Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta temperie. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta temperie. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

2020/12/19

A temperie ribadense no 2020


 - derradeira versión: 11/1/2021 -

   Un ano máis, deixo o resume comparativo da temperie en Ribadeo  o ano pasado e o clima de Ribadeo no que vai de século, en diversos formatos. A mais, deixando un comentario -non para publicar- co nome, enderezo de correo electrónico e dirección física, envío o pdf.

Temperie ribadense 2020 - by Antonio Gregorio on Scribd

Tamén:

Pode verse directamente en Slideshare

en Scribd,

en Issuu e, doutros anos, no blog:

A temperie ribadense no 2012

A temperie ribadense no 2014

A temperie ribadense no 2017

A temperie ribadense no 2018

Nota posterior (20211122): foi publicado en Galicia Dixital: https://bibliotecavirtual.galiciadigital.com/content/temperie-ribadense-no-2020-e-un-complemento 

2017/01/04

Un ano de temperie en Ribadeo 2016. III.-Vento

*A serie 'un ano de temperie en Ribadeo 2016' consta de de parte I.-Temperaturas, parte II.-Chuvia e parte III.-Vento*
'Só nos lembramos do vento cando ventea'. É entón cando rememoramos dalgún día especial con vento veloz que causou destrozos. E maldicimos cando saímos á rúa e o vento non nos deixa usar paraugas, facilitando que nos mollemos despois de ter dobrado e inutilizado o que estabamos a usar.
Hai máis características da temperie que son medidas puntualmente nas estacións meteorolóxicas como compoñentes climáticas, mesmo como causantes dos fenómenos máis sentidos (como sucede coa presión atmosférica). mais con esta terceira parte dou por rematada a análise correspondente ó ano pasado.
A rpimeira gráfica presenta o vento acumulado cada ano dende comezos de século, medido en km recorridos. Pódese observar que o ano pasado tivo vento abondo no inverno, primeira parte do ano, mais logo ralentizou, rematando cunha media máis ben baixa. Como curiosidade, os 84 228 km recorridos polo vento en Ribadeo no 2016  (case un 20% menos que en 2008, con máis de 101 000 km recorridos, e o que recorre a Terra en 3/4 de hora) representan 230 km diarios, case 10 km á hora de media (2,7 m·s-1).
A táboa indica os resultados finais (acumulados) do vento ó longo de cada ano, e a media diaria ó longo do século:
As dúas gráficas seguintes expresan os mesmo datos en diferentes unidades, m/s e km/h, a velocidade media do vento en cada ano. A tendencia é a aumentar lixeiramente, correspondente co aumento de temperaturas, que indica unha maior enerxía na atmosfera (aínda que como xa dixen, este ano non tivera unha velocidade media grande).


O vento diario por meses, acumulado no século, indica que os meses nos que é máis veloz son os do inverno, e nos que e menos veloz, os de verán, volvendo a repetirse unha certa simetría como no caso das temperaturas, se ben nesta ocasión, máis imprefecta.
Agráfica a continuación presenta os mesmo datos que a anterior en formato diferente para visualizalos mellor:
A última gráfica presenta o vento por semanas, con altibaixos que lembran á gráfica semanal de chuvia, se ben con menores variacións.
Como resume das tres partes, , algo obvio: Ribadeo disfruta dun clima temperado, chuvioso, sen grandes variacións. Vivimos nun sitio de clima agradable.

2017/01/03

Un ano de temperie en Ribadeo 2016. II.- Chuvia

*A serie 'un ano de temperie en Ribadeo 2016' consta de de parte I.-Temperaturas, parte II.-Chuvia e parte III.-Vento*

As dúas variables meteorolóxicas que máis se cre lembrar son as temperaturas, en primeiro lugar e das que xa falei, e a chuvia. E iso pasa porque nesta terra son os factores determinantes da temperie.
Un dito apunta a que nesta terra 'a fame ven en barca', e polo momento o cambio climático non invalida o dito, seguindo na liña de choiva e verdor ó noso arredor.

A táboa anterior indica que o ano pasado foi máis ben chuvioso, case duplicando ó ano no que menos chuvia caeu do século, o 2004, situándose as precipitacións case un 20% por enriba da media anual.
O gráfico a continuación amosa a evolución ó logo dos anos, presentándose o 2016 en liña máis remarcada, na que se poden observar as notables precipitacións de comezos de ano, e en xeral ata o mes de abril, que rematou sendo o primeiro cuarto de ano máis chuvioso do século. Mais despois o verán foi seco e o outono só un pouco máis chuvioso que a media.

