2021/07/05

Canadá, 50 ºC. Ribadeo, frío

Gráfica da NASA manifestando a anomalía de temperaturas en norteamérica estes días, en comparación coa media dos sete anos anteriores. Imaxe no dominio público.

 

   As novas dan fe: no Canadá están a sufrir temperaturas de case 50 ºC, en zonas onde o normal é que nesta época pouco máis teña feito que comezar o desxeo. Mentres, Ribadeo marcou o comezo de ano máis frío deste século.

   Está tolo o clima? Diría máis ben que quen está tolo somos nós, como especie, os humanos. O clima só responde ás leis físicas, aínda que ás veces sexan complicadas de entender, ou mesmo, aínda descoñecidas.

  E, mentres, está a estenderse de que hai que difundir os efectos extremos para amosar a gravidade da situación climática e propiciar unha mentalización rápida e a conseguinte actuación para enfrontarse ó cambio nocivo que estamos a experimentar. En contra, ese alarmismo é respondido dende filas opositoras, chamándoo como econazismo ou etiquetas semellantes.

   Na realidade, non fai falta poñer fincapé na difusión de catástrofes, nin provocadas polo clima, nin doutro tipo: pola súa propia natureza, eses efectos extremos son carne de noticia. E, en relación ó clima, cada vez son máis frecuentes e máis extremos. De xeito estatístico, eses efectos que soian darse de cento en vento, aumentan de xeito rápido a súa frecuencia con aparentemente pequenas variacións de temperaturas medias. Ó fin, que é un aumento de 1 ºC?

   Ese aumento de frecuencia non só é para aqueles fenómenos que asociaríamos con temperaturas altas, senón que nun aparente paradoxo (só aparente) tamén vemos aumentos doutros fenómenos que asociamos con temperaturas baixas. E así, hai non moito, a pasada primavera, mentres unha ampla zona de Europa centrada no Báltico, estaba a sufrir unha abafante vaga de calor 'mediterráneo', ó estilo do que se pode pasar nas costas cálidas dese mar no verán, a zona mediterránea estaba a sufrir unha vaga de frío 'polar'. Ambas vagas, anómalas, por máis que fora máis rara a calor báltica. E ambas, episodios puntuais que por si sós non significarían nada máis que unha flutuación típica, se ben pouco frecuente. Pero a suma de flutuacións dun e outro signo vese aumentar en cantidade e profundidade, e iso si, ese cambio de frecuencia e profundidade do conxunto, é efecto do cambio climático

   E é que un aumento da temperatura media supón que a atmosfera dispón de máis enerxía, e polo tanto, é máis inestable. Dicir algo como que 'en Galicia viranos ben que aumente algo a temperatura polo cambio climático' é afirmar o propio descoñecemento do tema, e non só no que a rexistros de temperatura poda afectar, pois unha cousa é pensar na temperatura media e outra que debido a ese aumento se podan rexistrar máis veces indesexables extremos da temperatura, sobre todo, altas. E, por suposto, desestimar outros efectos asociados como a seca e o descontrol de precipitacións ou a chegada de furacáns ás nosas costas. Non, por desgraza as novas non son alarmismo: son alarmantes aínda que haxa que comprendelas e matizalas.

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.