2020/08/09

12 de agosto de 2026: Eclipse total de Sol en Ribadeo

 Chégame de rebote unha imaxe:

Corresponde ó recorrido a traverso da península da sombra producida polo previsto eclipse de Sol, total, o 12 de agosto de 2026, á tardiña. Pódese ver moita máis información en https://www.osae.info/articulos/2026_eclipse_index.htm. Por exemplo, esta táboa. E, na wikipedia, pódese atopar esta animación no dominio público:


2020/07/23

Sobre o terremoto en Oaxaca

Hoxe houbo un terremoto en Oaxaca. Oaxaca ten varias horas de diferencia connosco, e o terremoto foi hoxe. Pois xa hai varias horas que teño o aviso por correo electrónico cun mapa de desprazamentos de terra en base ós satélites da ESA, Axencia Europea do Espazo, na que participa España.
O terremoto foi forte, 7,4 na escala de Richter, e o mapa de desprazamentos, que collo da ESA, indicando a afección relativa, é un instrumento de primeiro orde proporcionado pola ciencia para paliar no que se poda o desastre.

2020/06/06

Xuvenciencia 2020. 6 proxectos baixo un novo sistema

Xa está activa a web de xuvenciencia para este 2020.
* Como quen oe chover
De que falamos cando falamos do tempo? De que xeito inflúen os fenómenos meteorolóxicos e os ciclos estacionais na nosa lingua e tradicións? Como teñen intervido as mudanzas do clima e do tempo nos acontecementos históricos e socioeconómicos, no desenvolvemento tecnolóxico, nas artes? Que nos contan as cancións do verán?
* Leva a auga ao rego
Disque Galicia é o país dos mil ríos, pero sabemos de onde lles vén a auga e como se xestiona con responsabilidade?
* Obradoiro de Medios XuvenCiencia
Actividade de introdución ao xornalismo e á comunicación científica.(novidade)
* Plantifícate!
Que papel cumpren as masas árboreas no equilibrio ecolóxico? Que biodiversidade albergan os bosques naturais? E as plantacións?
* Somos o que comemos?
Cambiou a túa alimentación coa Covid-19? Mudou esta pandemia a percepción sobre o medio rural e a orixe dos alimentos que comemos?
* Ti e o tempo
O tempo é máis có reloxo. Hai xeitos moi diversos de medir o tempo. Contamos minutos, horas, días e meses porque cómpre facelo polo que significan o seu paso e o seu uso. Un reloxo, o Sol, a Terra, ti... e as relacións que se xeran. É simétrico o tempo? E o día... é simétrico? Se tes moitas preguntas, podes atopar algunhas respostas: ti e o tempo.
Horario de mañás do 20/6 ó 3/7.

2020/05/22

Aprende ciencia na casa co CSIC

Hoxe recapturei unha ligazón que tiña en espera para mirala: https://www.csic.es/es/agenda-del-csic/aprende-ciencia-en-casa-con-el-csic
Coido que esa entrada do blog de novas do CSIC, Consello superior de Investigacións científicas, ten a capacidade de atraer a atención da xente cun mínimo interese na ciencia e a formación cientifica. Traduzo e adapto:

O CSIC conta cunha morea de recursos online para achegarse á ciencia e disfrutala de moitos xeitos. 
Exposicións e museos virtuais, debuxos animados e outros vídeos, blogs, experimentos, xogos, apps e libros. Algunhas propostas para aprender ciencia na casa de xeito divertido:

1.XOGOS, EXPERIMENTOS E MATERIAIS DIDÁCTICOS


AUDIOVISUAIS


Propostas didácticas

Ciencia para todas as idades

CONFERENCIAS DE DIVULGACIÓN


CONCURSOS E CERTAMES


BLOGS E PROGRAMAS DE RADIO


REVISTAS E ENTREVISTAS DIGITAIS


LIBROS DESCARGABLES


EXPOSICIÓNES DESCARGABLES E MUSEOS VIRTUAIS


2020/05/10

A ciencia en Galiza. Unha lembranza (2008)

