2014/07/16

Ó ceo, dende Ribadeo

Mecánica Celeste en Ribadeo

Ribadeo acollerá os días 17 e 18 de xullo as XIV Xornadas de Traballo en Mecánica Celeste, que este ano organiza o observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais das xuntanzas que manterá o comité científico haberá, abertas ao público xeral, unha observación astronómica e unha charla.
As xornadas comezarán o xoves, 17 de xullo, cunha recepción da comisión científica no Concello as oito da tarde. Horacio Cupeiro, concelleiro de Medio Ambiente en Ribadeo, destacou o carácter internacional destas xornadas nas que participarán "astrónomos, físicos, matemáticos e informáticos, tanto nacionais como internacionais. Todos eles traballaran baixo a dirección de José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller".
O comité científico das Xornadas de Traballo en Mecánica Celeste "leva xuntándose dende 1998 en diferentes puntos do estado para celebrar anualmente estas reunións científicas. Dito grupo aproveitará para expoñer as súas liñas de investigación, comentar, criticar e aportar ideas de forma construtiva", engadiu o edil nacionalista.
O programa das xornadas ponse en marcha o xoves, 17 de xullo, ás 20 horas, momento no que se levará a cabo unha recepción do comité científico na Casa do Concello. Cupeiro indicou que "o xoves as once da noite faremos unha observación astronómica na Praza de España. Gustaríanos invitar a tódolos veciños e visitantes a que participen nesta actividade que pode resultar moi interesante".
Xa o venres ás 20 horas na Casa do Mar terá lugar unha conferencia do profesor da Universidad de La Rioja, Víctor Lanchares Barrasa,  que falará sobre: Orientación en la mar: de las estrellas al gps.  O concelleiro de Medio Ambiente contou que "nela tratará de dar unha explicación detallada sobre como evolucionaron os sistemas de navegación, que antes funcionaban polas estrelas e agora o fan tendo coma base o gps", comentou o concelleiro de medio ambiente.
As xuntanzas internas do comité científico das XIV Xornadas de Traballo en Mecánica Celeste serán na Casa da Ría. O evento conta coa colaboración de seis concellos, entre os que se atopa o de Ribadeo, que participa no proxecto de divulgación astronómica TODOSCOSMOS, financiado pola FECYT.
-
Esta entrada participa na Edición LIV do Carnaval de la Física/Antroido da Física con blogue anfitrión El Tao del Física

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.