Outro terror do milenio
Foi de repente. Un científico anunciou que un corpo celeste ía chocar contra a terra dentro duns anos. Logo, nun par de días, houbo un desmentido.
O de menos, os datos concretos. O importante, o feito. E os comentarios arredor del.
O feito foi que un científico realizou cálculos sobre a traxectoria dun corpo que se move no espacio cunhas dimensións do orden de quilómetros. os datos estaban tomados de posicións sucesivas del, eran escasos. Por outra banda, se un corpo dese tamaño cae a terra, podería facer un cráter no lugar onde caera, producir un xeitoso terremoto e facer opaca a atmósfera con todo o material sacado do seu sitio despois dun tremendo estalido liberador de enerxía. Os cálculos foron que a súa traxectoria cruzaríase coa da terra dentro duns anos, e o seu significado estaba claro: estabamos a punto para un cataclismo parello ó que parece que extingueu ós dinosaurios. A terra estaría asolada en menos dunha década, e en troques dos saurios, agora tocaríanos a nós.
Un anuncio de tal calibre moveu á comunidade científica dos astrónomos a ocuparse do tema. Obtivéronse máis datos, revisáronse outros recollidos de antigo, e fixéronse novos cálculos. O resultado é que o corpo que se auguraba ía destrui-la nosa civilización, tras mellorar os datos e realizar os cálculos, prevese que pasará a unha distancia de nós comparable á que mantén dende que se lembra a nosa compañeira a lúa. Todo o mundo respira máis tranquilo.
Agora, a repercusión da noticia. Nada máis darse, representantes do governo dos E.U.A. dixeron que se estaba a preparar un plan de intervención. Consistiría dito plan en lanzar varios cohetes cargados con bombas nucleares contra o obxecto, coa finalidade de desviar lixeiramente a súa traxectoria ou desfacelo en trozos máis pequenos. Dos dous xeitos, evitaríase que un só proxectil chegara a causar un dano abondo como para destrui-la "civilización". Era a primeira vez que a humanidade estaba intentando poñer as armas de destrucción masiva dun país a favor da salvación do mundo. Sería cousa se ver se era abonda a potencia ou non.
Tra-la rectificación dos científicos (na realidade non foi rectificación, senon declaracións diferentes por parte doutra xente diferente), pasouse a unha segunda fase. Foi cando se "redescubriu" que estatísticamente a probabilidade de morrer pola caída a terra dun asteroide ou meteorito é moito menor que a de morrer por accidente de automóbil ou atropellado. De xeito indirecto estábase a dicir que todo fora un bulo e que o que agora estaba a falar xa o sabía antes do desmentido. Tamén se comenta que hai un montón de corpos vagando po lo espacio que poden ser unha ameza para o noso planeta. E que a maioría deles son aínda uns completos descoñecidos.
Unha aclaración: o científico que deu á luz pública os seus cálculos non se pode dicir que estivera equivocado no xeito de face-las cousas; só que dispoñía de datos con moito erro, e dentro do erro estaba o motivo da falsa alarma. É algo que sucede con certa frecuencia. Pero... calquera día pode haber un aviso do mesmo xeito, e xa que a terra cobre unha distancia duns dous millóns e medio de quilómetros en vintecatro horas, non dar tempo a que nos enteren de que vai ocorrer unha catástrofe. Trátase de confiar, en todo caso pregar, e seguir a vivir como tódolos días. Ó fin e ó cabo, din que unha vez lle preguntaron a un santo que se estaba a divertir, que que faría se lle informaran que ía morrer ó pouco tempo. O santo, que se supón que cumpría con aquelo de que cadía ten o seu afán, parece ser que respondeu: seguir a divertirme. A boa conciencia da tranquilidade.