Se comparado con outros anos foi un período húmido, tamén a tendencia confirma que estamos a sufrir un aumento leve de chuvia caída cada ano,
que aumentou a media anual nun 10% dende comezos de século.

A distribución da chuvia caída por meses ó longo do século non sofre variacións aprezables, como era de esperar por aumento dun período pequeno en relación ó total. Segue a destacar (cada vez máis) novembro, por riba de xaneiro, e o outono-inverno como tempada de chuvias, mentres o destaque do verán é pola falta de chuvias (tamén, cada vez máis).

Se representamos os mesmos datos en círculo, non aparece a mesma simetría da que facía gala a representación de temperaturas:

De calquera xeito, a chuvia é aleatoria. Algo que pode observarse na distribución semanal  que deixo a continuación, onde é identificable a semana na que se produxo a inundaciòn de xuño de 2010...



2014/03/23

Volta 'o tempo', pasado o Sol por riba do ecuador

Si, está prevista hoxe de novo unha alerta. A temperie de Ribadeo incluirá hoxe nivel amarelo, vento forte, chuvia, e uns 7 ºC. É dicir, primavera astronómica con inverno meteorolóxico parello a iso que levamos catro meses coñecendo.
Mais o Sol xa se ve por riba do ecuador. Medímolo o pasado día 20 (equinoccio de primavera a media tarde, 16:57 UTC), como deixa patente a seguinte nota de prensa enviada xa hai uns días:
"
Medindo a Terra
 Onte, xoves 20 de marzo, foi o equinoccio de primavera. No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo aproveitouse a soleada mañá para facer medicións. Tres grupos de alumnos voluntarios empregaron varias horas e os seus respectivos gnomon para obter o tamaño da sombra mínima a mediodía dun vástago vertical. A inclinación con se vio o Sol no momento de mínima sombra o día con igual duración da parte nouturna e diurna, como onte xoves, corresponde á nosa latitude. Así, a media dos resultados dos tres grupos de alumnos de 1º de bacharel apuntou a 43,28º, unha posición que na realidade está lixeiramente ó sur de Ribadeo. Na mesma medición tamén se comprobou o desfase entre a hora legal e a hora solar, correspondendo onte as 12 hora solar coa unha e media algo pasada en hora legal, o que levou a lembrar o desfase horario de Galicia co actual sistema de horario legal a nivel do estado.
O anterior non deixaría de ser máis ca unha curiosidade para mellorar os coñecementos dos alumnos se as medicións non foran confrontadas coas doutros catro centros, do case viciño IES Galileo Galilei de Navia ós de Manilva (Málaga), Villaviciosa de Córdoba e Oliva de la Frontera (Badaxoz). A confrontación de datos entre os IES permite calcular o radio da Terra ou a súa circunferencia, o que se está a facer, obtendo cos datos xa tratados (faltan aínda datos de tratar) unha pequena desviación en relación á medida aceptada de 6 370 km de radio. O método seguido, usado por primeira vez por Eratóstenes, estúdase na teoría de ciencias, pero raramente se comproba.
A experiencia, coordinada polo profesor extremeño Jesús M. Carballar, aglutinou a perto de cen alumnos do conxunto dos centros, e terá difusión, entre outros lugares, por parte da ‘Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología’ (FECYT).
Estaba previsto que se continuara coa medición o día 21, corroborando e mellorando os datos do día anterior, pero a temperie da zona norte peninsular impediu facer as correspondentes medidas.
"
Embaixo deixo duas fotos das medicións, xunto á fachada sur do novo edificio do IES.


2015/01/01

Hoxe, bo día

(Resume anual de 2012)

Primeiro día do ano, mañá clara, algo fría, pero espléndida. Por hoxe, só un resume de temperaturas da temperie ribadense do xa pasado ano 2014:
Como xa tiña anunciado, en Ribadeo o 2014 foi o máis cálido do século e o máis cálido do que se teñen medidas, a pesares de que o penúltimo día do ano, o 30 de decembro, foi o máis frío do período, acadándose na Pedro Murias -0,1 ºC.

