2024/11/03

Como facer un 'moco' para xogar

    Agg! Repelente, pero manexable, deformable, semifluído, o 'moco' (smile polymer) é divertido! E podes facelo ti con produtos dunha caixa de química recreativa (ou procurando as substancias químicas necesarias doutro xeito)

    Só necesitas:

    - Alcohol polivinílico

    Ó que misturarás un 4% máis de

    - Tetraborato sódico

    Podes colorealo engadíndolle

    - Colorante alimentario

    Disolve ben disolto (con preferencia dun axitador magnético...) e pásao ben!

2024/10/07

Alternativas libres na rede


   
Na rede polo momento está imposto o 'sen custo aparente'. Así, por exemplo, 'todo o mundo', en espera dun desenvolvemento aínda maior da IA, usa Google para procurar cousas. Din que é gratis, mais o pago en realidade es ti: os teus datos particulares ou o teu historial de navegación son a moeda de cambio. Fronte a ese tipo de programas, están os programas libres ou ben os de fonte aberta, cunha multitude de variedades na que basicamente as pezas fundamentais son persoas voluntarias que exercen o traballo e o doan, sen ánimo de lucro. Un exemplo? Este mesmo blog, do que non me lucro, aínda que polo momento estea aloxado en servidores que pertencen a Google e esa empresa si que se aproveite do meu traballo e a túa visita.

    Volvendo ó tema. Igual que as múltiples versións de Linux ofrecen unha alternativa a Windows como sistema operativo nos ordenadores, ou amarinha.gal, instancia mariñá libre no fediverso de Mastodon (non a probaches aínda?) ofrece unha alternativa ás redes de Facebook ou X, hai moitas outras alternativas para non ter que vender a túa alma ó diaño ó navegar por internet.

    Enriba tes as páxinas de https://archive.org/details/alternativas-google-hibrido/page/n5/mode/1up onde podes atopar unhas cantas alternativas, dos milleiros que hai.

    Por certo, cheguei aí a través da páxina de Enxeñaría sen Fronteiras.

2024/06/16

Sobre a XXIX Feira da Ciencia de Ribadeo

     13 de 14 de xuño, XXIX edición da Feira da Ciencia no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Se non estiveches, non podo suplir a túa asistencia, mais si deixar algunha lembranza para que te fagas unha idea e podas coller algún recorte. Aquí queda o cartel feito por Claudia Lorenzo, que recibiu numerosos parabéns polo seu traballo, e o listado de experiencias e montaxes. Tamén, algunha foto de cada un dos apartados e algún comentario, a máis dunha nota de prensa:


Despertador lumínico. Club de ciencia. Despertar coa luz, favorable á saúde

Ximcana 'Coida o medio ambiente', premio Concurso Esc. Ecoeduca. 2º ESO FQ. Á beira da ría.

Balancín. 4º ESO Tecn. Un balancín é unha panca.

Puzzle deslizante da UE, 4º ESO Tecn. Fai falta un oco para poder mover(se)

Mesas flotantes. Proxecto Competencial 1º ESO. As tensións en sentidos contrarios con fíos entre puntos adecuados manteñen o equilibrio.

Tensegridade caseira. P. Competencial 1º ESO. Estruturas autoequilibrantes con partes ríxidas unidas de xeito elástico.

Alfinetes levitantes. P. Competencial 1º ESO. A atracción magnética pode dar lugar a formas fermosas.

Tren magnético. P. Competencial 1º ESO. Movemento sinxelo á vista.

Moedas bailarinas. P. Competencial 1º ESO. O xiro é doado cando está asegurado o equilibrio.

Cristalización de bórax. P. Competencial 1º ESO. Os cristais son fermosos.

Elevador hidráulico. P. Competencial 1º ESO. Ver levarse a estrutura, unha experiencia.

Gafas de realidade virtual caseiras. P. Competencial 1º ESO. O virtual xa está aquí.

Man robótica. Proxecto Competencial 1º ESO. Experimenta como sería unha extensión robótica das túas mans.

O motor máis sinxelo do mundo. P. Competencial 3º ESO. Doado de facer, serve para comprender.

O ril e as nefronas. P. Competencial 3º ESO. O funcionamento da máquina humana.

bastón con entonación. Club de ciencia. Máis seguridade no movemento en situación de invidencia.

Antonio Rodríguez Darriba, o médico altruísta. P. Competencial 3º ESO. Unha figura esquecida do Ribadeo do século pasado


Nin vapear nin tabaco. P. Competencial 3º ESO. Unha droga tan mala como a outra.

