencia de entrada que se tomou como tal, mellorándoa xa de xeito radical o martes, día a partir do cal a novidade deixou de selo para pasar a formar parte dun xeito máis de facer as cousas, coas súas avantaxes e inconvenientes. 
Esquema para un reloxo de Sol ecuatorial

    Ti e o tempo
    A descrición da actividade na páxina web de Xuvenciencia marcaba xa as liñas a seguir neste obradoiro, un dos ofertados e un dos dous que finalmente se levou a cabo:
    “O tempo é máis co reloxo. Hai xeitos de medir o tempo. Hai necesidade de facelo polo que significan o seu paso e o seu uso. Un reloxo, o Sol, a Terra, ti... e as relacións que se xeran. O tempo é simétrico? E o día, é simétrico? Se tes moitas preguntas, podes atopar algunhas respostas:
   Ti e o tempo.
    Construirás un reloxo de Sol, analizaredes o seu funcionamento e que outros datos pode dar a máis da hora. Discutiremos que significa o reloxo para o discorrer diario e que significou a medición do tempo na historia. E identificaranse variables relacionadas co tempo na organización do día e do ano. A máis, segundo as posibilidades a man, procuraranse datos para entender o por que dos diferentes usos do tempo en diferentes momentos. Por último, a comunicación das investigacións do grupo.

    É dicir, presentaba unha relación de pasos indicando un desenvolvemento temporal, aspectos a realizar de xeito individual e outros colectivos, preguntas a responder e unha proxección de cara ó futuro.
    O desenvolvemento, o enfrontármonos co medio online, sufriu algún cambio de plans sobre a marcha, mais as liñas xerais mantivéronse. A comentar a importancia dada de comezo á socialización dos participantes, fundamentalmente en base ó bo facer das dúas monitoras, que, xunto coas outras actividades da Xuvenciencia online, permitiu crear un entorno de traballo subxectivamente presencial en moitos aspectos. Dito entorno permitiu ganar fiabilidade ó sistema e polo tanto, confianza nel. 
Reloxo de Sol analemático. Cruz de Fierro, Camiño de Santiago.

    A xente
    O factor humano sempre é fundamental. E, polo tanto, hai necesidade de describilo para colaborar á explicación do éxito ou fracaso da experiencia.
    En canto ó estudantado, é moi diferente realizar actividades con 30 ou 40 persoas a facelo con 6 ou oito. Para facer unha proba online, a diferenza pode ser brutal. Este feito, a pouca cantidade de xente que seguía o curso, facilitou dende o primeiro día o achegamento entre participantes, o poder realizar as explicacións de xeito individualizado se era necesario ou o poder facer unha revisión persoa a persoa do que se ía facendo. O anterior súmase a que os e as participantes tiñan a ilusión posta no obradoiro, o que fixo de extra de cara ó bo desenvolvemento do conxunto da actividade. E, aínda que tratándose dunha actividade extra, voluntaria, este feito non é exclusivo desta edición, si se viu potenciado polas circunstancias, que exerceron un cribado especial. 

Gnomon e medidas horarias de sombra. Julia Blanco.

    En canto ós participantes asociados coa docencia, a experiencia de xestión de anos anteriores facilitou o traslado da actividade á rede, namentres os perfís das monitoras converteu en factible a aproximación subxectiva dos participantes ó equipo que foi o obradoiro en conxunto, máis aló da aproximación obxectiva ós contidos do obradoiro. Neste contexto, a experiencia temática da coordinación non necesitou un esforzo especial de adaptación, máis aló do manexo dos medios técnicos necesarios.
    A técnica
    O soporte hardware foi mixto, pois cadaquén aportou o seu, unha vez centralizada a comunicación nos servidores da USC. En canto ó software, o básico foi o Teams de Microsoft, mais fíxose uso diverso doutras ferramentas, comezando polo Whatsapp, que, por poñer un par de exemplos, serviu de soporte en eventuais caídas de conexión en Teams, ou mantemento de conexión para enviar algúns ficheiros.
    Quizais o principal escollo para tratar con Teams foi o descoñecemento do seu uso con anterioridade pola case totalidade de participantes, afeitos a outros entornos abertos con ferramentas de uso puntual que, solapadas permiten facer o mesmo ou aínda máis pero de xeito tamén máis complexo.
    En canto á rede, exceptuando fallos da rede nos domicilios ou uso do software de xeito experimental o primeiro día, a conexión e en xeral os aspectos técnicos mantivéronse estables e operativos de xeito razoable.
    O desenvolvemento
    A toma de contacto o primeiro día, luns, despois da introdución á Xuvenciencia, levou consigo tres bases. Unha primeira, de recoñecemento entre os participantes e do obradoiro, outra, de subministro dunha base teórica mínima para poder comezar a traballar, e outra de indicacións para realizar ese traballo, a construción do primeiro dos reloxos de Sol. Foi con diferencia o día máis complicado, pois significaba vencer a inercia tanto persoal como técnica para a posta en marcha.

