2015/10/19

Meteoroloxía en Ribadeo hoxe, e unha pequena reflexión

Chove, e leva chovendo a última parte da noite. Miro e atopo que a estación automática da Granxa Pedro Murias non funciona: ten todos os seus parámetros fóra de medición. Como Luciano Zubillaga xa se xubilou e non hai quen se encargue da estación manual (nos últimos tempos tamouco el se facía cargo), non hai datos meteorolóxicos observados en Ribadeo...
Non hai? Si. En troques, a estación meteorolóxica do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo vai funcionando estes días. Non é no mesmo lugar, e pode haber algunha variación ademais por tratarse dunha estación 'persoal', sen aparellos de calidade científica senón práctica... Velaí os últimos datos:
Está ben dispoñer de datos alternativos, aínda que se lles de máis credibilidade a uns que a outros por determinadas circunstancias. Por se unha estación falla, por comparar, para poder asignar de xeito máis doado unha calidade, ... como metodoloxía para aplicar un método á ciencia. Testabilidade, comparación, reproductibilidade, non son verbas ocas, aínda que, en segundo que campos da ciencia, se sofra de evidentes limitacións (ou, senón, cando imos poder reproducir o big bang e a historia posterior?)
Esta historia científica é extensible: O mesmo -ou de xeito parello- pode considerarse en relación ó xornais, blog, calquera tipo de fontes de información... información e transparencia para poder comparar mesmo partidos políticos ou decidir que imos comer mañá. De aí a importancia da diversidade e transparencia, que non é nin non dar ningún dato (o máis frecuente e doado) nin dar unha morea de datos sen ordear, ou dispersos, ou en formatos non accesibles, dificultando o seu tratamento ata -ás veces- facelo imposible. Un sinxelo fóra de servizo dunha estación meteorolóxica da lugar a que se valoren os datos, en particular aqueles dos que non se dispón.
---
Horas despois, volve a funcionar... e cos datos 'non rexistrados' segundo a imaxe, presentes...
...

2015/10/17

Resolvendo un problema (que tiven) de hai 35 anos

Non é un gran problema pero para min era como unha espiña. A historia tamén é sinxela, pero elocuente: aló hai 35 anos remataba de pasar un exame de oposición con éxito, pero a falta dun problema. Sabía facelo, ademais de varios xeitos, pero non din chegado a ningunha conclusión. Aínda hoxe en día non sei por que. O problema non era difícil ademáis era intuitivo... o caso é que, ontel, lembrando o tema por outra cuestión, e dun xeito informal, collín un papel e o resultado, en poucos minutos, é o que hai embaixo.
O enunciado, máis ou menos, dicía: "Nun reloxo de agullas, a agulla horaria, minuteiro e segundeiro coinciden ás 0 horas. Cando volverán coincidir?"
Todo o mundo sabe que cada 12 horas coinciden, pero, coinciden cada menos tempo?
A solución é doada e queda embaixo... 35 anos despois dun intento infrutuoso que aínda non sei por que o foi.
A primeira columna amosa o tempo que tardan en volver a coincidir minuteiro e horaria despois dunha coincidencia. A segunda desenvolve o cálculo para a recoincidencia de minuteiro e segundeiro. O tempo que tardarán en volver coincidir as tres dende unha coincidencia múltiple ten que ser múltiplo de ambos... Todo para chegar á conclusión evidente: tardan 12 horas, e non menos.
...

2015/10/06

Premio Nobel de Física 2015

A Academia falou: concedido exaequo a TAKAAKI KAJITA (Japón, 1959) e ARTHUR B. MCDONALD (Canadiano, 1943)
Co título 'os camaléons do espazo', o comunicado da Academia Sueca di que eles 'resolveron o crebacabezas dos neutrinos e abriron novas perspectivas en física de partículas'. A ilustración que acompaña á frase amosa unha partícula, redonda, sen identidade preestablecida, no intre de elixir vestimenta, calzóns de diferentes cores, coas letras tau (t, tauón) e (electrón) ou u (mu, muón). Certamente, expresión dun disfraz camaleónico que presentaría a partícula como diferente, sendo a mesma con diferente calzón.
Á beira da posibilidade de descargar o comunicado de concesión do Premio Nobel, unha pregunta a modo de alicerce: sabes que correntes de centeas de miles de millóns de neutrinos están pasando polo teu corpo cada segundo? A xulgar pola estatística que acompaña á pregunta, as 3/4 partes dos interesados na páxina que cubriron a resposta si o saben. Claro que... non creo que sexa algo que se poda estender á poboación en xeral, o de estar interesados no Premio Nobel de Física, e máis aínda, se non están seguros, dar a resposta...
O comunicado entra en materia apuntando que vivimos nun mundo de neutrinos. Quizáis houbera que apuntar que aínda non sabemos en que mundo vivimos, a xulgar pola obscuridade dalgunha enerxía e materia -a maioría de ambas-
Collido de https://en.wikipedia.org/wiki/Dark_matter
...

2015/10/05

Comentario sobre ecuacións e sociedade: Hawking e a venda de "Historia do tempo", un conto

No libro "Historia do tempo", S. Hawking comenta un consello co seu editor, que lle ven dicir, máis ou menos: "por cada fórmula (=ecuación) que conteña o libro, reducirase a venda á metade" (refeireime á frase anterior como 'comentario do editor', CdE). Aínda así, Hawking deixou unha expresión matemática.