Proceso respiratorio. P. Competencial 3º ESO. Mírate respirar.

bebidas azucradas. P. Competencial 3º ESO. O azucre oculto, á descoberta

Proceso dixestivo. P. Competencial 3º ESO. O funcionamento que usamos para obter enerxía.

Nutriscore. P. Competencial 3º ESO. Aprendendo a usar os recursos para comer mellor.

O prato de Harvasrd. P. Competencial 3º ESO. Na variación non só está o gusto, está a saúde.

Detección de vitamina C. P. Competencial 3º ESO. Algo máis que saber que existe a vit. C.

Maqueta de circulación sanguínea. P. Competencial, 3º ESO. A dobre circulación sanguínea, ó claro.

Grupos sanguíneos. Prox. Competencial 3º ESO. Máis aló das letras no sangue.

Determinación do grupo sanguíneo. 1º Bac Biol. Analizar? Pódese facer.

Bioblitz. 1º Bac Biol. Coñecendo o noso entorno vivo.

Sobre a Saitis barbipes. 1º Bac Biol. Unha rara araña na nosa terra.

Bioplásticos. Prox. Competencial 1º ESO. Facer pástico máis aló do petróleo.

Aurora Sampedro, unha pioneira. P. Competencial 3º ESO. Unha muller que estamos comezando a coñecer.

Houbo máis de trinta proxectos para tódolos gustos. O alumnado de menor idade presentou traballos de gran orixinalidade coma o tren magnético ou os “Alfinetes levitantes”, e tamén fan bailar ás moedas mediante magnetismo inducido. Ademáis, con simples paus de xeado construiron mesas flotantes, figuras de tensegridade caseiras e tamén un elevador hidráulico. E con cartón crearon una man robótica e unhas gafas de realidade virtual coas que invitaron ó público a dar unha volta en montaña rusa.

O alumnado de 3º ESO centrou os seus esforzos en explicar fisioloxía humana mediante maquetas elaboradas por eles mesmos para explicar o “Proceso respiratorio”, a patoloxía do “Pneumotórax”, “O ril e a nefrona”, “A dixestión” e a “Circulación sanguínea”. Ademáis, para axudar a fomentar hábitos saudables, tamén expuxeron traballos como “O prato de Harvard” para inculcar a dieta equilibrada, “Nutriscore” para saber o que comemos, “Bebidas azucradas” para evitar abusar das mesmas ou “Nin vapers nin tabaco” para concienciar de que vapear entraña tanto risco coma fumar e disuadir aos compañeros de ámbalas prácticas.

Tamén foi momento de difundir traballos con recoñecementos especiais como “Cuida el medio ambiente” gañador do II Concurso Escolar Ecoeduca, de alumnado de 2º ESO, o “Despertador lumínico” e “O bastón con entonación” presentados nas Olimpiadas de Telecomunicacións en Vigo por alumnado do Club de Ciencia. Ou “Saitis barbipes” a araña saltarina, rareza extrema atopada durante o I Bioblitz ribadense realizado por alumnado de bacharelato.

Para rematar, un non podía marchar sen que lle contaran algo sobre a pioneira Aurora Sampedro ou o coñecido doutor ribadense Antonio Rodríguez Darriba, ó cal o alumnado de bacharelato honrou explicando os grupos sanguíneos cunha orixinal maqueta e facendo a determinación dos mesmos coma auténticos profesionais.

Parabéns a todo o alumnado e profesorado implicado que coordinado pola profesora de bioloxía Susi Besteiro fixo posible xunto con tódolos visitantes a XXIX Feira da Ciencia.

2024/06/10

Fin de curso no Club de Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo. Susi Besteiro


 

Fin de curso no Club de Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo

    O último luns de maio, o alumnado do Club de Ciencia do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo xunto co profesorado implicado: Andrés Rodríguez, Javier Rodríguez, Noelia González e Susi Besteiro, xuntámonos coma sempre no recreo de mediodía pero esta vez non era para facer experimentos senón para celebrar o final do Club de Ciencia por este curso.

    Tocaba ademáis, facer balance. Realmente, estamos satisfeitos da marcha do club xa que case 30 alumnos e alumnas participaron voluntariamente durante todo o curso. Aínda que as primeiras sesións foron conxuntas e dedicadas á tan de moda Intelixencia Artificial, logo houbo que facer separación por niveis. O alumnado que cursou 1º ESO, foi descubrindo cada luns experimentos sinxelos: dende xogar con palillos máxicos, xeo seco ou fluídos non newtonianos ata construír visores de hologramas, lámpadas de lava e facer figuras de tensegridade caseira con paus de xeado e gomas elásticas.

