2022/01/14

Comparando a temperie de Ribadeo e de Castropol

    As estacións meteorolóxicas de Ribadeo e de Castropol non están tan lonxe: entre a E.M. de Pedro Murias en Vilaframil e a situada preto do cemiterio de Castropol hai, en liña recta, 4,5 km. E a distancia dende a estación castropolense ó núcleo urbano de Ribadeo é menor: dende a estación ó pazo de Ibáñez hai, no caso da de Pedro Murias, 3,5 km, mentres que no caso da de Casstropol hai só 1,5 km, ría de Ribadeo por medio. É evidente que, de cara á información xenérica do termo municipal de Ribadeo, Pedro Murias está moito máis centrado que a E.M. de Castropol, pero non é así para a vila. Como os datos que levo recabando dende hai tempo están tomados da E.M. de Pedro Murias, e a vila está case na liña que une as dúas estacións, hai tempo que me veño preguntando se hai moita diferenza entre ambas e como inflúe iso sobre o axustar os datos dunha ou outra para a vila de Ribadeo. A dicir que ata os anos noventa, a estación que tiña de referenza estaba situada nas Figueiras, sendo a castropolense máis moderna, que eu saiba (houbo hai anos unha toma de medidas meteorolóxicas en Castropol, que entendo independente da actual), e vindo substituír a aquela. A comparación ven a cubrir un oco informativo doble. Por unha beira, de ser os datos de ambas estacións moi semellantes, indicaría que en ambos casos tamén serían semellantes ós que se poidan recoller na vila, e por outra banda, dita semellanza tamén implicaría que non importa tanto coller os datos dunha ou outra das estacións para a capital do noso concello.

    Collo unha serie de gráficas, só de chuvia e temperatura referidas a o ano pasado polo momento, para visualizar as comparacións de magnitudes. A ter en conta que, por comodidade, substitúo o nome das estacións meteorolóxicas polo do concello no que se atopan.

    Gráfica 1.-Representación por puntos de coordenadas da chuvia caída en Ribadeo e Castropol.

    Obsérvase que a recta de axuste ten un coeficiente de regresión R2 próximo a 1, indicando así que ambas magnitudes, a caída de chuvia en Ribadeo e a caída de chuvia en Castropol, día a día, están moi relacionadas. Por outra banda, o coeficiente da recta de axuste é lixeiramente superior a 1, indicando que recolle algo máis chuvia a estación de Castropol que a de Pedro Murias.

    Gráfica 2.-Representación da diferencia de acumulación de chuvia en Ribadeo e Castropol (chuvia en Ribadeo menos chuvia en Castropol, L/m2).

    Na gráfica 1 poden verse algúns puntos cunha desviación grande da liña de axuste. Corresponden a días nos que choveu moito máis nun lugar que noutro, e vense reflectidos nesta nova gráfica por picos cara arriba (cando choveu máis en Ribadeo) e cara abaixo (cando choveu máis en Castropol). Vemos, ó longo do ano (o 1 da escala horizontal corresponde ó 1 de xaneiro de 2021) que só en setembro-outubro choveu algo máis en Ribadeo (e finais de xaneiro/comezo de febreiro), mentres en novembro-decembro distinguiuse claramente Castropol, marcando con elo a tendencia anual.

    Gráfica 3.-Representación da diferencia diaria de chuvia caída en Ribadeo e Castropol (chuvia en Ribadeo menos chuvia en Castropol, L/m2).

