Ben. A conto do título, un apunte: non se trata dunha explosión 
destrutiva, nin moito menos, senón unha explosión no mesmo sentido que a
 explosión de flores nos campos na primavera. Da vida que medra, se 
organiza e aprende a vivir. 
Chegan estas datas, e un evento 
esperado ano tras ano polos estudantes de medias de Ribadeo volve 
facerse realidade. Que unha das cousas que se preguntan a comezos de 
curso sexa 'cando é a feira?' indica que os estudantes contan da feira, 
como di o refrán, segundo lles vai nela: ben.
Este ano, a 25 Feira da Ciencia de Ribadeo
 ten lugar entre mércores 10, e venres 12 de abril, polas mañás, no IES 
de Ribadeo Dionisio Gamallo. E alí se atopan os alumnos, libres para 
aprender e para ensinar. Para participar e facer partícipes á demais 
xente de anaquiños de ciencia misturada coa súa propia vida, que 
manifestan a cada explicación que dan. Explicacións que son recibidas ás
 veces -poucas- con indiferencia, pero tamén ás veces -moitas- con 
auténtico asombro. Como un exemplo deste ano, ver reconstruído un 
esquelete dunha musaraña (entre outros) a partir de egagrópilas (que non
 sabes o que é unha egagrópila? vai por alí e apréndeo, moito mellor que
 en Google!) deixa asombrada a toda canta persoa pasa por diante e ve. 
Podo certificalo porque aínda adiquei un cachiño a ver a expresión da 
xente mentres os alumnos de Susi Besteiro explicaban o proceso. Xente á 
que moitas veces lle costa crer que outra xente, de 4º ESO, sexa capaz 
de facer unha reconstrución así.
De calquera xeito, moitas veces o
 primeiro que se pulsa (e antes que ninguén, os alumnos) é a ilusión do 
equipo de profesores que liderados por Susi participan na edición. Este 
ano, a María del Monte, Bea ou Mario nótaselles á primeira ollada. Tamén
 o perciben e comentan moitos outros compañeiros, mesmo de paso casual 
polas aulas do IES, que quedan coas ganas de participar para outro ano 
que volten coincidir. Xente que queda estimulada ó observar unha labor 
que deixa pegada.
E os alumnos? Que se é un alicerce que deixen a 
aula unhas horas para expoñer algo do que se sinten en xeral orgullosos 
de que saíra de si? Pois claro! As clases normais non poden competir en 
atractivo, aínda que de feito, as horas adicadas a 'facer' os traballos 
sexan máis que as adicadas a explicalos, é dicir, aínda que traballen 
máis con este sistema (algúns, moito máis). Aprendizaxe en acción, 
facendo e explicando, integrando as cousas, relacionándose cos demais e 
pensando en como facer que entendan, coas súas propias verbas. Esa 
aprendizaxe inclúe, ás veces, erros que non son corrixidos no momento, 
pero que máis tarde pasan á memoria de como se foi aprendendo.
E o ambiente? Ir para ver.
Pódense
 dar explicacións do que sucede con teorías didácticas, mais coido que a
 máis sinxela é a máis axeitada: ós alumnos pode gustarlles facer 
ciencia. Facela así.
Un comentario arredor da XXX Feira da Ciencia de Ribadeo
                      -
                    
 Un comentario arredor da XXX Feira da Ciencia de Ribadeo
    Un ano máis, a Feira da ciencia inundou non só o edificio do IES de 
Ribadeo Dionisio Gamall...
Hai 4 meses
Ningún comentario:
Publicar un comentario