    O alumnado de 2º e 3º ESO, case todos participante no club dende o curso pasado, estiveron fundamentalmente dedicados a preparar a súa participación nas Olimpíadas da Escola de Enxeñería de Camiños da Coruña e da Universidade de Telecomunicacións de Vigo. Para estas últimas tiveron que elaborar un par de proxectos que trataran de “Resolver retos de la sociedad” e así xurdiron o Bastón con entonación, para persoas invidentes e o Despertador lumínico.

    Estes proxectos xunto con outros elaborados nas materias de Proxecto Competencial e de Tecnoloxía coma por exemplo O tren magnético, As gafas de realidade virtual, As mesas flotantes ou as Maquetas da Circulación sanguínea humana e das Nefronas, foron presentados no Día da Ciencia na Rúa 2024 onde recibimos o Premio Javier Novelle “pola magnífica selección de traballos presentados”. Agora tan só queda amosalos na propia casa e iso terá lugar na XXIX Feira da Ciencia que se celebrará os días 13 e 14 de xuño de 9:30 a 13:10.

    No IES Ribadeo seguimos apostando por achegar a ciencia ó alumnado e pensamos que todas estas actividades son unha boa forma de fomentar as vocacións STEM orientadas ao ámbito científico-tecnolóxico así como de estimular o espíritu científico entre as nosas alumnas e alumnos.

Susi Besteiro

Catedrática de Bioloxía do IES Ribadeo Dionisio Gamallo

2024/06/03

Unha charla de Arsuaga nun proxecto lector

    Hoxe foi o acto final do proxecto de padriños e madriñas de lectura en Castropol, unha historia que xa vai pola décima edición entre a Biblioteca Popular Circulante Menéndez Pelayo de Castropol e o Colexio Público 'La Paloma'.

    O acto foi sinxelo e abondo rápido. Ó fin, aínda que o salón da Casa da Cultura estaba cheo de xeito moi maioritario por xente maior, o importante eran os pícaros que foron homenaxeados, doce, a xente do quinto curso de primaria, os que levaron este ano a maior parte do peso do proxecto titorando pequenos dos primeiros cursos. Deixo algunha foto, a breve charla de Arsuaga, titulada 'Cando o mundo era neno', e a lectura moito máis breve aínda do representante dos e das homenaxeadas. Queda sen gravar a entrega de diplomas ou a entrega dunha lembranza a Arsuaga.

 

Falando, Manuela Busto, bibliotecaria de Castropol. Juan Luis Arsuaga, centro. Ana González, Xefa de Estudos de La Paloma, á nosa dereita.


O alcalde de Castropol, Francisco Javier Vinjoy, con Arsuaga




 

 


Premios I Bioblitz IES Ribadeo Dionisio Gamallo

 

Belén Pérez co alumnado premiado
 

 Premios I Bioblitz IES Ribadeo Dionisio Gamallo

    Para completar a actividade do I Bioblitz IES Ribadeo durante a cal se fixo un rexistro intensivo de especies no xardín do instituto e alrededores, tivemos unha sesión post-saída e Belén Pérez Teijo, socia colaboradora da Plataforma “Fotografía y Biodiversidad” amosounos a forma de obter moitos datos estadísticos a partir das observacións que subimos á plataforma Observation.org. durante a actividade.

    Agora, o alumnado dedicará algunha sesión a preparar a exposición dos datos máis relevantes e serán amosados na XXIX Feira da Ciencia que se celebrará os días 13 e 14 de xuño. Tamén prepararán a cartelería necesaria para dar a coñecer a rareza extrema atopada durante o I Bioblitz. Trátase da araña saltarina, Saitis barbipes, propia de ambiente mediterráneo que en Ribadeo nunca fora citada e no norte de España en contadas ocasións.

    Tamén aproveitamos ó final da sesión para facer entrega de regalos. No nome do IES de Ribadeo, as profesoras Beatriz González e Susi Besteiro, entregámoslle uns agasallos a Nerea Fernández Prado por atopar unha “rareza extrema” nesta terra e a Belén Pérez Teijo para agradecerlle a súa dedicación e axuda. Pero Belén tamén traía regalos xa que no seu nome e no de Observation entregoulle a Nerea unha lente macro para móbil e outras catro máis sinxelas para o alumando que realizou maior número de observacións que foron Eva González, Sara García, Alvaro Gavieiro e Claudia Loureiro.