O primeiro, a táboa co resume da maioría da información: agosto destaca como o mes tradicionalmente máis quente, e o ano 2014, con 14,70 ºC de media, bateu a marca do 2006.
A anterior é unha gráfica que representa a temperatura media de cada un dos anos representados, ata o día que corresponda. Vemos que o 2014 encaramouse á máxima das medias aló por setembro, incrementando a diferenza de temperaturas con outros anos ata mediados de novembro, e mantendo a distancia dende aquela. Case 0,2 ºC de diferenza de temperatura con outro ano é moito.
Esta gráfica representa as temperaturas medias anuais, destacando o 2014.
Se xa teño unha entrada na que destaquei que 2014 era un ano que tiña o máximo de días con máximas >25 ºC, o cambio climático en curso queda tamén apuntalado pola beira das mínimas: foi o ano con menor número de días con mínimas menores de 3ºC, baixando de media algo máis de 1 día ó ano con esa condición: entre os 26 días con menos de 3 ºC do 2005 e os tres do ano pasado hai unha diferenza considerable.
É curioso ver como varía a temperatura mes a mes, por termo medio. A gráfica anterior e a seguinte son equivalentes, dous xeitos de ver esa variación.
Por último por hoxe, dúas gráficas onde se ve a variación da temperatura media anual. O aumento é lento, parece non verse moi claro, pero se se botan as contas (gráfica final), a tendencia comeza a verse, subindo dúas centésimas de grao ó ano... o que non é en absoluto representativo a non ser que se integre na temperie global.

Hoxe, bo día, bo comezo do ano.
--
Nota 1: Esta entrada está tamén en http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/01/hoxe-bo-dia.html
Nota 2: Esta entrada participa na edición de xaneiro de 2015 do Carnaval de la Física/antroido da física, en esta ocasión co blog anfitrión http://icaraideas.blogspot.com.es/2015/01/bienvenidos-la-edicion-lix-del-carnaval.html

2017/01/02

Un ano de temperie en Ribadeo 2016. I.- Temperaturas

*A serie 'un ano de temperie en Ribadeo 2016' consta de de parte I.-Temperaturas, parte II.-Chuvia e parte III.-Vento*

Hoxe por hoxe, abondo antes de rematar o ano xa nos chegan novas sobre canto de quente foi o período anual correspondente, para toda a Terra. así, sabemos que unha vez máis no que vai de século, a media das temperaturas no noso planeta volveu subir no período que abranque o ano 2016. Algo que pode contrastar co que pasa nunha localidade particular, como Ribadeo, que, a ano rematado, tivo unha temperatura media o ano pasado de 14,10 ºC.
De xeito natural. por termo medio, as localidades individuais seguen a tendencia xeral, mais tampouco é raro que non o fagan un ou varios períodos consecutivos: estamos a falar de estatísticas. E este ano, Ribadeo seguiu a tendencia ó quencemento, mais non batiu marcas de temperaturas.
Recollendo os datos da estación meteorolóxica da Pedro Murias no que vai de século, atopámonos con que o número de días nos que se acadou nalgún momento unha temperatura por baixo dos 3 ºC igualou ó mínimo de hai dous anos, con 3 días en todo o período. Iso confirma a tendencia de que, por termo medio en Ribadeo, cada catro anos hai 5 días menos con temperaturas por baixo de 3 ºC.
 Polo contrario, nas temperaturas por enriba dos 25 ºC non se produce tal máximo. Case ó contrario, está en mínimos do século. algo que indica que o que nos atoparemos na media non será un nivel demasiado alto de temperatura.
Para facernos unha idea do que represetna o non acadar máis días de máis de 25 ºC, a gráfica seguinte, correspondente á media das máximas temperaturas acadadas en cada un dos días do ano. E nela vese que a media de temperaturas máximas dos días máis cálidos anda polos 23 º, aínda lonxe dos 25 ºC.
Considerando as temperaturas anuais en conxunto, este ano non foi espectacular en ribadeo, como amosa a gráfica seguinte, na que se ve clara a súa quinta posición nos 14 anos considerados (anos con datos fiables abondo). A tendencia xeral está respaldada: dos cinco máis calurosos, 3 son os últimos (entre eles, os dous máis quentes).
 Así, a liña de tendencia está clara: cada ano a media de temperatura de Ribadeo sube algo máis de 0,03 ºC. Ou sexa, de seguir así, algo máis de 3 ºC no século, apoiando o nacemento da 'Galicia caribeña'.
As dúas gráficas seguintes son máis difíciles de interpretar, aínda que representan versións do mesmo fenómeno. a que aparece a continuación marca a media de temperatura dos 365 días anteriores. Marca unha tendencia ó aumento, mais o máximo está no período verán 2006-verán 2007.
A outra é a temperatura media dende comezos de século. Faise notar a perioricidade verán/inverno, cada vez máis atenuada ó ter maior número de datos e polo tanto, contar menos cada unha das tempadas individuais. E séguese a notar o aumento da temperatura, aínda que neste caso o coeficiente da recta de axuste non estea asociado a nada recñecible.
As dúas últimas gráficas son típicas, indicando a media mensual no que levamos de século en Ribadeo. Como curiosidade, a primeira danos moi boa aproximación a unha simetría arredor do ano, só un pouco xirada arredor do eixo febreiro-agosto, como corresponde ó atraso duns 45 días das temperaturas en relación ó período astronómico correspondente, con mínimas arredor do 5 de febreiro e máximas arredor do 5 de agosto.
 A última é maís recoñecible, indicando unha temperatura media (día con noite) de 19 ºC en agosto,por menos de 10 ºC en febreiro.
O resume:
aquí, o que dicía da temperatura os anos anteriores:
En 2016
En 2015
En 2014