Cara a finais do 2008, na Galipedia, existía unha páxina, A Ciencia en Galiza, creada por min e que foi borrada con posterioridade por non aterse a contido enciclopédico. Pasaron os anos, e hoxe por hoxe considéroa unha ‘peza de museo’ entre recompilación e opinión propia que non voltará a ver a luz a non ser que a restitúa nalgures. Por exemplo, aquí. Así pois, déxoa a continuación con lixeiros cambios para mellor adaptala.
‘A Ciencia en Galiza non ten boa fama: non ten persoas coñecidas e senlleiras que son faróns marcando un camiño a imitar’. Moita xente asinaría a anterior afirmación. Pero se ben unha parte é certa, outra non: pode que non teñamos moitas figuras punteiras e coñecidas, pero si unha morea de xente que se ten dedicado á ciencia e que contribuíu, de xeito modesto ou non tanto, a poñer as bases da ciencia modema e continúa a facelo. Acumúlanse aquí [na Galipedia] bocexos de biografías ou contribucións de persoas senlleiras nas súas ramas do saber facer ciencia, de xeito que, sen realizar un grande labor de procura de datos para obter material, houbo que deixar a moitos fora [Nota: estamos a falar de 2008, cunha Galipedia de dimensións en número de artigos equivalente a unha cuarta parte da actual, e menos desenvoltos, referencias limitadas, con menos colaboradores...].
Non houbo ata o momento moitos estudos sobre a nosa ciencia. O anterior fai que case tódolos personaxes que se citan sexan moi recentes no tempo, pasando parte ou toda a súa vida durante o século XX. Isto implica que aínda os contemplamos sen a debida perspectiva histórica, ó tempo que imbuídos por prexuízos políticos e sociais dunha época que foi dura polos convulsos anos anteriores ó franquismo e os transcorridos na súa vixencia.
Asemade, hai tamén algunhas cousas comúns ou que agrupan a unha porcentaxe significativa de persoas incluídas na mostra. Así, o apoio da ILE, a Institución Libre de Enseñanza, movemento de revitalización do ensino e investigación en España entre o último tercio do século XIX e a guerra civil, permitiu a estudosos de diverso xénero saír ó extranxeiro e atoparse coa puxante ciencia europea de aquela época. Noutros casos, foi o pecunio familiar o que permitiu saír adiante algunhas investigacións, ou ben os propios anceios foron os que guiaron os primeiros pasos e relacións no mundo da ciencia.
O anterior lévanos a unha importante consideración: na ciencia tamén é necesaria a existencia dunha masa crítica de persoas, coas relacións humanas asociadas, para seguir adiante e obter resultados e a súa difusión no mundo. Na nosa terra non houbo en xeral un conxunto de xente traballando en ningún campo da ciencia que se puidese beneficiar dun conxunto tal ata tempos máis recentes dos que se pretende abranguer: facer ciencia a principios do século XX era moito máis doado en Alemaña que en Madrid. E alí que en Galiza. Os tempos están a cambiar, tanto pola cantidade de xente preparada como polo catalizador dalgunha industria e a acumulación de xente na mesma universidade canto pola introdución de relacións de novo cruño como internet, poñendo á man da xente novas posibilidades de obtención de datos ou comunicacións instantáneas con todo o mundo.
Unha consideración final: se se repasan as biografías presentadas, pode chamar a atención a ausencia de mulleres. Ténse presentado de xeito recente un estudo sobre as mulleres e a ciencia. “A ciencia ten nome de muller" no que se entra un pouco máis na baixa proporción de mulleres na ciencia a nivel mundial. Galiza participou nesa tendencia asumindo a sociedade galega ata a actualidade que o posto da muller non é a ciencia. [Nota: hoxe, as biografías correspondentes eguen na Galipedia, pero o artigo aglutinante, non. Pode verse en conxunto na exposición, http://fqribadeo.ribadeando.com/2019/02/a-ciencia-ten-nome-de-muller.html]

2020/04/27

O paradoxo das dobreces do papel

É posible que algunha vez te propuxeran un desafío como dobrar unha folla de papel sobre si mesma 7 ou 8 veces, mesmo apostando a que non eras capaz. Se o intentanches, verías que non podes. O vídeo adxunto tenta visualizalo e explicalo, engadindo unha variante máis sinxela.
--
Por indicacións de Roberto Manín, cheguei a estas outras dúas ligazóns relacionadas:
https://feriadelaciencianavia2017.blogspot.com/2017/03/doblando-papel-xxl.html?m=1
e o vídeo

2020/04/25

Tratamento de erros en física

Hoxe vai un vídeo sobre tratamento de erros unha vez obtidas as medidas nas experiencias. Unha explicación sinxela para coller a idea básica do tratamento matemático.