    O IES Ribadeo felicita aos participantes pola súa implicación e agradécelle a Belén Pérez e á plataforma de ciencia ciudadana que representa, “Fotografía y biodiversidad”, os seus premios para o noso alumnado e a súa colaboración para axudarnos a aprender de forma divertida e concienciar ao alumnado da importancia da biodiversidade.

Susi Besteiro

 

Belén Pérez e Nerea Fernández

2024/06/02

Publicada en dixital "A temperie ribadense no século XXI (ate 2023)"

    Unha semana despois de rematar 'Letras no campo', queda colgado en pdf e interactivo (é dicir, varios formatos, incluíndo páxinas en branco ó comezo) 'A temperie ribadense no século XXI (ate 2023)'. Asemade, lembro que está a disposición en versión papel en librerías:

2024/05/31

Bioblitz no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

Bioblitz no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo 

Saitis barbipes. Lic. CC0 por Kaldari en https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Saitis_barbipes_Barcelona_05.jpg

    Deixo a continuación a nota de prensa sobre o I Biblioblitz que se fai en Ribadeo, unha aposta polo coñecemento da biodiversidade no noso entorno. As fotos a continuación tamén son da mesma fonte:

    Ribadeo, 23 de maio, 2024. Recentemente, Belén Pérez Teijo, socia colaboradora da Plataforma “Fotografía y Biodiversidad” impartiu no instituto ribadense unha charla sobre “Ciencia Ciudadana”. Como resultado, un grupo de alumnos a alumnas de 1º Bacharelato, acompañados polas profesoras Beatriz González e Susi Besteiro, decidiron participar na “Gran Semana da Ciencia Cidadá pola Biodiversidade” que se está celebrando estes días. Para iso, baixo a tutela de Belén, elaboraron o I Bioblitz do IES de Ribadeo que leva por título “Explorando o noso xardín”.


    Un Bioblitz é un período intenso de exploración biolóxica para tratar de rexistrar tódalas especies vivas dentro dunha área determinada. Participar é moi fácil e non require ser expertos biólogos. Aproveitando as novas tecnoloxías, o rexistro faise dende a aplicación de teléfono ObsIdentify que permite identificar especies coas fotografías xeoreferenciadas e subir os datos á rede Observation.org. Despois os validadores revisan as aportacións e nos seguintes días extraense conclusións estatísticas.

Belén Pérez Teijo

    A actividade resultou de gran interese xa que permite aprender de forma divertida e concienciar ao alumnado da importancia da biodiversidade. Os datos finais expoñeranse na XXIX Feira da Ciencia que se celebrará os días 13 e 14 de xuño. Rexistráronse numerosas especies de seres vivos pero ademáis unha delas ten un interese especial. Trátase da araña Saitis barbipes, considerada polos expertos “rareza extrema” e que lle supón unha Mención de Honra á alumna que a atopou, Nerea Fernández Prado.


    O IES de Ribadeo felicita aos participantes pola súa implicación e agradécelle a Belén Pérez a súa axuda. Non cabe dúbida de que sempre resulta proveitoso adicar algunha clase de ciencias ó traballo de campo porque coñecer o patrimonio natural é condición indispensable para loitar pola súa conservación.

 

Saitis barbipes

 

2024/05/19

Un raio de luz na noite


      Mentres esta noite en Ribadeo chovía a cántaros con cantantes baixo a choiva da fin de semana, 'aquí á beira' caía un bólido, anaco de rocha de cousa de 1 m de diámetro desprendido dun cometa. Deixo dous mostras de vídeos que collín na rede, tomados un en Portugal (Braga), máis impactante, outro en Sevilla, máis informativo, e outro... Hora: 0:46 desta madrugada.


 


     Hai pola rede outros moitos vídeos do fenómeno... E datos:

    V de entrada da rocha na atmosfera, aprox. 161 000 km/h

    Recorrido  no ceo: dende uns 200 km sobre Don Benito (Badaxoz) a uns 50 km ó oeste da Guarda, sobre o mar e uns 54 km de altura.

    Calcúlase que puido verse ata a uns 800 km de distancia, resultando en lugares próxims ó recorrido de maior luninosidade que a Lúa chea.

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.