2019/11/05

#WebSummit (1)

Martes 5 de novembro. Primeira xornada efectiva no WebSummit 2019. Os pavillóns a tope. A entrada a primeira hora, aínda lenta...
Entrar implica ter unha primeira impresión. E nun lugar coma este, sempre cos tintes de entusiasmo e claroscuros polas regandixas. Ver entrar a xente fresca pola mañá e o batiburrillo de stands de todo tamaño, cor e disposición chamando a atención, auguran un bó 'cumio', polo demais imposible de abranguer. Un pouco menos visibles a pesar de querer chamar a atención para vender, os empregados coa mochila chea de Coca-cola ás costas e unha bandeira para facerse a si mesmos máis visibles presentan un contraste coa tecnoloxía que os rodea.
Coido que a un sitio como este pódese ir de dous xeitos aproveitando o que hai: a tiro fixo, cunha planificación das actividades da visita (e polo tanto cun coñecemento previo abondo profundo e elixindo antes entre as diversas opcións que coinciden nun gtempo) ou a pasear parando nos sitios que se ve interesantes ó paso, investigando. O traballo pódese facer escoitando ou facéndote escoitar. Nos stands, nas charlas, talleres, ... pero tamén nas zonas de xuntanza e/ou restauración das empresas e entidades ou externas, que segundo avanza o día van sendo ocupadas non só para comer ou beber. A vista ven ben para as ideas, para poñer máis atención no que parece que interesa, pero a oralidade prima no ti a ti das relacións e desata o barullo que ateiga o local xa ateigado tamén de xente.
Son tres días, de martes a xoves, de cumio. E algo imposible de referir na súa totalidade de xeito curto, máis aló de facer notar algúns detalles, como a ridiculez de espazo ocupado polas empresas que pretenden nacer ('alpha') en relación coas grandes empresas e entidades que dispoñen de cartos.
Hoxe o contido das charlas que visitei estaba relacionado coa educación e a aprendizaxe. Unha, 'cognitive enterprise', brindaba por IBM, viu a sementar a idea de que a empresa, o seu funcionamento, debe basearse no coñecemento. Coñecemento da xente e as súas/nosas cousas, con transferencia do privado (noso, individual) ó público para ser aproveitado polo privado (das empresas e os seus donos) mediante ferramentas públicas que polo seu volume son difícis de manexar polo privado/individuo pero non polo privado/empresa.
Outra, 'Education beyond classroom', cun fondo de espazo físico ben diferente, marcando diferencias, tentaba explicar como as novas tecnoloxías son capaces de enganchar na aprendizaxe mediante a motivación. Dúas empresas e unha representante da UNESCO enunciaron cadansúas ideas en educación. Quedaríame con algo que hoxe por hoxe considero que ten unha importancia e veracidade limitada, pero aínda moi útil: como se enunciou alí, detrás de cada app educativa hai un bó profesor.
Outra máis, de Katherine Maher, de Wikipedia, co Altice Arena on moita xente. En plan moi didáctico, tentou facer ver que a colaboración comunitaria xunto con tecnoloxías abertas e accións colectivas pode ser o futuro contra a mentira no coñecmento: a confianza na Wikipedia así o amosa, cunha tecnoloxía que é máis poderosa canto máis libre e aberta. Algo que se intenta bloquear por todas partes a estas alturas de internet.
Mentres, ó longo de todo o día estaba clara a necesidade dunha condición previa para para sacar algo de xugo ó evento. E non é tanto unha base tecnolóxica como unha base idiomática, que se alza como primeira (ou última) barreira para o aproveitamento do que se está a tratar.
Un remate máis de andar por casa: a xente ó final do día está cansa. Mesmo diría que moita xente procura un asento nun lugar de charlas e de aí non se levanta ata que pechan, sinxelamente por cansanzo, non porque estea a escoitar unha charla tras outra. Nunha feira tecnolóxica, os post it empréganse con certa profusión, e para moitas cousas. E, nos servizos, as típicas colas nos de mulleres e a mala dirección do mexo que deixa a pegada de moitos homes.
Cognitive enterprise.

Education beyond classroom


A primeira hora.
A hora máis avanzada
Alphas: espazo de mesa no que cabe unha persoa e pouco máis (da outra beira da mesa, outra empresa)

Sen comentarios.

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.