2012/11/06

Navier e Stokes no verán


Algo de ciencia, metido na vida diaria ... -Publicado hai máis dunha década en A Mariña/El Progreso-

Levo observando que a prensa, no verán e a falta doutras noticias que considera de máis interese, decántase algunha que outra vez por insertar novas de ciencia. Hai unha delas (unha das "novas") que se repite tódolos veráns en tódolos diarios: o efecto dos raios UV (ou UVA, ultravioleta). Esta reseña, a base de repeticións, parece dar algo de fastidio o poñela soa, e aprovéitase un congreso, un cursiño, etc, para darlle outro tratamento informativo, lixeiramente diferente dos anos precedentes.

Ante a soedade dunha noticia así, pode que para non deixala orfa, pode que pola asociación ou lembranza de que as noticias de ciencia tamén existen, entón xurden polas mesmas datas algunhas outras. Este comezo de xullo, por exemplo, tocoulle a vez á exploración á Marte, en particular polas dificultadees que tivo a Mars pathfinder para facer sair á sojourner (*) e dar unha volta pola superficie do planeta. Claro, as dificultades sempre teñen un pouco de morbo, aínda que sexan máquinas que actúan en boa parte de xeito robotizado. É comprensible a difusión da noticia, se para unha aterraxe de Clinton en Torrejón hai unha cobertura informativa que inclúe un comunicado de que se vai pasar a comunicación, fala antes un locutor dende a base, devólvese a conexión, volve ser avisado o tema dende o mesmo programa de tv, ... Apaguei a tele antes que Mr. President chegara e non sei aínda se se bicou o chan ó xeito papal ou non: a que viña xa o escoitara antes. Claro que unha crónica é unha crónica, aínda que sexa feita en Madrid a partir dunha rolda de prensa en Florida ilustrada con fotos de Marte. A noticia é noticia, e supoño que cando así se fai é porque vende (xa sexa o de Clinton ou o da pathfinder).

A ciencia, no verán, pode ser un recurso. Pero podíaselle sacar máis partido, a parte das noticias da prensa. Por exemplo, paseando por un porto deportivo pódense observar as tobeiras de saída de auga dunha moto acuática. Se ben a tecnoloxía usada nas mesmas é abondo máis básica, o sistema é semellante ó que ten a derradeira xeración de cazas saídos ó mercado, o que quere dicir tecnoloxía avanzada, que para a guerra sempre hai cartos.

Recollendo o fío, o sistema de dirección da moto pode relacionarse co avance de reacción do calamar, e se seguimos así chegamos, por exemplo, á relacionalo con cousas como a resistencia ó avance dos avións e a turbulencia, tamén en avións ou en sinxelas tuberías (¿a quen non lle molestou nunca o ruído dunha tubería cun fluxo de auga producindo unha vibración que entrou en resonancia?).

Pois resulta que ese tipo de problemas técnicos gardan relación coa pel dos tiburóns e dos delfíns, que tamén soen ser noticia no verán. Os tiburóns teñen na pel unhas falsas nervaduras que se están a usar como guía para diminuir a turbulencia e polo tanto a resistencia ó avance nos avións. Agora resulta, despois de tantos anos buscando superficies lisas para ter menos rozamento, que as superficies rugosas poden sacar ventaxa no campo dos transportes.

Tamén os delfíns levan ós estudiosos do tema un pouco máis aló no coñecemento. Esta vez a causa é que a pel do delfín váise movendo dun xeito case microscópico ó tempo co avance do animal. Para entendérmonos, é algo así como se os delfíns aproveitaran o xeito de locomoción das orugas, pero en tres dimensións, e non só no chan, claro. Un sistema semellante pénsase que pode estar funcionando nos avións a finais da próxima década.

Saltando dun asunto a outro, estou cáseque perdido. Ó tempo, éntranme ganas de saber máis e contalo: gustaríame facer un recorrido sobre a ciencia na realidade de cada día. Eso ten dificultades: non hai espacio, non hai tempo, non sei, ... e dubido que permitiran publicar moitas reseñas dese estilo nun lugar como este.

Unha vez cortado o artigo, podemos agora volver ó comezo: o título. Cando comecei quería falar de ciencia, e non como noticia senon como animación ou como resalte de algo que pode facer máis achegadas a nós as cousas que nos rodean. Mirando o colller un tema do verán para aplicala, a auga prestábase por estar asociada á diversión. E como fluído que é, o seu movemento é controlado tamén polas ecuacións de Navier e Stokes, máis descoñecidas, e polo tanto, exóticas que as de Newton, ás que complementan. Resulta que son esas ecuacións as que rixen tódolos fenómenos mencionados dende o das motos de auga, aínda que ó remate non falara delas...

Diversións da época do ano asociadas a conceptos dos que non se soe falar. ¿Quedarán gans de ler algo sobre un tema deste tipo?. Chega con tratar de comprender mellor o mundo que nos rodea, día a día.

----------------------------

(*) Traducido queda mellor: a nave busca-corredoiras de Marte tivo problemas para que o vehículo residente poidera saír e desprazarse pola superficie do planeta.
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.