2021/01/20

Escalas: dun insecto a un elefante e máis aló, pasando polas persoas

   Un par de publicacións, (que recomendo, por certo) en xkcd, un sitio de webcomics curtos sobre ciencia, O mundo en escala 1/10000 e o mundo en escla 1/100000, lembráronme algo que no seu momento me sorprendeu abondo e que vou tentar que sorprenda a que lea isto para que vaia un pouco máis aló enterándose do tema, ou polo menos, que o considere para a usalo na súa discusión.

   En primeiro lugar, se alguén -unha persoa- multiplicara de pronto o seu tamaño, vería o mundo de xeito diferente. Como mínimo, dende máis arriba. E relativamente máis pequeno. O cambio mental que iso implicaría tería que ser adaptado ó uso dos obxectos, das paisaxes, etc.

   Poñamos que multiplicara por dous o seu tamaño. Pois os pés non lle caberían nos chanzos, iso cando a escaleira tivera altura abondo. Que se esquecera de usar a súa cama, e en xeral a súa casa... 

   Ou por dez, e entón unha parte das rúas de Ribadeo serían impracticables... menos mal que podería andar por riba das casas. Claro que non aguantarían o seu peso e sería un perigo. Tería que irse ó campo probar vida alí. a alimentación sería outro problema, como podes intuír se liches 'As viaxes de Gulliver'...

   E así sucesivamente, ata chegar ós tamaños x10000 e x100000 dos que falan nas tiras cómicas que liguei, con problemas de tropezós co monte Everest ou de levar protección solar por levar parte do corpo por riba da protección que brinda a nosa atmosfera contra os raios UV. Pero antes, moito antes, teríanse que considerar outros problemas que están relacionados coa forma (e que non aparecen nas tiras ligadas). Pensaches algunha vez o por que os insectos ou as arañas teñen patas finiñas en relación ó seu corpo mentres que os elefantes as teñen moi gordas?

   A cousa é que a masa ven sendo proporcional ó volume, e cando o tamaño-altura se duplica, o tamaño-sección cuadruplícase, e o tamaño-volume octuplícase. Así, unha persoa de 1,70 m e 80 kg, se pasara a medir dobre, pasaría a 3,40 m e 640 kg. Pero o grosor das śuas pernas só se cuadruplicaría. Logo se non modifica o seu perfil, cada unidade de superficie da sección das súas pernas tería que soportar un peso dobre. Por iso non existen arañas da altura das persoas: se de 1,7 cm de altura pasa a 1,7 m, cen veces máis, as patas terían que soportar por cada unidade de sección, 100 veces o que soportan agora. Inviable para as células que as constitúen. Podería dar un saltamontes de tamaño dunha persoa os saltos que dá, en relación ó seu tamaño? Se o intentara, partiría as patas no intento... E un colibrí que multiplicara por mil a súa lonxitude, podería voar? (xa non digo manterse no aire inmóbil!) É a razón pola que os maiores animais que existen son mairños: non necesitan patas dun tamaño imposible.

   Visto doutro xeito para ser factible: imaxina que por cada vez que duplicas o teu tamaño necesitas que as túas pernas aumenten o seu radio 1,4 veces máis para conservar a relación diámetro das pernas - peso a soportar. A túa figura sería de todo menos harmoniosa a pouco aumento que deseñaras...

   Pero os efectos de escala implican algo máis que as pernas. Así, as veas e arterias seguen a mesma relación de aumento de grosor que as pernas, co que necesitaríamos aumentalas relativamente ó aumentar a escala, o que deixaría menos espazo para os músculos ou ósos, imperceptible para pequenos aumentos, pero decisivo para aumentos grandes.

   E o cerebro? o tamaño aumentaría de xeito proporcional, pero as conexións prodúcense polos axóns, que seguen a mesma proporcionalidade de sección e superficie que as pernas, e que serían por iso incapaces de xestionar un aumento de ralacións proporcional ó volume... Ou a médula espiñal, que tería que aumentar máis rápido que o que lle corresponde por escala se quere atender de igual xeito que o viña facendo ás células do corpo... ou as sinais, que terían que aumentar o seu recorrido ó longo do corpo facendo que as respostas fasen máis lentas...

   Pódese continuar. Podes imaxinalo?

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.