Cálculos realizados por K. Anni Medina.
 
    Como documento base, un pequeno libreto na rede que se iría completando con pequenas adaptacións e asemade, a mostra dos traballos realizados e o comentario indicativo pertinente (ver capturas parciais ó final). 
Reloxo analemático e correccións. Manuel Galán

    Os días sucesivos, o patrón foi semellante no sentido de abondar na relación persoal, o coñecemento e a técnica, quedando os dous últimos días, xoves e venres, o taller relegado a subministro de input para a comunicación final (venres) despois dunha introdución ás ferramentas e conceptos para facilitar a realización desa comunicación. De calquera xeito, o formato online desta edición precipitou que a presentación básica fose montada polas monitoras, nun vídeo plenamente ilustrativo non só do realizado, senón tamén do conseguido. 

Reloxo de Sol ecuatorial feito con Lego. Antón Patiño.

    E, polo medio, a realización de varios modelos e tipos de reloxos de Sol, con materiais diversos, de papel a Lego, e, segundo o día, localización e posibilidades de cadaquén, probados ou non. Hai que especificar que a realización particular de cada un dos reloxos foi iso, particular de cada participante, debido ó illamento que para a realización manual supón a conexión online. 

Diferentes reloxos de Sol sobre a pantalla dun reloxo de Sol de gran tamaño. O Cargadoiro, Ribadeo.

    A experiencia. Resume
    Foi toda unha experiencia coller unha actividade que basea o seu resultado nunha presenza que da lugar a unha interacción humana e co medio, para tentar replicala cun formato a distancia, por medios dixitais. A adaptación deu lugar a unha nova cousa, despois da aprendizaxe non só nos medios usados, senón tamén do comportamento, necesidades e posibilidades do novo. Unha ‘cousa’ da que, a falta de mellores xeitos de medición, estamos entre satisfeitos e moi satisfeitos. Claro que tería sido diferente con outro tipo de xente, xuvencientistas e monitoras...

   Tomas do manual




Outros da serie ti e o tempo:

Ti e o tempo (presentación: http://fqribadeo.ribadeando.com/2020/11/ti-e-o-tempo-presentacion.html

O vídeo: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-o-video.html

Horarios: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-horarios.html

Xuvenciencia 2020: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/06/xuvenciencia-2020-6-proxectos-baixo.html

Unha actividade (I): https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-unha-actividade-i.html 

2020/09/16

Novelle

Nota: Este artigo é copia de https://www.ribadeando.com/2020/08/novelle.html

Novelle

Pode que non o coñezas: non foi político, nin artista, nin celebridade mediática... mais a súa influencia a nivel Galicia non é desprezable.

Coñecín a Javier Novelle no ano 2000. Coñecímonos. Ou máis ben, deba dicir coñeceume: preparando el a 5ª edición do Día daCiencia na Rúa, tivo noticia da Feira da Ciencia que mantíñamos no daquela IFP Porta da Auga e achegouse a Ribadeo para ollar a nosa VI edición e invitarnos a participar na Coruña. Dende aquela, non faltou a participación ribadense na festa científica coruñesa ata o día de hoxe: foi o comezo dunha amizade na que el, sorridor empedernido, desbordante de vida co seu ímpeto calmo, puxo o comezo, e agora, o final.

Morreu hai un par de días, xusto a piques do seu setenta cumpreanos, pero moitos anos despois de que a súa vitalidade quedara para min impresa na constatación da amizade. Era difícil non facerse amigo del a pouco trato que se tivera. Podías comezar relacionándote con el a nivel profesional, como foi o meu caso, mais, animado, xeneroso, activo, de seguida pasabas a ser cómplice da súa amizade.