2020/04/14

Convertendo o móbil nunha lupa cunha gota de auga

Convertir o móbil nunha lupa sen o zoom é doado. Chega cunha gotiña de auga ben posta no obxectivo da cámara do móbil. A gota actúa como unha lente converxente que, pola proximidade ós obxectos e estar pegada á superficie da cámara, convírtese en lupa. No vídeo vese que pasa.

2020/04/13

Ecuacións da física e das matemáticas

Dende hai tempo circulan pola rede ben deseñadas táboas con ecuacións correspondentes a diversos fenómenos e leis científicas. Hoxe chegou ás miñas mans a que aparece arriba. Non é das mellores en canto a contido (por exemplo, ten 3 ecuacións de Maxwell do electromagnetismo pero falta a cuarta) e ten unha certa mistura entre física e Matemáticas, pero aporta unha certa claridade coas imaxes sobre as ecuacións. En resume, de esquerda a dereita e de arriba abaixo:
A primeira lei da termodinámica expresa a conservación da enerxía, e polo tanto, o seu reuso.
A relación que da a entropía indica o desorde dun sistema, e polo tanto, cousas como 'en que dirección se move' o tempo.
A identidade de Euler, que liga con operacións fundamentais e e pi con 0, 1 e i
O principio de indeterminación de Heisenberg liga aleatoriedade de posición e de movemento.
A equivalencia masa enerxía é unha relación fundamental que, derivada da teoría da relatividade de Einstein, permite comprender o funcionamento de cousas como o Sol.
A ecuación de Schrödinger rixe a dependencia temporal dos sistemas mecanocuánticos.
A lei de Faraday controla a produción da electricidade que consumimos nas nosas casas. Está incluída nas catro relacións de Maxwell do electromagnetismo.
As ecuacións de campo relacionan a xeometría do espazo e a gravitación na relatividade xeral de Einstein.
A primeira lei de Newton explicita a inercia dos corpos.
A segunda lei de Newton indica a resposta do movemento dun corpo a unha forza.
A terceira lei de Newton indica a necesidade de interacción mutua entre corpos.
A lei de gravitación de Newton relaciona os corpos coa interacción gravitacional que producen.
A distribución normal indica o xeito máis frecuente de reparto de probabilidades.
Pi é a relación entre a lonxitude dunha circunferencia e o seu diámetro na xeometría euclídea.
O principio de superposición cuántico danos a relación entre diversos estados observables e o resultado no mundo real.
O factor de Lorentz rixe a contracción medida dos corpos en movemento.
A Lei de Gauss do magnetismo fai imposible a existencia de monopolos magnéticos. Está incluída nas catro relacións de Maxwell do electromagnetismo.
A lei de Ampère remata as relacións electriciade-magnetismo. Está incluída nas catro relacións de Maxwell do electromagnetismo.



Xa viches as 'pílulas de coñecemento' do CSIC Galicia?

Se non as viches, aquí tes as primeiras (e outros moitos vídeos de divulgación):

Recibín a ligazón sunha sinxela mensaxe nun correo: "Gustaríanos compartir con vos as Pílulas CSIC de Coñecemento , iniciativa da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia que conta coa participación do cómico e actor Carlos Godoy (@Rony Flamingo). "
--
O que é o CSIC
Canle de Youtube da Unidade de cultura científica do CSIC Galicia.
Twitter UCC CSIC Galicia.
Facebook UCC CSIC Galicia.