2017/08/21

Hoxe (20170819), eclipse de Sol

En norteamérica será a nova do día. Aquí, case nin nos enteraremos.
A eclipse terá lugar en Ribadeo a partir das 20:45 aproximadamente (hora legal), co máximo de visibilidade na posta de Sol.
Xeitos de velo? Eu sempre aconsello por reflexión, isto é, collendo un espello e proxectando a imaxe do Sol nunha superficie branca plana (un papel ou unha parece lonxe do espello, que sempre se pode un achegar a ela e vela mellor e máis grande), co que evitamos mirar direitamente ó sol, sempre unha mala idea.
De calquera xeito, aquí verase como máximo (isto é, á posta de Sol) un por baixo dun 12% de Sol tapado pola Lúa, o que na práctica, ó estal o sol tan baixo,non se vai notar e haberá que fixarse ben para poder ver algo.
A imaxe, tomada dunha páxina da NASA, amosa os datos para Ribadeo. O asterisco significa que xa sería despois de poñerse o Sol. UT, tempo universal, que en horario de verán corresponde coas 20:43 hora legal. A previsión é que estará despexado, pero un vento lixeiro do surleste significa que tenderá a haber bruma... co que non esperaría ver moito da eclipse.
Por certo, nestes últimos trinta anos lembro tres eclipses de Sol en Ribadeo, con mellor visibilidade que o que terá o de hoxe no mellor dos casos de temperie.
A seguinte eclipse de Sol visible dende Ribadeo será dentro de catro anos (10 de xuño de 2021), e poderá, se a temperie o permite, verse tapada unha parte do Sol dobre que a que se poderá ver hoxe.
--
Eclipses de Sol en Ribadeo:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/03/pasou-eclipse.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/03/actividades-para-observacion-da-eclipse.html
http://fqribadeo.blogspot.com.es/2015/03/actividades-para-eclipse-de-sol-de-2015.html
http://fqribadeo.blogspot.com.es/2007/07/catro-traballos-xa-vellos-sobre.html
http://fqribadeo.blogspot.com.es/2007/07/catro-traballos-xa-vellos-sobre_22.html
http://fqribadeo.blogspot.com.es/2007/07/catro-traballos-xa-vellos-sobre_1337.html
http://fqribadeo.blogspot.com.es/2007/07/catro-traballos-xa-vellos-sobre_1835.html
http://fqribadeo.blogspot.com.es/2007/03/hoxe-eclipse-en-ribadeo.html
--
A eclipse, na ESA: http://links.govdelivery.com/track?type=click&enid=ZWFzPTEmbXNpZD0mYXVpZD0mbWFpbGluZ2lkPTIwMTcwODIxLjc3MTY2MTYxJm1lc3NhZ2VpZD1NREItUFJELUJVTC0yMDE3MDgyMS43NzE2NjE2MSZkYXRhYmFzZWlkPTEwMDEmc2VyaWFsPTE2OTE5ODcxJmVtYWlsaWQ9YWdyZW1vbjIwMDFAeWFob28uZXMmdXNlcmlkPWFncmVtb24yMDAxQHlhaG9vLmVzJnRhcmdldGlkPSZmbD0mZXh0cmE9TXVsdGl2YXJpYXRlSWQ9JiYm&&&100&&&http://www.esa.int/spaceinimages/Images/2017/08/The_Sun_21_August_2017

2013/01/09

A temperie ribadense no 2012

Primeira Parte.