A súa vida vese malamente compendiada na introdución do artigo que lle adica a Galipedia: “Francisco Javier Novelle Secades, nado en Teberga (Asturias) o 15 de agosto de 1950 e morto na Coruña o 14 de agosto de 2020, foi un activista difusor científico e profesor que desenvolveu a súa actividade en Galicia.” Malamente non porque non sexa reflexo da realidade, senón porque un relato referenciado como o que é necesario na Galipedia non é capaz de reflectir toda a vivez dunha vida na que a súa actividade cara á sociedade non pode separarse das vivencias internas, dos amigos, do desenvolver diario. Pode poñerse nun artigo enciclopédico o seu cariño pola terra natal, algo íntimo, lugar onde se sentía a gusto e retornaba unha e outra vez? Non. Todo o máis, pode poñerse algo como que gustaba de visitala. Hai unha diferencia grande que calquera que teña sentimentos parellos pode recoñecer.

Profesor no IES Calvo Sotelo de A Coruña, ós seus alumnos tíñaos presentes de continuo, pero será coñecido e recoñecido polo impulso que levou ó Día da Ciencia na Rúa ó que é na actualidade: un referente galego de difusión científica. Pode dicirse que, como instrumento, tiña a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, da que entrou a formar parte na súa primeira directiva aló polo 1993, rematando como presidente o día da súa morte. E, dentro da asociación, cousas como as visitas periódicas a diferentes lugares da xeografía galega, sexa para recoller cogomelos, empaparse da historia dun lugar, estudar a xeoloxía dunha zona, entender o funcionamento dun laboratorio, dar un paseo sentido por unha fraga... ou moitas outras, deron impulso a un núcleo non só de amizade, senón de coñecemento e transmisión de vitalidade ás persoas e ó entorno. E non foi a única asociación na que puxo o seu gran de area. Distinguindo ben os campos de actuación, tamén foi presidente e impulsor da Asociación de Ensinantes de Fabricación Mecánica.

O mesmo que un artigo enciclopédico ten uns límites estritos, unha pequena semblanza tamén ten limitacións: non pode traer á persoa con todas as súas luces e sombras, e menos aínda a riqueza dunha vida. En algún lugar hai que cortar, sabendo que non se chega amosar nin a punta do iceberg.

Javier, mentres a terra non cubra ós teus amigos, seguirás vivo. E despois, os efectos das túas obras han continuar relevantes aínda por moito tempo.

--

Lembranza no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

2020/09/14

Ti e o tempo: horarios

Dentro das actividades de ti e o tempo, unha enquisa levada a cabo polos participantes deu resultados. Aquí, a infografía de Kamil Anni Medina, e en baixo, as preguntas e resultados xerais:


Enquisa:

Percepción e uso do tempo

- Para que medir o tempo? 

- Sobre que hora te levantas? 

- Sobre que hora te deitas? 

- Horario das tres comidas principais. Comida 1 

- Horario das tres comidas principais. Comida 2 

- Horario das tres comidas principais. Comida 3 

- Horario de traballo. Hora de comezo

- Horario de desfrute, relacións... (só hora de comezo)

A enquisa foi respostada por 43 persoas de diversos lugares, idades e sexo.

--

Outros da serie ti e o tempo:

Ti e o tempo (presentación: http://fqribadeo.ribadeando.com/2020/11/ti-e-o-tempo-presentacion.html

O vídeo: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-o-video.html

Horarios: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-horarios.html

Xuvenciencia 2020: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/06/xuvenciencia-2020-6-proxectos-baixo.html

Unha actividade (I): https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-unha-actividade-i.html 

Ti e o tempo: o vídeo

Despois de realizarse o obradoito ti e o tempo no campus virtual Xuvenciencia 2020, quedaron para o futuro moitas cousas. Unha delas, o vídeo informativo.

Participantes: 

Antón Patiño Carro 

Ana Martínez García 

Rodrigo Dominguez Gonzalez 

Kamil Anni Medina Rodríguez 

Julia Blanco Porteiro 

Manuel Galán Rodríguez 

Daniel Souto Pazó 

Santiago David Schwiedop Souto 

Monitoras: 

Carmela Cela Rodríguez 

Mariana González Ropero 

E máis... Antonio Gregorio


Outros da serie ti e o tempo:

Ti e o tempo (presentación: http://fqribadeo.ribadeando.com/2020/11/ti-e-o-tempo-presentacion.html

O vídeo: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-o-video.html

Horarios: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-horarios.html

Xuvenciencia 2020: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/06/xuvenciencia-2020-6-proxectos-baixo.html

Unha actividade (I): https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-unha-actividade-i.html 
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.