2020/04/11

Outro terror do milenio (4 de abril de 1998)

Publicado Na Mariña/el Progreso o 19980404. Despois foi recollido en http://personal.redestb.es/agremon/ribadeo.htm.
Outro terror do milenio
Foi de repente. Un científico anunciou que un corpo celeste ía chocar contra a terra dentro duns anos. Logo, nun par de días, houbo un desmentido.
O de menos, os datos concretos. O importante, o feito. E os comentarios arredor del.
O feito foi que un científico realizou cálculos sobre a traxectoria dun corpo que se move no espacio cunhas dimensións do orden de quilómetros. os datos estaban tomados de posicións sucesivas del, eran escasos. Por outra banda, se un corpo dese tamaño cae a terra, podería facer un cráter no lugar onde caera, producir un xeitoso terremoto e facer opaca a atmósfera con todo o material sacado do seu sitio despois dun tremendo estalido liberador de enerxía. Os cálculos foron que a súa traxectoria cruzaríase coa da terra dentro duns anos, e o seu significado estaba claro: estabamos a punto para un cataclismo parello ó que parece que extingueu ós dinosaurios. A terra estaría asolada en menos dunha década, e en troques dos saurios, agora tocaríanos a nós.
Un anuncio de tal calibre moveu á comunidade científica dos astrónomos a ocuparse do tema. Obtivéronse máis datos, revisáronse outros recollidos de antigo, e fixéronse novos cálculos. O resultado é que o corpo que se auguraba ía destrui-la nosa civilización, tras mellorar os datos e realizar os cálculos, prevese que pasará a unha distancia de nós comparable á que mantén dende que se lembra a nosa compañeira a lúa. Todo o mundo respira máis tranquilo.
Agora, a repercusión da noticia. Nada máis darse, representantes do governo dos E.U.A. dixeron que se estaba a preparar un plan de intervención. Consistiría dito plan en lanzar varios cohetes cargados con bombas nucleares contra o obxecto, coa finalidade de desviar lixeiramente a súa traxectoria ou desfacelo en trozos máis pequenos. Dos dous xeitos, evitaríase que un só proxectil chegara a causar un dano abondo como para destrui-la "civilización". Era a primeira vez que a humanidade estaba intentando poñer as armas de destrucción masiva dun país a favor da salvación do mundo. Sería cousa se ver se era abonda a potencia ou non.
Tra-la rectificación dos científicos (na realidade non foi rectificación, senon declaracións diferentes por parte doutra xente diferente), pasouse a unha segunda fase. Foi cando se "redescubriu" que estatísticamente a probabilidade de morrer pola caída a terra dun asteroide ou meteorito é moito menor que a de morrer por accidente de automóbil ou atropellado. De xeito indirecto estábase a dicir que todo fora un bulo e que o que agora estaba a falar xa o sabía antes do desmentido. Tamén se comenta que hai un montón de corpos vagando po lo espacio que poden ser unha ameza para o noso planeta. E que a maioría deles son aínda uns completos descoñecidos.
Unha aclaración: o científico que deu á luz pública os seus cálculos non se pode dicir que estivera equivocado no xeito de face-las cousas; só que dispoñía de datos con moito erro, e dentro do erro estaba o motivo da falsa alarma. É algo que sucede con certa frecuencia. Pero... calquera día pode haber un aviso do mesmo xeito, e xa que a terra cobre unha distancia duns dous millóns e medio de quilómetros en vintecatro horas, non dar tempo a que nos enteren de que vai ocorrer unha catástrofe. Trátase de confiar, en todo caso pregar, e seguir a vivir como tódolos días. Ó fin e ó cabo, din que unha vez lle preguntaron a un santo que se estaba a divertir, que que faría se lle informaran que ía morrer ó pouco tempo. O santo, que se supón que cumpría con aquelo de que cadía ten o seu afán, parece ser que respondeu: seguir a divertirme. A boa conciencia da tranquilidade.

Mirando as estrelas con ceos cubertos

N49, nebulosa restos dunha supernova. Foto tomada polo Hubble (NASA)

Hoxe, 11 de abril, amenceu cuberto en Ribadeo. Leva varios días sen aparecer o Sol ou a Lúa, e, por suposto, nin rastro de estrelas.
Por iso é bó momento para aproveitar unha nova utilidade da NASA para estes tempos de coronavirus na casa, e, de paso que sen aspectos descoñecidos e bonitos do ceo, aprender e aprender a querer o noso mundo.
A cousa é que o Hubble ven sacando fotos detalladas do ceo dende hai case 30 anos. De feito, pronto se celebrará o tinta aniversario do seu lanzamento. E, a pesar dos seus miopes inicios (tiveron que facérselle diversos axustes xa en órbita para corrixir defectos de construción da lente principal) leva desenvolto unha inestimable valor para a ciencia e tamén para o arte.
Aínda que recorrer a web da NASA pode dar moitas alegrías, para quen non quera andar dun a outro lugar ata atopar o sitio ó que me refiro, aquí podes ver fotos de lugares fotografados polo Hubble de xeito que terás a disposición unha foto tomada o teu cumpreanos, unha vez que metas os datos, claro.
A foto que deixo arriba foi tomada nun dos meus cumpre. E coido que é bonita abondo. Ou non?
Co meu agradecemento a Inma, que me pasou a info.