Debemos entender entón que a venda de libros se reduxo á metade.
a)
A metade... de que? Como non hai unha definición numérica previa da posible venda inicial, podemos tomar algunhas hipóteses alternativas que poderían ser plausibles en ausencia dunha definición tal, e ver que pasa:
Hipótese 1. Infinito. Descartámola, pois a metade de infinito segue sendo infinito, e, a máis de limitacións de recursos, tampouco vemos nin que se venderan infinitos libros, nin que en consecuencia Hawking se fixera infinitamente rico. Hipótese falsa.
Hipótese 2. Venda limitada a que cada habitante da Terra mercara ao menos 1 libro. Coñezo a máis dunha persoa que non mercou o libro, logo tampouco é certa. Hipótese falsa.
Hipótese 3. Venda limitada a que cada familia con alguén alfabetizado mercara ao menos 1 libro. A demostración da súa falsidade é semellante ó caso anterior. Hipótese falsa.
Hipótese 4. Suposición de que o dito só afecta ás vendas de libros sen tratamento orixinal, e polo tanto, en inglés. De novo, a demostración é semellante ós casos anteriores, se ben reducida á poboación de fala inglesa. Ademais, nese caso deixaría á maioría da poboación mundial indefinida. Hipótese verdadeira.
Hipótese 5. O editor non tiña idea da venda máxima posible de libros, e o que dixo, CdE, é, en termos absolutos, unha tontería. Se ben é unha hipótese plausible, é indemostrable sen un coñecemento previo do editor e das circunstancias, pois non saberiamos como contrastala... parello en principio ó que pasaría cunha 'Hipótese 6' na que estableceramos un número concreto. Mais, neste caso (6) Poderiamos comprobar só que é falsa se estableceramos un número inicial menor do dobre dos exemplares vendidos ata o momento, pois non sabemos os que se van vender no futuro.
Ademais, debido ás posibles variantes de números posibles e polo tanto indefinición da hipótese 6, inclinaríame a pensar que a hipótese 5 sobre o CdE ten posibilidades de ser correcta. Imos logo por un comentario un pouco máis profundo do CdE.
b)
Aceptando a hipótese 6, que "o que dixo é, en termos absolutos, unha tontería", (algo que, repito, está sen demostrar aínda que é unha hipótese plausible), poderiamos tentar afinar o CdE para a súa aceptación, pois parece que nos poidera resultar algo lóxico, ou sexa, ter algo de verdade nas circunstancias que reodean á venda do libro, isto é, xeralizando, ás circunstancias da sociedade actual.
Así, poderiamos ter como un feito máis aceptable un enunciado débil (CdED) no que se manifestara "por cada fórmula (=ecuación) que conteña o libro, reducirase a venda", sen especificar cantidade. Certo que voltamos a estar na mesma definición da cantidade inicial, pero, aínda así, o CdED non parece unha 'verdade evidente'? O abandono das expresións matemáticas, fóra dos ambientes de estudo, investigación ou aplicación práctica de cuestións físicas ou matemáticas, xunto coa dificultade (tamén evidente en moita xente) de relación entre realidade física e a súa expresión matemática ou, de xeito equivalente, o significado físico de expresións matemáticas, resulta, senón unha proba, un forte apoio para a veracidade do CdED.

Tanto é así que esta entrada non contén ningunha expresión matemática, para evitar a diminución de lectores... e mesmo as dúas igualdades (tentando amosar conceptos como equivalentes no contexto dado, non números nin magnitudes!) foron desterradas, co que espero que o número de lectoras e lectores se aproxime asintóticamente no tempo a infinito...

Esta entrada participa na edición LXV do Carnaval de la Física/Antroido da Física. Blog anfitrión: Física e Química en Ribadeo

2015/10/02

Facendo visible un feito: podemos desprezar a atmosfera nos cálculos de g

Unha clase de 2º bac en física. Posta en situación: Gravitación, expresión usada para o interior de corpos sólidos: diferenza entre expresións a empregar para cálculos sobre nós e baixo nós. Unha pregunta: e por que non segue aumentando a gravidade cara enrriba se por riba das nosas cabezas segue a haber atmosfera? Por que non podemos empregar a expresión correspondente ó interior da Terra?
Ben, a resposta pode ser dada en varios niveis. Coido que se trata de explicar por que non serve a expresión usada no interior da Terra, derivada da expresión de Newton, e rematada de deducir. Unha resposta rápida, a densidade do aire e/ou a diferencia de masa entre parte sólida do planeta e atmosfera pode ser ilustrativa, pero...
Para disipar dúbidas, un cálculo sinxelo, comezable un pouco máis acó ou máis aló...
A masa da Terra é, redondeando, 6·1024 kg (dato que, con ou sen redondeo, usan repetidas veces no curso). E a masa da atmosfera?
Saben que a densidade aproximada do aire a nivel do mar é 1,29 g/L, ou, o que é o mesmo, 1,29 kg·m-3. Tamén saben dende hai tempo que a superficie da terra é duns 510 millóns de km2, polo tanto, 5,1·1014 m2. E que a gran maioría da masa da atmosfera está nos 10 primeiros km, que como moito, teñen a densidade do nivel do mar. Polo tanto, a súa masa, volume por densidade, da 5,1·1014·104·1,29 kg; é dicir, pouco máis de 6·1018 kg
É dicir, comparando a masa da atmosfera coa da Terra, da que é menor nun factor 106 : desprezable.
...
Esta entrada participa na edición LXV do Carnaval de la Física/Antroido da Física. Blog anfitrión: Física e Química en Ribadeo.
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.