(2ª parte) (3ª parte)

Rematou 2012. Un ano máis, un ano menos, segundo como se mire, sen grandes excesos meteorolóxicos, a diferenza doutros anos anteriores. Cos datos recollidos na Granxa-Escola Pedro Murias, pódese trazar unha semblanza da temperie en Ribadeo o pasado ano
1.Introducción
En Ribadeo contamos coa estación meteorolóxica da Pedro Murias, que D. Luciano Zubillaga mantén en perfecto funcionamento na actualidade. Do pasado, dispóñense de series de datos de diversos períodos, e hoxe, semanalmente, o mesmo Luciano fai un resume dos datos da estación manual para a Comarca.
A estación ten dous conxuntos de instrumentos. Un manual, ó que corresponden os citados datos de diversas épocas, aínda sen analizar. O outro automático, que foi incorporando instrumentos e que no que ten relación con temperaturas, comezou a funcionar no 2001, pero que nos seus comezos non representa un conxunto harmónico por faltarlle abondos datos invernais ata 2003.
Os conxuntos de datos de ambas estacións parecería que son intercambiables, pero por cuestións técnicas só son relativos, o que fai que nun primeiro estudo sexa preferible ter en conta só un deses conxuntos. Por estar accesibles en internet ata a actualidade, elixín o conxunto de datos da estación automática. 2.Temperaturas
A temperatura últimamente soe chamar máis a atención que outras variables meteorolóxicas por cuestión do cambio climático. Mais, facendo referencia case exclusiva á temperatura  dun só ano, non se poden esperar mostras de dito cambio, que implica períodos de tempo moito máis longos.
2.1. Temperaturas medias diversas.
A táboa cos datos recollidos é a seguinte:

Nela xuntei o resume de datos referentes a temperaturas.
En negro, na primeira liña, aparece o promedio de temperatura anual dos anos 2003-2012. En azul, as medias mensuais dende o 2003 ata hoxe mesmo (por exemplo, os 10,2 ºC de xaneiro corresponden á media de temperatura de tódolos xaneiros de 2003 a 2012). E na penúltima liña, a media anual acumulada dende o 2003, que vemos que case non se move, aínda que poñendo os datos con máis decimais ten unha pequena tendencia á suba
2.2. Temperaturas medias anuais.
Represéntase abaixo os datos dos promedios de temperaturas anuais, observando que se ben 2012 foi máis quente que a maioría de anos do século, está lonxe das marcas de 2006 ou 2011, medio grao por baixo. 

En conxunto, a temperatura media anual indica diferenzas de medias anuais de ata 1ºC en Ribadeo, entre o 2010, o ano máis frío, e o 2011, o máis cálido, tendo o ano recén rematado unha temperatura xusto media entre os dos anteditos.
A gráfica anterior é temperatura media anual acumulada, que como é de esperar vai variando cada vez menos, estebilizándose, aínda que cunha pequena tendencia a subir.
2.3.Temperatura media mensual.
A temperatura media mensual ó longo destes últimos anos (2003 en diante) da unha gráfica que é característica, cun máximo en agosto, seguido de preto por xullo, e un mínimo en febreiro, seguido de preto por xaneiro, correspondendo con que as temperaturas diarias máximas se rexistren uns 45 días despois de S. Xoán e as mínimas, uns 45 días despois de Sta. Lucía.

A gráfica típica de temperaturas mensuais pode complementarse con outra que expresa os mesmos datos cunha visualización diferente, na que se presenta a temperatura media como un curioso óvalo simétrico, inclinado debido ó desfase entre as máximas/mínimas e os puntos básicos astronómicos recollidos polo calendario.
É dicir, son os mesmo datos anteriores, expostos nun tipo de gráfica diferente. É claro o desfase de do máximo de temperatura uns 45 días en relación ós eventos astronómicos (por exemplo, o máximo de temperaturas a comezos de agosto, tendo sido o solsticio de verán o 21 de xuño)
-2ª parte- -3ª parte-

2024/06/02

Publicada en dixital "A temperie ribadense no século XXI (ate 2023)"

    Unha semana despois de rematar 'Letras no campo', queda colgado en pdf e interactivo (é dicir, varios formatos, incluíndo páxinas en branco ó comezo) 'A temperie ribadense no século XXI (ate 2023)'. Asemade, lembro que está a disposición en versión papel en librerías:

2014/01/19

A temperie dun ano segundón

Si, 2013 foi un ano segundón en temperie. Por exemplo, despois de estar case toda a duración anual marcando o ritmo en precipitacións altas e temperatura baixa, non foi nin o máis chuvioso do śeculo nin o máis frío.
Na gráfica vése claro: de finais de xaneiro/comezos de febreiro, cando despegou forte, ata novembro, marcou diferenzas coa precipitación caída anos anteriores do século, para quedar ó final como segundo ano do século en canto a esta magnitude: 1 277,5 L/m2, un pouquiño por tras do 2006. Xa digo, a pesares do inverno excepcionalmente chuvioso e a primavera moi chuviosa asemade. A 'culpa' disto hai que atribuírlla ó outono, aínda que tampouco marcou un tempo de seca.
A precipitación media anual no século queda aproximadamente nos 960 L/m2 en Ribadeo
Pasemos á temperatura:
En canto á temperatura, tamén quedou por riba dos 13,56 ºC de 2010, pois acadou 13,69 ºC. Na gráfica vése que estivo boa parte do período marcando a temperatura media infeiror no século, sen ter días excepcionalmente fríos, pero si tendo unha primavera de días en xeral fríos, e un final de outono temperado. A temperatura media do século queda así xusto por baixo dos 14ºC na nosa vila.
Outra magnitude a considerar debido á súa importancia no fin de ano, o vento, segue tamén en plan segundón:
O ventos rápidos continuados dos últimos días do ano lograron encaramar a gráfica anual a posicións de cabeza, pero só acadou ata o cuarto posto dentro do que levamos de século.
--
Esta entrada participa na XLVIII Edición do 'Carnaval de la Física', mantido por @monzonete en La Aventura de la Ciencia

2022/01/25

Meteoroloxía en Ribadeo no 2021: presión

    A presión é unha magnitude que non se esquece nas informacións meteorolóxicas pola súa importancia na formación da temperie. Non é algo que nós sintamos variar con grande sensibilidade, como pasa cando observamos a chuvia ou notamos pequenas variacións de temperatura, pero si somos capaces de avaliar diferenzas ó ascender ou descender unha montaña ó ir nun coche, pois 'estálannos os oídos'. Que non sexamos moi sensible a ela non significa moit, pois as súas variacións fan posibles os ventos ou a condensación de nubes para formar néboa, sendo un indicador funamental na meteoroloxía, razón pola que non é esquecida na difusión de datos meteorolóxicos.

    Como a presión da atmosfera varía coa altura, para poder facer comparacións de presión dun xeito homoxéneo emprégase a chamada presión reducida, que sería a equivlente a nivel do mar da presión que se esté a medir.

    Os datos obtidos pola Estación Meteorolóxica Automática de Pedro Murias ata entrado 2006 teñen grandes lagoas na medida da presión, o que fai convinte a representación gráfica de periodos menores, coa serie incompleta.

Gráfica 6a1.

A presión varía dun día a outro, e a representación gráfica da presión media dun día amosa un punteado curioso. En principio, a gráfica foi feita con tódolos datos diarios de presión da EMAPM, debuxando unha liña de tendencia que indica claramente a tendencia a aumentar, aínda que se nota a falta de datos de duración aproximada 3 anos, e aínda algunha pequena falta posterior.

Gráfica 6a2.

Suprimindo o amplo periodo de falta de datos, a gráfica segue tendo un aspecto semellante na súa tendencecia. 


 

Gráfica 6a3.

Collendo períodos anuais enteiros, a tendencia suavízase algo pola propia variación estacional da presión:

 Esa variación estacional maniféstase mellor se se usa unha escala temporal que teña comunidade o ano, 365 días. Na gráfica inferior, coa única variación das unidades de escala temporal, aprezamos que os máiximos de presión veñen a producirse cara ó cambio de ano e primeira época do novo ano.

Gráfica 6b1.

Nas gráficas anteriores, a pesar de ser clara a tendencia, atopamos moita ispersión de datos, o que fai que o parámetro que nos dá a 'bondade' da liá de tendencia, R2, teña un valor pequeno, indicando a pouca fiabilidade desa indicación. De aí o uso das dúas gráficas seguintes, que indican, por períodos de un ano ou acumulando dende o primeiro ano en diante, o valor medio da presión. En ambas, de xeito consecuente co xa dito, nótase un incremento da presión ó longo do tempo, sempre tendo en conta o pequeno aumento do que estamos a falar: en algo máis de 5000 días, 15 anos, o aumento observado non chega nin a 1 hPa, unha milésima da presión media. Mais iso non significa que o aumento, xunto cos outros datos meteorolóxicos observados, en aprticular, temperaturas e chuvias, non sexa preocupante.

Gráfica 6b2.



 

 

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.