Aló polo 2011, escribín o que poño a continuación, sen telo publicado máis aló de subilo a un repositorio secundario. Hoxe escríboo en tentando educar e aquí. Aí vai:
O saber e a física
Ás veces, temos unha visión moi limitada das cousas. E
estudamos (e ensinamos) con esa visión limitada, perdendo a
posibilidade que nos ofrece a realidade para aumentar o saber nun campo
polo aproveitamento, e a aplicación, do coñecemento noutro. Van abaixo
algúns exemplos, aplicados ó saber e á física.
– O rendemento na adquisición do saber pouco ten que ver coa física, se non é porque a propia física é un saber.
A sentenza anterior é falsa, pois o rendemento ven
estudado pola física no seu campo, e pode extenderse. Vexamos unha
aplicación sinxela, a do rendemento (termodinámico), que ven a dicir que
o que rende unha máquina térmica aumenta coa calor que recibe e diminúe
coa calor que rexeita (e ambos, son proporcionais á temperatura a que é
recibida e rexeitada, respectivamente, a calor). A partir desa sinxela
expresión, podemos poñer algo semellante en relación con outros tipos de
rendemento. Por exemplo, co rendemento académico: aumenta coa cantidade
de coñecemento ou método (‘saber’, ó fin) recibido, e diminúe coa
candidade dos mesmos perdida ou esquecida … e ambos son proporcionais ó
interese posto na aprendizaxe.
Podemos ampliar a relación/explicación anterior de
xeito doado: se nos situamos en relación ó interese amosado polo alumno
ou alumna, como a cantidade de coñecemento recibida é proporcional ó
intererese prestado, e a cantidade de saber interiorizada, proporcional ó
interese que se pon en interiorizalo (polo tanto, a cantidade esquecida
proporcional á falta de dito interese), obtemos que o rendemento
aumenta co intererese da alumna ou alumno e diminúe coa dispersión de
intererese posterior a obter o coñecemento. Ou sexa, pura física
aplicada.
Vaiamos por outra.
– Din que o saber non ocupa lugar.
E é certo. E non é certo. E non é contradicción.
Vamos, igual que o principio de complementareidade na física … Isto xa é
ciencia avanzada: unha partícula leva unha onda asociada e viceversa,
de tal xeito que a onda será partícula e a partícula será onda
dependendo das circunstancias polas que atravese. Ou sexa, un neutrón,
poñamos, é unha partícula, e non é unha partícula, e non é unha
contradicción ver neutróns unhas veces como partículas e outras como
ondas.
Co saber pasa algo semellante: non ocupa lugar porque
calquera lugar ten a capacidade de xerar información, saber. Pero, ó
tempo, o saber implica na xente a necesidade de conexións neuronais, e a
máis saber, maior número necesario. Mais as conexións danse no espazo,
co que a máis saber, máis necesidade de espazo …
Vaiamos por unha terceira, a modo de conclusión.
– O principio de indeterminación ten que ver coa velocidade de adquisición de coñecementos
O principio de indeterminación, indícanos que chega
un punto nas medicións no que a mellora da precisión na posición implica
un aumento na imprecisión da cantidade de movemento, ou,
alternativamente, a mellora da precisión na enerxía implica un aumento
na imprecisión do tempo de vida da partícula, e viceversa. Pois ben, a
enerxía está relacionada coa información: a máis información, mais
enerxía necesaria para gardala; a máis enerxía, máis información
necesaria para describir o que sucede. Así, o aumento da enerxía
disposta implica un aumento na velocidade de adquisición do coñecemento,
e polo tanto, unha diminución do tempo para conseguilo…
Vaia, que aprender física aumenta o rendemento (non só académico)! (*)
Antonio Gregorio Montes
(*) Verdade de Perogrullo (**): se aprendes máis, aumentas o rendemento? …