2020/04/10

Parabéns a Andrea Vilar

Con retraso de máis dun trimestre entérome por casualidade que a ribadense Andrea Vilar gañou o concurso R (bases) que pretendía facer un estudo sobre a mortalidade asociada ó cancro en Galicia para aproveitar os datos do mellor xeito posible:
"Tomando como referencia o conxunto de datos DatosR_SIMCA.csv, que se
pode descargar desta mesma páxina, se pide elaborar un proxecto no que,
utilizando R como ferramenta principal, se realice un estudo sobre os
mencionados datos, aportando como resultado final unha interpretación
dos mesmos en forma de informe, estudo estatístico, visualización gráfica,
aplicación ou calquera outro formato que serva para ilustrar o traballo
realizado.
O conxunto de datos é un ficheiro con datos de mortalidade por distintos
tipos (13) de cancro , diferenciados por sexo, en Galicia no período 1980-
2017.
"

"


Gañadores do Concurso R



Damián Pallas e Andrea Vilar son os gañadores da primeira edición do Concurso R organizado por MeLiSA.

Unha vez reunido o xurado e avaliados todos os traballos, o mesmo acordou que o traballo presentado por Damián Pallas e Andrea Vilar é merecedor do primeiro premio por achegar un estudo estatístico dos datos, un informe dinámico elaborado con R Markdown e unha aplicación (Shiny) de visualización dos mesmos.
Nesta primeira edición do Concurso R participaron un total de 4 traballos (dous en modalidade individual, e outros dous en grupo):


  • Antón Blanco Vilariño
  • Damián Pallas e Andrea Vilar
  • María Cristina Vilas Taboada
  • Grupo Modestya
    • María Alonso Pena
    • María Isabel Borrajo García
    • Mercedes Conde Amboage
    • Laura Davila Pena
    • Arís Fanjul Hevia
    • Laura Freijeiro González
    • Brais González Rodríguez
    • Alejandra López Pérez
    • Alfredo Montero Fernández
Todos os traballos presentados reflicten unha gran calidade, e son froito do esforzo realizado por todos e cada un dos finalistas, e dende MeLiSA queremos recoñecer a súa participación a todos eles.
Tal e como se recolle nas bases do concurso, o primeiro premio consiste nun Slimbook Zero, e o resto de finalistas recibirań un Kit Linuxero de teclado e rato do fabricante VantPC.
Nos próximos días anunciarase a data e lugar de entrega do premio.
Este concurso forma parte das actividades que a asociación MeLiSA realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), e está incluída no Plan de Acción de Software Libre 2019 da Xunta de Galicia.
"

2020/04/07

A difracción na casa

A difracción é un fenómeno ondulatorio. Prodúcese en tódalas ondas. Podemos reproducilo con ondas luminosas na casa. Iso axudará a que o comprendamos.
 

