Gregorio Montes, A., Cela Rodríquez, C., González Ropero, M., Novo Rodríguez, M., Al-Soufi. W.
|
Reloxo de Sol en Tapia de Casariego, Asturias.
|
O presente texto é unha primeira aproximación ó obradoiro en base online ‘ti e o tempo’, relacionado cos reloxos de Sol, da teoría do seu funcionamento á súa construción, implicando de xeito sucinto ás circunstancias e ó desenvolvemento.
Presentación xeral
Ti e o tempo foi un obradoiro coordinado por Antonio Gregorio Montes e monitorizado por Carmela Cela Rodríquez e Mariana González Ropero, con acubillo dentro da celebración de Xuvenciencia 2020, xestionada por Mercedes Novo Rodríguez e cos aspectos técnicos a cargo de Wajih Al-Soufi.
A Xuvenciencia 2020, desenvolta entre o 29 de xuño e o 3 de xullo, marcou unha nova experiencia na súa traxectoria, ó realizarse a edición a través da rede -alguén diría de xeito virtual- por primeira vez. E iso marcou tamén o obradoiro. Marcouno en diversos sentidos: significou unha experiencia para os participantes, tanto alumnos como profesores, o desenvolvemento nun novo medio, un desafío para converter a virtualidade en vivencia e tamén unha necesidade de coordinación tecnolóxica para levar a bo porto a experiencia. Volvendo a vista atrás, o primeiro día, luns da semana, o axuste tecnolóxico propiciou unha experiencia de entrada que se tomou como tal, mellorándoa xa de xeito radical o martes, día a partir do cal a novidade deixou de selo para pasar a formar parte dun xeito máis de facer as cousas, coas súas avantaxes e inconvenientes.
|
Esquema para un reloxo de Sol ecuatorial |
Ti e o tempo
A descrición da actividade na páxina web de Xuvenciencia marcaba xa as liñas a seguir neste obradoiro, un dos ofertados e un dos dous que finalmente se levou a cabo:
“
O tempo é máis co reloxo. Hai xeitos de medir o tempo. Hai necesidade de facelo polo que significan o seu paso e o seu uso. Un reloxo, o Sol, a Terra, ti... e as relacións que se xeran. O tempo é simétrico? E o día, é simétrico? Se tes moitas preguntas, podes atopar algunhas respostas: Ti e o tempo.
Construirás un reloxo de Sol, analizaredes o seu funcionamento e que outros datos pode dar a máis da hora. Discutiremos que significa o reloxo para o discorrer diario e que significou a medición do tempo na historia. E identificaranse variables relacionadas co tempo na organización do día e do ano. A máis, segundo as posibilidades a man, procuraranse datos para entender o por que dos diferentes usos do tempo en diferentes momentos. Por último, a comunicación das investigacións do grupo.”
É dicir, presentaba unha relación de pasos indicando un desenvolvemento temporal, aspectos a realizar de xeito individual e outros colectivos, preguntas a responder e unha proxección de cara ó futuro.
O desenvolvemento, o enfrontármonos co medio online, sufriu algún cambio de plans sobre a marcha, mais as liñas xerais mantivéronse. A comentar a importancia dada de comezo á socialización dos participantes, fundamentalmente en base ó bo facer das dúas monitoras, que, xunto coas outras actividades da Xuvenciencia online, permitiu crear un entorno de traballo subxectivamente presencial en moitos aspectos. Dito entorno permitiu ganar fiabilidade ó sistema e polo tanto, confianza nel.
|
Reloxo de Sol analemático. Cruz de Fierro, Camiño de Santiago.
|
A xente
O factor humano sempre é fundamental. E, polo tanto, hai necesidade de describilo para colaborar á explicación do éxito ou fracaso da experiencia.
En canto ó estudantado, é moi diferente realizar actividades con 30 ou 40 persoas a facelo con 6 ou oito. Para facer unha proba online, a diferenza pode ser brutal. Este feito, a pouca cantidade de xente que seguía o curso, facilitou dende o primeiro día o achegamento entre participantes, o poder realizar as explicacións de xeito individualizado se era necesario ou o poder facer unha revisión persoa a persoa do que se ía facendo. O anterior súmase a que os e as participantes tiñan a ilusión posta no obradoiro, o que fixo de extra de cara ó bo desenvolvemento do conxunto da actividade. E, aínda que tratándose dunha actividade extra, voluntaria, este feito non é exclusivo desta edición, si se viu potenciado polas circunstancias, que exerceron un cribado especial.
|
Gnomon e medidas horarias de sombra. Julia Blanco.
|
En canto ós participantes asociados coa docencia, a experiencia de xestión de anos anteriores facilitou o traslado da actividade á rede, namentres os perfís das monitoras converteu en factible a aproximación subxectiva dos participantes ó equipo que foi o obradoiro en conxunto, máis aló da aproximación obxectiva ós contidos do obradoiro. Neste contexto, a experiencia temática da coordinación non necesitou un esforzo especial de adaptación, máis aló do manexo dos medios técnicos necesarios.
