2018/08/05

Sobre idioteces supostamente científicas

Hoxe un artigo na Voz, de Manuel L. Casalderrey, da nova de que os 'cartógrafos' teñen determinado o 'centro xeográfico de Galicia' en 42º 45’ 17,58075’’ N, -7º 54’ 36,75760’’ O. E quedo pampo. Terano determinado para a marea baixa ou a alta? Considerando as obras do novo porto de A Coruña ou non? Considerando a terra que ha debaixo de cada punto? Cos límites administrativos actuais? Porque a cousa, como di Casalderrey, ten a súa miga. El non especifica o por que, mais, sen fixármonos noutros detalles, a posición en latitude ten un erro de última cifra de 0,3 mm, e en lonxitude, aínda menor. Agora ben, se consideramos unha costa de 1000 km de lonxitude (as estimacións varían segundo a escala de mapa usada; normalmente úsase unha cifra maior), con variacións de marea cara ó océano e a terra de só 1 m de media (estimación moi baixa como se pode comprobar en calquera ría), é 1 km2, logo teremos unha estimación para a variación mínima da posición central de 1 parte en 30000 (considerando que as terras baixo o efecto da marea son estremeiras, a cifra é demasiado baixa, pero chega para o que quero resinar)
O caso é que o erro sinalado na cifra que subministra a posición dada é menor de 1 parte en 360 000 000, é dicir, 10000 veces menor que a variación dada polo efecto da marea.
Así pois, o que cabería, con esa precisión, é dicir que Galicia ten un centro móbil, pero iso, claro, faría perder o encanto da nova de ter algo 'tanxible' que sinalar e encumbrar, e (como apunta Casalderrey) aproveitar para propaganda e negocio. Ou sexa, o tema lembra o de 'mirarse o embigo'...
Imaxe da Nasa

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.