    Na gráfica, os picos nun ou outro sentido corresponden ós vistos na gráfica 2, e poñendo un pouco de atención, corrobórase que na práctica totalidade de casos, vai primeiro o pico correspondente a Ribadeo e logo o de Castropol, indicando claramente un desfase temporal entre a chuvia de ambas estacións, aínda a pesar da pequena distancia que as separa. Iso corresponde con que, na gráfica 2, os picos sexan en xeral, para arriba (primeiro prodúcese a chuvia en Ribadeo e logo compénsase coa caída en Castropol)

    O conxunto das tres gráficas anteriores indica que, cunha certa marxe de erro, centrada nun pequeno desfase temporal e unha tamén pequena variación na cantidade de chuvia, o indicado por ambas estacións é semellante, servindo ambas como indicadores para a chuvia na vila de Ribadeo, se ben, naturalmente, sempre sería mellor a recollida de datos nunha estación situada na vila mesma, como a que ten funcionado nun curto período no IES Porta da Auga e logo, nun período máis curto aínda, no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, en ambos casos a comezos deste século.

    Gráfica 4.-Representación das diferenzas diarias de temperaturas máximas (TM, representadas en azul) e mínimas (Tm, representadas en vermello) entre Ribadeo e Castropol (TR-TC).

    En canto ás temperaturas, na gráfia en baixo, obsérvase que as liñas vermellas, indicando diferenzas de temperaturas mínimas, están en franca maioría por riba do 0 (mínimas máis altas en Ribadeo que en Castropol), mentras as liñas azuis, indicando as diferenzas entre as temperaturas máximas, están asemade en franca maioría por baixo do 0 (máximas máis altas en Castropol que en Ribadeo).

    Gráfica 5.-Representación do número de días que se presenta unha determinada diferenza de temperaturas entre Ribadeo e Castropol (R-C, TM, Tm e T media).

    Nota: na gráfica, en baixo, os puntos sobre +3 e -3 indican o número de días cunha diferenza de 3 ºC ou máis, a favor dunha ou outra estación.

    Esta gráfica é en realidade as representacións correspondentes a tres magnitudes diferentes:

    5.1.Temperatura mínima (vermello). É a representación máis clara das tres, indicando unha concentración de diferenzas de T mínima arredor dos 0,6 ºC máis alta en Ribadeo. Case non hai días nos que a Tmin teña sido 1 ºC ou máis maior en Castropol ou 2 ºC ou máis maior en Ribadeo.

    5.2.Temperatura máxima (azul). O groso dos días houbo unha diferenza de temperaturas máximas entre 2,5 ºC máis alta en Castrropol e 0,5 ºC máis alta en Ribadeo, é dicir, un  intervalo de temperaturas semellante ó falado en 5.1, pero non hai un 'pico' tan claro como no caso anterior, indicando así a maior variabilidade nas diferenzas entre temperaturas máximas (a gran maioría, diurnas) que nas mínimas (a gran maioría, nocturnas)

    5.3. Temperatura media (amarelo). As diferenzas de temperaturas medias teñen unha banda máis ampla que as máximas, e moito máis que as mínimas, habendo unha diferenza de igual ou máis de 3 ºC a favor dun ou outro lugar ata 40 días no ano, máis do 10 % dos días. Esa amplitude fai necesario profundizar un pouco máis para entendela, como se fai na gráfica 6.


    Gráfica 6.-Representación do número de días que se presenta unha determinada diferenza de temperaturas entre Ribadeo e Castropol (R-C, TM, Tm e T media, indicando a media en cada caso)

    A gráfica é a mesma que no caso anterior, ó que se lle engadiu as liñas correspondentes ás diferenzas medias observadas. No caso de Tmin, a media corresponde á mesma diferenza que aparece como máximo da gráfica, 0,6 ºC máis altas en Ribadeo. No caso das máximas, corresponde ó medio da horquilla obvservada, 0,8 ºC máis alta en Castropol. É dicir, as máximas son máis altas en Castropol e as mínimas máis baixas, habendo polo tanto unha maior diferenza de temperaturas intra día nesa vila.

    Mais, se miramos a temperatura media, observamos que a media das diferenzas é 0. É dicir, a temperatura media anual de Ribadeo e castropol result ser a mesma, incidindo no dito para o caso da chuvia: o uso de datos dunha ou outra estación, a nivel do conxunto anual é irrelevante.





Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.