A técnica
O soporte hardware foi mixto, pois cadaquén aportou o seu, unha vez centralizada a comunicación nos servidores da USC. En canto ó software, o básico foi o Teams de Microsoft, mais fíxose uso diverso doutras ferramentas, comezando polo Whatsapp, que, por poñer un par de exemplos, serviu de soporte en eventuais caídas de conexión en Teams, ou mantemento de conexión para enviar algúns ficheiros.
Quizais o principal escollo para tratar con Teams foi o descoñecemento do seu uso con anterioridade pola case totalidade de participantes, afeitos a outros entornos abertos con ferramentas de uso puntual que, solapadas permiten facer o mesmo ou aínda máis pero de xeito tamén máis complexo.
En canto á rede, exceptuando fallos da rede nos domicilios ou uso do software de xeito experimental o primeiro día, a conexión e en xeral os aspectos técnicos mantivéronse estables e operativos de xeito razoable.
O desenvolvemento
A toma de contacto o primeiro día, luns, despois da introdución á Xuvenciencia, levou consigo tres bases. Unha primeira, de recoñecemento entre os participantes e do obradoiro, outra, de subministro dunha base teórica mínima para poder comezar a traballar, e outra de indicacións para realizar ese traballo, a construción do primeiro dos reloxos de Sol. Foi con diferencia o día máis complicado, pois significaba vencer a inercia tanto persoal como técnica para a posta en marcha.
|
Cálculos realizados por K. Anni Medina. |
Como documento base, un pequeno libreto na rede que se iría completando con pequenas adaptacións e asemade, a mostra dos traballos realizados e o comentario indicativo pertinente (ver capturas parciais ó final).
|
Reloxo analemático e correccións. Manuel Galán
|
Os días sucesivos, o patrón foi semellante no sentido de abondar na relación persoal, o coñecemento e a técnica, quedando os dous últimos días, xoves e venres, o taller relegado a subministro de input para a comunicación final (venres) despois dunha introdución ás ferramentas e conceptos para facilitar a realización desa comunicación. De calquera xeito, o formato online desta edición precipitou que a presentación básica fose montada polas monitoras, nun vídeo plenamente ilustrativo non só do realizado, senón tamén do conseguido.
|
Reloxo de Sol ecuatorial feito con Lego. Antón Patiño.
|
E, polo medio, a realización de varios modelos e tipos de reloxos de Sol, con materiais diversos, de papel a Lego, e, segundo o día, localización e posibilidades de cadaquén, probados ou non. Hai que especificar que a realización particular de cada un dos reloxos foi iso, particular de cada participante, debido ó illamento que para a realización manual supón a conexión online.
|
Diferentes reloxos de Sol sobre a pantalla dun reloxo de Sol de gran tamaño. O Cargadoiro, Ribadeo.
|
A experiencia. Resume
Foi toda unha experiencia coller unha actividade que basea o seu resultado nunha presenza que da lugar a unha interacción humana e co medio, para tentar replicala cun formato a distancia, por medios dixitais. A adaptación deu lugar a unha nova cousa, despois da aprendizaxe non só nos medios usados, senón tamén do comportamento, necesidades e posibilidades do novo. Unha ‘cousa’ da que, a falta de mellores xeitos de medición, estamos entre satisfeitos e moi satisfeitos. Claro que tería sido diferente con outro tipo de xente, xuvencientistas e monitoras...
Tomas do manual
Outros da serie ti e o tempo:
Ti e o tempo (presentación: http://fqribadeo.ribadeando.com/2020/11/ti-e-o-tempo-presentacion.html
O vídeo: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-o-video.html
Horarios: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-horarios.html
Xuvenciencia 2020: https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/06/xuvenciencia-2020-6-proxectos-baixo.html
Unha actividade (I):
https://fqribadeo.ribadeando.com/2020/09/ti-e-o-tempo-unha-actividade-i.html