2020/03/21

O saber e a física

Aló polo 2011, escribín o que poño a continuación, sen telo publicado máis aló de subilo a un repositorio secundario. Hoxe escríboo en tentando educar e aquí. Aí vai:
O saber e a física
Ás veces, temos unha visión moi limitada das cousas. E estudamos (e ensinamos) con esa visión limitada, perdendo a posibilidade que nos ofrece a realidade para aumentar o saber nun campo polo aproveitamento, e a aplicación, do coñecemento noutro. Van abaixo algúns exemplos, aplicados ó saber e á física.
– O rendemento na adquisición do saber pouco ten que ver coa física, se non é porque a propia física é un saber.
A sentenza anterior é falsa, pois o rendemento ven estudado pola física no seu campo, e pode extenderse. Vexamos unha aplicación sinxela, a do rendemento (termodinámico), que ven a dicir que o que rende unha máquina térmica aumenta coa calor que recibe e diminúe coa calor que rexeita (e ambos, son proporcionais á temperatura a que é recibida e rexeitada, respectivamente, a calor). A partir desa sinxela expresión, podemos poñer algo semellante en relación con outros tipos de rendemento. Por exemplo, co rendemento académico: aumenta coa cantidade de coñecemento ou método (‘saber’, ó fin) recibido, e diminúe coa candidade dos mesmos perdida ou esquecida … e ambos son proporcionais ó interese posto na aprendizaxe.
Podemos ampliar a relación/explicación anterior de xeito doado: se nos situamos en relación ó interese amosado polo alumno ou alumna, como a cantidade de coñecemento recibida é proporcional ó intererese prestado, e a cantidade de saber interiorizada, proporcional ó interese que se pon en interiorizalo (polo tanto, a cantidade esquecida proporcional á falta de dito interese), obtemos que o rendemento aumenta co intererese da alumna ou alumno e diminúe coa dispersión de intererese posterior a obter o coñecemento. Ou sexa, pura física aplicada.
Vaiamos por outra.
– Din que o saber non ocupa lugar.
E é certo. E non é certo. E non é contradicción. Vamos, igual que o principio de complementareidade na física … Isto xa é ciencia avanzada: unha partícula leva unha onda asociada e viceversa, de tal xeito que a onda será partícula e a partícula será onda dependendo das circunstancias polas que atravese. Ou sexa, un neutrón, poñamos, é unha partícula, e non é unha partícula, e non é unha contradicción ver neutróns unhas veces como partículas e outras como ondas.
Co saber pasa algo semellante: non ocupa lugar porque calquera lugar ten a capacidade de xerar información, saber. Pero, ó tempo, o saber implica na xente a necesidade de conexións neuronais, e a máis saber, maior número necesario. Mais as conexións danse no espazo, co que a máis saber, máis necesidade de espazo …
Vaiamos por unha terceira, a modo de conclusión.
– O principio de indeterminación ten que ver coa velocidade de adquisición de coñecementos
O principio de indeterminación, indícanos que chega un punto nas medicións no que a mellora da precisión na posición implica un aumento na imprecisión da cantidade de movemento, ou, alternativamente, a mellora da precisión na enerxía implica un aumento na imprecisión do tempo de vida da partícula, e viceversa. Pois ben, a enerxía está relacionada coa información: a máis información, mais enerxía necesaria para gardala; a máis enerxía, máis información necesaria para describir o que sucede. Así, o aumento da enerxía disposta implica un aumento na velocidade de adquisición do coñecemento, e polo tanto, unha diminución do tempo para conseguilo…
Vaia, que aprender física aumenta o rendemento (non só académico)! (*)
Antonio Gregorio Montes
(*) Verdade de Perogrullo (**): se aprendes máis, aumentas o rendemento? …

2020/02/25

O síndrome de Kessler

Lixo espacial arredor da Terra. Imaxe da NASA. A notar os obxectos en órbita xeosíncrona.

De sempre, o ceo foi inspiración. Tamén científica, coa astronomía relacionada coa medición do tempo como base para o desenvolvemento científico posterior. Hoxe por hoxe, seguimos mirando ó ceo para o desenvolvemento científico, e usándoo para testar experiencias agra que podemos acadar a viciñanza externa ó noso planeta cos nosos aparellos. O caso é que, como quen emporca a súa propia casa, non só estamos a emporcar a mesma Terra con residuos diversos, senón tamén o noso ceo, con restos de satélites non retirados nin apartados a órbitas que non molesten, senón deixados ns órbitas de funcionamento. Iso fai que hoxe por hoxe o ceo inmediato sexa algo así cunha autopista con coches abandoados polo medio. restos de satélites que poden impactar a outros, novos ou vellos, e aumentar así o número de restos sen control no espazo. Tendo en conta que estamos a falar de velocidades relativas de varios km cada segundo, ben superiores ás que ten unha bala disparada por unha pistola normal, podemos facernos unha idea do que representa. Sorte da magnitude do espazo de que estamos a falar, que ten evitado ata o momento que a astronáutica se teña convertido xa nunha imposibilidde práctica.
O feito dese descontrol e as súas consecuencias son o que se coñece como síndrome de Kessler. E aquí podemos ver unha pequena tira desdramatizando e axudando a clarificar a situación.
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.